jueves, 12 de febrero de 2015

Xogando co euro. Nantina Vgontzas


Tras só unhas semanas no poder, Syriza xa probou a intransixencia dos seus acredores, agora convertidos en negociadores. A semana pasada, o BCE dixo que rexeitaría os bonos soberanos gregos como colaterais, facendo que os bancos gregos dependan da Asistencia de Liquidez de Emerxencia (ALE).

É esta unha desagradable chantaxe. En teoría a ALE podería ser retirada en calquera momento, poñendo ao novo goberno de xeonllos. Pero tendo en conta os intereses xerais do xogo é difícil imaxinar que un escenario coma ese chegase a materializarse.

Sen dúbida, Syriza afronta as negociacións coa UE e o BCE dende unha posición de debilidade. Pero o dilema que enfrontan os círculos dominantes europeos non pode ser subestimado. Posto que nas próximas semanas e meses abundarán as promesas e as ameazas, será importante entender a finalidade do xogo das distintas forzas que agora están a xogar á galiña.

A UE e o BCE poderían concordar en cancelar a débeda grega, pero isto podería crear unha fenda para que outros países cuestionen os termos das súas propias débedas soberanas. Ou poderían xogar duro botando a Grecia da eurozona, o que ameazaría cun risco de efecto dominó diferente se outras economías tamén considerasen a opción da saída e o default. A situación, dende logo, é volátil de máis para poder predecir o resultado. Podemos agardar que a UE e o BCE sigan levando as negociacións até o estremo, causando todo tipo de estragos económicos e políticos. Pero en última instancia, a elite europea, e sobre todo a alemá, preferirían ter unha unión monetaria con algún tipo de reestruturación da débeda que ningunha unión en absoluto. Velaquí a potencia da panca grega.

Por que a elite alemá preferiría optar pola eurozona e non por buscar, simplemente, o xeito de colapsar a zona euro no seu beneficio? Por que preservar a unión monetaria se a esquerda é quen de moverse dentro das súas estruturas? Se xogan ben, Syriza e aliados emerxentes coma Podemos, poderían mudar algunhas políticas da eurozona, sobre todo no que ten que ver cos préstamos e investimento.

Pero hai un mecanismo clave –a compresión salarial- que non pode ser cambiado a menos que o capital alemán sexa desafiado no seu propio terreo pola esquerda en xeral e a través da militancia obreira en particular. As elites alemás asumen que existen poucas posibilidades de que isto ocorra antes de que a esquerda emerxente do sur europeo sexa forzada a capitular; e a mesma Die Linke foi bastante sobria a propósito de tales perspectivas.

O capital alemán leva presionando os salarios á baixa dende a formación da unión monetaria. Pero temos que ir un pouco máis lonxe para entender realmente o seu significado.

Alemaña foi un dos principais produtores industriais da posguerra, competindo sobre todo cos EEUU e Xapón. O exceso de capacidade industrial resultante desta competencia levou á crise de beneficios da década dos 70. Dende entón, cada conxunto importante de produtores tratou de recuperarse da crise de xeitos diversos.

Nos EEUU vimos como a manufactura deixou o lugar á dolarización, á cal está espacialmente suxeita a súa área de influencia. Alemaña e Xapón, pola súa banda, conservaron moita da súa capacidade industrial e as súas áreas de influencia respectivas foron cebadas como mercados para a exportación. A zona euro contribuíu a cimentar esta dinámica. A compresión de salarios utilizouse para manter a competitividade das exportacións alemás mentres que a demanda se mantivo a través de préstamos masivos á periferia.

En suma: ten que haber unha coordinación das políticas de axuste salarial para rachar radicalmente o ciclo dos desequilibrios comerciais. E esto podería ser o punto conflitivo para a estratexia de Syriza no longo prazo.

Cal é a finalidade do xogo para Syriza? Segundo a facción dominante do partido, a esquerda europea debería esforzarse en consolidar o poder executivo e transformar a UE nun proxecto político cooperativo e progresista. O ministro de Finanzas, Yanis Varoufakis, extendeu aínda máis esta lóxica co argumento de que a propia zona euro pode ser reformada en beneficio de todos os seus membros. Varoufakis articulou o que chama Modesta Proposta que consiste en gran parte na flexibilización cuantitativa e en restaurar os niveis de investimento en toda a zona euro.

A clave é que estas reformas serían lideradas por Alemaña, xa que é, despois de todo, o conrazón industrial de Europa. De feito, Varoufakis suxeriu que “Europa necesita unha Alemaña hexemónica” que pule para que o aforro se derive a actividades produtivas, tamén na periferia.

O que nos leva de novo ao noso funil. Mesmo aínda que se introducisen mecanismos de flexibilización cuantitativa e investimento, os salarios non se axustarían a menos que o capital alemán se vexa obrigado a facelo. E de novo, isto non sucederá a menos que haxa en Alemaña un goberno que represente os intereses populares. Entrementres, as economías periféricas manteranse en déficit comercial, incapaces de aumentar a súa produtividade a respecto do núcleo.

É unha especie de camisa de forza neoliberal na que os esforzos para a transición cara un modelo de crecemento alternativo veranse limitados en grande medida, se é que non serán imposibles. Así, malia que haxa que loitar por unha esquerda internacionalista, por unha Europa progresista, temos tamén que ser conscientes dos límites creados polas condicións políticas actuais.

Hai unha pregunta que adoita xurdir neste punto da conversa. Dado o panorama político, a crise humanitaria e a preocupación da xente por se o barco escacha demasiado duramente e demasiado rápido, canto podemos pedir á esquerda?

É unha pregunta lexítima. Hai unha lóxica en querer centrarse en reconstruír a esperanza para os gregos en lugar de propor unha ruptura radical, sobre todo cando a metade da poboación está a favor de permanecer na eurozona.

Moitos críticos de esquerda manteñen, porén, que Syriza perdeu unha oportunidade no período posterior as eleccións de xuño de 2012 para involucrar á xente nestas cuestións máis complexas. A pesar de que tivo que abordar primeiro a crise humanitaria con propostas concretas, argumentan, o partido podería ter levado o debate, tamén, cara unha direción máis radical.

Estou de acordo con esa crítica en grande medida. Pero despois dun período considerable de descenso da mobilización popular a realidade sobre o terreo é tal que a opción máis viable politicamente neste punto é atacar a austeridade garantizando, ao mesmo tempo, unha especie de estabilidade. Parte desta estratexia inclúe non saír da zona euro nun momento no que a esquerda levaría grande parte da culpa polo período inmediatamente posterior. Diferente sería se Syriza chega ao punto de ter que capitular ou ser expulsada. Poderiamos ver, logo, a súa estratexia coma unha especie de gradualismo necesario.

Supoñendo que Syriza non se desentenda das súas promesas e que non desbote totalmente aquilo polo que foi mandatada, existen dous resultados posibles. O primeiro é que Grecia sexa forzada a saír da zona euro. O segundo é que se manteña na unión e consiga unha redución da débeda, pero mantendo, en última instancia, a dinámica fundamental dos desequilibrios comerciais.

No primeiro escenario, Syriza necesariamente terá un plan B. Pero tamén no segundo escenario a lóxica suxire que precisaría un plan B. Se a esquerda non é quen de facer a economía máis produtiva, as posibles ganancias que produciría esta batalla poderían ser perdidas na próxima crise. A pequena esperanza que a xente xa abandonara, e que hoxe comeza a ser recuperada, será perdida para sempre.

Hai, por suposto, diversas forzas da esquerda avogando por esta posición. Dentro de Syriza a Plataforma de Esquerda trata de cohesionar unha oposición interna nunha serie de cuestións, incluída a adhesión ao euro.

Existe un considerable e crecente apoio á Plataforma de Esquerdas no comité central do partido, pasando do 30% no congreso fundacional a case o 40%. Un dos seus principais membros, Stathis Kouvelakis, estima que a Plataforma de Esquerda, cando se combina coa ala esquerda do bloque dominante, constitúe en realidade unha maioría no partido.

A Plataforma de esquerda tamén aumentou o seu peso relativo a nivel institucional, cun número de deputados que se incrementou de doce no parlamento anterior aos trinta actuais; aproximadamente o 20% da composición parlamentaria do partido. Ademais, outra das súas figuras, Panagiotis Lafazanis, foi nomeado ministro de reestruturación produtiva, medio ambiente e enerxía, e varios outros son hoxe viceministros.

Porén, hai algunhas limitacións para a oposición dentro de Syriza. A Plataforma de Esquerda até o momento demostrou ser incapaz de influír na liña do partido, tanto no período anterior como nestes primeiros días de goberno, sen que a maioría dos seus membros fixesen aínda declaracións públicas de oposición. Especialmente en torno a cuestións económicas, o economista e agora deputado de Syriza, Costas Lapavitsas, segue a ser un dos poucos críticos consistentes; aínda que tivese que adaptarse á liña do partido. E aínda que as súas críticas se intensifican, seguirán expresándose dende unha posición institucionalmente menos poderosa en relación aos incondicionais pro-euro coma Varoufakis.

Por riba, dada a estreita marxe que ten Syriza para negociar coa UE e o BCE, será moi difícil que estas desputas internas conecten cos debates a nivel das bases populares e moito menos que fomenten un debate público.

Así mesmo, existen oportunidades para a oposición de esquerda fóra de Syriza, pero esta tamén sofre unha serie de limitacións. É ben sabido que o Partido Comunista evitou calquera tipo de relación ou compromiso serio con Syriza, principalmente debido ao seu sectarismo. E mentres Antarsya ten unha impresionante presenza popular a pesar do seu pequeno tamaño, nos últimos anos está atrapada en desputas internas. Estas contradicións e outros desafíos impediron que a coalición popularizase o seu programa de saída da eurozona dun xeito convincente para audiencias masivas.

Porén, co rexurdimento esperado de mobilizacións neste período crítico, poderiamos ver a estas forzas de esquerda retomando algún papel no mantemento da presión sobre a cúpula de Syriza.

Aínda así, o debate sobre o euro seguirá paralizado a menos que a conversa deixe as polémicas ideolóxicas e se ocupe das preocupacións pragmáticas.

En primeiro lugar, temos que facer un balance do plan máis desenvolvido para saír da zona euro, que é o que ofrece Lapavitsas e outros. Segundo este plan, o país nacionalizaría os seus bancos, imporía o control de capitais e devaluaría a súa moeda dun xeito controlado para gañar competitividade nas exportacións. Lapavitsas explicou, tamén, como tratar problemas inmediatos como a liquidez e a dispoñibilidade de alimentos, mediciñas e combustible.

En segundo lugar, debemos facer fincapé en por que unha alternativa ao modelo de crecemento neoliberal non só é necesaria senón posible nesta coxuntura. Debemos, noutras palabras, abordar un desarrollismo de esquerdas para Grecia.

O estado grego está agora, máis ca nunca, en posición de poder disciplinar ao capital, ou de conminalo a investir máis en actividades produtivas. Isto é así porque hai un sector do capital grego que non é moi móbil.

O capital grego de hoxe non é como o dos armadores do período de posguerra que podían levar os seus barcos a outros lugares. Sen dúbida, a riqueza concéntrase nunha presada de oligarcas en grande medida parasitarias, pero eses oligarcas dedícanse ás aeroliñas, capital inmobiliario, estadios, plantas metalúrxicas… e mesmo poderían ver novas oportunidades de investimento en transporte, fármacos, enerxía solar e outros sectores, se se presenta unha adecuada política industrial.[1]

A política industrial está por primeira vez sobre o tapete, o estado grego está comprometido a atacar a corrupción da burguesía en lugar de facer concesións a esquerda e a dereita.

Debido a unha serie de razóns estruturais e continxencias políticas, os gobernos da posguerra gregos seguiron unha versión bastante bastarda da planificación en comparación con oturos países en vías de desenvolvemento. E aínda que esto era, polo menos na retórica, o proxecto do PASOK cando totmou o poder na década de 1980, ese obxectivo abandonouse a finais da década a favor da establización debido aos compromisos do partido coa clase capitalista. Syriza non ten tales compromisos. Pódese forxar a capacidade necesaria do Estado para disciplinar de xeito efectivo ao capital.

Por outra banda, a nivel global, o norte de Europa non é o único socio comercial. De feito, hai unha serie de poderes que estarían felices de posicionarse en contra da zona euro e que non teñen interese ou capacidade para subordinar a Grecia.

Están os gobernos Latinoamericanos, cuxas relacións estado-sociedade serviron de modelo para Syriza. Tamén existe a opción máis arriscada de Rusia, á que Syriza abriu a man. Se ben de momento é probable que Syriza estea utilizando a Rusia como moeda de cambio na negociación coa UE, esta relación podería ampliarse. Tería que contar con que, por suposto, esa relación con Rusia, o mesmo que a súa coalición cos Gregos Independentes, sería ideoloxicamente disonante. Pero este tipo de realpolitik non debería escandalizarnos.

Realpolitik? Alianzas co capital? Non é iso colaboración burguesa? É certo que esa foi en grande medida a experiencia histórica do desenvolvimentismo. Pero o que fai deste un desenvolvimentismo de esquerdas é que a través destas alianzas estratéxicas a esquerda tería as de gañar. Esta afirmación, por suposto, baséase no suposto de que Syriza seguirá cultivando e profundizando o apoio popular e a organización, o que, despois de todo, é unha das maiores apostas en calquera intento de goberno de esquerda.

Pero apostar polo poder popular é diferente a xogar con el. E unha aposta polo euro é, en última instancia, un xogo deste tipo.

Podería resumirse así: unha clase obreira moi fragmentada nunha economía pouco produtiva terá difícil organizarse contra o capital dun xeito sostido. Unha vez máis, os exemplos de Venezuela, Bolivia e Ecuador son relevantes. Dada a actual debilidade da economía grega –e dado o seu continuo estancamento se se mantén na zona euro- a esquerda debe pensar seriamente en como aumentar a produtividade para que poidamos comezar a a idear un xeito de socializala.

Nunha situación na que a poboación pode ser mobilizada pero na que continúa moi desorganizada, Syriza podería involucrar ás clases populares nestas cuestións de varias maneiras.

Unha delas sería construír a partir das súas contribucións anteriores á rede de asembleas barriais que xurdiron tras a ocupación de Syntagma. Esta vez, en lugar de articular unha política anti-austeridade, poderíase usar ese foros como lugar para discutir o que hai que discutir para unha transición sostible de saída do estancamento e cara o socialismo.

En tal contexto, a xente podería lidar con esas ideas, desafialas, se cadra adoptalas ou polo menos ser menos escéptica con elas. Que mellor cousa podería dar corpo á audaz demanda dos aganaktismenou, dos indignados, de unha democracia real e directa?

Só hai unha cousa pola que un goberno de esquerda pode e debe apostar: que a xente só vai considerar crible un programa se se lle dá espazo e tempo para ser debatido. O resto de apostas, como o mesmo Tsipras declarou, deben ser canceladas.



[1] É importante destacar que a motivación das elites gregas para entrar na zona euro era explotar os mercados da súa propia área rexional dos Balcáns. As compañías que realmente se beneficiaron disto, porén, limitáronse en grande medida ao sector financeiro. Especialmente dende o comezo da crise, outros sectores do capital grego deixaron de investir nos Balcáns. Estes sectores están regresando a Grecia polo menos no curto prazo e poden ser incentivados a permanecer no longo prazo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario