Non hai dúbida, un lipograma é un exercicio
literario acrobático, é dicir, depende da letra sacrificada. Precisamente a
habilidade que require o lipograma é escribir un texto sen a necesidade de
escribir unha letra. Ocupou a talentos como Georges Perec para facer fronte á
nai de todos os desafíos do lipograma en lingua francesa: escribir sen usar a
letra "e". O seu libro de trescentas páxinas La disparition [A
desparación] non contaba, naturalmente, cun só "e". (Para o lector
que queira comprobar a envergadura do seu logro que probe a escribir unha
simple frase sen unha letra). Fiel á tradición Oulipo, da que Perec formaba
parte, poderiamos xeralizar o exercicio e asumir o reto de compoñer unha frase
sen certas palabras ou grupo de palabras (un liposintagma?). Por exemplo, imos
pedir a Yves Calvi (presentadora, xornalista) que escriba unha frase sen a
palabra "reforma", ou a Laurent Joffrin (editor de Libération) que
escriba unha sen a palabra "moderno",
ou a Christophe Barbier (editor de L´Express) que escriba unha sen
"software" ("a esquerda ten que cambiar o seu software...),
darémonos conta, neste repaso polo índice do desexo sen fin da mediocracia de
que a Esquerda se volva Dereita; ao fin e ao cabo ninguén conmina á dereita a
"mudar o seu software". O gran silencio que se ha facer a seguir na
area pública daranos a medida do gran talento de Perec. A linguaxe "Alter-europea" tamén se
enfronta aos seus propios retos liposintagmáticos. Probemos a prohibirlles usar
"retirada ao reducto nacional" e rápido pararán as súas rodas.
O repregue nacional: un imposible test
liposintagmático para o Alter-europeísmo
Despois de conducirnos a través das
referencias regramentarias ao noso "moi escuro pasado", Julien Bayou
dos Verdes franceses advírtenos contra "refuxiármonos no cadro nacional,
mesmo na esquerda". O seu título "Democratizar Europa para a victoriada esperanza" non fai máis que lembrarnos a Robert Hue (antigo líder do
Partido Comunista) e o seu "A quenda de Europa" (ou a calquera
proxeción interna en Power Point ou evento comunicativo). Advírtenos de que
"a dinámica de repregarse en axendas puramente nacionais" podería
"conducir á desconfianza entre europeos". Nunha liña moi similar, a
vicepresidenta de Die Linke, Katja Kipping, declarou a súa "total oposicióná idea dun retorno aos estados nacionais". Isto sería un "paso
atrás"; é dicir, unha retirada (nacional). De paso, poderiamos preguntar
por como andan as relacións entre a vicepresidenta e o presidente Oskar
Lafontaine, quen fixo chamamentos fortes a un retorno ao Sistema Monetario
Europeo (SME) e, como consecuencia , segundo Kipping, a apuntar na direción
equivocada. Menos sorprendente, neste sentido, son os comentarios de Yanis
Varoufakis, quen repetiu moitas veces a súa hostilidade a calquera tipo de plan
de saída do euro, rexeitando o que se fai pasar polo "terrile dilemaentre, por unha parte, que o noso sistema actual colapse na súa totalidade e,por outra parte, a forza do retorno á ideoloxía do estado-nación, como desexanos nacionalistas".
O máis rechamante destes extractos case
perfectamente intercambiables non é tanto o feito de que encaixen no
estereotipo, como a forte inercia dos seus automatismos e a súa radical
impermeabilidade a calquera cousa que poida ser dita no debate sobre o euro -e
que polo menos podería facer que se sentisen apelados a opoñerse ás obexccións
que se lles fai. Pero parece que non vai haber nada diso -polo menos no núcleo
duro de "a outra Europa" que agora se atopa no movmento de Varoufakis
DiEM (Movemento Democracia en Europa, posto en marcha por Varoufakis en Berlín
en febreiro).
Dito isto, non están rotas todas as pontes coa
realidade externa do debate, e deberiamos recoñecer honestamente que tras o
verán grego moitos dos que se mantiñan firmes na liña altereuropeísta cambiaron
considerablemente. Non é que o debate rematase, ou que se producise unha
converxencia total nos puntos de vista, pero polo menos pódese dicir que non
desapareceron todos os requisitos mínimos para o debate. Porén, non se pode
dicir o mesmo de DiEM, cuxa repetición automática das palabras "retirarse ao
reducto nacional" fainos semellar, ás veces, coma un pato sen cabeza
tentando correr en liña recta.
Algúns de nós tentamos dicir algo sobre isto.
Por exemplo, remarcando a ineptitude absoluta do argumento "estado de
sitio", que debuxa unha igualdade total entre a saír do euro e quedar fóra
do resto do mundo. Están acaso fóra do mundo os 180 países coas súas propias
moedas? Estaba a economía francesa antes de 2002 fóra do mundo? E a economía
británica, hoxe fóra da eurozona e, se cadra, pronto fóra da UE? Está fóra do
mundo?
Estamos aínda máis abraiados coa negativa,
propia de mentes estreitas, a escoitar nada sobre as diferentes propostas para
reconfigurar o internacionalismo, que están feitas precisamente para mostrar
que hai moitas formas de abandonar o euro, incluído aquelas perfectamente
conscientes do perigo da regresión nacionalista e que, sen dúbida, teñen tamén
a meta de combatelo. Abofé que hai que ser un idiota -e pedimos desculpas por chegar
a este tipo de hipóteses, pero apenas podemos contemplar outras- para continuar
repetindo teimudamente as palabras "repregue nacional" cando
explicamos que é dunha necesidade urxente desenvolver nexos de unión entre as
forzas de esquerda europeas, pero sen agardar por unha (imposible)
sincronización dos contextos nacionais, de modo que poidamos poñer a proba as
forzas e as saídas. Seguramente hai que ser idiota para seguir laiándose do
perigo nacionalista cada vez que sinalamos que a maior parte dos logros
europeos (Airbus, Ariane, CERN) se fixeron perfectamente sen o euro, e que se a
integración monetaria impón tantas dificultades nada prohibe concebir outras
formas de integración europea a través doutros tipos de intercambio: o
intercambio entre investigadores, artistas, estudante e turistas, mostrando uns
aos outros as nosas literaturas e historias nacionais, producindo unha historia
europea impulsando proxectos de tradución masivos etc. Nada prohibe tal
concepción, excepto, por suposto, a obsesión economicista que mide a
proximidade entre os pobos só en termos da circulación de capitais e
mercadorías. Pero por que repetir todo isto? No último reducto da "outra
Eurozona", DiEM, non se escoita nada nin se responde a nada, só se corre
en liña recta, coma o pato.
Europa Democrática ou Europa Antiausteridade?
Sen dúbida hai múltiples reservas ante
calquera Plan B -significando, isto, un plan posto nun papel cuxo ánimo real
por tras del aínda é incerto, pero cuxas intencións e crenzas
internacionalistas dificilmente se poden poñer en dúbida. Pero pouco importa.
Para este plan, como para todos os demais, existe unha mesma pexa: o
"refuxio nacional". Porén, deberiamos preocuparnos se o
internacionalismo-contra-o-retiro-nacional conduce a un falso comezo se o único
criterio no que se basea é o dunha Eurozona autenticamente democratizada. Por
unha serie de razóns, que xa elaboramos sobradamente noutro lugar (ver, entre
outros, "Os puntos cegos dos que pensanque "outra zona euro é posible" ou a intervención no encontrointernacional do Plan B) non haberá Eurozona democrática, non desde logo no seu
perímetro actual. Xa que a democratización do euro é un proxecto abocado á
derrota, canto máis haxa unha posibilidade de que teña éxito, máis
probabilidades haberá de partir a Eurozona. E, polo tanto, canto máis exiba
unha dinámica exitosa, máis probablemente acabará... nun fracaso.
Quereriamos tamén -coma un argumento a
fortiori- formular dúas preguntas sinxelas a Yanis Varoufakis:
1) Non foi el unha das persoas que viu
inmediatamente que a independencia do Banco Central Europeo supuña unha
anomalía demcorática xa en 1992, cando a sinatura do Tratado de Maastricht
(unha anomalía que non será resolta simplemente publicando as minutas do BCE ou
ofrecendo algún outro truco de "trasnsparencia")?
2) Afirma realmente, sen pestanexar, que os
alemáns estarán dispostos a aceptar a independencia do BCE no curto prazo?
Entón, xorde a pregunta subsecuente de por que milagre -nestas condicións-
podería a zona euro de 19 estados volverse totalmente democrática?
Pero Varoufakis acostumouse tanto a moverse
nunha rede de contradicións que comezamos a preguntarnos polo verdadeiro
propósito do seu movemento DiEM. O que hai, de feito, son dúas "outra
Europa é posible" que adoito coliden unha coa outra ou que se fan pasar
unha pola outra: a Europa anti-austeridade e a Europa democrática. Se cadra,
unha forza política europea podería constituírse para conseguir, caso a caso,
algunha acomodación ou renegociación da débeda (por exemplo para Grecia) e
despois facer moito ruído sobre como isto demostraría que Europa pode escapar
da inevitabilidade da austeridade. E certamente estariamos mellor así do que
estamos agora. Pero temos que saber que é o que queremos, e saber que unha
Europa democrática non consiste nun pouco menos de débeda e que algunha
concesión no déficit primario (pero non o fagades outra vez!) non reempraza o
dereito a deliberar sobre todas as cousas -a definición máis robusta de
democracia (e, de paso, de soberanía).
Nestas condicións, debemos dicir sen
equivocación que calquera ambición por unha "Europa Democrática" que
quede curta neste aspecto -p de deliberar sobre todo- é, por natureza, unha
farsa. A xente adoito invoca a lóxica do acordo, como por exemplo aceptando o
banco central independente, co fin de manter a Alemaña do noso lado
-"porque non se pode ter todo"- ou a aceptación dun Tratado
"relaxado" de Estabilidade, ou calquera outra cousa -non é este o
destino real ao que quere chegar DiEM? É este o tipo de intercambio predecible
que reduce de xeito drástico o prezo dos principios, no que habitualmente se enrola
a xente usando palabras belas, antes de ceder en todo no fragor da loita. Pero
o principio democrático non se pode moderar. Ou todo o que ten que ver co
destino colectivo do corpo político, incluídos todos os aspectos do orzamento e
da política monetaria se pon en discusión, ou non temos democracia. Pero non é
posible enxergar un grupo de países que estean de acordo nesta cuestión de
principio, e que entendan formalemtne a súa soberanía colectiva do mesmo xeito
que as súas soberanías individuais, é dicir, sen límites? Despois de todo, é
posible. Pero o certo é que isto non significa que estes países sexan os 19 da
eurozona actual, e particularmente Alemaña. E, aínda máis, non significa que o
euro actual habería sobrevir a unha reconfiguración como esa -especialmente sen
Alemaña.
A estratexia da desobediencia como proba
experimental
A sección do alter-europeísmo que mantivo a
súa cabeza pegada ao pescozo -e que aínda a ten- parece consciente de que hai
moitas probabilidades de que un test de forza, por exemplo, na forma da
desobediencia aberta que propugna (en lugar de avogar secamente pola saída
unilateral do euro) terminará en ruptura. Polo menos, agora acepta a posibilidade
de ruptura -e este é un progreso considerable. Ten a condición previa de
provocar a ebullición e ver que ocorre, en lugar de simplemente perchar de
golpe a porta de inmediato -e podemos concederllo. Pola miña parte, nunca o
descartei. Pero dado o estado do debate neste momento, era necesario obter
audiencia mesmo para a propia posibilidade do exit. Aceptouse a idea dunha
estratexia da tensión. E, máis importante, xa podemos dicir como terminará a
historia. Romperá. Romperá porque Alemaña non quere o euro democrático e non o
vai querer en tempos próximos. É máis, desde o punto de vista alemán non hai
déficit democrático na constitución da moeda que leva a súa impronta. Non teñen
todas as sociedades os seus principios -as cousas que consideran fóra de
discusión- por riba de todas as cousas abertas á discusión? Alemaña os ten: e
os seus máis altos principios son monetarios. É así, e ninguén pode acusalos
por iso. Se ten que facerse algún reproche ten que ser feito a aqueles que
sempre rexeitaron esta análise, os que pensan que as relacións obxectivas de
compatibilidade, ou de incompatiblidade, poderían resolverse simplemente por
querer que así sexa. Os que nunca mediron ben os riscos existentes en ir máis
alá do posible ao manter xuntas todas estas heteroxéneas complexidades. En
particular, cando xa houbo moito desacordo na evaluación da organización
democrática ou antidemocrática da moéda única: mentres que para uns é
terriblemente problemático, para outros non o é en absoluto. Entón, é así como
vai o DiEM tratar de "democratizar o euro": rexeitando cegamente todo
pensamento e substituíndoo por entusiasmo e voluntarismo?
Pero coñecermos o final da historia non nos
libra dunha sorte de deber de pasar por todas as súas etapas. Significa,
simplemente, que evitaremos ser collidos por sorpresa no momento (anticipado)
en que as cousas comecen a poñerse feas. Neste sentido, podería propoñer unha
especie de xogo de azar, aínda que sexa clarividente, sen grande esperanza.
Algo que depende dun milagre: se existe a posibilidade, aínda que sexa
extremadamente pequena, de que Alemaña se aveña a unha conversión sen
precedentes tras chegar ao punto no que teña que escoller entre Europa e ela
mesma, entón teremos que usar esa oportunidade. Gustaríanos facelo co fin de estarmos
seguros da realidade da nosa posición, e non deixala á conxectura -e podemos
coincidir neste tipo de experimento, para ter a conciencia tranquila, malia
estarmos tan seguros de que esa tentiva colapsará rapidamente.
Este "deber" tamén inclúe a lóxica
máis política de dirimir publicamente en que recae a responsabilidade. Posto
que a cuestión da democracia rexe para todos e todo o mundo debería responder:
se a democracia é a prerrogativa da soberanía a discutir e decidilo todo, como
pode a Eurozona xustificar a anormalidade de facerse con cuestión tan
importantes como a política orzamental, o status do banco central, a natureza
das súas misións, a direción da súa política monetaria etc, fóra do control
democrático? Entón poderiamos ver quen nos respondería. É dicir, poderíamos ver
quen é realmente un demócrata e quen non o é. Ese sería o verdadeiro momento
onde aqueles sen límites mentais sobre o perímetro da democracia verían como
completamente lexítimo non querer pertencer ao mesmo club que aqueles que teñen
ditos límites. E de feito é o resultado que podemos agardar, porque habería
oposición intransixente a descontitucionalizar as cuestións de política
económica. Así que os verdadeiros demócratas -de novo atribuídos co dereito
pleno a vivir baixo unha contitución democrática na súa totalidade, e moito
despois de seren advertidos dese resultado- poderían sinalar aos demócratas
falsos, rachar con eles, e tomar o seu destino de novo nas súas mans. O euro
estaría morto, pero gustaríanos saber de quen foi a culpa.
Porén, DiEM non quere ver nada disto. E polo
tanto fracasará. Fracasará por agardar milagres que non poden reemprazar a
análise das complexidades e tendencias reais -que neste caso consisten nunha
análise de por que o milagre é imposible. DiEM fracasará, e faranos perder dez
anos, o prazo que se deu a si mesma para reelaborar os tratados
"democraticamente". Diem perdidi (outro día perdido)? Se só fora iso!
Será decennium perdidi. E como sempre sucede con estas cousas o tempo perdido
pérdese a custa da poboación. De feito, é desesperanzador ver que un exministro
de finanzas grego pode abrazar tan alegremente perspectivas grandiosas para a historia a longo prazo, cando o seu
propio pobo, levado ata o extremo, e cuxa exasperación ten que coñecer- non pode
aguantar moito máis.
Pero supoñendo que, entrementres, esta pequena
neglixencia non abriu camiño a unha alternativa monstruosa, DiEM non só
fracasou. Aparte da súa promesa insostible, produciríase algo: o seu propio
movemento. Certamente, o movemento fracasará -en calquera caso, esa é a nosa
conxectura. Pero despois da súa derrota, o movemento en si manterase. Un
movemento europeo. Pero o que pense que mesmo con esa pouca consistencia, que o
internacionalismo real consiste na vinculación o máis cercana posible entre os
pobos europeos -alén dos vínculos económicos, monetarios e financeiros- non
pode máis que celebrar con alegría a idea dun movemento político transversal
europeo. Non importa cal sexa o seu destino, é en si mesmo unha cousa boa. Así,
DiEM fracasará, pero non só para nada.
Posdata: o desexo colectivo de bifurcación
Deixando a un lado as ilusións de DiEM,
podería ser que a paisaxe da cuestión do euro na esquerda estea agora
clarificada. Pero, que sucede coas poboacións? Cando todo o demais escapa, a
mediocracia aínda ten o camiño das enquisas enganosas. Adoptouse esta solución
durante o verán grego de 2015 -"a poboación non quere X" e as
enquisas demostrárono. Porén, as enquisas demostraron pouco máis que a súa
ineptitude, facendo unha pregunta a persoas que non teñen os medios mínimos
para reflectir sobre ela, sexa individual ou colectivamente. Máis en
particular, que nin tiveran o tempo para facelo. Como sabemos, en xaneiro de
2005, as enquisas dixeron que a Constitución europea pasaría facilmente -e por
desgraza para eles, cinco meses máis tarde, despois dun debate real... E se
unha enquisa non ten sentido antes (e non despois) de que un colectivo debata,
temos que dicir que en Grecia nunca houbo un debate sobre a saída do euro. En primeiro
lugar, porque Tispras non o quería, a calquera custe, e despois porque a
minoría da Plataforma de Esquerdas, que estaba disposta a telo, viuse obrigada
á solidariedade co goberno, e polo tanto ao silencio, ata o 13 de xullo de
2015. E cando ninguén propón ao país que debe tener lugar un auténtico debate,
o que queda é... o ruído de fondo das enquisas. Sen lugar a dúbidas, nun país
como Francia, onde a situación é infinitamente menos crítica que en Grecia, as
chamadas a comezar o debate son aínda máis débiles. Malia que os efectos das
restriccións europeas son moi reais, non tomaron o caracter tremendamente
espectacular que tomaron en Grecia ou en Portugal, e nesas condicións a
cuestión do euro permanece como unha abstracción, con pouco poder para enganchar.
Pero será un traballo político reenganchar, é dicir, construír sobre estes
problemas, o que neste caso implica poñer sobre aviso á xente as distantes e
porén moi activas abstraccións da moeda europea.
En realidade, como ben sabemos, o principal
obstáculo para unha proposta política para a saída do euro é de natureza
diferente: o medo. E máis precisamente, o medo ao descoñecido. Esta é a
asimetría que sempre serviu para manter o estado actual de cousas, coa xente
preferindo un desastre coñecido que unha esperanza descoñecida, e unha
servitude á que están acostumados que unha liberación arriscada. A
"catástrofe", velaí o destino prometido sistematicamente aos que se
atrevan.
En DiEm hai tanta tendencia a invocar a
apocalipse como en calquera outro lugar. "O cataclismo que suporía a saída
do euro", como profetizaba o economista Julien Bayou. No primeiro ano da
crise, os gregos foron alertados do "desastre" que lles agardaba se
algunha vez tiñan a idea na cabeza de saíren. Pero como podemos chamar á
situación á que foron abocados polas regras europeas, se non como.... un
desastre? Un descenso do 25% do PIB, o 25% de paro, o 50% nos menores de 25
anos, unha situación da saúde en forte empeoramento, pobreza, suicidios etc.
Non é isto, acaso, o modelo mesmo do desastre?
A gran forza da orde establecida é que permite
aos desastres levárense a cabo dentro das regras e seguindo as convencións. Na
realidade, mesmo o peor dos desastres nunca será definido coma "un
desastre", xa que este termo está reservado para calquera experiencia
alternativa e á primeira dificultade que esta encare. A orde establecida pode
ter fracasado durante décadas, pero aínda así, calquera política que a rompa
ten que trunfar ao principio, ou será xulgada como un "desastre". E,
por suposto, isto sucede baixo a mirada distorsionante dos media, os
certificadores asimétricos de "desastres".
Ben, si, todas as tentativas de transformación
política en xeral, e o proxecto da saída do euro en particular, teñen que lidar
coas suas consecuencias e, antes que nada, co medo; coa preferencia polo
desastre coñecido. O corpo político ten que ser levado a un punto de crise
intolerable antes de que abandone os seus vellos hábitos e tome camiños non
coñecidos. Este punto de crise intolerable é o punto no que mesmo a asimetría
se anula; o punto no que o coñecido é tan odiado que mesmo se prefire o
decoñecido. Ninguén sabe onde se atopa ese punto; sen dúbida está moi distante,
vendo que o pobo grego aínda non chegou a ese punto. Porén, non só os factores
externos están reducindo a distancia entre nós e ese punto. O traballo político
tamén ten o efecto de mover ese punto, facendo á xente ver a anormalidade do
que a ideoloxía dominante toma por normalidade, o carácter desastroso do que se
ten por habitual, e a continxencia do que se ten por natural. E, sobre todo, a
posibilidade do que se ten por imposible.
Ademais, a mentira da
"imposibilidade" nunca está tan finamente exposta como cando a orde
establecida se sitúa nunha posición que, de súpeto, revoca as súas propias
crenzas sobre o factible e o non factible para salvarse a si mesma do colapso.
Así, no outono de 2008 vimos un sennúmero de medidas adoptadas que só uns
poucos meses antes serían declaradas delirantes; medidas especiais para os
bancos centrais, as masivas nacionalizacións rápidas, a amnesia repentina sobre
a lexislación europea a respecto das axudas estatais etc. Pero se todo pode ser
ollado de novo cando o sistema ten que salvarse a si mesmo, por que non pode
selo cando o que necesitamos é dicirlle adeus?