sábado, 2 de mayo de 2015

Facer causa común con Grecia. Cédric Durand, Stathis Kouvélakis, Razmig Keucheyan


A chegada ao poder de Syriza en Grecia, a finais de xaneiro, refutou, finalmente, o argumento de que é posible implementar unha alternativa ao neoliberalismo no marco da Unión Europea. Os tratados da UE son neoliberais no seu propio ADN. Desde a Acta Única Europea de 1986, e mesmo desde antes desa data, tivemos probas constantes do ADN neoliberal da UE e, mesmo, do seu endurecemento. Ata agora, a hexemonía ilimitada do neoliberalismo podería atribuirse a este ou aquel goberno: deste punto de vista, a razón pola que as políticas neoliberais imperaron en toda Europa debíase a que François Hollande, ou Matteo Renzi, ou calquera outro socioliberal, traizoara os seus compromisos de campaña reorientando as políticas europeas.



Pero con Syriza, este argumento colapsou. Despois de todo, Alexis Tsipras e Yanis Varoufakis traballaron con bastante convencemento para tentar traer unha mudanza a escala continental; pero en van. Desde o 4 de febreiro, o Banco Central Europeo cortou a principal fonte de financiamento do sistema bancario grego, mentres que os pagos da propia Europa se romperan xa no verán de 2014. O nó está a apretar, empurrando o país a unha quebra desordeada e ao caos, a menos que, por suposto, acepte os termos humillantes impostos pola UE.



Conclusión? Que a alternativa ao neoliberalismo debe proceder pola vía da ruptura do marco europeo e, polo tanto (podía ser doutro xeito?) de que Grecia abandone a Eurozona. Calquera media básica de autodefensa que leve a cabo o goberno Syriza fronte a tanta agresión por parte da UE e do BCE, sexa o impago da débeda ou a nacionalización do sector público, vaina colocar fóra do euro. E, por suposto, unha ruptura non sería panacea ningunha. Non hai boas solucións para Grecia, só hai solucións menos malas. Pero a ruptura coa UE contén a posibilidade dun renacemento deste heroico pobo, que nos últimos anos foi sometido á tortura dunha austeridades sen precedentes.


Esta serie de feitos poñen algo máis en evidencia: a debilidade do apoio a Syriza noutras partes do continente e, en primeiro lugar, noutros gobernos do sur de Europa. Poderiamos lembrar que a primeira viaxe de Tsipras ao extranxeiro, a principios de febreiro, foi a París; pero François Hollande non fixo nada para acudir na súa axuda. Pagará a pena lembrar isto cando chegue o momento de avaliar o desastroso paso do presidente francés polo goberno, nas próximas eleccións, cando o Partido Socialista insista na necesidade da “unidade da esquerda”.


O máis tráxico é que Tsipras non só non obtivo o apoio do gobernó francés, senón que tampouco o tivo dos movementos sociais e sindicais do país. A maior manifestación de Francia en apoio de Grecia, que tivo lugar a mediados de febreiro, reuníu a máis de cinco mil persoas; as centrais sindicais estiveron case austentes. Isto é realmente vergoñento. Esta falta de apoio a Syriza demostra o debilitamento da consciencia internacionalista no continente e, en particular, no movemento obreiro francés. O internacionalismo non é unha cuestión de apoio á “causa doutra persoa” por altruismo ou deber moral, senón de entender que os intereses das clases populares de Francia e Grecia están ligados; entre outras cousas porque teñen inimigos comúns. Pode alguén realmente pensar que a aplicación dunha alternativa á austeridade en Grecia non terá repercursións para Francia, cando isto pode tamén significar cambiar o equilibrio de forzas políticas e sociais?

Estas políticas ofrecerían ao movemento sindical francés unha poderosa panca para saíren do seu letargo actual e da súa incapacidade para organizar a resistencia ás políticas do goberno de Manuel Valls. As clases dominantes europeas teñen unha visión clara disto, algo que o movemento obreiro semella non ter. Os esforzos daquela, do BCE para abaixo, están dirixidos a un único obxectivo: humillar ao goberno de Syriza e obrigalo a renegar do seu mandato popular. Trátase de non deixar ningún oco electoral que rache co monopolio do extremo centro. O que tratan de salvar é nada menos que a doutrina de Margaret Thatcher de que “non hai alternativa”.


Os prazos de pagamento da débeda de Grecia chegarán á súa fin o próximo mes e a perspectiva do país de saír da zona euro, dunha maneira máis ou menos desordeada, formularase dun xeito cada vez máis claro. O movemento sindical francés figura entre os principais actores, no ámbito europeo, do drama que seguirá a partir disto, tanto como o goberno alemán, o BCE ou os “homes de negro” do FMI. As mobilizacións que poderían poñer en marcha en solidariedade co pobo grego poderían mudar o panorama estratéxico mesmo na propia Francia.


En tal escenario, entón, a hostilidade das clases populares co sistema actual podería conducir a algún resultado que non sexa o de dar máis votos á Fronte Nacional. Converteríase en internacionalista de novo, é dicir, capaz de identificar a resistencia doutro pobo como unha causa que é tamén totalmente propia.

Fonte: http://www.versobooks.com/blogs/1969-durand-kouvelakis-and-keucheyan-make-common-cause-with-greece