sábado, 7 de febrero de 2015

Entrevista a Fabien Escalona



Fabien Escalona ensina en Sciences Po Grenoble e é colaborador científico en CEVIPOL (ULB). Escribe regularmente en Slate.fr. Aceptou responder ás preguntas de L´arèna (blog de Coralie Delaume) a propósito da recente vitoria de SYRIZA e dos primeiros pasos do novo goberno grego.
 
Explicou vostede en varios artigos que Syriza (e o seu partido irmán español Podemos) eran herdeiros do “eurocomunismo dos anos 70”, que definiu como a tentativa de atopar un camiño intermedio entre a extrema esquerda e a socialdemocracia. O contexto mudou dende 1970. Onde reside a continuidade? Esta herdanza permite clasificar a Syriza (e Podemos) realmente na familia da esquerda radical?


O eurocomunismo dos anos 70 non permite comprender totalmente a Syriza. Un dos seus partidos fundadores, porén, é o resultado desa tendencia, da que un intelectual grego, Nicos Poulantzas, foi un teórico notable. Máis en xeral, e isto é certo non só para Syriza senón tamén para outros partidos, o eurocomunismo deixou un legado á esquerda radical contemporánea. Este legado é valioso e problemático.

Por unha banda permite á esquerda saír de varias calellas sen saída. A primeira, a da marxinalidade estratéxica, sexa na súa versión “quietismo de estrema esquerda” (esperar ás masas para darlle unha dirección revolucionaria cando chegue o día, ou na do “quietismo antiglobalización” (o famoso slogan “mudar o mundo sen tomar o poder” acuñado por John Holloway). A segunda, a calella sen saída da marxinalidade sociolóxica, cun discurso enfocado exclusivamente ás loitas económicas do movemento operario, mentres que varias ondas de demandas democráticas esixen ter en conta a diversidade de mecanismos de dominación.

Por outra banda, ese legado é problemático na medida en que o eurocomunismo fallou. Os seus defensores máis timoratos deixáronse absorver polas estruturas políticas e estatais convencionais, mentres que os seus promotores con ambicións revolucionarias non foron capaces de definir unha estratexia clara. En certo modo, este fracaso tamén afectou ao CERES de Jean-Pierre Chevénement…


En efecto. Vostede escolle a fórmula de Chevènement que quería construír unha alternativa ao “ruído de sabres” do socialismo de tipo soviético e ao “arrastrar as pantuflas” da socialdemocracia.


Así é. El evocaba dun xeito atractivo as dúas tradicións (socialdemócrata e comunista) que entendía que desaparecerían. Na época, explicou que o socialismo non pode ser construído por unha vangarda da clase obreira autoproclamada, nin por “pequena burguesía iluminada”. Pensaba que o partido debía coordenar as accións de intelectuais, sindicalistas, traballadores culturais… conquistar o poder do Estado e garantir o diálogo entre o movemento de enriba (nas institucións) e do movemento de embaixo (as mobilizacións populares).


E agora sabemos que non funcionou, por que motivos?


Son diversos. En primeiro lugar, o movemento obreiro foi derrotado, o colapso da Unión Soviética e a integración europea acrecentaron a dificultade de calquera tentativa de transformación social. Entón, do mesmo xeito que hoxe o CERES retrocedeu a posicións de defensa da República, as demandas dos partidos da esquerda radical están en retirada: non se trata tanto de construír unha sociedade socialista coma de evitar a devastación do estado de benestar a causa da devaluación interna imposta a algúns membros da zona euro.

Porén, isto non significa un retorno da vella socialdemocracia. Syriza, e os partidos de esquerda radical que se reconstrúen en Europa (nomeadamente o Partido da Esquerda Europea) expresan o desexo de modernidade e unha “globalización” alternativa na que os principios de democracia e igualdade prevalezan sobre os de concorrencia, discriminación ou mesmo de meritocracia.

A realidade, obviamente, é algo moito máis confusa; pero entendo que, basicamente, a esquerda radical é unha familia política que xorde a partir dun impulso antielitistia, que avoga por unha reapropiación da vía política, económica e ecolóxica polo pobo soberano.


Repropiación da vida política polo pobo soberano… Realmente pensa que pode haber unha especie de viraxe “soberanista” desas formacións da esquerda radical, ante a presión das realidades europeas? O novo ministro de finanzas grego, por exemplo, parece ser un pro-europeo de corazón. Porén, a decisión moi rápida de Tsipras de formar un goberno co Partido dos Gregos Independentes semella enviar unha mensaxe de firmeza a Europa…


Se “soberanismo” é a defensa da soberanía popular, este xa é compartido por moitas formacións da esquerda radical. Se é reducida á defensa da soberanía nacional, non ten, en efecto, a mesma adhesión.

Resumindo, a lóxica da integración europea e dos seus órganos independentes non é desafiada, por primeira vez, por ser supranacional, senón, principalmente, porque é supra-eleitoral. O que incomoda á esquerda radical na arquitectura da UE e da eurozona é especialmente o contido de clase que reflicte e como a protexe dos sobresaltos da vontade popular.

A cuestión é, naturalmente, se este contido de clase pode ser subvertido a nivel europeo, e se a lóxica supranacional da UE pode ser democratizada dende dentro. É unha cuestión estratéxica que actualmente é obxecto dun intenso debate nas filas da esquerda radical. Neste contexto, os que cren que a nación e a soberanía están non só historicamente, senón intrinsecamente ligados, parecen unha minoría (no caso grego existe unha corrente nacionalista en Syriza, pero é só un dos seus compoñentes). Porén, os defensores desta posición poden atopar aliados entre os que pensan que un “desvío á nación” converteuse en esencial para sentar as bases dunha nova construción política supranacional.

Syriza experimenta en tempo real e no poder os termos do debate. As escollas de Tsipras para min non semellan contraditorias. Por unha banda, Yanis Varoufakis explica aos seus colegas europeos que o seu interese é manter a Grecia na zona euro mediante a redución da carga da austeridade da débeda. Por outro, a elección (forzada) de Gregos Independentes como aliados, mostra que Syriza vai en serio no seu desexo de poñer fin á austeridade e á débeda, xa que o punto en común das dúas forzas é seren antimemorandum e antitroika. Nos dous casos, é a lóxica “austeritaria” a prioritaria sobre a supranacional. Dito isto, se a zona euro continúa producindo diverxencias entre as variedades do capitalismo europeo e se as elites europeas seguen a ser inflexibles cara os Estados “periféricos” o conflito seguirá tomando a forma de conflito nacional.


Se comprendo ben, a esquerda radical aprende sobre a marcha, polo menos na cuestión europea. Imaxino que é difícil saber como vai resolverse a batalla entre Grecia/Alemaña/BCE. Na súa opinión, pode o goberno grego manterse firme na súa determinación de rexeitar o memorándum e a troika?


Polo de agora, cada xogador trata de probar ao outro que vai gañar o enfrontamento, sen que se saiba quen cederá primeiro. A esquerda  de Syriza cre que a dirección do partido non está o suficientemente preparada para asumir unha posible saída do euro se Alemaña e o BCE se mostran inflexibles. Porén, semella que existe un consenso dentro do partido no feito de que o memorándum debe ser, polo menos, parcialmente desmantelado e a débeda, polo menos, parcialmente reestruturada. Se non se obtén polo menos isto, o custo político para Syriza e a esquerda radical será terrible. O máis razoable para os seus acredores será aceptar unha reestruturación da débeda sen cancelación para proporcionar algúns meses para negociar sobre a natureza das famosas “reformas estruturais”. Do contrario, corren o risco de perder a un membro da zona euro, o que representaría un verdadeiro salto cara o descoñecido, non só para Grecia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario