jueves, 19 de febrero de 2015

Está Syriza de retirada? Stathis Kouvelakis


Por usar un termo gastado, “os tempos son críticos”. De feito, son máis ca iso: estamos ao borde dunha secuencia temporal crucial. Todo o esforzo do goberno de Syriza será xulgado pola reacción ante unha chantaxe e ultimatums sen precedentes recibidos por parte dous seus traxicamente chamados “socios” europeos.
E as novas que chegan da liña do fronte non son agradables. É moi difícil ter unha visión clara do actual estado das negociacións –“negociacións” que son un oxímoro dada a grande asimetría na relación de forzas e o feito de que unha das partes (o BCE) ten unha arma apuntando á cabeza.

O que está claro, porén, é que o goberno grego deu marcha atrás en aspectos cruciais, especialmente no que ten que ver cos seus compromisos coa xente que o levou ás institucións.

Antes de examinar a fondo a substancia da solicitude de extensión do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira presentada o mércores polo goberno grego a Bruxelas, botemos unha ollada máis de preto ao “documento Moscovici” filtrado polo goberno grego durante a reunión do Eurogrupo do pasado luns, que ademais declarou estar disposto a asinar.

Este documento descarta calquera “acción unilateral”, establece un superávit primario dun volume non definido como obxectivo orzamental e recoñece a totalidade da débeda. Todos os futuros axustes que se fagan a respecto da reestruturación da débeda terán que ser levados a cabo de acordo coas decisións de 2012 do Eurogrupo.

En esencia, a aplicación das medidas fundamentais do programa electoral de Salónica de Syriza están suxeitas á aprobación previa dos prestamistas, o que conleva a posible anulación do programa. Ademais recoñece os termos odiosos dos acordos de préstamo, polo que debilita aínda máis a posición grega na materia. É obvio que ao aceptar tal marco coma un suposto “compromiso de honor” o goberno de Syriza terá as mans atadas.

A solicitude de prórroga do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira inclúe todos os puntos mencionados e a isto engádese, por primeira vez, o recoñecemento da “supervisión pola [Unión Europea] e o BCE e, no mesmo sentido, polo Fondo Monetario Internacional, o tempo que dure o acordo ampliado (punto f)”. Noutras palabras, a troika está de volta pero cun nome diferente. Os medios gregos xa comezaron a falar de “As Institucións”.

Pero mesmo todo isto é insuficiente para a UE e para o ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble. Tras comprender que a parte grega –desexosa de evitar calquera ruptura e mesmo calquera medida unilateral- está nun constante camiño de retirada, os “socios” optaron pola rendición total coma o seu obxectivo principal.

Ensinando ao goberno grego unha lección, emiten simultaneamente unha advertencia a Podemos e a calquera outra forza en Europa que pretenda desafiar a austeridade, os memorandos e a servidume das débedas. O lado alemán rexeitou a solicitude grega do Acordo Mestre de Facilicitación de Asistencia Financiera, ao parecer, co obxectivo de obter máis concesións gregas e a total humillación do goberno de esquerdas grego.

E nisto é onde, quizais, se atope a nosa esperanza. Non pode descartarse que a escalada nas demandas da UE e dos prestamistas serán rexeitadas por un goberno que contraíu ca súa xente algúns compromisos básicos. E, máis importante, que serán rexeitados pola xente que está comezando a ter esperanza de novo e que está tomando as rúas e prazas do país. A retirada non debe considerarse algo inevitable e o goberno grego merece o apoio na medida en que se manteña firme na guerra desatada contra el.

Calquera que sexa a conclusión, unha cousa é certa: todos os argumentos tranquilizadores que circularon nos últimos anos sobre un “bluff” europeo, sobre a posibilidade de derrotar a austeridade no marco da zona euro, sobre abandonar os acordos de préstamo e os memorandos, sobre solucións como a da Conferencia de Londres de 1953 sobre a débeda alemá (é dicir, unha reestruturación favorable ao prestatario acordada co prestamista); noutras palabras, todos os elementos constitutivos da narrativa do “bo euro”, derrubáronse.

Nalgún momento deberánsenos dar explicacións sobre isto tamén.

Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/greece-syriza-backtrack-europe-negotiations/

No hay comentarios:

Publicar un comentario