lunes, 16 de febrero de 2015

A carga de Syriza. Andreu Espasa


A Conferencia de Melos é unha pasaxe do libro quinto da Historia da Guerra do Peloponeso de Tucídides. Está escrito en forma de diálogo e nel recréase a negociación previa á invasión atenense da illa de Melos, o 416 antes de Cristo. Segundo Tucídides, os atenenses formularon sen rodeos o dilema que tiña que ponderar a elite meliá: ou pagaban un tributo a Atenas ou asumían a destrución da illa. Os meliáns tentaron evitar a loita argumentando que, tendo en conta que Melos era unha cidade neutral, os atenenses corrían o risco de gañaren novos inimigos entre o resto de estados non aliñados. Os atenenses responderon sinalando que, en caso de respectar a soberanía de Melos, o imperio atenense proxectaría unha imaxe de debilidade que podería provocar rebelións entre os estados sometidos. Tucídides inmortalizou o conflito entre atenenses e meliáns co célebre adagio: “Os fortes fan o que poden mentres que os febles sofren o que lles corresponde”.

A historiografía posterior correxiu a Tucídides. Grazas aos achados de fragmentos de mármore con relacións dos tributos dos aliados de Atenas, hoxe sabemos que Melos non era un estado neutral, senón un aliado infiel. A pesar desta significativa enmenda, a obra de Tucídides segue a ser útil para describir aspectos esenciais das relacións internacionais de hoxe en día. Serve, por exemplo, para entender o trato que estivo sufrindo a República Helénica por parte das grandes potencias europeas nos últimos cinco anos. Como é sabido, a súa reducida dimensión e a súa relativa irrelevancia económica converteron a Grecia no espantallo eficaz para manter á raia ao resto dos países euromediterráneos.

Coa economía en ruínas e o sistema político gravemente desprestixiado, Syriza obtivo unha contundente vitoria electoral o pasado 25 de xaneiro. Este resultado suscitou grandes esperanzas dentro e fóra de Grecia. Sen dúbida, a existencia dun goberno que se propón situar as necesidades da xente por riba dos intereses dos acredores representa unha novidade rupturista no contexto europeo. Tendo presentes as últimas enquisas electorais españolas, hai quen non puido resistir a tentación de establecer similitudes entre a Grecia de 2015 e a Venezuela de 1998. Segundo esta analoxía, as últimas eleccións gregas poderían marcar o inicio dun longo ciclo de vitorias electorais para a esquerda antineoliberal na metade meridional do continente.

A comparación con América Latina tamén é útil para sinalar unha importante diferenza. Certos círculos da esquerda europea queren crer que, con Tsipras de primeiro ministro, abrirase unha primeira fenda que, co tempo, podería derivar na convocatoria dun proceso constituínte de ámbito continental co obxectivo de intensificar e democratizar os vínculos entre os diferentes pobos de Europa. A diferenza dos procesos liderados pola esquerda latinoamericana –para os que o nexo entre soberanía e democracia ten unha importancia decisiva-, no caso grego non se trataría de atenuar os lazos coa potencia dominante, senón de forzala a adoptar unha práctica consecuente co discurso benevolente e democrático co que, até o de agora, disfrazou a súa relación de dominación. Trataríase, en definitiva, de “obrigar aos europeístas a faceren de europeístas”.

A estas alturas, paga a pena preguntarse até que punto ten sentido alimentar a idea de que Syriza pode rescatar á Unión Europea de si mesma. Se Tsipras fracasa nas súas negociacións coas autoridades europeas, as consecuencias para o actual proxecto de integración europea serán, obviamente, moi prexudiciais, sobre todo se o BCE segue a poñer trabas ao acceso á liquidez do sistema financeiro grego e remata forzando unha expulsión do euro. Se, polo contrario, Grecia consegue gañar o pulso aos seus acredores, quizais poida obter unha certa reestruturación da débeda pública grega e novos préstamos do BCE con menos condicionalidade política. Porén, mesmo neste caso, o escenario dun goberno grego estimulando a súa demanda interna en contra da austeridade dominante iría en detrimento dunha política fiscal coordinada a nivel europeo e deixaría os desequilibrios da unión monetaria sen resolver.

Pase o que pase, a misión de salvar o euro, é dicir, non só de garantir a súa supervivencia, senón de modificar a estrutura para que, en expresión do economista Antón Costas, deixe de funcionar coma unha “gaiola de masoquistas”, estará moi por riba das posibilidades do goberno de Syriza. Cos cambios que se aveciñan, se cadra, chegou o momento de formular seriamente se a consigna de “Máis Europa” segue a ser a solución realista para todos os problemas dos países euromediterráneos. Ao fin e ao cabo, a ninguén se lle ocorrería pensar que, alén de salvagardar a súa soberanía, os meliáns tamén terían que asumir o deber histórico de liderar unha refundación igualitarista da Liga de Delos que alterase radicalmente as bases materiais da hexemonía atenense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario