miércoles, 25 de febrero de 2015

Réplica aos sofistas. Stathis Kouvelakis


Nos últimos días estiveron circulando dous sofismas entre aqueles que se negan a ver a realidade á cara e a recoñecer a retirada que Syriza se viu obrigada a realizar, así como as súas posibles consecuencias. Ou máis ben, dúas e media. E digo “obrigada” por boas razóns, porque o novo goberno estaba atrapado nunha estratexia equivocada: aínda que eu non diría que foi unha “traición” ou “capitulación”, xa que estes son termos moralizantes que valen pouco para a comprensión dos procesos políticos.


O primeiro sofisma: “Syriza non ten mandato para saír da eurozona”. Se adoptase unha posición así non tería gañado as eleccións. Dito deste xeito, vemos como este razoamento é absurdo. Si, por suposto, non tiña “mandato para saír da zona euro”. Pero certamente tampouco tiña o “mandato” de abandonar a cerna do seu programa co fin de quedar no euro! E, sen dúbida, se se presentase ante o electorado dicindo “aquí está o meu programa, pero se atopamos que a súa implementación é incompatible con permanecer no euro entón esquecédevos del”, tampouco tería acadado moito éxito nas eleccións. Por unha boa razón: manterse no euro a calquera custe é exactamente o mesmo argumento que usan os partidos pro-Memorandum que gobernaron Grecia todos estes anos. E mesmo aínda que Syriza nunca clarificou totalmente a súa posición sobre o euro, sempre rexeitou a lóxica do “euro a calquera prezo”. Neste sentido, lembremos que, contrariamente ao que pensa a maioría dos comentaristas, os textos programáticos de Syriza non descartan abandonar a eurozona se a iso lles obriga a intransixencia dos europeos, ou o impago da débeda. Se ben é certo que ultimamente estes textos semellan estar agochados.


Unha segunda variante deste primeiro sofisma di: Syriza tiña un mandato dual consistente en rachar coa austeridade e permenecer no euro. Isto soa máis racional que a primeira versión, pero aínda así é un sofisma. É como se as dúas partes deste mandato fosen igualmente importantes e polo tanto como se fose politicamente lexítimo -se tivésemos que elixir (e de feito temos que elixir, que é precisamente o problema)- sacrificar a ruptura coa austeridade no altar do mantemento do euro. Pero entón, por que non dar a volta a ese razoamento dicindo “posto que os dous obxectivos son incompatibles, escollo rachar coa austeridade, dado que esta é a razón esencial pola cal os gregos votaron pola esquerda radical? É dicir, optar pola ruptura e non pola “estabilidade” dentro do marco existente. Poderiamos pensar que esta elección é máis propia dun partido da esquerda radical que ten o “socialismo” coma o seu “obxectivo estratéxico” (mesmo aínda que iso non fose evidente na axenda coa que gañou as eleccións).


O terceiro sofisma está promovido por Étienne Balibar e Sandro Mezzadra. Comentaron con sarcasmo que os da “ala esquerda de Syriza” están a lamentarse pola “capitulación” (ignoremos polo de agora que ninguén en Syriza usou nunca ese termo). Dos eventos recentes, Balibar e Mezzadra sacan a conclusión de que “non poderemos ser capaces de construír unha política da liberdade e a igualdade en Europa simplemente afirmando a soberanía nacional”. Segundo eles, o máis importante é que Syriza comprou tempo, admitindo o custe de facer concesións (coa obrigatoria referencia a Lenin para probar o radicalismo do que argumentan), e que isto permite novas futuras vitorias políticas (por exemplo España) e o desenvolvemento dun movemento de mobilizacións sociais “transnacionais” (do estilo Blockupy).


Aquí nadamos, unha vez máis, nas augas do sofisma –dunha seudoinxenuídade que sería confusa se non tivese total sentido vindo de ardentes defensores do “proxecto europeo” (unha versión amable do mesmo, claro) como o son estes dous autores. Pero ao final, os ritmos das forzas políticas non están sicronizadas. A partir de agora até o verán o goberno grego enfróntase a unha serie de prazos apremantes; e é difícil ver como unha manifestación exitosa en Frankfurt ou mesmo a posibilidade de que Podemos gañe as eleccións españolas a finais de ano, podería mudar a situación a favor de Syriza. As fendas entre os ritmos temporais destas diferentes forzas son unha das razóns polas que o contexto nacional é dunha importancia estratéxica para os actores da loita política: é o terreo no que as relacións de poder entre as clases se condensan de forma decisiva.


Balibar e Mezzara tamén subestiman gravemente o efecto desmobilizador que inevitablemente seguirá –tanto en Grecia como no ámbito europeo- a partir da percepción de que Grecia e o goberno de Syriza se viron obrigados a axeonllarse aos ditados da austeridade da UE. E isto é o que en último caso vai pensar todo o mundo, por moito que os defensores do goberno grego queiran vestilo doutro xeito. Xa, en Grecia, o clima de mobilización e confianza que vimos durante as primeiras semanas semella cousa do pasado. Por suposto, as mobilizacións ben poden reanudarse, pero esta vez dirixiranse contra as decisións do goberno e, en todo caso, non aparecerán “baixo demanda”.


Facer depender calquera opción política da emerxencia dos movementos sociais é máis que arriscado. É unha maneira de dicir que se tratará dunha decisión que será cambiada se as mobilizacións non teñen lugar ou non son o suficientemente poderosas. En realidade, temos que tomar a liña da frente da marcha. Temos que asumir que xa tomamos a decisión de rachar coa austeridade: é isto o que estimula a mobilización que despois goza da súa autonomía (ou a adquire). Por outra parte, iso é exactamente o que ocorreu en Grecia durante a “confrontación” entre o goberno e a UE entre o 5 e o 20 de febreiro, cando ducias de milleiros de persoas saíron á rúa de xeito espontáneo en grande medida, fóra de calquera marco partidario.


Ademais, o argumento de que “temos que gañar algo de tempo”, neste caso, é unha ilusión, xa que durante estes catro meses de suposto “respiro”, Syriza, de feito, viuse obrigada a operar no marco existente. E isto fortalecerá ese marco: Syriza terá que aplicar unha boa parte do que demande a Troika (agora redeseñada como “as institucións”), mentres “desactiva” a aplicación das medidas clave do seu propio programa –precisamente as políticas que permitirían “ser diferentes” e cimentar a alianza social que a levou ao poder. De feito, existe un risco moi importante de que o tempo que Syriza “gañou” se demostre como “tempo perdido”, o que socava a base de Syriza ao tempo que permite aos seus inimigos (especialmente os de estrema dereita) reagruparse e presentarse a si mesmos como os únicos partidarios dunha “ruptura sistémica real”.


Tamén hai que sinalar que, a pesar da repunancia que os adictos ao europeísmo como Balibar e Mezzadra senten sobre calquera mención ao “nacional”, os éxitos políticos aos que se refiren, de Syriza a Podemos, non só teñen lugar nun contexto nacional –mudando as relacións de forza precisamente na medida en que permiten que a esquerda radical acceda aos niveis de poder do estado nación- senón, tamén, en parte, son posibles grazas á insistencia deses partidos na soberanía nacional: nun sentido democrático, popular e non nacionalista, aberto ao resto do mundo. O discurso “nacional-popular” e as referencias ao “patriotismo” abundan –Tsipras e Iglesias están perfectamente dispostos a usar eses termos- o mesmo que abundan as bandeiras nacionais (grega e a republicana española, por non mencionar as das nacionalidades do estado español) entre as multitudes e movementos “autónomos” (como Mezzadra e Balibar os chaman) enchendo as rúas e prazas deses países.


Máis que calquera outra cousa, isto mostra que no caso particular dos países dominados na periferia de Europa, como España e Grecia,  a referencia ao “nacional” é un terreo de loita que as forzas progresistas conseguiron hexemonizar, polo que é un dos factores máis poderosos do seu éxito. E esta é a base sobre a cal se pode construír un verdadeiro internacionalismo, non cun discurso baleiro –totalmente desconectado das realidades concretas da loita política- sobre un terreo supostamente xa existente e non mediado “europeo” “transnacional”.


Un derradeiro punto para concluír: hai un grao de verdade nos primeiros sofismas, cando falan do “mandato” de Syriza de deixar a zona euro. É certo que houbo unha contradición no enfoque predominante no partido á hora de abordar estas cuestión, unha contradición que agora salta á vista. A idea de rachar coa austeridade e a carga da débeda no marco europeo existente non podería ser refutada con maior claridade pola realidade. En tal situación, é vital que falemos con franqueza e, polo tanto, é necesario que discutamos unha vez máis cal é a mellor estratexia para que Syriza poida manter as súas promesas e conseguir que Grecia saia do funil actual. Ao mesmo tempo, isto envía unha mensaxe de loita a todas aquelas persoas –e hai unha chea delas- que contaban coa “esperanza ofrecida por Grecia” e que con razón néganse a aceptar a derrota.

Orixinal: http://www.versobooks.com/blogs/1886-a-reply-to-the-sophists-by-stathis-kouvelakis

No hay comentarios:

Publicar un comentario