lunes, 23 de febrero de 2015

Cinco preguntas que precisan resposta. Costas Lapavitsas

O Acordo do Eurogrupo aínda non concluíu, en parte porque aínda non sabemos que “reformas” proporá o goberno grego hoxe (luns 23 de febreiro) e cales desas serán aceptadas. Porén, aqueles de nós que fomos elixidos en base ao programa de Syriza e que viamos os anuncios feitos en Tesalónica [Programa de Tesalónica] como as promesas que fixemos ao pobo grego, estamos profundamente preocupados. Polo que temos o deber de compartir estas preocupacións

O programa xeral do acordo consiste no que segue:

Grecia pide a prórroga do actual préstamo, o cal está baseado nunha serie de compromisos.
O obxectivo desta ampliación é permitir a conclusión do acordo actual e dar tempo para un posible novo acordo.
Grecia presentará inmediatamente unha lista de “reformas” que serán avaliadas polas “institucións” en abril. Se a avaliación é positiva, entón o diñeiro que aínda non se concedeu no actual acordo será entregado xunto cos rendementos dos ingresos do BCE.
Os fondos actuais do HFSF [Hellenic Financial Stability Fund] serán usados exclusivamente para as necesidades dos bancos e estarán fóra de control grego.
Grecia comprométese a cumprir plenamente e sen demora todas as súas obrigas financeiras para cos seus socios.
Grecia comprométese a ter superávits primarios “adecuados” para garantir a sostibilidade da débeda sobre a base das decisións do Eurogrupo en novembro de 2012. O superávit para 2015 terá en conta as circunstancias económicas de 2015.
Grecia non retirará medidas, ni cometerá cambios unilaterais que poidan ter un efecto negativo nos obxectivos fiscais, na recuperación da economía ou na estabilidade financeira, xa que serán avaliados polas “institucións”.

Sobre esta base, o Eurogrupo comezará os procedementos nacionais para a extensión de catro meses do acordo actual e pide ao goberno grego comezar con celeridade o proceso para que a avaliación sexa exitosa.

É difícil que alguén poida considerar que os anuncios de Tesalónica –que inclúen a condonación da maior parte da débeda e a substitución directa dos Memorandos de Entendemento (MOU)- poidan ser implementados tras este acordo. Os que fomos escollidos en Syriza prometemos que iamos continuar coa implementación do Plan Nacional, independentemente das negociacións da débeda, xa que consideramos que é necesario para a reactivación da economía e o alivio social. É preciso, polo tanto, explicar como se implementará aquel e como poderá o novo goberno mudar a tráxica situación herdada.

Para ser máis concretos, o Plan Nacional incluía catro peares cos seguintes custes durante o primeiro ano:

Afrontar a crise humanitaria (1,9 mil millóns de euros).
Reactivar a economía con recortes de impostos, creación de “préstamos vermellos”, creación dun Banco para o Crecemento, aumento do salario mínimo de 751 euros (total de 6, 5 mil millóns de euros).
Programa de Emprego Público para crear 300.000 novos postos de traballo (3 mil millóns de euros o primeiro ano e 2 mil millóns de euros o segundo).
Transformación do sistema político con intervencións nos gobernos locais e no parlamento.

As fontes de financiamento, tamén para o primeiro ano, calculáronse do seguinte xeito:

Eliminación das débedas pendentes coa autoridade fiscal (3 mil millóns de euros).
Loita contra a evasión fiscal e o contrabando (3 mil millóns de euros).
HFSF (3 mil millóns de euros)
ESPA e outros programas europeos (3 mil millóns de euros).

Dado o acordo co Eurogrupo, pregunto:

Plan Nacional para a Reconstrución

Como se financiará cando os 3 mil millóns de euros do HFSF quedan fóra do control do goberno grego? Quitando eses fondos, necesítanse recadar grandes sumas provenientes da evasión fiscal e da resolución de débedas nun período de tempo moi breve. Como de realista é esta perspectiva?

Condonación da débeda

Como se procederá a acabar coa débeda cando Grecia se compromete a completar totalmente e sen demora todas as súas obrigas financeiras cos seus socios?

Fin da austeridade

Como chegará a fin da austeridade cando Grecia se compromete a acadar os superávits primarios “apropiados” para que a débeda sexa “sostible”? A “sostenibilidade” da débeda –tal como adoitaba estimala a Troika- foi xusto a casua desta procura irracional de superávits primarios. Dado que a débeda non baixará substancialmente, como se impedirá que continúen os superávits primarios catastróficos para a economía grega e que constitúen a esencia da austeridade?

Seguemento e custe fiscal

Como vai existir calquera cambio progresista no país se as “institucións” van execer unha vixilancia severa e van prohibir movementos unilaterais? Permitirán as “institucións” implementar os peares de Tesalónica, dado o coste adicional directo ou indirecto que implican?

A futura negociación

Que vai mudar exactamente nos próximos catro meses que dura esta "extensión”, para que a nova negociación cos nosos socios se vaia dar nunha mellor posición? Que vai frear o empeoramento da situación política, económica e social no noso país?

Estes intres son absolutamente cruciais para a sociedade, a nación, e, por suposto, para a esquerda. A lexitimidade democrática do goberno baséase no programa de Syriza. Como mínimo, necesítase un debate aberto dentro do partido e do grupo parlamentario. É preciso dar respostas fundamentadas inmediatamente a estas preguntas co fin de conservar o grande apoio e o dinamismo que nos otorgou o pobo grego. As respostas que se dean no tempo vindeiro decidirán o futuro do noso país e da sociedade.

Orixinal: https://greekanalyst.wordpress.com/2015/02/23/the-scathing-letter-of-syriza-mp-and-economist-costas-lapavitsas/

No hay comentarios:

Publicar un comentario