martes, 3 de febrero de 2015

Syriza ten solucións ousadas ás forzas da austeridade que esganan Europa. Costas Lapavitsas

A semana inaugural do novo goberno de Grecia xa conseguiu dar unha boa sacudida á política da UE e aínda queda moito máis por vir. En primeiro lugar compre facer fronte ao bulo amplamente estendido segundo o cal o goberno de coalición entre Syriza, o partido que represento no Parlamento, e os Gregos Independentes (ANEL) é unha impía alianza vermello-marrón. ANEL non é a versión suave do fascista Amencer Dourado. É un partido nacionalista que fala por amplos sectores do conservadorismo popular e que se opuxo ás desastrosas políticas de austeridade. De feito, con respecto á débeda nacional de Grecia, a súa posición mesmo se podería considerar á esquerda de Syriza. Está de máis dicir que Syriza preferiría formar goberno por si mesma, pero os resultados das eleccións non o quixeron así. Para a súa vergonza o Partido Comunista grego rexeitou incorporarse ou mesmo apoiar ao goberno de Syriza. 

Non existe outro partido con credenciais anti-rescate no Parlamento grego. O dilema para Syriza, polo tanto, era ou ben formar un goberno con ANEL e aplicar o programa antirescate ou deixar que o país acudise a novas eleccións, o que sería desastroso para a súa economía e sociedade.
 

Fixemos o correcto.
 

A realidade de que Syriza estea no poder comezou a emerxer tan pronto como o se formou o goberno. Varios ministros fixeron anuncios notables mentres asumían o cargo: detención das privatizacións eléctricas e petroleiras, reinserción laboral dos traballadores do sector público despedidos, desmontaxe da desregulación laboral, elevación do salario mínimo e máis. Entrementres, o novo ministro de Finanzas declarou que o país xa non ía negociar coa troika da CE, o BCE e o FMI. Grecia non se someterá á avaliación prevista do seu programa de rescate, mesmo se iso significa que non recibe outros 7,2 mil millóns de euros. De feito, o país xa non considera á troika como unha institución válida. Para colmo, Grecia até semella diferenciarse da política da UE no que ten que ver con Rusia.
 

A reacción do mercado de valores de Atenas foi inmediata: os prezos das accións esboroaron, en particular as dos bancos.
 

É probable que a presión financeira volva xurdir esta semana xa que os bancos perderon liquidez e o investidores internacionais están moi nerviosos. A reacción dos responsables políticos europeos, pola súa parte, foi dunha incredulidade atónita, apenas enmascarada por sutilezas diplomáticas. Sen dúbida, realizáronse iradas chamadas telefónicas.
 

Atenas durante os últimos días.
 

O goberno Syriza é inexperto, pero sería un erro pensar nel coma un grupo de axitadores á procura de pelexa con todo o mundo. O que en realidade está a facer é aplicar a “liña” —nos termos pasados de moda da esquerda— coa cal chegou ao poder. En concreto, está aplicado a liña do “bo euro” afirmando que a unión monetaria europea, así como a propia UE, pode ser radicalmente transformada desde dentro. O liderado de Syriza non ten ningunha intención de sacar a Grecia fóra da Unión Monetaria Europea. Por outra banda, cre que os custes do “Grexit” poderían ser tan severos que Europa non forzaría a saída de Grecia da moeda común. Sobre esta base, pénsase que cunha alianza poderosa das forzas da esquerda emerxentes en toda Europa o pesadelo da austeridade podería rematar, a carga da débeda podería mitigarse a  través do continente, poderían adoptarse políticas para aumentar o emprego e o estado do benestar podería fortalecerse. Europa transformaríase.
 

Non é de estrañar que as accións do goberno de Syriza xerasen unha enorme onda de apoio popular en Grecia. Existe unha sensación palpable de alivio e orgullo nacional entre os gregos do común, a sensación de que se está a recuperar certa dignidade tras anos de seren tratados dun xeito terrible. Outras novidades alentadoras foron as poderosas voces internacionais falando en apoio a Syriza, incluída a do Presidente Obama.
 

Porén, a verdadeira proba do “bo euro” virá só cando Berlín e Angela Merkel comecen a mostrar a súa man. A dura realidade é que a UE ten unha influencia substancial en Grecia. O país conta con ter que facer importantes reembolsos de débeda nos vindeiros tempos, o máis grande a comezos de verán, que serán imposible de abordar sen novo financiamento. O programa nacional de Syriza, por outra banda, segue a estar financiado dun xeito pouco seguro, mesmo que o goberno só se propoña un orzamento equilibrado. O imposto da renda foi diminuíndo, en parte pola presión fiscal extraordinaria imposta pola troika e en parte pola interrupción das eleccións. Será necesaria unha máis rápida reorganización da recadación fiscal para asegurar a financiación das medidas previstas para aliviar aos que están máis golpeados pola crise. E os bancos continúan dependendo totalmente da liquidez proporcionada polo BCE e son susceptibles de teren fugas de depósitos.
 

A presión sobre Syriza para diluír as súas demandas e cumprir cos requisitos básicos do rescate serán probablemente feroces. Se os líderes de Syriza non se someten, será vital que reciban un apoio internacional forte, incluídas boas propostas prácticas para enfrontar as grandes dificultades que se enxergan. É necesario seguir debatendo, por exemplo, se Grecia debe pagar na súa totalidade a parte da débeda que se debe ao BCE e ao FMI (aproximadamente 70 mil millóns de euros de 320 mil millóns). Está abertamente en disputa a base xurídica e moral desa débeda. A liña do “bo euro” estase enfrontando cara a cara coa realidade, e dúas cousas son de suma importancia:
 

Primeiro, non se debe permitir que as forzas da austeridade que hoxe esganan Europa esmaguen o experimento Syriza ou que o convertan nun compromiso podre.
Segundo, Syriza ten que prepararse dun xeito sólido e meticuloso para todas as eventualidades, algo que se comprende moi ben no seu interior.
 

O resto é política de falabaratos.

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/feb/02/syriza-solutions-austerity-europe-greece-leftwing-alliance

No hay comentarios:

Publicar un comentario