jueves, 16 de abril de 2015

Grecia: por que alguén ten que ceder. Paul Mason


Recibín un correo electrónico esta semana no que se predicía que Grecia podería entrar en “arrebato” [o orixinal inglés fai un xogo de palabras entre rupture e rapture] co BCE xa o 24 de abril. O que o meu informante quería dicir era “ruptura”, pero canto máis nos achegamos ao evento, máis penso na palabra “arrebato” para describir o que realmente pode suceder.

Se o goberno de estrema esquerda reamata nun punto morto cos acredores antes de finais de abril, o que leva consigo a quebra e unha posible saída da eurozona, o “arrebato” segúndo os fundamentalistas cristiáns –un final catastrófico no que a metade da raza humana ascende ao aire de súpeto- podería ser unha boa metáfora.

Para unha parte do partido no poder, Syriza, isto sería unha sorte de autovindicación. Para outra, a condenación. E para o pobo grego, cuxo 80 por cento quere estar no euro a calquera custe, ben podería ser o final do mundo tal e como o coñecemos.

Pero tras tres semanas de negociacións, o 24 de abril comeza a parecer unha data límite. Nikos Theocharakis, cabeza visible da política fiscal no ministerio de finanzas grego, dixo que informou aos negociadores do eurogrupo que Grecia podería quedar sen cartos a partir desa data.

Comecemos cos números crus. Grecia non pode pedir prestado dos mercados mundiais debido a que a súa débeda de 320 mil millóns de euros é, penso que con razón, vista como impagable. Ningún nivel de austeridade soportado pola sociedade grega podería pagar esa débeda.

Así que Grecia trata de sobrevivir mediante a consecución dun pequeno superavit orzamental; é dicir, cada ano o goberno trata de aforrar o 1,5% do PIB gastando menos do que recada vía impostos.

O problema número un é que, despois de “logralo” xusto despois das eleccións, os números do goberno conservador resultaron ser falsos.

O problema número dous é que, coa fuxida de capitais despois de que o BCE sacase a liña crédito a Grecia, suprimiuse a actividade económica e colapsou o comercio exterior. Os ingresos tributarios caeron en xaneiro e en febreiro, e aínda que semelle que melloraron en marzo, isto debeuse principalmente a medidas excepcionais: ofertas de liquidación anticipada en impostos atrasados e unha gran suma procedente dos bancos.

Así que semana a semana o estado grego ten que pagar salarios e pensións cun pequeno superavit e está recorrendo ás reservas de efectivo de varios organismos públicos para manterse a flote.

O problema número tres consiste en que, mesmo que consiga pequenos superavits cada mes, o estado grego ten que afrontar 15 mil millóns de débeda este ano, moita dela en forma de pagarés de curto prazo que os seus bancos normalmente poderían mercar, pero cuxa capacidade de compra de débeda a curto prazo foi cortada polo BCE.
Espazo para o acordo

Ao longo de toda a crise o tempo xogou a favor dos acredores de Grecia e dos opositores de Syriza. Cando o BCE quitou as liñas normais de crédito e bloqueou os préstamos de emerxencia en febreiro, fíxoo para acelerar a retirada masiva de depósitos que comezara o último mes do antigo goberno. Isto forzou ao ministro de finanzas Yanis Varoufakis, na reunión do Eurogrupo do 20 de febreiro, a unha rebaixa (pero non total) do programa antiausteridade.

Desde entón, o obxectivo de Varoufakis foi demostrar que hai unha versión de esquerdas de reformas estruturais antiausteridade aceptable para os acredores, que lles permitan liberar os 7 mil millóns de euros en préstamos que están a reter. Pero mesmo así, isto só sería o preludio das discusións sobre como reprogramar os 320 mil millóns de euros de débeda grega.

O último intento, en forma dun documento de 26 páxinas en inglés, considerábase que proporcionaba razóns creíbles para acadar dito acordo, pero a cuestión xa non ten que ver coa credibilidade fiscal.

A maioría pro-euro en Syriza calculou mal sistematicamente a oposición á que se enfronta dentro da zona euro. Ten do seu lado aos EEUU e a Francia e a Italia facendo algúns ruídos de simpatía, pero todo isto é superado por unha coalición de países a favor da austeridade arredor de Alemaña que continuamente bloquea calquera tentativa de negociar un compromiso por parte da Comisión Europea.

Así, cada vez que semella haber un acordo sólido, Alemaña e os seus aliados históricos, que datan da segunda guerra mundial, bloquéano, sexa no BCE ou no Eurogrupo.

“Calexón sen saída”

A profundidade do apego de Syriza ao euro demostrouse cando o seu gurú económico, Euclides Tsakalotos, se dirixiu a parlamentarios en Westminster o mes pasado. Ante o estímulo para abandonar o euro por parte de parlamentarios da esquerda laborista,  Tsakalotos sinalou a experiencia da esquerda británica e francesa nos anos 80 co que chamou o “calexón sen saída” da solucións económicas nacionais.

Polo tanto, os líderes de Syriza están casados coa zona euro pero a zona euro está configurada actualmente para esmagar a Syriza.

Coa desaleración do crecemento e os ingresos fiscais irregulares, isto non pode durar para sempre.

As grandes empresas en Grecia non son tan hostiles a Syriza como se podería pensar. Moitos grandes empresarios ven as “mans limpas” do partido como as únicas que poden esganar o nepotismo e a corrupción que arruinou a economía grega durante décadas. Engadido a isto existe unha ala de conservadores gregos arredor da dinastía Karamanlis que está, díxome un exdeputado aliñado con eles, “preparada para axudar a Syriza”.

Se se lle engade o pequeno partido de centro esquerda Potami e o novo partido formado polo ex primeiro ministro George Papandreou, está clara a base para un “goberno de centro-esquerda”, dirixido por Syriza a modo de goberno de unidade nacional e arredor dun programa esencialmente ditado por Berlín, pero con certa flexibilidade para calmar aos membros e votantes de Syriza.

Esta é a estratexia emerxente do centro esquerda e da comunidade empresarial grega con vínculos globais. E o desexo pola mesma agudizouse cando Syriza foi empurrada á colaboración económica con Rusia, Irán, Azerbaián e China.

Obrigar a unha división

Pero a esquerda de Syriza é forte. A Plataforma de esquerda, encabezada polo ministro de enerxía, Lafazanis, é fortemente antieuro e sente que os acontecementos lle dan a razón. Trátase, basicamente, do que queda do comunismo con vínculos moscovitas e da estrema esquerda dentro de Syriza pero, na última votación interna, unironselles outros esquerdistas máis modernos e “horizontais”, co que conseguiron que un 41% votase en contra do acordo feito por Varoufakis en febreiro.

Así que cada vez hai máis presión, dentro e fóra, para forzar unha división en Syriza que faga que a Plataforma de esquerda deixe o grupo parlamentario e Tsipras estea obrigado a depender do centro-esquerda e da ala conservadora de Karamanlis para acadar calquera acordo no parlamento heleno.

Pero hai unha terceira forza que os editorialistas dos diarios financeiros tenden a esquecer cando ven a Grecia maniatada entre Berlín e Moscú: o propio pobo grego.

Até o de agora este estivo moi tranquilo. Os chamados “movementos sociais” –sindicatos, grupos antifascistas, bancos de alimentos, asembleas locais e similares- estaban, como me dixo un activista veterano, “esgotados” no tempo en que Syriza chegaba ao poder. A partir de entón estiveron hipnotizados pola aparición dun novo tipo de política no parlamento: a promesa de combater a corrupción, o comité para xulgar a legalidade do rescate de 2011, a desaparición dos gases lacrimóxenos no armamento da policía antidisturbios, a liberación lenta de inmigrates procedentes de campamentos do exército…

O aumento da frustración

Aqueles cos que falei este mes comentan a crecente frustración  con Syriza dos activistas e simpatizantes a respecto do drama oculto que ten lugar en Bruxelas. Entrementres, os diversos líderes dos ministerios de Syriza aínda están a loitar por tomar o control e mesmo por ter información axeitada. A presidenta do parlamento, Zoe Konstantopoulou, abriu as portas aos activistas antiracistas nunha manifestación recente. Pero a coreografía fóra da residencia do primeiro ministro é a dunha xestión da crise febril.

Mesmo se se está dentro, recibindo unha mensaxe cada 10 minutos de alguén que sabe o que está a suceder, a atmosfera de crise pode ser esgotadora. Para os que están nas rúas e nos cafés, vendo que todo sucede más alá do seu control, estase volvendo extenuante.

Nestes momentos históricos ás veces todo se reduce aos individuos. O desexo de Varoufakis –pro-EEUU, educado en occidente e non membro aínda de Syriza-, tal como me dixo en febreiro, é ser “o último en deixar o euro”. Así que se chega o momento en que el teña que mudar da conciliación á supervivencia poderemos estar seguros de que todas as vías están esgotadas. Pero, como me dixo xusto antes das eleccións, cre que un euro sen reformar colapsará en dous anos.

Publicamente Varoufakis adoptou un ton non só de conciliación senón tamén de reconstrución coa eurozona. En privado, porén, os seus asesores –e estes son algunhas das persoas máis centristas dentro de Syriza- están conmocionados co nivel de hostilidade que coñeceron dentro da zona euro.

Esa ala de Syriza que é basicamente socialdemócrata estaba existencialmente unida ao euro. Agora a crenza existencial no euro está a ser sacudida. E o perigo para a eurozona é que este mesmo proceso se replique en todo un pobo se a evidencia é esmagadoramente convincente.

Se se presiona até o límite –sexa polo fracaso dunha subasta de débeda a curto prazo ou polo simple non pagamento das facturas- Varoufakis non terá problemas en desencadear controis de capitais, impostos de emerxencia ás grandes empresas e a inauguración dunha segunda moeda.

A economía no caos

Chegados a ese punto, será cuestión da eurozona reaccionar ou non. Pero se sobe a aposta existen poderosas armas no arsenal grego: os 80 mil millóns de euros que debe á eurozona a través do sistema Target 2 que, tal como indicou Ambrose Evans Pitchard, non están protexidos. E despois as débedas que ten co BCE.

Grecia tentaría, nun primeiro momento, quebrar sen saír da zona euro. Pero a quebra levaría a política e a economía europea ao caos. A xa deflaccionaria e semiestancada eurozona tería que enfrontar outros 12-18 meses co botón de pausa até que o sistema bancario absorvese a quebra grega.

Así que nas próximas dúas semanas hai un maior perigo de “Graccidente” –unha quebra parcial non causada pola estratexia de Syriza senón polo erro de cálculo do BCE a respecto da provisión de osíxeno financeiro aos bancos gregos, ou por non poder afrontar os recibos semanais o ministerio de facenda.

Os gregos acudiron esta fin de semana ás igrexas para celebrar a pascua ortodoxa. Alexis Tsipras, aínda cunha popularidade do 71%, aproveitou a ocasión para falar de renacemento e renovación. Porén, para algúns, a resposta ao saúdo “Cristo resucitou” foi bromear dicindo “Mándao a Bruxelas a negociar”.

Rematada a pausa da pascua, as negociacións aproxímanse a un momento crucial.

Se Grecia é forzada a unha quebra accidental, o dano ao proxecto do euro e á imaxe da UE sería total. Un banco central colaborando coa quebra dos bancos que debe supervisar e desexando a ruptura da unión monetaria que se supón que debe regrar mancharía a reputación do BCE por unha década.



Orixinal: http://blogs.channel4.com/paul-mason-blog/syriza-verge-nervous-breakdown/3571