Mostrando entradas con la etiqueta Varoufakis. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Varoufakis. Mostrar todas las entradas

viernes, 18 de marzo de 2016

Carpe DiEM? Frédéric Lordon sobre o Movemento Democracia en Europa


Non hai dúbida, un lipograma é un exercicio literario acrobático, é dicir, depende da letra sacrificada. Precisamente a habilidade que require o lipograma é escribir un texto sen a necesidade de escribir unha letra. Ocupou a talentos como Georges Perec para facer fronte á nai de todos os desafíos do lipograma en lingua francesa: escribir sen usar a letra "e". O seu libro de trescentas páxinas La disparition [A desparación] non contaba, naturalmente, cun só "e". (Para o lector que queira comprobar a envergadura do seu logro que probe a escribir unha simple frase sen unha letra). Fiel á tradición Oulipo, da que Perec formaba parte, poderiamos xeralizar o exercicio e asumir o reto de compoñer unha frase sen certas palabras ou grupo de palabras (un liposintagma?). Por exemplo, imos pedir a Yves Calvi (presentadora, xornalista) que escriba unha frase sen a palabra "reforma", ou a Laurent Joffrin (editor de Libération) que escriba unha sen a palabra "moderno",  ou a Christophe Barbier (editor de L´Express) que escriba unha sen "software" ("a esquerda ten que cambiar o seu software...), darémonos conta, neste repaso polo índice do desexo sen fin da mediocracia de que a Esquerda se volva Dereita; ao fin e ao cabo ninguén conmina á dereita a "mudar o seu software". O gran silencio que se ha facer a seguir na area pública daranos a medida do gran talento de Perec.  A linguaxe "Alter-europea" tamén se enfronta aos seus propios retos liposintagmáticos. Probemos a prohibirlles usar "retirada ao reducto nacional" e rápido pararán as súas rodas.

O repregue nacional: un imposible test liposintagmático para o Alter-europeísmo

Despois de conducirnos a través das referencias regramentarias ao noso "moi escuro pasado", Julien Bayou dos Verdes franceses advírtenos contra "refuxiármonos no cadro nacional, mesmo na esquerda". O seu título "Democratizar Europa para a victoriada esperanza" non fai máis que lembrarnos a Robert Hue (antigo líder do Partido Comunista) e o seu "A quenda de Europa" (ou a calquera proxeción interna en Power Point ou evento comunicativo). Advírtenos de que "a dinámica de repregarse en axendas puramente nacionais" podería "conducir á desconfianza entre europeos". Nunha liña moi similar, a vicepresidenta de Die Linke, Katja Kipping, declarou a súa "total oposicióná idea dun retorno aos estados nacionais". Isto sería un "paso atrás"; é dicir, unha retirada (nacional). De paso, poderiamos preguntar por como andan as relacións entre a vicepresidenta e o presidente Oskar Lafontaine, quen fixo chamamentos fortes a un retorno ao Sistema Monetario Europeo (SME) e, como consecuencia , segundo Kipping, a apuntar na direción equivocada. Menos sorprendente, neste sentido, son os comentarios de Yanis Varoufakis, quen repetiu moitas veces a súa hostilidade a calquera tipo de plan de saída do euro, rexeitando o que se fai pasar polo "terrile dilemaentre, por unha parte, que o noso sistema actual colapse na súa totalidade e,por outra parte, a forza do retorno á ideoloxía do estado-nación, como desexanos nacionalistas".

O máis rechamante destes extractos case perfectamente intercambiables non é tanto o feito de que encaixen no estereotipo, como a forte inercia dos seus automatismos e a súa radical impermeabilidade a calquera cousa que poida ser dita no debate sobre o euro -e que polo menos podería facer que se sentisen apelados a opoñerse ás obexccións que se lles fai. Pero parece que non vai haber nada diso -polo menos no núcleo duro de "a outra Europa" que agora se atopa no movmento de Varoufakis DiEM (Movemento Democracia en Europa, posto en marcha por Varoufakis en Berlín en febreiro).

Dito isto, non están rotas todas as pontes coa realidade externa do debate, e deberiamos recoñecer honestamente que tras o verán grego moitos dos que se mantiñan firmes na liña altereuropeísta cambiaron considerablemente. Non é que o debate rematase, ou que se producise unha converxencia total nos puntos de vista, pero polo menos pódese dicir que non desapareceron todos os requisitos mínimos para o debate. Porén, non se pode dicir o mesmo de DiEM, cuxa repetición automática das palabras "retirarse ao reducto nacional" fainos semellar, ás veces, coma un pato sen cabeza tentando correr en liña recta.

Algúns de nós tentamos dicir algo sobre isto. Por exemplo, remarcando a ineptitude absoluta do argumento "estado de sitio", que debuxa unha igualdade total entre a saír do euro e quedar fóra do resto do mundo. Están acaso fóra do mundo os 180 países coas súas propias moedas? Estaba a economía francesa antes de 2002 fóra do mundo? E a economía británica, hoxe fóra da eurozona e, se cadra, pronto fóra da UE? Está fóra do mundo?

Estamos aínda máis abraiados coa negativa, propia de mentes estreitas, a escoitar nada sobre as diferentes propostas para reconfigurar o internacionalismo, que están feitas precisamente para mostrar que hai moitas formas de abandonar o euro, incluído aquelas perfectamente conscientes do perigo da regresión nacionalista e que, sen dúbida, teñen tamén a meta de combatelo. Abofé que hai que ser un idiota -e pedimos desculpas por chegar a este tipo de hipóteses, pero apenas podemos contemplar outras- para continuar repetindo teimudamente as palabras "repregue nacional" cando explicamos que é dunha necesidade urxente desenvolver nexos de unión entre as forzas de esquerda europeas, pero sen agardar por unha (imposible) sincronización dos contextos nacionais, de modo que poidamos poñer a proba as forzas e as saídas. Seguramente hai que ser idiota para seguir laiándose do perigo nacionalista cada vez que sinalamos que a maior parte dos logros europeos (Airbus, Ariane, CERN) se fixeron perfectamente sen o euro, e que se a integración monetaria impón tantas dificultades nada prohibe concebir outras formas de integración europea a través doutros tipos de intercambio: o intercambio entre investigadores, artistas, estudante e turistas, mostrando uns aos outros as nosas literaturas e historias nacionais, producindo unha historia europea impulsando proxectos de tradución masivos etc. Nada prohibe tal concepción, excepto, por suposto, a obsesión economicista que mide a proximidade entre os pobos só en termos da circulación de capitais e mercadorías. Pero por que repetir todo isto? No último reducto da "outra Eurozona", DiEM, non se escoita nada nin se responde a nada, só se corre en liña recta, coma o pato.

Europa Democrática ou Europa Antiausteridade?

Sen dúbida hai múltiples reservas ante calquera Plan B -significando, isto, un plan posto nun papel cuxo ánimo real por tras del aínda é incerto, pero cuxas intencións e crenzas internacionalistas dificilmente se poden poñer en dúbida. Pero pouco importa. Para este plan, como para todos os demais, existe unha mesma pexa: o "refuxio nacional". Porén, deberiamos preocuparnos se o internacionalismo-contra-o-retiro-nacional conduce a un falso comezo se o único criterio no que se basea é o dunha Eurozona autenticamente democratizada. Por unha serie de razóns, que xa elaboramos sobradamente noutro lugar (ver, entre outros, "Os puntos cegos dos que pensanque "outra zona euro é posible" ou a intervención no encontrointernacional do Plan B) non haberá Eurozona democrática, non desde logo no seu perímetro actual. Xa que a democratización do euro é un proxecto abocado á derrota, canto máis haxa unha posibilidade de que teña éxito, máis probabilidades haberá de partir a Eurozona. E, polo tanto, canto máis exiba unha dinámica exitosa, máis probablemente acabará... nun fracaso.

Quereriamos tamén -coma un argumento a fortiori- formular dúas preguntas sinxelas a Yanis Varoufakis:

1) Non foi el unha das persoas que viu inmediatamente que a independencia do Banco Central Europeo supuña unha anomalía demcorática xa en 1992, cando a sinatura do Tratado de Maastricht (unha anomalía que non será resolta simplemente publicando as minutas do BCE ou ofrecendo algún outro truco de "trasnsparencia")?
2) Afirma realmente, sen pestanexar, que os alemáns estarán dispostos a aceptar a independencia do BCE no curto prazo? Entón, xorde a pregunta subsecuente de por que milagre -nestas condicións- podería a zona euro de 19 estados volverse totalmente democrática?

Pero Varoufakis acostumouse tanto a moverse nunha rede de contradicións que comezamos a preguntarnos polo verdadeiro propósito do seu movemento DiEM. O que hai, de feito, son dúas "outra Europa é posible" que adoito coliden unha coa outra ou que se fan pasar unha pola outra: a Europa anti-austeridade e a Europa democrática. Se cadra, unha forza política europea podería constituírse para conseguir, caso a caso, algunha acomodación ou renegociación da débeda (por exemplo para Grecia) e despois facer moito ruído sobre como isto demostraría que Europa pode escapar da inevitabilidade da austeridade. E certamente estariamos mellor así do que estamos agora. Pero temos que saber que é o que queremos, e saber que unha Europa democrática non consiste nun pouco menos de débeda e que algunha concesión no déficit primario (pero non o fagades outra vez!) non reempraza o dereito a deliberar sobre todas as cousas -a definición máis robusta de democracia (e, de paso, de soberanía).

Nestas condicións, debemos dicir sen equivocación que calquera ambición por unha "Europa Democrática" que quede curta neste aspecto -p de deliberar sobre todo- é, por natureza, unha farsa. A xente adoito invoca a lóxica do acordo, como por exemplo aceptando o banco central independente, co fin de manter a Alemaña do noso lado -"porque non se pode ter todo"- ou a aceptación dun Tratado "relaxado" de Estabilidade, ou calquera outra cousa -non é este o destino real ao que quere chegar DiEM? É este o tipo de intercambio predecible que reduce de xeito drástico o prezo dos principios, no que habitualmente se enrola a xente usando palabras belas, antes de ceder en todo no fragor da loita. Pero o principio democrático non se pode moderar. Ou todo o que ten que ver co destino colectivo do corpo político, incluídos todos os aspectos do orzamento e da política monetaria se pon en discusión, ou non temos democracia. Pero non é posible enxergar un grupo de países que estean de acordo nesta cuestión de principio, e que entendan formalemtne a súa soberanía colectiva do mesmo xeito que as súas soberanías individuais, é dicir, sen límites? Despois de todo, é posible. Pero o certo é que isto non significa que estes países sexan os 19 da eurozona actual, e particularmente Alemaña. E, aínda máis, non significa que o euro actual habería sobrevir a unha reconfiguración como esa -especialmente sen Alemaña.

A estratexia da desobediencia como proba experimental

A sección do alter-europeísmo que mantivo a súa cabeza pegada ao pescozo -e que aínda a ten- parece consciente de que hai moitas probabilidades de que un test de forza, por exemplo, na forma da desobediencia aberta que propugna (en lugar de avogar secamente pola saída unilateral do euro) terminará en ruptura. Polo menos, agora acepta a posibilidade de ruptura -e este é un progreso considerable. Ten a condición previa de provocar a ebullición e ver que ocorre, en lugar de simplemente perchar de golpe a porta de inmediato -e podemos concederllo. Pola miña parte, nunca o descartei. Pero dado o estado do debate neste momento, era necesario obter audiencia mesmo para a propia posibilidade do exit. Aceptouse a idea dunha estratexia da tensión. E, máis importante, xa podemos dicir como terminará a historia. Romperá. Romperá porque Alemaña non quere o euro democrático e non o vai querer en tempos próximos. É máis, desde o punto de vista alemán non hai déficit democrático na constitución da moeda que leva a súa impronta. Non teñen todas as sociedades os seus principios -as cousas que consideran fóra de discusión- por riba de todas as cousas abertas á discusión? Alemaña os ten: e os seus máis altos principios son monetarios. É así, e ninguén pode acusalos por iso. Se ten que facerse algún reproche ten que ser feito a aqueles que sempre rexeitaron esta análise, os que pensan que as relacións obxectivas de compatibilidade, ou de incompatiblidade, poderían resolverse simplemente por querer que así sexa. Os que nunca mediron ben os riscos existentes en ir máis alá do posible ao manter xuntas todas estas heteroxéneas complexidades. En particular, cando xa houbo moito desacordo na evaluación da organización democrática ou antidemocrática da moéda única: mentres que para uns é terriblemente problemático, para outros non o é en absoluto. Entón, é así como vai o DiEM tratar de "democratizar o euro": rexeitando cegamente todo pensamento e substituíndoo por entusiasmo e voluntarismo?

Pero coñecermos o final da historia non nos libra dunha sorte de deber de pasar por todas as súas etapas. Significa, simplemente, que evitaremos ser collidos por sorpresa no momento (anticipado) en que as cousas comecen a poñerse feas. Neste sentido, podería propoñer unha especie de xogo de azar, aínda que sexa clarividente, sen grande esperanza. Algo que depende dun milagre: se existe a posibilidade, aínda que sexa extremadamente pequena, de que Alemaña se aveña a unha conversión sen precedentes tras chegar ao punto no que teña que escoller entre Europa e ela mesma, entón teremos que usar esa oportunidade. Gustaríanos facelo co fin de estarmos seguros da realidade da nosa posición, e non deixala á conxectura -e podemos coincidir neste tipo de experimento, para ter a conciencia tranquila, malia estarmos tan seguros de que esa tentiva colapsará rapidamente.

Este "deber" tamén inclúe a lóxica máis política de dirimir publicamente en que recae a responsabilidade. Posto que a cuestión da democracia rexe para todos e todo o mundo debería responder: se a democracia é a prerrogativa da soberanía a discutir e decidilo todo, como pode a Eurozona xustificar a anormalidade de facerse con cuestión tan importantes como a política orzamental, o status do banco central, a natureza das súas misións, a direción da súa política monetaria etc, fóra do control democrático? Entón poderiamos ver quen nos respondería. É dicir, poderíamos ver quen é realmente un demócrata e quen non o é. Ese sería o verdadeiro momento onde aqueles sen límites mentais sobre o perímetro da democracia verían como completamente lexítimo non querer pertencer ao mesmo club que aqueles que teñen ditos límites. E de feito é o resultado que podemos agardar, porque habería oposición intransixente a descontitucionalizar as cuestións de política económica. Así que os verdadeiros demócratas -de novo atribuídos co dereito pleno a vivir baixo unha contitución democrática na súa totalidade, e moito despois de seren advertidos dese resultado- poderían sinalar aos demócratas falsos, rachar con eles, e tomar o seu destino de novo nas súas mans. O euro estaría morto, pero gustaríanos saber de quen foi a culpa.

Porén, DiEM non quere ver nada disto. E polo tanto fracasará. Fracasará por agardar milagres que non poden reemprazar a análise das complexidades e tendencias reais -que neste caso consisten nunha análise de por que o milagre é imposible. DiEM fracasará, e faranos perder dez anos, o prazo que se deu a si mesma para reelaborar os tratados "democraticamente". Diem perdidi (outro día perdido)? Se só fora iso! Será decennium perdidi. E como sempre sucede con estas cousas o tempo perdido pérdese a custa da poboación. De feito, é desesperanzador ver que un exministro de finanzas grego pode abrazar tan alegremente perspectivas grandiosas  para a historia a longo prazo, cando o seu propio pobo, levado ata o extremo, e cuxa exasperación ten que coñecer- non pode aguantar moito máis.

Pero supoñendo que, entrementres, esta pequena neglixencia non abriu camiño a unha alternativa monstruosa, DiEM non só fracasou. Aparte da súa promesa insostible, produciríase algo: o seu propio movemento. Certamente, o movemento fracasará -en calquera caso, esa é a nosa conxectura. Pero despois da súa derrota, o movemento en si manterase. Un movemento europeo. Pero o que pense que mesmo con esa pouca consistencia, que o internacionalismo real consiste na vinculación o máis cercana posible entre os pobos europeos -alén dos vínculos económicos, monetarios e financeiros- non pode máis que celebrar con alegría a idea dun movemento político transversal europeo. Non importa cal sexa o seu destino, é en si mesmo unha cousa boa. Así, DiEM fracasará, pero non só para nada.

Posdata: o desexo colectivo de bifurcación

Deixando a un lado as ilusións de DiEM, podería ser que a paisaxe da cuestión do euro na esquerda estea agora clarificada. Pero, que sucede coas poboacións? Cando todo o demais escapa, a mediocracia aínda ten o camiño das enquisas enganosas. Adoptouse esta solución durante o verán grego de 2015 -"a poboación non quere X" e as enquisas demostrárono. Porén, as enquisas demostraron pouco máis que a súa ineptitude, facendo unha pregunta a persoas que non teñen os medios mínimos para reflectir sobre ela, sexa individual ou colectivamente. Máis en particular, que nin tiveran o tempo para facelo. Como sabemos, en xaneiro de 2005, as enquisas dixeron que a Constitución europea pasaría facilmente -e por desgraza para eles, cinco meses máis tarde, despois dun debate real... E se unha enquisa non ten sentido antes (e non despois) de que un colectivo debata, temos que dicir que en Grecia nunca houbo un debate sobre a saída do euro. En primeiro lugar, porque Tispras non o quería, a calquera custe, e despois porque a minoría da Plataforma de Esquerdas, que estaba disposta a telo, viuse obrigada á solidariedade co goberno, e polo tanto ao silencio, ata o 13 de xullo de 2015. E cando ninguén propón ao país que debe tener lugar un auténtico debate, o que queda é... o ruído de fondo das enquisas. Sen lugar a dúbidas, nun país como Francia, onde a situación é infinitamente menos crítica que en Grecia, as chamadas a comezar o debate son aínda máis débiles. Malia que os efectos das restriccións europeas son moi reais, non tomaron o caracter tremendamente espectacular que tomaron en Grecia ou en Portugal, e nesas condicións a cuestión do euro permanece como unha abstracción, con pouco poder para enganchar. Pero será un traballo político reenganchar, é dicir, construír sobre estes problemas, o que neste caso implica poñer sobre aviso á xente as distantes e porén moi activas abstraccións da moeda europea.

En realidade, como ben sabemos, o principal obstáculo para unha proposta política para a saída do euro é de natureza diferente: o medo. E máis precisamente, o medo ao descoñecido. Esta é a asimetría que sempre serviu para manter o estado actual de cousas, coa xente preferindo un desastre coñecido que unha esperanza descoñecida, e unha servitude á que están acostumados que unha liberación arriscada. A "catástrofe", velaí o destino prometido sistematicamente aos que se atrevan.

En DiEm hai tanta tendencia a invocar a apocalipse como en calquera outro lugar. "O cataclismo que suporía a saída do euro", como profetizaba o economista Julien Bayou. No primeiro ano da crise, os gregos foron alertados do "desastre" que lles agardaba se algunha vez tiñan a idea na cabeza de saíren. Pero como podemos chamar á situación á que foron abocados polas regras europeas, se non como.... un desastre? Un descenso do 25% do PIB, o 25% de paro, o 50% nos menores de 25 anos, unha situación da saúde en forte empeoramento, pobreza, suicidios etc. Non é isto, acaso, o modelo mesmo do desastre?

A gran forza da orde establecida é que permite aos desastres levárense a cabo dentro das regras e seguindo as convencións. Na realidade, mesmo o peor dos desastres nunca será definido coma "un desastre", xa que este termo está reservado para calquera experiencia alternativa e á primeira dificultade que esta encare. A orde establecida pode ter fracasado durante décadas, pero aínda así, calquera política que a rompa ten que trunfar ao principio, ou será xulgada como un "desastre". E, por suposto, isto sucede baixo a mirada distorsionante dos media, os certificadores asimétricos de "desastres".

Ben, si, todas as tentativas de transformación política en xeral, e o proxecto da saída do euro en particular, teñen que lidar coas suas consecuencias e, antes que nada, co medo; coa preferencia polo desastre coñecido. O corpo político ten que ser levado a un punto de crise intolerable antes de que abandone os seus vellos hábitos e tome camiños non coñecidos. Este punto de crise intolerable é o punto no que mesmo a asimetría se anula; o punto no que o coñecido é tan odiado que mesmo se prefire o decoñecido. Ninguén sabe onde se atopa ese punto; sen dúbida está moi distante, vendo que o pobo grego aínda non chegou a ese punto. Porén, non só os factores externos están reducindo a distancia entre nós e ese punto. O traballo político tamén ten o efecto de mover ese punto, facendo á xente ver a anormalidade do que a ideoloxía dominante toma por normalidade, o carácter desastroso do que se ten por habitual, e a continxencia do que se ten por natural. E, sobre todo, a posibilidade do que se ten por imposible.

Ademais, a mentira da "imposibilidade" nunca está tan finamente exposta como cando a orde establecida se sitúa nunha posición que, de súpeto, revoca as súas propias crenzas sobre o factible e o non factible para salvarse a si mesma do colapso. Así, no outono de 2008 vimos un sennúmero de medidas adoptadas que só uns poucos meses antes serían declaradas delirantes; medidas especiais para os bancos centrais, as masivas nacionalizacións rápidas, a amnesia repentina sobre a lexislación europea a respecto das axudas estatais etc. Pero se todo pode ser ollado de novo cando o sistema ten que salvarse a si mesmo, por que non pode selo cando o que necesitamos é dicirlle adeus?

jueves, 30 de julio de 2015

Anschluss. A anexión. Vladimiro Giacché [extractos]


Veñen a conto os extractos de Anschluss. A anexión. A unificación de Alemaña e o futuro de Europa, Vladimiro Giacché (2013) que publico a seguir, despois de ler a Yannis Varoufakis, o ex ministro de finanzas grego, citando á Treunhandanstalt -a axencia creada na Alemaña do leste para privatizar os activos públicos da antiga RDA- nos seus comentarios ao acordo do Eurogrupo asinado por Tsipras, concretamente na parte en que se esixe ao goberno grego a aceptación dun organismo xestionado pola troika para privatizar bens públicos do estado grego co fin de conseguir diñeiro para pagar a débeda.

*  *  *  *  *


Da unidade monetaria alemá á unidade monetaria europea 

A configuración actual do capitalismo europeo e o equilibrio de poder no seu interior é simplemente impensable sen a anexión da RDA. Por varias razóns.
A primeira é que grazas á incorporación da antiga RDA, Alemaña recuperou a centralidade xeopolítica (e xeoeconómica) no continente europeo que perdera en 1945 co resultado catastrófico da guerra de Hitler. E esta reconquista alterou o equilibrio en Europa.
A segunda razón é o vínculo entre a unidade alemá e a Unión Europea. É unha relación complexa e nalgúns aspectos contraditoria.
De feito, por unha banda a unidade alemá foi un acelerador formidable do proceso de integración europea. O 4 de outubro de 1990, non pasaran siquera 24 horas desde a proclamación solemne da unidade alemá, e xa o asesor do presidente francés Mitterrand, Jacques Attali, anotou no seu diario a decisión do presidente de “diluír” Alemaña na Unión Europea. O prezo que pagaría Alemaña pola súa unidade sería a integración europea, na que sería posible aproveitarse de Alemaña. A mesma moeda única europea concibiuse coma un anaco dese deseño.

Por outra banda, a unidade alemá e as súas consecuencias ralentizaron a integración europea e, en particular, a unión monetaria. De feito, foron as altas taxas de xuro impostas a Europa por Alemaña (co fin de atraer máis capital e financiar a unificación) as que causarán, en 1992, a brusca saída da lira (e da libra esterlina inglesa) do sistema monetario europeo.
A operación euro finalmente chegou a porto pero cos efectos contrarios aos agardados polo goberno francés: o Banco Central Europeo converteuse nunha especie de Bundesbank continental e a ortodoxia neoliberal (e mercantilista) alemá impúxose en toda Europa. Co euro, Alemaña foi capaz de tomar vantaxe da rixidez dos tipos de cambio, o que impediu aos países menos competitivos recuperar a competitividade a través da devaluación das súas moedas.
Con isto, chegamos ao que probablemente é o motivo actual de maior interese dese acontecemento que foi a unificación alemá: a forza do vínculo monetario e a súa potencia fundante do punto de vista da unión política. Alemaña, politicamente unida nace o día que logra a unión monetaria. O verdadeiro tratado de unificación de Alemaña é o que entrou en vigor o 1 de xullo de 1990 coa unión monetaria, o segundo tratado, aquel que deu lugar á unión política, o 3 de outubro dese ano, é simplemente consecuencia de aquel; e non por casualidade ambos estiveron tan próximos no tempo. Non é certo, logo, que a unión monetaria sexa unha unión débil. A cotío escoitamos que “En Europa só hai euro, carece de unión política”, pero, en realidade, o contrario é o certo. 

O euro e os desequilibrios en Europa 

A unión monetaria é, entre outras cousas, un vínculo que modifica o equilibrio de poder dentro da súa zona monetaria. A literatura apoloxética da moeda única indica, ademáis dos efectos agardados da moeda común, un reequilibrio entre os distintos territorios. Como vimos, non sucedeu así na Italia post-unidade e na Alemaña unida. E tampouco sucederá na Europa do euro. O que presenciamos nos últimos anos en Europa é moi significativo. Porque non só nega calquera suposta tendencia a equilibrar a zona monetaria senón que se observan, en diversos países europeos, inquietantes características comúns ás da economía da Alemaña do leste tras a introdución do marco. Neste caso, a dinámica acentuouse polo cambio irracional, o que exacerbou as características negativas da zona afectada. Pero se enumeramos os diferentes fenómenos que afectaron a eses países nos últimos anos da crise da eurozona, dámonos de conta de que son semellantes, aínda que dun xeito menos paroxístico: caída do produto interior bruto, desindustrialización, elevado desemprego, déficit comercial, crecemento da débeda pública, emigración.
En comparación coa antiga Alemaña do leste só falta un elemento: as transferencias desde o estranxeiro para equilibrar o desequilibrio da balanza exterior. É probable que continúen faltando, polo menos se se entende no sentido da axuda financeira directa de Alemaña aos outros estados. E, en efecto, como se observou, as transferencias realizadas a Alemaña do leste “non son a menor das explicacións da forte resistencia dos alemán a mostrar hoxe máis solidariedade cara aos países da zona euro que están en crise”, sobre todo porque o seu peso se percibe como maior do que realmente é.
É interesante apuntar como, antes da crise, as transferencias eran algo habitual en forma de préstamos concedidos polos bancos alemán (e franceses) aos países hoxe en crise. E foi precisamente este tipo de transferencias as que facían tolerable o déficit comercial destes países. De feito, con estes préstamos os bancos de Alemaña e Francia financiaban a compra de bens alemán e franceses en países como Grecia (sen excluír, como sabemos, custosos armamentos). Pero entre o 2008 e o 2009 a banca de Aleamaña e Francia, severamente golpeada pola primeira onda da crise (a etapa americana que culminou co colapso de Lehman Brothers), comezou a reducir a súa exposición á periferia da zona euro, o cal descubriu –e empeorou- a situación de desequilibrio no seu interior. En canto a Alemaña, os préstamos bancarios a países “periféricos” de Europa reducíronse á metade, desde un máximo de 600 mil millóns de euros en 2008 a 300 mil millóns a finais de 2012.

Pero a decadencia desas transferencias non creou os desequilibrios, só os fixo evidentes. Quen creou, polo tanto, os desequilibrios en Europa? A resposta é que eses desequilibrios eran en parte preexistentes á unión monetaria e en parte foron agravados pola propia unión monetaria que eliminou un elemento de flexibilidade e de adaptación importante para as economías máis débiles da eurozona. Neste caso, faltaba o elemento de sobrevaloración anormal da moeda máis débil existente na Alemaña do leste, porén a unión monetaria representou unha apreciación relativa para os países que tiñan moedas máis débiles (como Italia coa lira) e unha devaluación para os países que tiñan as moedas máis fortes (como o caos de Alemaña cunha devaluación de arredor do 20%). Os negociadores italianos recordan agora con que furia tentou manter o valor da lira o máis alto posible o, por entón, presidente do Bundesbank Tietmeyer (ex negociador da unión monetaria alemá). En todo caso, en relación ao euro, o elemento clave non é o tipo de cambio que levou á moeda única, senón a propia creación da moeda única.
Aínda máis, en relación coas cifras dramáticas da economía na antiga RDA nos anos inmediatamente posteriores á unificación, citouse que estes eran os resultados lóxicos da “anexión sen preparar dunha zona con baixa produtividade económica por un territorio moi desenvolvido”. A evolución da crise europea, neste último ano, obríganos a preguntarnos se a unión monetaria europea non replicou o mesmo mecanismo, cos mesmos resultados a unha escala moito maior (continental), aínda que en proporcións menos estremas. A resposta, por desgraza, é afirmativa. Isto é unha refutación dos que viron a unión monetaria, precisamente, como a ferramenta para corrixir os desequilibrios. Polo contrario, despois de case que 15 anos do inicio do experimento, os datos son irrefutables. (…) 

"Modelo Alemaña” para Europa? 

É neste contexto que debe ser xulgada a actitude do stablishment alemán nos últimos anos. O xuízo debe ser severo. Pero debe, antes diso, mover a unha constatación: o modelo adoptado na Europa de hoxe non é diferente ao adoptado hai 20 anos coa Alemaña do Leste. En 1990, Kohl e Schäuble esixiron a Alemaña do Leste a transferencia unilateral de soberanía política e a transferencia do seu patrimonio público á Treuhandanstalt como prenda para recibir o regalo do “marco”; hoxe, Merkel e Schäuble pídenlles aos países europeos en crise o mesmo. En primeiro lugar, esixe a cesión cada vez máis estrita de dereitos sobre os orzamentos públicos, pero non falan de confiar ao BCE a supervisión dos bancos –o que permitiría ás autoridades europeas meter o nariz no opaco sector bancario alemán-; de feito, é Schäuble en persoa quen pide (con éxito) limitar o número de bancos supervisados a nivel europeo e para reducir a velocidade de todo o proceso. En segundo lugar, como vimos, mesmo pretenden a transferencia de activos públicos dos países en crise a terceiras instancias, non suxeitas ao control dos parlamentos, coma o Treuhand (a institución que privatizou toda a economía de Alemaña do Leste) e dotados de poder para privatizar a propiedade pública como garantía dos préstamos recibidos.

O xogo é sempre o mesmo. E tamén o estilo, “a tendencia á totalidade”, que un Honecker no cárcere discerniu como a característica constante dos expoñentes do capital alemán -ou, se se prefire, do stablishment dese país- que, como xa vimos, volver a campar nos últimos meses. Ademais do uso, preto do cinismo, das relación de forza, rexeitando calquera acordo aceptable, a convicción total na absoluta superioridade do punto de vista e, en especial, a feroz defensa dos intereses dos seus bancos e das súas grandes empresas. Esta é a actitude de quen pode gañar moitas batallas pero remata perdendo a guerra. Gañar ao grande é moito máis difícil que simplemente gañar.

http://temi.repubblica.it/micromega-online/il-sud-europa-fara-la-fine-della-ddr/?printpage=undefined

sábado, 2 de mayo de 2015

Facer causa común con Grecia. Cédric Durand, Stathis Kouvélakis, Razmig Keucheyan


A chegada ao poder de Syriza en Grecia, a finais de xaneiro, refutou, finalmente, o argumento de que é posible implementar unha alternativa ao neoliberalismo no marco da Unión Europea. Os tratados da UE son neoliberais no seu propio ADN. Desde a Acta Única Europea de 1986, e mesmo desde antes desa data, tivemos probas constantes do ADN neoliberal da UE e, mesmo, do seu endurecemento. Ata agora, a hexemonía ilimitada do neoliberalismo podería atribuirse a este ou aquel goberno: deste punto de vista, a razón pola que as políticas neoliberais imperaron en toda Europa debíase a que François Hollande, ou Matteo Renzi, ou calquera outro socioliberal, traizoara os seus compromisos de campaña reorientando as políticas europeas.



Pero con Syriza, este argumento colapsou. Despois de todo, Alexis Tsipras e Yanis Varoufakis traballaron con bastante convencemento para tentar traer unha mudanza a escala continental; pero en van. Desde o 4 de febreiro, o Banco Central Europeo cortou a principal fonte de financiamento do sistema bancario grego, mentres que os pagos da propia Europa se romperan xa no verán de 2014. O nó está a apretar, empurrando o país a unha quebra desordeada e ao caos, a menos que, por suposto, acepte os termos humillantes impostos pola UE.



Conclusión? Que a alternativa ao neoliberalismo debe proceder pola vía da ruptura do marco europeo e, polo tanto (podía ser doutro xeito?) de que Grecia abandone a Eurozona. Calquera media básica de autodefensa que leve a cabo o goberno Syriza fronte a tanta agresión por parte da UE e do BCE, sexa o impago da débeda ou a nacionalización do sector público, vaina colocar fóra do euro. E, por suposto, unha ruptura non sería panacea ningunha. Non hai boas solucións para Grecia, só hai solucións menos malas. Pero a ruptura coa UE contén a posibilidade dun renacemento deste heroico pobo, que nos últimos anos foi sometido á tortura dunha austeridades sen precedentes.


Esta serie de feitos poñen algo máis en evidencia: a debilidade do apoio a Syriza noutras partes do continente e, en primeiro lugar, noutros gobernos do sur de Europa. Poderiamos lembrar que a primeira viaxe de Tsipras ao extranxeiro, a principios de febreiro, foi a París; pero François Hollande non fixo nada para acudir na súa axuda. Pagará a pena lembrar isto cando chegue o momento de avaliar o desastroso paso do presidente francés polo goberno, nas próximas eleccións, cando o Partido Socialista insista na necesidade da “unidade da esquerda”.


O máis tráxico é que Tsipras non só non obtivo o apoio do gobernó francés, senón que tampouco o tivo dos movementos sociais e sindicais do país. A maior manifestación de Francia en apoio de Grecia, que tivo lugar a mediados de febreiro, reuníu a máis de cinco mil persoas; as centrais sindicais estiveron case austentes. Isto é realmente vergoñento. Esta falta de apoio a Syriza demostra o debilitamento da consciencia internacionalista no continente e, en particular, no movemento obreiro francés. O internacionalismo non é unha cuestión de apoio á “causa doutra persoa” por altruismo ou deber moral, senón de entender que os intereses das clases populares de Francia e Grecia están ligados; entre outras cousas porque teñen inimigos comúns. Pode alguén realmente pensar que a aplicación dunha alternativa á austeridade en Grecia non terá repercursións para Francia, cando isto pode tamén significar cambiar o equilibrio de forzas políticas e sociais?

Estas políticas ofrecerían ao movemento sindical francés unha poderosa panca para saíren do seu letargo actual e da súa incapacidade para organizar a resistencia ás políticas do goberno de Manuel Valls. As clases dominantes europeas teñen unha visión clara disto, algo que o movemento obreiro semella non ter. Os esforzos daquela, do BCE para abaixo, están dirixidos a un único obxectivo: humillar ao goberno de Syriza e obrigalo a renegar do seu mandato popular. Trátase de non deixar ningún oco electoral que rache co monopolio do extremo centro. O que tratan de salvar é nada menos que a doutrina de Margaret Thatcher de que “non hai alternativa”.


Os prazos de pagamento da débeda de Grecia chegarán á súa fin o próximo mes e a perspectiva do país de saír da zona euro, dunha maneira máis ou menos desordeada, formularase dun xeito cada vez máis claro. O movemento sindical francés figura entre os principais actores, no ámbito europeo, do drama que seguirá a partir disto, tanto como o goberno alemán, o BCE ou os “homes de negro” do FMI. As mobilizacións que poderían poñer en marcha en solidariedade co pobo grego poderían mudar o panorama estratéxico mesmo na propia Francia.


En tal escenario, entón, a hostilidade das clases populares co sistema actual podería conducir a algún resultado que non sexa o de dar máis votos á Fronte Nacional. Converteríase en internacionalista de novo, é dicir, capaz de identificar a resistencia doutro pobo como unha causa que é tamén totalmente propia.

Fonte: http://www.versobooks.com/blogs/1969-durand-kouvelakis-and-keucheyan-make-common-cause-with-greece

jueves, 16 de abril de 2015

Grecia: por que alguén ten que ceder. Paul Mason


Recibín un correo electrónico esta semana no que se predicía que Grecia podería entrar en “arrebato” [o orixinal inglés fai un xogo de palabras entre rupture e rapture] co BCE xa o 24 de abril. O que o meu informante quería dicir era “ruptura”, pero canto máis nos achegamos ao evento, máis penso na palabra “arrebato” para describir o que realmente pode suceder.

Se o goberno de estrema esquerda reamata nun punto morto cos acredores antes de finais de abril, o que leva consigo a quebra e unha posible saída da eurozona, o “arrebato” segúndo os fundamentalistas cristiáns –un final catastrófico no que a metade da raza humana ascende ao aire de súpeto- podería ser unha boa metáfora.

Para unha parte do partido no poder, Syriza, isto sería unha sorte de autovindicación. Para outra, a condenación. E para o pobo grego, cuxo 80 por cento quere estar no euro a calquera custe, ben podería ser o final do mundo tal e como o coñecemos.

Pero tras tres semanas de negociacións, o 24 de abril comeza a parecer unha data límite. Nikos Theocharakis, cabeza visible da política fiscal no ministerio de finanzas grego, dixo que informou aos negociadores do eurogrupo que Grecia podería quedar sen cartos a partir desa data.

Comecemos cos números crus. Grecia non pode pedir prestado dos mercados mundiais debido a que a súa débeda de 320 mil millóns de euros é, penso que con razón, vista como impagable. Ningún nivel de austeridade soportado pola sociedade grega podería pagar esa débeda.

Así que Grecia trata de sobrevivir mediante a consecución dun pequeno superavit orzamental; é dicir, cada ano o goberno trata de aforrar o 1,5% do PIB gastando menos do que recada vía impostos.

O problema número un é que, despois de “logralo” xusto despois das eleccións, os números do goberno conservador resultaron ser falsos.

O problema número dous é que, coa fuxida de capitais despois de que o BCE sacase a liña crédito a Grecia, suprimiuse a actividade económica e colapsou o comercio exterior. Os ingresos tributarios caeron en xaneiro e en febreiro, e aínda que semelle que melloraron en marzo, isto debeuse principalmente a medidas excepcionais: ofertas de liquidación anticipada en impostos atrasados e unha gran suma procedente dos bancos.

Así que semana a semana o estado grego ten que pagar salarios e pensións cun pequeno superavit e está recorrendo ás reservas de efectivo de varios organismos públicos para manterse a flote.

O problema número tres consiste en que, mesmo que consiga pequenos superavits cada mes, o estado grego ten que afrontar 15 mil millóns de débeda este ano, moita dela en forma de pagarés de curto prazo que os seus bancos normalmente poderían mercar, pero cuxa capacidade de compra de débeda a curto prazo foi cortada polo BCE.
Espazo para o acordo

Ao longo de toda a crise o tempo xogou a favor dos acredores de Grecia e dos opositores de Syriza. Cando o BCE quitou as liñas normais de crédito e bloqueou os préstamos de emerxencia en febreiro, fíxoo para acelerar a retirada masiva de depósitos que comezara o último mes do antigo goberno. Isto forzou ao ministro de finanzas Yanis Varoufakis, na reunión do Eurogrupo do 20 de febreiro, a unha rebaixa (pero non total) do programa antiausteridade.

Desde entón, o obxectivo de Varoufakis foi demostrar que hai unha versión de esquerdas de reformas estruturais antiausteridade aceptable para os acredores, que lles permitan liberar os 7 mil millóns de euros en préstamos que están a reter. Pero mesmo así, isto só sería o preludio das discusións sobre como reprogramar os 320 mil millóns de euros de débeda grega.

O último intento, en forma dun documento de 26 páxinas en inglés, considerábase que proporcionaba razóns creíbles para acadar dito acordo, pero a cuestión xa non ten que ver coa credibilidade fiscal.

A maioría pro-euro en Syriza calculou mal sistematicamente a oposición á que se enfronta dentro da zona euro. Ten do seu lado aos EEUU e a Francia e a Italia facendo algúns ruídos de simpatía, pero todo isto é superado por unha coalición de países a favor da austeridade arredor de Alemaña que continuamente bloquea calquera tentativa de negociar un compromiso por parte da Comisión Europea.

Así, cada vez que semella haber un acordo sólido, Alemaña e os seus aliados históricos, que datan da segunda guerra mundial, bloquéano, sexa no BCE ou no Eurogrupo.

“Calexón sen saída”

A profundidade do apego de Syriza ao euro demostrouse cando o seu gurú económico, Euclides Tsakalotos, se dirixiu a parlamentarios en Westminster o mes pasado. Ante o estímulo para abandonar o euro por parte de parlamentarios da esquerda laborista,  Tsakalotos sinalou a experiencia da esquerda británica e francesa nos anos 80 co que chamou o “calexón sen saída” da solucións económicas nacionais.

Polo tanto, os líderes de Syriza están casados coa zona euro pero a zona euro está configurada actualmente para esmagar a Syriza.

Coa desaleración do crecemento e os ingresos fiscais irregulares, isto non pode durar para sempre.

As grandes empresas en Grecia non son tan hostiles a Syriza como se podería pensar. Moitos grandes empresarios ven as “mans limpas” do partido como as únicas que poden esganar o nepotismo e a corrupción que arruinou a economía grega durante décadas. Engadido a isto existe unha ala de conservadores gregos arredor da dinastía Karamanlis que está, díxome un exdeputado aliñado con eles, “preparada para axudar a Syriza”.

Se se lle engade o pequeno partido de centro esquerda Potami e o novo partido formado polo ex primeiro ministro George Papandreou, está clara a base para un “goberno de centro-esquerda”, dirixido por Syriza a modo de goberno de unidade nacional e arredor dun programa esencialmente ditado por Berlín, pero con certa flexibilidade para calmar aos membros e votantes de Syriza.

Esta é a estratexia emerxente do centro esquerda e da comunidade empresarial grega con vínculos globais. E o desexo pola mesma agudizouse cando Syriza foi empurrada á colaboración económica con Rusia, Irán, Azerbaián e China.

Obrigar a unha división

Pero a esquerda de Syriza é forte. A Plataforma de esquerda, encabezada polo ministro de enerxía, Lafazanis, é fortemente antieuro e sente que os acontecementos lle dan a razón. Trátase, basicamente, do que queda do comunismo con vínculos moscovitas e da estrema esquerda dentro de Syriza pero, na última votación interna, unironselles outros esquerdistas máis modernos e “horizontais”, co que conseguiron que un 41% votase en contra do acordo feito por Varoufakis en febreiro.

Así que cada vez hai máis presión, dentro e fóra, para forzar unha división en Syriza que faga que a Plataforma de esquerda deixe o grupo parlamentario e Tsipras estea obrigado a depender do centro-esquerda e da ala conservadora de Karamanlis para acadar calquera acordo no parlamento heleno.

Pero hai unha terceira forza que os editorialistas dos diarios financeiros tenden a esquecer cando ven a Grecia maniatada entre Berlín e Moscú: o propio pobo grego.

Até o de agora este estivo moi tranquilo. Os chamados “movementos sociais” –sindicatos, grupos antifascistas, bancos de alimentos, asembleas locais e similares- estaban, como me dixo un activista veterano, “esgotados” no tempo en que Syriza chegaba ao poder. A partir de entón estiveron hipnotizados pola aparición dun novo tipo de política no parlamento: a promesa de combater a corrupción, o comité para xulgar a legalidade do rescate de 2011, a desaparición dos gases lacrimóxenos no armamento da policía antidisturbios, a liberación lenta de inmigrates procedentes de campamentos do exército…

O aumento da frustración

Aqueles cos que falei este mes comentan a crecente frustración  con Syriza dos activistas e simpatizantes a respecto do drama oculto que ten lugar en Bruxelas. Entrementres, os diversos líderes dos ministerios de Syriza aínda están a loitar por tomar o control e mesmo por ter información axeitada. A presidenta do parlamento, Zoe Konstantopoulou, abriu as portas aos activistas antiracistas nunha manifestación recente. Pero a coreografía fóra da residencia do primeiro ministro é a dunha xestión da crise febril.

Mesmo se se está dentro, recibindo unha mensaxe cada 10 minutos de alguén que sabe o que está a suceder, a atmosfera de crise pode ser esgotadora. Para os que están nas rúas e nos cafés, vendo que todo sucede más alá do seu control, estase volvendo extenuante.

Nestes momentos históricos ás veces todo se reduce aos individuos. O desexo de Varoufakis –pro-EEUU, educado en occidente e non membro aínda de Syriza-, tal como me dixo en febreiro, é ser “o último en deixar o euro”. Así que se chega o momento en que el teña que mudar da conciliación á supervivencia poderemos estar seguros de que todas as vías están esgotadas. Pero, como me dixo xusto antes das eleccións, cre que un euro sen reformar colapsará en dous anos.

Publicamente Varoufakis adoptou un ton non só de conciliación senón tamén de reconstrución coa eurozona. En privado, porén, os seus asesores –e estes son algunhas das persoas máis centristas dentro de Syriza- están conmocionados co nivel de hostilidade que coñeceron dentro da zona euro.

Esa ala de Syriza que é basicamente socialdemócrata estaba existencialmente unida ao euro. Agora a crenza existencial no euro está a ser sacudida. E o perigo para a eurozona é que este mesmo proceso se replique en todo un pobo se a evidencia é esmagadoramente convincente.

Se se presiona até o límite –sexa polo fracaso dunha subasta de débeda a curto prazo ou polo simple non pagamento das facturas- Varoufakis non terá problemas en desencadear controis de capitais, impostos de emerxencia ás grandes empresas e a inauguración dunha segunda moeda.

A economía no caos

Chegados a ese punto, será cuestión da eurozona reaccionar ou non. Pero se sobe a aposta existen poderosas armas no arsenal grego: os 80 mil millóns de euros que debe á eurozona a través do sistema Target 2 que, tal como indicou Ambrose Evans Pitchard, non están protexidos. E despois as débedas que ten co BCE.

Grecia tentaría, nun primeiro momento, quebrar sen saír da zona euro. Pero a quebra levaría a política e a economía europea ao caos. A xa deflaccionaria e semiestancada eurozona tería que enfrontar outros 12-18 meses co botón de pausa até que o sistema bancario absorvese a quebra grega.

Así que nas próximas dúas semanas hai un maior perigo de “Graccidente” –unha quebra parcial non causada pola estratexia de Syriza senón polo erro de cálculo do BCE a respecto da provisión de osíxeno financeiro aos bancos gregos, ou por non poder afrontar os recibos semanais o ministerio de facenda.

Os gregos acudiron esta fin de semana ás igrexas para celebrar a pascua ortodoxa. Alexis Tsipras, aínda cunha popularidade do 71%, aproveitou a ocasión para falar de renacemento e renovación. Porén, para algúns, a resposta ao saúdo “Cristo resucitou” foi bromear dicindo “Mándao a Bruxelas a negociar”.

Rematada a pausa da pascua, as negociacións aproxímanse a un momento crucial.

Se Grecia é forzada a unha quebra accidental, o dano ao proxecto do euro e á imaxe da UE sería total. Un banco central colaborando coa quebra dos bancos que debe supervisar e desexando a ruptura da unión monetaria que se supón que debe regrar mancharía a reputación do BCE por unha década.



Orixinal: http://blogs.channel4.com/paul-mason-blog/syriza-verge-nervous-breakdown/3571

lunes, 2 de marzo de 2015

Para vencer á austeridade Grecia debe rachar co euro. Costas Lapavitsas


O acordo asinado entre Grecia e a UE tras semanas de intensas negociacións é un compromiso acadado baixo coacción económica. O seu único mérito para Grecia é manter o goberno de Syriza vivo para volver loitar noutra ocasión. E ese día non está lonxe. Grecia terá que negociar un acordo de financiamento de longo prazo en xuño e agosto. Nos vindeiros catro meses, o goberno terá que actuar conxuntamente para salvar eses obstáculos e aplicar o seu programa radical. A esquerda europea ten grande interese no éxito grego se este serve para facer retroceder ás forzas da austeridade que están a esganar o continente.

En febreiro, o equipo negociador grego caeu nunha trampa dobre. Por unha banda estaba a dependencia dos bancos gregos da liquidez do BCE, sen a cal deixarían de funcionar. Mario Draghi, presidente do BCE, meteu máis presión estreitando os termos da provisión de liquidez. Preocupado polos acontecementos, os depositantes retiraron fondos; cara o final das negociacións os bancos gregos estaban a perder mil millóns de euros de liquidez por día.

Por outra banda, estaba a necesidade de financiación do estado grego para atender as débedas e pagar os salarios. Estando en curso as negociacións, os fondos escasearon máis. A UE, liderada por Alemaña, cinicamente agardou até que a presión sobre os bancos gregos chegara ao punto culminante. Pola tarde do venres 20 de febreiro o goberno de Syriza tivo que aceptar un acordo ou se enfrontaba a condicións financeiras caóticas na semana seguinte, algo para o que en absoluto estaba preparado.

O acordo resultante ampliou o acordo de préstamo a Grecia a catro meses de financiación garantida, suxeita a revisión periódica polas “institucións”; é dicir, pola Comisión Europea, o BCE e o FMI. O país viuse obrigado a declarar que vai cumprir con todas as obrigas fronte aos seus acredores “plenamente e en prazo”.

Ademais, terá como obxectivo lograr superávits primarios “apropiados”; desistir de accións unilaterais que “afecten negativamente os obxectivos fiscais”; e levar a cabo “reformas” que van en contra dos compromisos de Syriza de baixar impostos, aumentar o salario mínimo, reverter as privatizacións e aliviar a crise humanitaria.

En suma, o goberno de Syriza pagou un prezo moi alto para seguir con vida. As cousas poranse aínda máis difíciles polo lamentable estado da economía grega. O crecemento en 2014 foi un mísero 0,7%, mentres que o PIB contraeuse durante o último trimestre. A produción industrial reduciuse un 3,8% máis en decembro e mesmo as vendas ao por menor diminuíron un 3,7%, a pesar do Nadal. O indicativo máis preocupante, porén, é a caída dos prezos nun 2,8% en xaneiro. Esta é unha economía en espiral deflacionaria sen ningunha ou pouca dirección posible.

Os próximos catro meses serán un período de constante loita para Syriza. Hai poucas dúbidas de que o goberno se enfrontará a grandes dificultades para pasar a revisión de abril realizada polas “institucións” e lograr a liberación dos moi necesarios fondos. De feito, é tan grave a situación fiscal que os acontecementos poderían precipitarse aínda máis rápido.

Os ingresos tributarios estanse esboroando, en parte porque a economía está conxelada e en parte porque a xente está retendo o pagamento ante a expectativa de alivio da carga fiscal extraordinaria dos últimos anos. Os fondos públicos veranse sometidos a unha presión considerable xa en marzo, cando haberá que facer pagamentos importantes de débeda.

Pero aínda supoñendo que o goberno navegue con éxito estes estreitos, en xuño Grecia terá que volver entrar en negociacións coa UE para un acordo de financiamento de longo prazo. A trampa de febreiro está aínda moi presente e lista para xurdir de novo.

Que debemos nós, como Syriza, facer e como podería a esquerda de toda Europa axudar? O paso máis importante é darse de conta de que a estratexia da esperanza de lograr un gran cambio radical no marco institucional da moeda común chegou á súa fin. A estratexia deunos éxito electoral coa promesa de liberar ao pobo grego da austeridade sen ter que soportar a saída da eurozona. Por desgraza, os acontecementos demostraron, fóra de toda dúbida, que isto é imposible, e é hora de que recoñezamos a realidade.

Para que Syriza evite o colapso ou a entrega total debe ser autenticamente radical. A nosa forza radica exclusivamente no tremendo apoio popular que aínda gozamos. O goberno debe implementar rapidamente medidas para aliviar aos traballadores das tremendas presións dos últimos anos: prohibir as execucións hipotecarias, condonar a débeda interna, volver a conectar ás familias á rede eléctrica, aumentar o salario mínimo, deter as privatizacións. Este é o programa polo que fomos elixidos. As metas fiscais e a supervisión por parte das “institucións” deben ser algo secundario nos nosos cálculos, se pretendemos manter o apoio popular.

Ao mesmo tempo, o noso goberno debe enfocar as negociacións de xuño cun marco mental moi diferente ao de febreiro. A eurozona non pode ser reformada e non se converterá nunha “amable” unión monetaria que apoie á clase traballadora. Grecia debe poñer unha ampla gama de opcións sobre a mesa, debe estar preparada para medidas extraordinarias de liquidez e debe saber que poderá manexar calquera eventualidade se a súa xente está preparada. Despois de todo, a UE xa creou o desastre neste país.

Syriza podería gañar o auxilio da esquerda europea, pero só se a esquerda sacode as súas propias ilusións e comeza a propor políticas sensatas que poidan liberar a Europa do absurdo en que se converteu a moeda común. Neste caso, podería haber unha posibilidade de rematar coa austeridade en todo o continente. Temos moi pouco tempo.

lunes, 23 de febrero de 2015

Cinco preguntas que precisan resposta. Costas Lapavitsas

O Acordo do Eurogrupo aínda non concluíu, en parte porque aínda non sabemos que “reformas” proporá o goberno grego hoxe (luns 23 de febreiro) e cales desas serán aceptadas. Porén, aqueles de nós que fomos elixidos en base ao programa de Syriza e que viamos os anuncios feitos en Tesalónica [Programa de Tesalónica] como as promesas que fixemos ao pobo grego, estamos profundamente preocupados. Polo que temos o deber de compartir estas preocupacións

O programa xeral do acordo consiste no que segue:

Grecia pide a prórroga do actual préstamo, o cal está baseado nunha serie de compromisos.
O obxectivo desta ampliación é permitir a conclusión do acordo actual e dar tempo para un posible novo acordo.
Grecia presentará inmediatamente unha lista de “reformas” que serán avaliadas polas “institucións” en abril. Se a avaliación é positiva, entón o diñeiro que aínda non se concedeu no actual acordo será entregado xunto cos rendementos dos ingresos do BCE.
Os fondos actuais do HFSF [Hellenic Financial Stability Fund] serán usados exclusivamente para as necesidades dos bancos e estarán fóra de control grego.
Grecia comprométese a cumprir plenamente e sen demora todas as súas obrigas financeiras para cos seus socios.
Grecia comprométese a ter superávits primarios “adecuados” para garantir a sostibilidade da débeda sobre a base das decisións do Eurogrupo en novembro de 2012. O superávit para 2015 terá en conta as circunstancias económicas de 2015.
Grecia non retirará medidas, ni cometerá cambios unilaterais que poidan ter un efecto negativo nos obxectivos fiscais, na recuperación da economía ou na estabilidade financeira, xa que serán avaliados polas “institucións”.

Sobre esta base, o Eurogrupo comezará os procedementos nacionais para a extensión de catro meses do acordo actual e pide ao goberno grego comezar con celeridade o proceso para que a avaliación sexa exitosa.

É difícil que alguén poida considerar que os anuncios de Tesalónica –que inclúen a condonación da maior parte da débeda e a substitución directa dos Memorandos de Entendemento (MOU)- poidan ser implementados tras este acordo. Os que fomos escollidos en Syriza prometemos que iamos continuar coa implementación do Plan Nacional, independentemente das negociacións da débeda, xa que consideramos que é necesario para a reactivación da economía e o alivio social. É preciso, polo tanto, explicar como se implementará aquel e como poderá o novo goberno mudar a tráxica situación herdada.

Para ser máis concretos, o Plan Nacional incluía catro peares cos seguintes custes durante o primeiro ano:

Afrontar a crise humanitaria (1,9 mil millóns de euros).
Reactivar a economía con recortes de impostos, creación de “préstamos vermellos”, creación dun Banco para o Crecemento, aumento do salario mínimo de 751 euros (total de 6, 5 mil millóns de euros).
Programa de Emprego Público para crear 300.000 novos postos de traballo (3 mil millóns de euros o primeiro ano e 2 mil millóns de euros o segundo).
Transformación do sistema político con intervencións nos gobernos locais e no parlamento.

As fontes de financiamento, tamén para o primeiro ano, calculáronse do seguinte xeito:

Eliminación das débedas pendentes coa autoridade fiscal (3 mil millóns de euros).
Loita contra a evasión fiscal e o contrabando (3 mil millóns de euros).
HFSF (3 mil millóns de euros)
ESPA e outros programas europeos (3 mil millóns de euros).

Dado o acordo co Eurogrupo, pregunto:

Plan Nacional para a Reconstrución

Como se financiará cando os 3 mil millóns de euros do HFSF quedan fóra do control do goberno grego? Quitando eses fondos, necesítanse recadar grandes sumas provenientes da evasión fiscal e da resolución de débedas nun período de tempo moi breve. Como de realista é esta perspectiva?

Condonación da débeda

Como se procederá a acabar coa débeda cando Grecia se compromete a completar totalmente e sen demora todas as súas obrigas financeiras cos seus socios?

Fin da austeridade

Como chegará a fin da austeridade cando Grecia se compromete a acadar os superávits primarios “apropiados” para que a débeda sexa “sostible”? A “sostenibilidade” da débeda –tal como adoitaba estimala a Troika- foi xusto a casua desta procura irracional de superávits primarios. Dado que a débeda non baixará substancialmente, como se impedirá que continúen os superávits primarios catastróficos para a economía grega e que constitúen a esencia da austeridade?

Seguemento e custe fiscal

Como vai existir calquera cambio progresista no país se as “institucións” van execer unha vixilancia severa e van prohibir movementos unilaterais? Permitirán as “institucións” implementar os peares de Tesalónica, dado o coste adicional directo ou indirecto que implican?

A futura negociación

Que vai mudar exactamente nos próximos catro meses que dura esta "extensión”, para que a nova negociación cos nosos socios se vaia dar nunha mellor posición? Que vai frear o empeoramento da situación política, económica e social no noso país?

Estes intres son absolutamente cruciais para a sociedade, a nación, e, por suposto, para a esquerda. A lexitimidade democrática do goberno baséase no programa de Syriza. Como mínimo, necesítase un debate aberto dentro do partido e do grupo parlamentario. É preciso dar respostas fundamentadas inmediatamente a estas preguntas co fin de conservar o grande apoio e o dinamismo que nos otorgou o pobo grego. As respostas que se dean no tempo vindeiro decidirán o futuro do noso país e da sociedade.

Orixinal: https://greekanalyst.wordpress.com/2015/02/23/the-scathing-letter-of-syriza-mp-and-economist-costas-lapavitsas/

jueves, 19 de febrero de 2015

Está Syriza de retirada? Stathis Kouvelakis


Por usar un termo gastado, “os tempos son críticos”. De feito, son máis ca iso: estamos ao borde dunha secuencia temporal crucial. Todo o esforzo do goberno de Syriza será xulgado pola reacción ante unha chantaxe e ultimatums sen precedentes recibidos por parte dous seus traxicamente chamados “socios” europeos.
E as novas que chegan da liña do fronte non son agradables. É moi difícil ter unha visión clara do actual estado das negociacións –“negociacións” que son un oxímoro dada a grande asimetría na relación de forzas e o feito de que unha das partes (o BCE) ten unha arma apuntando á cabeza.

O que está claro, porén, é que o goberno grego deu marcha atrás en aspectos cruciais, especialmente no que ten que ver cos seus compromisos coa xente que o levou ás institucións.

Antes de examinar a fondo a substancia da solicitude de extensión do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira presentada o mércores polo goberno grego a Bruxelas, botemos unha ollada máis de preto ao “documento Moscovici” filtrado polo goberno grego durante a reunión do Eurogrupo do pasado luns, que ademais declarou estar disposto a asinar.

Este documento descarta calquera “acción unilateral”, establece un superávit primario dun volume non definido como obxectivo orzamental e recoñece a totalidade da débeda. Todos os futuros axustes que se fagan a respecto da reestruturación da débeda terán que ser levados a cabo de acordo coas decisións de 2012 do Eurogrupo.

En esencia, a aplicación das medidas fundamentais do programa electoral de Salónica de Syriza están suxeitas á aprobación previa dos prestamistas, o que conleva a posible anulación do programa. Ademais recoñece os termos odiosos dos acordos de préstamo, polo que debilita aínda máis a posición grega na materia. É obvio que ao aceptar tal marco coma un suposto “compromiso de honor” o goberno de Syriza terá as mans atadas.

A solicitude de prórroga do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira inclúe todos os puntos mencionados e a isto engádese, por primeira vez, o recoñecemento da “supervisión pola [Unión Europea] e o BCE e, no mesmo sentido, polo Fondo Monetario Internacional, o tempo que dure o acordo ampliado (punto f)”. Noutras palabras, a troika está de volta pero cun nome diferente. Os medios gregos xa comezaron a falar de “As Institucións”.

Pero mesmo todo isto é insuficiente para a UE e para o ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble. Tras comprender que a parte grega –desexosa de evitar calquera ruptura e mesmo calquera medida unilateral- está nun constante camiño de retirada, os “socios” optaron pola rendición total coma o seu obxectivo principal.

Ensinando ao goberno grego unha lección, emiten simultaneamente unha advertencia a Podemos e a calquera outra forza en Europa que pretenda desafiar a austeridade, os memorandos e a servidume das débedas. O lado alemán rexeitou a solicitude grega do Acordo Mestre de Facilicitación de Asistencia Financiera, ao parecer, co obxectivo de obter máis concesións gregas e a total humillación do goberno de esquerdas grego.

E nisto é onde, quizais, se atope a nosa esperanza. Non pode descartarse que a escalada nas demandas da UE e dos prestamistas serán rexeitadas por un goberno que contraíu ca súa xente algúns compromisos básicos. E, máis importante, que serán rexeitados pola xente que está comezando a ter esperanza de novo e que está tomando as rúas e prazas do país. A retirada non debe considerarse algo inevitable e o goberno grego merece o apoio na medida en que se manteña firme na guerra desatada contra el.

Calquera que sexa a conclusión, unha cousa é certa: todos os argumentos tranquilizadores que circularon nos últimos anos sobre un “bluff” europeo, sobre a posibilidade de derrotar a austeridade no marco da zona euro, sobre abandonar os acordos de préstamo e os memorandos, sobre solucións como a da Conferencia de Londres de 1953 sobre a débeda alemá (é dicir, unha reestruturación favorable ao prestatario acordada co prestamista); noutras palabras, todos os elementos constitutivos da narrativa do “bo euro”, derrubáronse.

Nalgún momento deberánsenos dar explicacións sobre isto tamén.

Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/greece-syriza-backtrack-europe-negotiations/

jueves, 12 de febrero de 2015

Xogando co euro. Nantina Vgontzas


Tras só unhas semanas no poder, Syriza xa probou a intransixencia dos seus acredores, agora convertidos en negociadores. A semana pasada, o BCE dixo que rexeitaría os bonos soberanos gregos como colaterais, facendo que os bancos gregos dependan da Asistencia de Liquidez de Emerxencia (ALE).

É esta unha desagradable chantaxe. En teoría a ALE podería ser retirada en calquera momento, poñendo ao novo goberno de xeonllos. Pero tendo en conta os intereses xerais do xogo é difícil imaxinar que un escenario coma ese chegase a materializarse.

Sen dúbida, Syriza afronta as negociacións coa UE e o BCE dende unha posición de debilidade. Pero o dilema que enfrontan os círculos dominantes europeos non pode ser subestimado. Posto que nas próximas semanas e meses abundarán as promesas e as ameazas, será importante entender a finalidade do xogo das distintas forzas que agora están a xogar á galiña.

A UE e o BCE poderían concordar en cancelar a débeda grega, pero isto podería crear unha fenda para que outros países cuestionen os termos das súas propias débedas soberanas. Ou poderían xogar duro botando a Grecia da eurozona, o que ameazaría cun risco de efecto dominó diferente se outras economías tamén considerasen a opción da saída e o default. A situación, dende logo, é volátil de máis para poder predecir o resultado. Podemos agardar que a UE e o BCE sigan levando as negociacións até o estremo, causando todo tipo de estragos económicos e políticos. Pero en última instancia, a elite europea, e sobre todo a alemá, preferirían ter unha unión monetaria con algún tipo de reestruturación da débeda que ningunha unión en absoluto. Velaquí a potencia da panca grega.

Por que a elite alemá preferiría optar pola eurozona e non por buscar, simplemente, o xeito de colapsar a zona euro no seu beneficio? Por que preservar a unión monetaria se a esquerda é quen de moverse dentro das súas estruturas? Se xogan ben, Syriza e aliados emerxentes coma Podemos, poderían mudar algunhas políticas da eurozona, sobre todo no que ten que ver cos préstamos e investimento.

Pero hai un mecanismo clave –a compresión salarial- que non pode ser cambiado a menos que o capital alemán sexa desafiado no seu propio terreo pola esquerda en xeral e a través da militancia obreira en particular. As elites alemás asumen que existen poucas posibilidades de que isto ocorra antes de que a esquerda emerxente do sur europeo sexa forzada a capitular; e a mesma Die Linke foi bastante sobria a propósito de tales perspectivas.

O capital alemán leva presionando os salarios á baixa dende a formación da unión monetaria. Pero temos que ir un pouco máis lonxe para entender realmente o seu significado.

Alemaña foi un dos principais produtores industriais da posguerra, competindo sobre todo cos EEUU e Xapón. O exceso de capacidade industrial resultante desta competencia levou á crise de beneficios da década dos 70. Dende entón, cada conxunto importante de produtores tratou de recuperarse da crise de xeitos diversos.

Nos EEUU vimos como a manufactura deixou o lugar á dolarización, á cal está espacialmente suxeita a súa área de influencia. Alemaña e Xapón, pola súa banda, conservaron moita da súa capacidade industrial e as súas áreas de influencia respectivas foron cebadas como mercados para a exportación. A zona euro contribuíu a cimentar esta dinámica. A compresión de salarios utilizouse para manter a competitividade das exportacións alemás mentres que a demanda se mantivo a través de préstamos masivos á periferia.

En suma: ten que haber unha coordinación das políticas de axuste salarial para rachar radicalmente o ciclo dos desequilibrios comerciais. E esto podería ser o punto conflitivo para a estratexia de Syriza no longo prazo.

Cal é a finalidade do xogo para Syriza? Segundo a facción dominante do partido, a esquerda europea debería esforzarse en consolidar o poder executivo e transformar a UE nun proxecto político cooperativo e progresista. O ministro de Finanzas, Yanis Varoufakis, extendeu aínda máis esta lóxica co argumento de que a propia zona euro pode ser reformada en beneficio de todos os seus membros. Varoufakis articulou o que chama Modesta Proposta que consiste en gran parte na flexibilización cuantitativa e en restaurar os niveis de investimento en toda a zona euro.

A clave é que estas reformas serían lideradas por Alemaña, xa que é, despois de todo, o conrazón industrial de Europa. De feito, Varoufakis suxeriu que “Europa necesita unha Alemaña hexemónica” que pule para que o aforro se derive a actividades produtivas, tamén na periferia.

O que nos leva de novo ao noso funil. Mesmo aínda que se introducisen mecanismos de flexibilización cuantitativa e investimento, os salarios non se axustarían a menos que o capital alemán se vexa obrigado a facelo. E de novo, isto non sucederá a menos que haxa en Alemaña un goberno que represente os intereses populares. Entrementres, as economías periféricas manteranse en déficit comercial, incapaces de aumentar a súa produtividade a respecto do núcleo.

É unha especie de camisa de forza neoliberal na que os esforzos para a transición cara un modelo de crecemento alternativo veranse limitados en grande medida, se é que non serán imposibles. Así, malia que haxa que loitar por unha esquerda internacionalista, por unha Europa progresista, temos tamén que ser conscientes dos límites creados polas condicións políticas actuais.

Hai unha pregunta que adoita xurdir neste punto da conversa. Dado o panorama político, a crise humanitaria e a preocupación da xente por se o barco escacha demasiado duramente e demasiado rápido, canto podemos pedir á esquerda?

É unha pregunta lexítima. Hai unha lóxica en querer centrarse en reconstruír a esperanza para os gregos en lugar de propor unha ruptura radical, sobre todo cando a metade da poboación está a favor de permanecer na eurozona.

Moitos críticos de esquerda manteñen, porén, que Syriza perdeu unha oportunidade no período posterior as eleccións de xuño de 2012 para involucrar á xente nestas cuestións máis complexas. A pesar de que tivo que abordar primeiro a crise humanitaria con propostas concretas, argumentan, o partido podería ter levado o debate, tamén, cara unha direción máis radical.

Estou de acordo con esa crítica en grande medida. Pero despois dun período considerable de descenso da mobilización popular a realidade sobre o terreo é tal que a opción máis viable politicamente neste punto é atacar a austeridade garantizando, ao mesmo tempo, unha especie de estabilidade. Parte desta estratexia inclúe non saír da zona euro nun momento no que a esquerda levaría grande parte da culpa polo período inmediatamente posterior. Diferente sería se Syriza chega ao punto de ter que capitular ou ser expulsada. Poderiamos ver, logo, a súa estratexia coma unha especie de gradualismo necesario.

Supoñendo que Syriza non se desentenda das súas promesas e que non desbote totalmente aquilo polo que foi mandatada, existen dous resultados posibles. O primeiro é que Grecia sexa forzada a saír da zona euro. O segundo é que se manteña na unión e consiga unha redución da débeda, pero mantendo, en última instancia, a dinámica fundamental dos desequilibrios comerciais.

No primeiro escenario, Syriza necesariamente terá un plan B. Pero tamén no segundo escenario a lóxica suxire que precisaría un plan B. Se a esquerda non é quen de facer a economía máis produtiva, as posibles ganancias que produciría esta batalla poderían ser perdidas na próxima crise. A pequena esperanza que a xente xa abandonara, e que hoxe comeza a ser recuperada, será perdida para sempre.

Hai, por suposto, diversas forzas da esquerda avogando por esta posición. Dentro de Syriza a Plataforma de Esquerda trata de cohesionar unha oposición interna nunha serie de cuestións, incluída a adhesión ao euro.

Existe un considerable e crecente apoio á Plataforma de Esquerdas no comité central do partido, pasando do 30% no congreso fundacional a case o 40%. Un dos seus principais membros, Stathis Kouvelakis, estima que a Plataforma de Esquerda, cando se combina coa ala esquerda do bloque dominante, constitúe en realidade unha maioría no partido.

A Plataforma de esquerda tamén aumentou o seu peso relativo a nivel institucional, cun número de deputados que se incrementou de doce no parlamento anterior aos trinta actuais; aproximadamente o 20% da composición parlamentaria do partido. Ademais, outra das súas figuras, Panagiotis Lafazanis, foi nomeado ministro de reestruturación produtiva, medio ambiente e enerxía, e varios outros son hoxe viceministros.

Porén, hai algunhas limitacións para a oposición dentro de Syriza. A Plataforma de Esquerda até o momento demostrou ser incapaz de influír na liña do partido, tanto no período anterior como nestes primeiros días de goberno, sen que a maioría dos seus membros fixesen aínda declaracións públicas de oposición. Especialmente en torno a cuestións económicas, o economista e agora deputado de Syriza, Costas Lapavitsas, segue a ser un dos poucos críticos consistentes; aínda que tivese que adaptarse á liña do partido. E aínda que as súas críticas se intensifican, seguirán expresándose dende unha posición institucionalmente menos poderosa en relación aos incondicionais pro-euro coma Varoufakis.

Por riba, dada a estreita marxe que ten Syriza para negociar coa UE e o BCE, será moi difícil que estas desputas internas conecten cos debates a nivel das bases populares e moito menos que fomenten un debate público.

Así mesmo, existen oportunidades para a oposición de esquerda fóra de Syriza, pero esta tamén sofre unha serie de limitacións. É ben sabido que o Partido Comunista evitou calquera tipo de relación ou compromiso serio con Syriza, principalmente debido ao seu sectarismo. E mentres Antarsya ten unha impresionante presenza popular a pesar do seu pequeno tamaño, nos últimos anos está atrapada en desputas internas. Estas contradicións e outros desafíos impediron que a coalición popularizase o seu programa de saída da eurozona dun xeito convincente para audiencias masivas.

Porén, co rexurdimento esperado de mobilizacións neste período crítico, poderiamos ver a estas forzas de esquerda retomando algún papel no mantemento da presión sobre a cúpula de Syriza.

Aínda así, o debate sobre o euro seguirá paralizado a menos que a conversa deixe as polémicas ideolóxicas e se ocupe das preocupacións pragmáticas.

En primeiro lugar, temos que facer un balance do plan máis desenvolvido para saír da zona euro, que é o que ofrece Lapavitsas e outros. Segundo este plan, o país nacionalizaría os seus bancos, imporía o control de capitais e devaluaría a súa moeda dun xeito controlado para gañar competitividade nas exportacións. Lapavitsas explicou, tamén, como tratar problemas inmediatos como a liquidez e a dispoñibilidade de alimentos, mediciñas e combustible.

En segundo lugar, debemos facer fincapé en por que unha alternativa ao modelo de crecemento neoliberal non só é necesaria senón posible nesta coxuntura. Debemos, noutras palabras, abordar un desarrollismo de esquerdas para Grecia.

O estado grego está agora, máis ca nunca, en posición de poder disciplinar ao capital, ou de conminalo a investir máis en actividades produtivas. Isto é así porque hai un sector do capital grego que non é moi móbil.

O capital grego de hoxe non é como o dos armadores do período de posguerra que podían levar os seus barcos a outros lugares. Sen dúbida, a riqueza concéntrase nunha presada de oligarcas en grande medida parasitarias, pero eses oligarcas dedícanse ás aeroliñas, capital inmobiliario, estadios, plantas metalúrxicas… e mesmo poderían ver novas oportunidades de investimento en transporte, fármacos, enerxía solar e outros sectores, se se presenta unha adecuada política industrial.[1]

A política industrial está por primeira vez sobre o tapete, o estado grego está comprometido a atacar a corrupción da burguesía en lugar de facer concesións a esquerda e a dereita.

Debido a unha serie de razóns estruturais e continxencias políticas, os gobernos da posguerra gregos seguiron unha versión bastante bastarda da planificación en comparación con oturos países en vías de desenvolvemento. E aínda que esto era, polo menos na retórica, o proxecto do PASOK cando totmou o poder na década de 1980, ese obxectivo abandonouse a finais da década a favor da establización debido aos compromisos do partido coa clase capitalista. Syriza non ten tales compromisos. Pódese forxar a capacidade necesaria do Estado para disciplinar de xeito efectivo ao capital.

Por outra banda, a nivel global, o norte de Europa non é o único socio comercial. De feito, hai unha serie de poderes que estarían felices de posicionarse en contra da zona euro e que non teñen interese ou capacidade para subordinar a Grecia.

Están os gobernos Latinoamericanos, cuxas relacións estado-sociedade serviron de modelo para Syriza. Tamén existe a opción máis arriscada de Rusia, á que Syriza abriu a man. Se ben de momento é probable que Syriza estea utilizando a Rusia como moeda de cambio na negociación coa UE, esta relación podería ampliarse. Tería que contar con que, por suposto, esa relación con Rusia, o mesmo que a súa coalición cos Gregos Independentes, sería ideoloxicamente disonante. Pero este tipo de realpolitik non debería escandalizarnos.

Realpolitik? Alianzas co capital? Non é iso colaboración burguesa? É certo que esa foi en grande medida a experiencia histórica do desenvolvimentismo. Pero o que fai deste un desenvolvimentismo de esquerdas é que a través destas alianzas estratéxicas a esquerda tería as de gañar. Esta afirmación, por suposto, baséase no suposto de que Syriza seguirá cultivando e profundizando o apoio popular e a organización, o que, despois de todo, é unha das maiores apostas en calquera intento de goberno de esquerda.

Pero apostar polo poder popular é diferente a xogar con el. E unha aposta polo euro é, en última instancia, un xogo deste tipo.

Podería resumirse así: unha clase obreira moi fragmentada nunha economía pouco produtiva terá difícil organizarse contra o capital dun xeito sostido. Unha vez máis, os exemplos de Venezuela, Bolivia e Ecuador son relevantes. Dada a actual debilidade da economía grega –e dado o seu continuo estancamento se se mantén na zona euro- a esquerda debe pensar seriamente en como aumentar a produtividade para que poidamos comezar a a idear un xeito de socializala.

Nunha situación na que a poboación pode ser mobilizada pero na que continúa moi desorganizada, Syriza podería involucrar ás clases populares nestas cuestións de varias maneiras.

Unha delas sería construír a partir das súas contribucións anteriores á rede de asembleas barriais que xurdiron tras a ocupación de Syntagma. Esta vez, en lugar de articular unha política anti-austeridade, poderíase usar ese foros como lugar para discutir o que hai que discutir para unha transición sostible de saída do estancamento e cara o socialismo.

En tal contexto, a xente podería lidar con esas ideas, desafialas, se cadra adoptalas ou polo menos ser menos escéptica con elas. Que mellor cousa podería dar corpo á audaz demanda dos aganaktismenou, dos indignados, de unha democracia real e directa?

Só hai unha cousa pola que un goberno de esquerda pode e debe apostar: que a xente só vai considerar crible un programa se se lle dá espazo e tempo para ser debatido. O resto de apostas, como o mesmo Tsipras declarou, deben ser canceladas.



[1] É importante destacar que a motivación das elites gregas para entrar na zona euro era explotar os mercados da súa propia área rexional dos Balcáns. As compañías que realmente se beneficiaron disto, porén, limitáronse en grande medida ao sector financeiro. Especialmente dende o comezo da crise, outros sectores do capital grego deixaron de investir nos Balcáns. Estes sectores están regresando a Grecia polo menos no curto prazo e poden ser incentivados a permanecer no longo prazo.