Mostrando entradas con la etiqueta FMI. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta FMI. Mostrar todas las entradas

lunes, 2 de marzo de 2015

Para vencer á austeridade Grecia debe rachar co euro. Costas Lapavitsas


O acordo asinado entre Grecia e a UE tras semanas de intensas negociacións é un compromiso acadado baixo coacción económica. O seu único mérito para Grecia é manter o goberno de Syriza vivo para volver loitar noutra ocasión. E ese día non está lonxe. Grecia terá que negociar un acordo de financiamento de longo prazo en xuño e agosto. Nos vindeiros catro meses, o goberno terá que actuar conxuntamente para salvar eses obstáculos e aplicar o seu programa radical. A esquerda europea ten grande interese no éxito grego se este serve para facer retroceder ás forzas da austeridade que están a esganar o continente.

En febreiro, o equipo negociador grego caeu nunha trampa dobre. Por unha banda estaba a dependencia dos bancos gregos da liquidez do BCE, sen a cal deixarían de funcionar. Mario Draghi, presidente do BCE, meteu máis presión estreitando os termos da provisión de liquidez. Preocupado polos acontecementos, os depositantes retiraron fondos; cara o final das negociacións os bancos gregos estaban a perder mil millóns de euros de liquidez por día.

Por outra banda, estaba a necesidade de financiación do estado grego para atender as débedas e pagar os salarios. Estando en curso as negociacións, os fondos escasearon máis. A UE, liderada por Alemaña, cinicamente agardou até que a presión sobre os bancos gregos chegara ao punto culminante. Pola tarde do venres 20 de febreiro o goberno de Syriza tivo que aceptar un acordo ou se enfrontaba a condicións financeiras caóticas na semana seguinte, algo para o que en absoluto estaba preparado.

O acordo resultante ampliou o acordo de préstamo a Grecia a catro meses de financiación garantida, suxeita a revisión periódica polas “institucións”; é dicir, pola Comisión Europea, o BCE e o FMI. O país viuse obrigado a declarar que vai cumprir con todas as obrigas fronte aos seus acredores “plenamente e en prazo”.

Ademais, terá como obxectivo lograr superávits primarios “apropiados”; desistir de accións unilaterais que “afecten negativamente os obxectivos fiscais”; e levar a cabo “reformas” que van en contra dos compromisos de Syriza de baixar impostos, aumentar o salario mínimo, reverter as privatizacións e aliviar a crise humanitaria.

En suma, o goberno de Syriza pagou un prezo moi alto para seguir con vida. As cousas poranse aínda máis difíciles polo lamentable estado da economía grega. O crecemento en 2014 foi un mísero 0,7%, mentres que o PIB contraeuse durante o último trimestre. A produción industrial reduciuse un 3,8% máis en decembro e mesmo as vendas ao por menor diminuíron un 3,7%, a pesar do Nadal. O indicativo máis preocupante, porén, é a caída dos prezos nun 2,8% en xaneiro. Esta é unha economía en espiral deflacionaria sen ningunha ou pouca dirección posible.

Os próximos catro meses serán un período de constante loita para Syriza. Hai poucas dúbidas de que o goberno se enfrontará a grandes dificultades para pasar a revisión de abril realizada polas “institucións” e lograr a liberación dos moi necesarios fondos. De feito, é tan grave a situación fiscal que os acontecementos poderían precipitarse aínda máis rápido.

Os ingresos tributarios estanse esboroando, en parte porque a economía está conxelada e en parte porque a xente está retendo o pagamento ante a expectativa de alivio da carga fiscal extraordinaria dos últimos anos. Os fondos públicos veranse sometidos a unha presión considerable xa en marzo, cando haberá que facer pagamentos importantes de débeda.

Pero aínda supoñendo que o goberno navegue con éxito estes estreitos, en xuño Grecia terá que volver entrar en negociacións coa UE para un acordo de financiamento de longo prazo. A trampa de febreiro está aínda moi presente e lista para xurdir de novo.

Que debemos nós, como Syriza, facer e como podería a esquerda de toda Europa axudar? O paso máis importante é darse de conta de que a estratexia da esperanza de lograr un gran cambio radical no marco institucional da moeda común chegou á súa fin. A estratexia deunos éxito electoral coa promesa de liberar ao pobo grego da austeridade sen ter que soportar a saída da eurozona. Por desgraza, os acontecementos demostraron, fóra de toda dúbida, que isto é imposible, e é hora de que recoñezamos a realidade.

Para que Syriza evite o colapso ou a entrega total debe ser autenticamente radical. A nosa forza radica exclusivamente no tremendo apoio popular que aínda gozamos. O goberno debe implementar rapidamente medidas para aliviar aos traballadores das tremendas presións dos últimos anos: prohibir as execucións hipotecarias, condonar a débeda interna, volver a conectar ás familias á rede eléctrica, aumentar o salario mínimo, deter as privatizacións. Este é o programa polo que fomos elixidos. As metas fiscais e a supervisión por parte das “institucións” deben ser algo secundario nos nosos cálculos, se pretendemos manter o apoio popular.

Ao mesmo tempo, o noso goberno debe enfocar as negociacións de xuño cun marco mental moi diferente ao de febreiro. A eurozona non pode ser reformada e non se converterá nunha “amable” unión monetaria que apoie á clase traballadora. Grecia debe poñer unha ampla gama de opcións sobre a mesa, debe estar preparada para medidas extraordinarias de liquidez e debe saber que poderá manexar calquera eventualidade se a súa xente está preparada. Despois de todo, a UE xa creou o desastre neste país.

Syriza podería gañar o auxilio da esquerda europea, pero só se a esquerda sacode as súas propias ilusións e comeza a propor políticas sensatas que poidan liberar a Europa do absurdo en que se converteu a moeda común. Neste caso, podería haber unha posibilidade de rematar coa austeridade en todo o continente. Temos moi pouco tempo.

domingo, 15 de febrero de 2015

Anexou o FMI a Ucraína? Entrevista a Michael Hudson

No Leste de Ucraína acadouse un alto o fogo tras unha negociación maratoniana de 17 horas entre o presidente ruso Vladimir Putin e o ucraíno Petro Poroshenko. Ambos estaban flanqueados polos principais líderes europeos. Rusia e Ucraína poden ter moitas diferenzas pero algo que teñen en común é unha crise económica aveciñándose, debido aos prezos do petróleo no caso ruso e a unha guerra moi cara coa que non contaban no ucraíno.

Para falar disto temos a Michael Hudson. Un distinguido investigador sobre economía na Universidade de Missouri-Kansas City.


Nunha entrevista recente publicada en The National dicías que a maioría dos medios mostran a Rusia como a grande ameaza para Ucraína, pero que a historia suxire que o FMI pode ser máis perigoso. Que queres dicir con iso?

Michael Hudson: En primeiro lugar, as condicións nas que o FMI conceden préstamos requiren unha maior austeridade e a retirada de todas as subvecións públicas. A poboación de Ucraína xa está devastada economicamente. As condicións que establece o programa do FMI para a concesión de préstamos a Ucraína consisten en que terán que pagar as súas débedas. Pero Ucraína non ten capacidade para pagalas. Así que hai outra maneira ir adiante, e é o mesmo que lle dixo o FMI a Grecia e a outros países que teñen que facer, consiste en: vender todo o que a nación aínda posúa de dominio público ou facer que os teus oligarcas máis importantes asuman a asociación con investidores americanos ou europeos, de xeito que poidan mercar accións nos monopolios en Ucraína e extraer rentas.

Este é o golpe “dous en un” do FMI. O primeiro é: aquí tes o préstamo para pagar aos teus tenedores de bonos, así que agora débesnos a nós, ao FMI, con quen non se poden cancelar as débedas. Os termos deste préstamos consisten en crer a nosa ficción: pódese pagar a débeda conseguindo un superavit orzamental a base de recortar o gasto público e causando unha recesión aínda máis profunda.

Esta idea de que as débedas externas poden pagarse exprimindo os ingresos tributarios nacionais foi rebatida por Keynes na década de 1920 no seu debate sobre as reparacións alemás. Non hai excusa para cometer este erro –salvo que o erro sexa deliberado e que se pretenda o fracaso; de xeito que o FMI poida dicir, para sorpresa de todo o mundo e culpa de ninguén, que o seu “programa de estabilización” desestabilizou en lugar de estabilizar.

A pena por continuar con esta economía lixo debe ser pagada pola vítima e non polo vitimario. Culpar á vítima forma parte da estratexia do FMI.

Entón, o FMI lanza o seu golpe número dous. E di: “Ah, entón non podes pagar? Sentimos que as nosas proxeccións fosen erroneas. Pero tes que atopar o xeito de pagar” –perdendo calquera activo que a túa economía aínda posúa en mans nacionais.

O FMI estívose equivocando en Ucraína ano tras ano, case tanto como en Irlanda e Grecia. As súas receitas son as mesmas coas que devastou as economías do Terceiro Mundo dende a década de 1970 en diante.

Así que hoxe o problema consistirá en que Ucraína terá que vender para pagar as súas débedas e correr cada vez máis para librar a guerra que devastou a súa economía.

Un dos activos que queren os investidores son as terras agrícolas. Monsanto estivo mercando en Ucraína, ou mellor, arrendando as súas terras porque Ucraína ten unha lei contraria a alienar as súas terras de cultivo e agrícolas a extraxeiros, e de feito esta lei é moi similar á que, segundo o Financial Times, espera ter Australia para frear a compra de terras agrícolas por parte de China e EEUU.

Ademais, o FMI insiste en que os países debedores desmantelen todo tipo de regulación contra o investimento extranxeiro, así como calquera protección aos consumidores ou calquera protección ambiental. O que isto significa é que o reservado para Ucraína consistirá nunha política neoliberal que garantizará que a súa situación sexa aínda peor.

Neste sentido, as finanzas son a guerra. As finanzas son o novo tipo de guerra, usánse as finanzas e as ventas masivas forzadas nun novo campo de batalla. Todo isto non vai axudar a Ucraína, senón que promete unha nova crise en pouco tempo.

A guerra levou a Ucraína a unha crise máis profunda. Falemos sobre a devastación que causou e que tipo de cousas terá que aforntar Ucraína, ademais das imposicións do FMI.

Michael Hudson: Cando Kiev foi á guerra contra o Leste de Ucraína, loitou principalmente na rexión carbonífera e na rexión exportadora. O 38% das exportacións ucraínas van a Rusia. Porén, grande parte desta capacidade exportadora foi bombardeada. Ademais, as empresas eléctricas que dán electricidade ás minas de carbón tamén foron bombardeadas. Así que Ucraína non pode abastecerse sequera de carbón.

O que chama a atención de todo isto é que hai apenas unhas semanas, o 28 de xaneiro, Christine Lagarde, a xefa do FMI, dixo que o FMI non fai préstamos a países en guerra. Porén, Ucraína está envolta nunha guerra civil. A gran pregunta é, pois, cando realizará o FMI o préstamo que estivo poñendo en discusión?

Así mesmo, os artigos de acordo do FMI din que non pode facer préstamos a un país insolvente. Entón, como pode ser o FMI parte dun préstamo para rescatar a Ucraína se, número un, está en guerra (que tería que parar totalemente) e, número dous, é insolvente?

A única solución é que Ucraína reduza as súas débedas cos investidores privados. E iso significa contrariar moito aos investidores dos hedge funds. Hoxe, o Financial Times publica un artigo que mostra como un só investidor estadounidense, Michael Hasenstab, ten 7000 millóns de dólares en débeda de Ucraína coa que quere especular, xunto a Templeton Global Bond Fund. Como vai tratar Ucraína cos especuladores? E, finalmente, como lidará o FMI co feito de que o fondo soberano de Rusia prestou 3000 millóns de euros a Ucraína a través duns termos moi duros, por medio do acordo de Londres que di que non podeen ser cancelados? Vai o FMI insistir en que Rusia asuma o mesmo recorte que está a impoñer aos hedge funds? Todo isto conducirá ao tipo de conflito cuxa resolución vai precisar de moitos máis esforzos que as solucións ás que se chegou nos últimos días para os enfrontamentos militares.

Peries: E entón, como podería Ucraína imaxinar a súa saída da crise?

Michael Hudson: Probablemente imaxina un mundo de ensoño no que sairá da crise grazas a que Occidente lle dea 50 mil millóns de dólares e lle diga, aquí está o diñeiro que precisas, gástao como queiras. Até aí chega a súa imaxinación. É unha fantasía, por suposto. É soñar cos ollos abertos –salvo porque hai unhas semanas George Soros urxiu ao Congreso e a “Occidente”, en The New York Review of Books, a dar a Ucraína 50 mil millóns de dólares e a consideralos coma un pago militar. Ben, inmediatamente Kiev dixo, si, gastarémolo só en armas defensivas. Defenderemos Ucraína até onde faga falta para eliminar aos rusos.

E hoxe o editorial do Financial Times di, si, dade a Ucraína os 50 mil millóns que pediu George Soros. Temos que permitir ter suficiente diñeiro para loitar contra a Nova Guerra Fría de EEUU contra Rusia. Pero os europeos continentais está a dicir: Agarda un minuto, ao final disto chegará un momento no que non haxa máis ucranianos listos para loitar. A guerra mesmo podería extenderse a Polonia, ou a calquera outro lugar, porque se os cartos que se lle dean a Ucraína se dedican ao que a administración Obama, e Hillary e Soros, pretenden –ir á guerra con Rusia- entón Rusia dirá: vale, se somos atacados por forzas extranxeiras non só teremos que bombardear ás tropas, senón tamén os aeroportos polos que chegan, así como as estacións de tren. Imos extender a nosa propia defensa cara Europa.

Aparentemente, hai informes segundo os cal Putin dixo a Europa, mira, tedes dúas opcións ante vós. Opción unha: Europa, Alemaña e Rusia poden ser unha área próspera. Coas materias primas rusas e a tecnoloxía europea podemos ser unha das áreas máis prósperas do mundo. Ou, opción dúas: podedes ir á guerra con nós e ser eliminados. Escollede.

martes, 3 de febrero de 2015

Syriza ten solucións ousadas ás forzas da austeridade que esganan Europa. Costas Lapavitsas

A semana inaugural do novo goberno de Grecia xa conseguiu dar unha boa sacudida á política da UE e aínda queda moito máis por vir. En primeiro lugar compre facer fronte ao bulo amplamente estendido segundo o cal o goberno de coalición entre Syriza, o partido que represento no Parlamento, e os Gregos Independentes (ANEL) é unha impía alianza vermello-marrón. ANEL non é a versión suave do fascista Amencer Dourado. É un partido nacionalista que fala por amplos sectores do conservadorismo popular e que se opuxo ás desastrosas políticas de austeridade. De feito, con respecto á débeda nacional de Grecia, a súa posición mesmo se podería considerar á esquerda de Syriza. Está de máis dicir que Syriza preferiría formar goberno por si mesma, pero os resultados das eleccións non o quixeron así. Para a súa vergonza o Partido Comunista grego rexeitou incorporarse ou mesmo apoiar ao goberno de Syriza. 

Non existe outro partido con credenciais anti-rescate no Parlamento grego. O dilema para Syriza, polo tanto, era ou ben formar un goberno con ANEL e aplicar o programa antirescate ou deixar que o país acudise a novas eleccións, o que sería desastroso para a súa economía e sociedade.
 

Fixemos o correcto.
 

A realidade de que Syriza estea no poder comezou a emerxer tan pronto como o se formou o goberno. Varios ministros fixeron anuncios notables mentres asumían o cargo: detención das privatizacións eléctricas e petroleiras, reinserción laboral dos traballadores do sector público despedidos, desmontaxe da desregulación laboral, elevación do salario mínimo e máis. Entrementres, o novo ministro de Finanzas declarou que o país xa non ía negociar coa troika da CE, o BCE e o FMI. Grecia non se someterá á avaliación prevista do seu programa de rescate, mesmo se iso significa que non recibe outros 7,2 mil millóns de euros. De feito, o país xa non considera á troika como unha institución válida. Para colmo, Grecia até semella diferenciarse da política da UE no que ten que ver con Rusia.
 

A reacción do mercado de valores de Atenas foi inmediata: os prezos das accións esboroaron, en particular as dos bancos.
 

É probable que a presión financeira volva xurdir esta semana xa que os bancos perderon liquidez e o investidores internacionais están moi nerviosos. A reacción dos responsables políticos europeos, pola súa parte, foi dunha incredulidade atónita, apenas enmascarada por sutilezas diplomáticas. Sen dúbida, realizáronse iradas chamadas telefónicas.
 

Atenas durante os últimos días.
 

O goberno Syriza é inexperto, pero sería un erro pensar nel coma un grupo de axitadores á procura de pelexa con todo o mundo. O que en realidade está a facer é aplicar a “liña” —nos termos pasados de moda da esquerda— coa cal chegou ao poder. En concreto, está aplicado a liña do “bo euro” afirmando que a unión monetaria europea, así como a propia UE, pode ser radicalmente transformada desde dentro. O liderado de Syriza non ten ningunha intención de sacar a Grecia fóra da Unión Monetaria Europea. Por outra banda, cre que os custes do “Grexit” poderían ser tan severos que Europa non forzaría a saída de Grecia da moeda común. Sobre esta base, pénsase que cunha alianza poderosa das forzas da esquerda emerxentes en toda Europa o pesadelo da austeridade podería rematar, a carga da débeda podería mitigarse a  través do continente, poderían adoptarse políticas para aumentar o emprego e o estado do benestar podería fortalecerse. Europa transformaríase.
 

Non é de estrañar que as accións do goberno de Syriza xerasen unha enorme onda de apoio popular en Grecia. Existe unha sensación palpable de alivio e orgullo nacional entre os gregos do común, a sensación de que se está a recuperar certa dignidade tras anos de seren tratados dun xeito terrible. Outras novidades alentadoras foron as poderosas voces internacionais falando en apoio a Syriza, incluída a do Presidente Obama.
 

Porén, a verdadeira proba do “bo euro” virá só cando Berlín e Angela Merkel comecen a mostrar a súa man. A dura realidade é que a UE ten unha influencia substancial en Grecia. O país conta con ter que facer importantes reembolsos de débeda nos vindeiros tempos, o máis grande a comezos de verán, que serán imposible de abordar sen novo financiamento. O programa nacional de Syriza, por outra banda, segue a estar financiado dun xeito pouco seguro, mesmo que o goberno só se propoña un orzamento equilibrado. O imposto da renda foi diminuíndo, en parte pola presión fiscal extraordinaria imposta pola troika e en parte pola interrupción das eleccións. Será necesaria unha máis rápida reorganización da recadación fiscal para asegurar a financiación das medidas previstas para aliviar aos que están máis golpeados pola crise. E os bancos continúan dependendo totalmente da liquidez proporcionada polo BCE e son susceptibles de teren fugas de depósitos.
 

A presión sobre Syriza para diluír as súas demandas e cumprir cos requisitos básicos do rescate serán probablemente feroces. Se os líderes de Syriza non se someten, será vital que reciban un apoio internacional forte, incluídas boas propostas prácticas para enfrontar as grandes dificultades que se enxergan. É necesario seguir debatendo, por exemplo, se Grecia debe pagar na súa totalidade a parte da débeda que se debe ao BCE e ao FMI (aproximadamente 70 mil millóns de euros de 320 mil millóns). Está abertamente en disputa a base xurídica e moral desa débeda. A liña do “bo euro” estase enfrontando cara a cara coa realidade, e dúas cousas son de suma importancia:
 

Primeiro, non se debe permitir que as forzas da austeridade que hoxe esganan Europa esmaguen o experimento Syriza ou que o convertan nun compromiso podre.
Segundo, Syriza ten que prepararse dun xeito sólido e meticuloso para todas as eventualidades, algo que se comprende moi ben no seu interior.
 

O resto é política de falabaratos.

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/feb/02/syriza-solutions-austerity-europe-greece-leftwing-alliance