Mostrando entradas con la etiqueta troika. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta troika. Mostrar todas las entradas

jueves, 30 de julio de 2015

Anschluss. A anexión. Vladimiro Giacché [extractos]


Veñen a conto os extractos de Anschluss. A anexión. A unificación de Alemaña e o futuro de Europa, Vladimiro Giacché (2013) que publico a seguir, despois de ler a Yannis Varoufakis, o ex ministro de finanzas grego, citando á Treunhandanstalt -a axencia creada na Alemaña do leste para privatizar os activos públicos da antiga RDA- nos seus comentarios ao acordo do Eurogrupo asinado por Tsipras, concretamente na parte en que se esixe ao goberno grego a aceptación dun organismo xestionado pola troika para privatizar bens públicos do estado grego co fin de conseguir diñeiro para pagar a débeda.

*  *  *  *  *


Da unidade monetaria alemá á unidade monetaria europea 

A configuración actual do capitalismo europeo e o equilibrio de poder no seu interior é simplemente impensable sen a anexión da RDA. Por varias razóns.
A primeira é que grazas á incorporación da antiga RDA, Alemaña recuperou a centralidade xeopolítica (e xeoeconómica) no continente europeo que perdera en 1945 co resultado catastrófico da guerra de Hitler. E esta reconquista alterou o equilibrio en Europa.
A segunda razón é o vínculo entre a unidade alemá e a Unión Europea. É unha relación complexa e nalgúns aspectos contraditoria.
De feito, por unha banda a unidade alemá foi un acelerador formidable do proceso de integración europea. O 4 de outubro de 1990, non pasaran siquera 24 horas desde a proclamación solemne da unidade alemá, e xa o asesor do presidente francés Mitterrand, Jacques Attali, anotou no seu diario a decisión do presidente de “diluír” Alemaña na Unión Europea. O prezo que pagaría Alemaña pola súa unidade sería a integración europea, na que sería posible aproveitarse de Alemaña. A mesma moeda única europea concibiuse coma un anaco dese deseño.

Por outra banda, a unidade alemá e as súas consecuencias ralentizaron a integración europea e, en particular, a unión monetaria. De feito, foron as altas taxas de xuro impostas a Europa por Alemaña (co fin de atraer máis capital e financiar a unificación) as que causarán, en 1992, a brusca saída da lira (e da libra esterlina inglesa) do sistema monetario europeo.
A operación euro finalmente chegou a porto pero cos efectos contrarios aos agardados polo goberno francés: o Banco Central Europeo converteuse nunha especie de Bundesbank continental e a ortodoxia neoliberal (e mercantilista) alemá impúxose en toda Europa. Co euro, Alemaña foi capaz de tomar vantaxe da rixidez dos tipos de cambio, o que impediu aos países menos competitivos recuperar a competitividade a través da devaluación das súas moedas.
Con isto, chegamos ao que probablemente é o motivo actual de maior interese dese acontecemento que foi a unificación alemá: a forza do vínculo monetario e a súa potencia fundante do punto de vista da unión política. Alemaña, politicamente unida nace o día que logra a unión monetaria. O verdadeiro tratado de unificación de Alemaña é o que entrou en vigor o 1 de xullo de 1990 coa unión monetaria, o segundo tratado, aquel que deu lugar á unión política, o 3 de outubro dese ano, é simplemente consecuencia de aquel; e non por casualidade ambos estiveron tan próximos no tempo. Non é certo, logo, que a unión monetaria sexa unha unión débil. A cotío escoitamos que “En Europa só hai euro, carece de unión política”, pero, en realidade, o contrario é o certo. 

O euro e os desequilibrios en Europa 

A unión monetaria é, entre outras cousas, un vínculo que modifica o equilibrio de poder dentro da súa zona monetaria. A literatura apoloxética da moeda única indica, ademáis dos efectos agardados da moeda común, un reequilibrio entre os distintos territorios. Como vimos, non sucedeu así na Italia post-unidade e na Alemaña unida. E tampouco sucederá na Europa do euro. O que presenciamos nos últimos anos en Europa é moi significativo. Porque non só nega calquera suposta tendencia a equilibrar a zona monetaria senón que se observan, en diversos países europeos, inquietantes características comúns ás da economía da Alemaña do leste tras a introdución do marco. Neste caso, a dinámica acentuouse polo cambio irracional, o que exacerbou as características negativas da zona afectada. Pero se enumeramos os diferentes fenómenos que afectaron a eses países nos últimos anos da crise da eurozona, dámonos de conta de que son semellantes, aínda que dun xeito menos paroxístico: caída do produto interior bruto, desindustrialización, elevado desemprego, déficit comercial, crecemento da débeda pública, emigración.
En comparación coa antiga Alemaña do leste só falta un elemento: as transferencias desde o estranxeiro para equilibrar o desequilibrio da balanza exterior. É probable que continúen faltando, polo menos se se entende no sentido da axuda financeira directa de Alemaña aos outros estados. E, en efecto, como se observou, as transferencias realizadas a Alemaña do leste “non son a menor das explicacións da forte resistencia dos alemán a mostrar hoxe máis solidariedade cara aos países da zona euro que están en crise”, sobre todo porque o seu peso se percibe como maior do que realmente é.
É interesante apuntar como, antes da crise, as transferencias eran algo habitual en forma de préstamos concedidos polos bancos alemán (e franceses) aos países hoxe en crise. E foi precisamente este tipo de transferencias as que facían tolerable o déficit comercial destes países. De feito, con estes préstamos os bancos de Alemaña e Francia financiaban a compra de bens alemán e franceses en países como Grecia (sen excluír, como sabemos, custosos armamentos). Pero entre o 2008 e o 2009 a banca de Aleamaña e Francia, severamente golpeada pola primeira onda da crise (a etapa americana que culminou co colapso de Lehman Brothers), comezou a reducir a súa exposición á periferia da zona euro, o cal descubriu –e empeorou- a situación de desequilibrio no seu interior. En canto a Alemaña, os préstamos bancarios a países “periféricos” de Europa reducíronse á metade, desde un máximo de 600 mil millóns de euros en 2008 a 300 mil millóns a finais de 2012.

Pero a decadencia desas transferencias non creou os desequilibrios, só os fixo evidentes. Quen creou, polo tanto, os desequilibrios en Europa? A resposta é que eses desequilibrios eran en parte preexistentes á unión monetaria e en parte foron agravados pola propia unión monetaria que eliminou un elemento de flexibilidade e de adaptación importante para as economías máis débiles da eurozona. Neste caso, faltaba o elemento de sobrevaloración anormal da moeda máis débil existente na Alemaña do leste, porén a unión monetaria representou unha apreciación relativa para os países que tiñan moedas máis débiles (como Italia coa lira) e unha devaluación para os países que tiñan as moedas máis fortes (como o caos de Alemaña cunha devaluación de arredor do 20%). Os negociadores italianos recordan agora con que furia tentou manter o valor da lira o máis alto posible o, por entón, presidente do Bundesbank Tietmeyer (ex negociador da unión monetaria alemá). En todo caso, en relación ao euro, o elemento clave non é o tipo de cambio que levou á moeda única, senón a propia creación da moeda única.
Aínda máis, en relación coas cifras dramáticas da economía na antiga RDA nos anos inmediatamente posteriores á unificación, citouse que estes eran os resultados lóxicos da “anexión sen preparar dunha zona con baixa produtividade económica por un territorio moi desenvolvido”. A evolución da crise europea, neste último ano, obríganos a preguntarnos se a unión monetaria europea non replicou o mesmo mecanismo, cos mesmos resultados a unha escala moito maior (continental), aínda que en proporcións menos estremas. A resposta, por desgraza, é afirmativa. Isto é unha refutación dos que viron a unión monetaria, precisamente, como a ferramenta para corrixir os desequilibrios. Polo contrario, despois de case que 15 anos do inicio do experimento, os datos son irrefutables. (…) 

"Modelo Alemaña” para Europa? 

É neste contexto que debe ser xulgada a actitude do stablishment alemán nos últimos anos. O xuízo debe ser severo. Pero debe, antes diso, mover a unha constatación: o modelo adoptado na Europa de hoxe non é diferente ao adoptado hai 20 anos coa Alemaña do Leste. En 1990, Kohl e Schäuble esixiron a Alemaña do Leste a transferencia unilateral de soberanía política e a transferencia do seu patrimonio público á Treuhandanstalt como prenda para recibir o regalo do “marco”; hoxe, Merkel e Schäuble pídenlles aos países europeos en crise o mesmo. En primeiro lugar, esixe a cesión cada vez máis estrita de dereitos sobre os orzamentos públicos, pero non falan de confiar ao BCE a supervisión dos bancos –o que permitiría ás autoridades europeas meter o nariz no opaco sector bancario alemán-; de feito, é Schäuble en persoa quen pide (con éxito) limitar o número de bancos supervisados a nivel europeo e para reducir a velocidade de todo o proceso. En segundo lugar, como vimos, mesmo pretenden a transferencia de activos públicos dos países en crise a terceiras instancias, non suxeitas ao control dos parlamentos, coma o Treuhand (a institución que privatizou toda a economía de Alemaña do Leste) e dotados de poder para privatizar a propiedade pública como garantía dos préstamos recibidos.

O xogo é sempre o mesmo. E tamén o estilo, “a tendencia á totalidade”, que un Honecker no cárcere discerniu como a característica constante dos expoñentes do capital alemán -ou, se se prefire, do stablishment dese país- que, como xa vimos, volver a campar nos últimos meses. Ademais do uso, preto do cinismo, das relación de forza, rexeitando calquera acordo aceptable, a convicción total na absoluta superioridade do punto de vista e, en especial, a feroz defensa dos intereses dos seus bancos e das súas grandes empresas. Esta é a actitude de quen pode gañar moitas batallas pero remata perdendo a guerra. Gañar ao grande é moito máis difícil que simplemente gañar.

http://temi.repubblica.it/micromega-online/il-sud-europa-fara-la-fine-della-ddr/?printpage=undefined

jueves, 23 de julio de 2015

A debacle grega. Perry Anderson



A crise grega provocou unha mestura de indignación e predicible autosatisfacción en Europa, tanto lamentando a dureza da solución imposta a Atenas como celebrando a retención no último minuto de Grecia dentro da familia europea, ou ambas a un tempo. Cada unha delas tan inútil como a outra. Unha análise realista non ten espazo para ningunha das dúas.

Que Alemaña é unha vez máis o poder hexemónico no continente non é algo novidoso en 2015: está claro desde polo menos os últimos 20 anos. Nin tampouco a reducción de Francia á súa serva -nunha relación non moi diferente á de Gran Bretaña cos EEUU- é unha novidade política: desde de Gaulle, os reflexos da clase política francesa déronlle a volta a aqueles da década dos corenta, non só na adaptación, senón tamén na admiración polo poder superior do momento, primeiro Washington e despois Berlín.

Sorprende menos aínda o resultado até agora da unión monetaria. Desde o principio, os beneficios económicos da integración europea –dadas por sentadas as opinións ben pensantes en todos os ámbitos- eran moi modestos.

En 2008, a estimación máis prudente, de dous economistas favorables á integración, Barry Eichengreen e Andrea Boltho, chegaron á conclusión de que pode ter aumentado o PIB do Mercado Común nun 3-4% desde finais dos anos cincuenta até mediados dos anos setenta; que o impacto do Sistema Monetario Europeo foi inoperante; que a Acta Única Euroea puido engadir outro 1% ; e que a unión monetaria apenas tiña ningún efecto discernible nin na taxa de crecemento nin no nivel de produción.

Isto foi antes de que a crise financeira global batese en Europa. Desde entón, notoriamente, a camisa de forza da moeda única foi tan desastrosa para o mediterráneo sur da Unión Europea, como vantaxosa para Alemaña, onde a presión salarial –que enmascara un moi baixo crecemento da produtividade- deu á industria alemá un látego de man competitivo en toda a UE. En canto ás taxas de crecemento, unha ollada aos resultados económicos de Gran Bretaña ou Suecia desde Maastricht é suficiente para mostrar o baleira que é a afirmación de que o euro foi unha bendición especial para calquera país que non sexa o seu principal arquitecto.

Esta é a realidade da “familia europea”, tal e como a construíu a unión monetaria e o Pacto de Estabilidade. A súa ideoloxía non se ve afectada. No discurso oficial e intelectual, a UE asegura a paz e a prosperidade do continente, desterra a fantasma do conflito entre nacións, defende os valores da democracia e os dereitos humanos, así como os principios do libre mercado temperado, no que se basea calquera outra liberdade en última instancia. As súas regras, aínda que firmes, son flexibles; as súa motivacións unen solidariedade e eficiencia.

Para a sensibilidade formada por esta ideoloxía –compartida por toda a clase política europea e a inmensa mayoría dos comentaristas e xornalistas- os sufrimentos de Grecia foron difíciles de observar. Pero ao final o sentido común prevaleceu, acadouse un compromiso e todos deben compartir a esperanza de que non se fixo un dano irreparable á UE.

Desde a vitoria electoral de Syriza en xaneiro o curso da crise en Grecia tamén foi predicible, se ben cun xiro final que non puido ser previsto. As orixes da crise descansan nunha combinación da fraude perpetrada polo PASOK baixo Kontastinos Simitis na cualificación para a entrada na zona euro, e o impacto da crise mundial de 2008 sobre a débil, cargada de débeda e non competitiva economía grega.

Desde 2010, sucesivos paquetes de austeridade –en tempos chamados “plans de estabilización”-  foron inflinxidos a Grecia, dictados por Alemaña e Francia, cuxos bancos estaban nun maior risco ante un default grego, pero implementados pola Troika da Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional supervisando o asunto.

Cinco anos despois de desemprego masivo e recortes no estado do benestar, a débeda grega simplemente creceu aínda máis. Syriza accedeu ao goberno porque prometeu, con retórica ardente, poñer fin ao goberno da Troika sobre Grecia. “Renegociaría” os termos da tutela do país en Europa. Como esperaba facelo? Simplemente reclamándoo de xeito amable, e maldecindo cando non chegaba. Súplicas e maldicións por igual apelando aos valores máis elevados de Europa, ás que o Consello Europeo, con seguridade, non podería permanecer xordo.

Incompatible con estas efusións que mesturaban súplica e imprecación era, desde o principio, calquera idea de desistir do euro. Había dúas razóns para iso. A perspectiva provinciana da dirixencia de Syriza que atopaba difícil facer unha distinción entre ser membro da UE e da eurozona, tratando a saída do euro como se fose unha expulsión virtual da outra: o peor pesadelo para calquera bo europeo, tal como eles se vían.

Tamén eran conscientes do feito de que os estándares de vida gregos –lubricados polas baixas taxas de interese provocados pola converxencia dos diferenciais de toda Europa, enchidos cos Fondos Estruturais, aumentaran nos anos Potemkim de Simitis, deixando cálidos recordos populares do euro, que non se conectaron coas miserias posteriores a el. Syriza non fixo ningún intento de explicar a conexión. Tsipras e os seus colegas aseguraron a todos os que puideron escoitalos que, polo contrario, non podía haber ningunha dúbida sobre abandoar o euro.

Con isto, venceron calquera esperanza seria de negociación coa Europa real –non coa súa terra soñada.  En 2015, a ameaza dun Grexit era economicamente moito máis débil que en 2010, porque agora os bancos alemáns e franceses xa sacaran os seus froitos co rescate indo nominalmente a Grecia. A pesar da palabrería alarmista residual en toda parte, o Ministerio de Finanzas alemán desestimou, desde hai tempo, e con razón, as dramáticas consecuencias materiais dun default grego.

Pero para a ideoloxía europea, á que están subscritos todos os gobernos da eurozona, o golpe simbólico da moeda única –de feito, na típica linguaxe de moda, o “proxecto europeo” mesmo- sería grave, un revés que se considerou fundamental evitar. Se Syriza puxese enriba, tan pronto como foi elixida, plans contixentes para administrar un default -perparando o control de capitais, a moeda alternativa, e outras medidas transitorias que deberían ser impostas durante unha noite- e ameazase á UE con el, tería unha arma de negociación na súa man.

Se tamén deixase claro que, en caso de enfrontamento, podería retirar a Grecia da OTAN, mesmo Berlín pensaríao dúas veces antes de impoñer un terceiro paquete de austeridade nos fociños duns EEUU asustados ante calquera perspectiva similar a esta. Pero para os Cándidos de Syriza, isto era, naturalmente, aínda máis tabú que pensar no Grexit. Así, fronte un peticionario suplicando e abusando deles, pero sen unha carta na manga, por que as potencias europeas haberían facer ningunha concesión, sabendo de antemán que o que decidisen serían aceptado? En realidade, comportáronse dun xeito bastante racional.

O xiro na crónica anunciada veu cando o primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, desesperadamente, convocou o referéndum sobre o terceiro memorándum, e o electorado grego, por unha gran maioría, rexeitouno. Armado con este rotundo “non”, Tsipras regresou a Bruxelas para pronunciar un “si” de can apaleado a un cuarto e aínda máis duro memorándum, alegando que non tiña outra alternativa, porque os gregos estaban co euro.

Nese caso, por que non facer a pregunta no referéndum? Aceptaría calquera cousa por ficar no euro? Ao pedir un firme “non” e nunha semana dar un sumiso “si”, Syriza tirou a toalla a unha velocidade sen precedentes desde que os créditos de guerra foron apoiados pola socialdemocracia europea en 1914, aínda que desta vez unha minoría do partido salvou o honor.

No curto prazo, Tsipras, sen dúbida florecerá sobre as ruínas das súas promesas, o mesmo que, a máis obvia comparación estranxeira, Ramsay Macdonald, líder do Partido Laborista, fíxoo en Gran Bretaña encabezando un goberno composto por conservadores e impoñendo austeridade na Gran Depresión, antes de ser sepultado no desprezo dos seus contemporáneos para a posteridade. Grecia tivo a súas propias figuras como esta. Poucos esqueceron a Stefanos Stefanopoulos da Apostasia de 1965. O país, sen dúbida, vai que volver vivir outro.

E que dicir da lóxica máis ampla da crise? Como todas as enquisas mostran, o apego á UE declinou abruptamente na última década en todas partes e por boas razón. Agora é vista amplamente como o que é: unha estrutura oligárquica, plagada de corrupción, construída sobre unha negación de calquera tipo de sobernía popular e que aplica un amargo réxime económico de privilexio para uns poucos e coacción para a maioría.

Pero iso non quere dicir que se enfronte a un perigo mortal desde abaixo. A ira é cada vez maior na poboación. Pero o medo segue a ser moito máis importante. En condicións de crecente inseguridade, por debaixo da catástrofe, o primeiro instinto sempre será aferrarse ao existente, malia que repela, en lugar de correr o risco do que podería ser radicalmente diferente. Só cambiará cando a ira sexa maior que o medo. Polo momento, os que viven baixo o medo –entre os que se atopa a clase política á que agora pertencen Tsipras e os seus colegas- están seguros.

martes, 17 de marzo de 2015

Entrevista a Costas Lapavitsas


Cal é a súa opinión sobre as negociacións até agora? Como o está a facer o goberno?

Costas Lapavitsas. A estratexia de Syriza está baseada –e continúa a estalo- en que unha mudanza no aliñamento de forzas políticas en Grecia, en Europa ou en xeral, actuaría coma un catalizador da zona euro. Esta estratexia xa chegou ao seu fin. A verdadeira cuestión é canto tempo pasará até que a xente entenda isto.

Sempre fun moi escéptico en relación a iso. Sempre argumentei que non se trata só de aliñamento político, existen mecanismos institucionais e a lóxica da unión monetaria. E aqueles que acreditan en que unha simple mudanza de política é suficiente para transformalos están enganados e penso que isto confirmouse.

O que vimos é que o cadro institucional da zona euro e da maquinaria ideolóxica ligada a ela non son suceptibles de seren debatidas polos aliñamentos electorais. Así, o acordo do 20 de febreiro reflicto iso.

Os membros do seu partido xa percibiron que esa estratexia chegou ao fin?

C L. Syriza é unha grande organización que creceu moi rapidamente. Reflicte a sociedade. Non é como unha festa tradicional da esquerda e, polo tanto, hai variedade de opinións e de consciencia política.

Penso que os líderes do partido saben que teñen diante unha escolla moi difícil: perseveramos co programa que presentamos ao pobo grego? Ou submetémonos ao que as institucións, o grupo de Bruxelas, a troika, ou como o queira chamar, quere que fagamos? Esas dúas cousas non son compatibles.

Por tanto, non hai termo medio?

C L. Non hai termo medio. A zona euro non vai permitilo.

Pensa que á cúpula isto colleuna por sorpresa? 

C L. Si, sospeito que até certo punto si. Porque a miña lectura da situación é que a cúpula acreditaba xenuinamente que se podían alterar os aliñamentos políticos, podíase mudar a aritmética electoral e, sobre esa base, mudar Europa, mudar as políticas europeas.

Entón, que debería facer o goberno grego, na súa opinión?

C L. Grecia precisa considerar o verdadeiro camiño alternativo, que é deixar esa unión monetaria falida. É evidente que é o único camiño que xa estaba aí desde o inicio –basicamente de saída. Se vostede pensa aplicar un programa do tipo que Syriza sostivo, que non é radical –o programa de Syriza non é máis ca keynesianismo moderado-, vostede precisa pensar seriamente en como vai facer para saír dos límites da zona euro.

Entende vostede que Syriza ten mandato para iso?

C L. A resposta directa é non. Syriza ten un mandato para cumprir o seu programa. Indirectamente, non directamente, ten un mandato para manter o país na zona euro. Pero esta cuestión nunca foi exposta abertamente ao pobo grego.

A solución é un referendum?

C L. O primeiro que hai que facer non é tanto discutir a idea dun referendum senón a da estratexia alternativa. Ten que haber un debate público sincero sobre esta. Non é fácil, porque hai cinco anos este país foi sometido a campañas de desinformación e alarmismo incribles. Non é imposible ter ese debate agora, pero é moito máis difícil que hai uns anos.

Na miña opinión, a mellor estratexia agora é o que eu chamo unha saída consensual e ordenada. Non é unha saída impugnada.

Pode estenderse sobre iso?

C L. Creo que Grecia debe definir como meta negociar unha saída, basicamente, sen ruptura, sen cair, sen loita, sen accións unilaterais. Isto significaría: o exit  ten lugar e Grecia procura unha reestruturación profunda da débeda.

Por que os parceiros da UE haberían aceptar? Esta saída ten dous elementos que a eurozona non quere: a propia saída e a reestruturación da débeda.

C L. Non teño total certeza de que a eurozona non queira a saída. Sospeito que si a quere. E, na miña opinión, se un país pide unha forma negociada de saída, debería conseguila. Alemaña, Schäuble, por volta do 2011 estaba a favor dunha saída negociada.

O prezo para a eurozona debe ser a reestruturación da débeda. Pero hai aínda dous elementos máis: a proteción da taxa de cambio e a proteción dos bancos. Estes, esencialmente, non representan custes para o BCE porque Grecia é un país pequeno.

Que gañaría Europa con iso?

C L. Paz e sosego. (Pausa…) Por un tempo.

Por que apenas por un tempo?

C L. Porque a unión monetaria na miña opinión é un grande fracaso histórico. É o maior fracaso de Europa en décadas. E non vai durar. Pero, obviamente, si pode durar o tempo suficiente para que Grecia estea morta. É claro que os defensores da eurozona pensan que vai durar para sempre. É unha ilusión histórica. As unións monetarias non duran tanto tempo. Deixe que o pensen. Estupendo.

Sobreviviría a UE, en tanto que construción política, se os países saen da unión monetaria?

C L. En 15 anos, a unión monetaria desfixo todo o xerado en Europa pola UE. O estado das relacións entre os países europeos hoxe é probablemente peor do que ten sido en décadas. O estado de cousas entre Alemaña e Grecia é terrible, absolutamente atroz. E isto por causa do euro.

Esta é a proba de que esa moeda non xera solidariedade, esa moeda crea divisións. E esta é, de novo, a maior proba do seu fracaso histórico. Agora, a teimosía, a falta de vontade de recoñecer o fracaso dos últimos cinco anos vai tornar as cousas peores. O que a UE fixo nos últimos cinco anos é amarrarse aínda máis estreitamente en torno da moeda común en vez de reestruturala profundamente. Conseguiu que hoxe as cousas sexan aínda máis duras. Entón, si, se agora falla a moeda común, creo que tamén entrará en cuestión a UE, que é o prezo a pagar polo erro histórico da moeda común.

Entón, para Grecia, deixar a eurozona significa saír da UE?

C L. O máis importante é diferenciar entre UE e eurozona. Neste país, e na maior parte de Europa, persiste esa confusión de anos. Que a adhesión a unha é igual á adhesión á outra. Isto é absurdo, porque hai membros da UE que non son membros da unión monetaria. Se Grecia sae do euro, non ten que deixar a UE ao mesmo tempo. Ese é un tema aparte. Esa fusión foi mortal e foi usada ideoloxicamente.

ALEMAÑA É O PAÍS MÁIS DELINCUENTE

Había mecanismos vinculativos, mesmo antes da unión monetaria…

C L. Os reximes anteriores non tiveran éxito pero, en comparación co desastre da moeda común foron nitidamente exitosos. A cuestión de fondo: Europa precisa dun sistema monetario que permita a flexibilización monetaria. É un disparate completo impor un sistema de inflexibilidade monetaria e ao mesmo tempo crear flexibilidade a través dos mercados de traballo e do sector privado. Pero a razón máis profunda para o fracaso do euro é, naturalmente, a política alemá.

Por que?

C L. Alemaña é o país máis delincuente de Europa. Nin Grecia, nin España, nin Italia. E, certamente, tampouco Francia. Francia está a xogar moito máis honestamente que Alemaña. Alemaña non respectou as regras e isto podo explicalo dun xeito moi simple: Alemaña, frecuentemente, acusa a Grecia –Schäuble por exemplo- de ter vivido por enriba das súas posibilidades. É verdade. Pero Alemaña tamén viviu por debaixo das súas posibilidades, e é así que se xeran as exportacións, non por causa da tecnoloxía, a produtividade e todo iso. É por iso que tivo éxito.

Pero cando vostede está nunha unión monetaria non pode ser algo moi malo vivir por enriba dos seus medios e unha cousa boa vivir por debaixo deles. A verdadeira regra debe ser vivir polos seus medios. Así, Alemaña non se ativo ás regras e o prezo foi pagado polo pobo alemán. Eu sei ben como vive o pobo alemán. Sei moi ben que os salarios non aumentaron durante anos, que un terzo da forza de traballo vive en condicións precarias. Emprego precario, salarios por debaixo da produtividade…

Entón, está vostede dicindo que o euro tampouco foi bo para o pobo alemán?

C L. Iso tamén explica por que o pobo alemán está aborrecido e con rabia cando se trata de enviar diñeiro ao exterior, pagando por outros. Claro, eu estaría con rabia tamén nesa posición. Vostede vive dun xeito moi apretado, conta as súas fabas e, de súpeto, chega alguén e dille que ten que pagar.

Por outro lado está o negocio exportador alemán, os bancos alemáns, esta é unha historia diferente. Eles fixérono ben. Pero iso era algo como para que o pobo alemán se revolvese.

Entende que os alemáns son mantidos con medo por un propósito? Se vostede é alemán, sempre se lle está a dicir “as cousas van empeorar”. Alemaña –dísenos- non está a funcionar como podía, Europa non está a funcionar como podía, está China, a India, a globalización…

C L. A globalización é unha desas palabras que significan todo e nada. Houbo unha política coherente por parte do stablishment alemán para asustar á opinión pública e aos traballaores alemáns, para mantelos con medo do mañá, e do desemprego en particular, non hai dúbida. A idea orixinal por volta de 1998-1999, cando o desemprego era elevado é que aceptamos os baixos salarios para restaurar emprego dentro dos límites da unión monetaria. Agora o argumento parece ser “aceptamos salarios baixos para comeptir cos chineses”. Isto non ten fin. A verdade é que os baixos salairos non son bos para Alemaña. Alemaña precisa dunha política que impulse a demanda doméstica. Isto que hai é neomercantilismo, a crenza de que o crecemento vén só do exterior, que a única riqueza é a exportación.

UN PLAN DE TRES ETAPAS PARA GRECIA

Fai a mesma análise para Grecia? É a demanda doméstica a chave para crecer? Como debería Grecia volver por onde entrou?

C L. Hai tres etapas. A primeira, como dixen, a negociación consensual, a saída ordenada.

A segunda etapa é a recuperación, e esta depende moito da demanda doméstica, que está fortemente reprimida no país. Hai bastos recursos que se atopan sen uso. Pequenas e medianas empresas poderían reactivarse, que é o que activaría a economía grega. Non as exportacións. Ese culto ás exportacións é un disparate.

Pero, obviamente, iso non é realmente un camiño para o crecemento sustentable. O que Grecia precisa despois é unha política industrial para reestruturar a súa base produtiva, para integrarse na economía mundial sobre unha base diferente. Iso levaría algúns anos.

Pero Grecia sería aínda parte dun mercado común, como membro da UE. Por tanto, non é tan fácil voltar á demanda doméstica e as PEMES, porque tería que expulsar as grandes empresas que aínda poderían vender máis barato.

C L. Eu creo que Grecia podería competir coas importacións foráneas facilmente. Infelizmente, os salarios destruíronse durante os últimos cinco anos, debido ás políticas de rescate. A devaluación do 15-20% daríanos unha enorme vantaxe competitiva. Os salarios, entón, subirían gradualmente de novo.

Cales son as posibilidades para que iso aconteza? Para que Grecia escolla ese camiño?

C L. En 2010 dixen que hai tres solucións posibles. Austeridade, “o bo euro” e saír. Dixen que a solución máis probable sería a austeridade e que sería un desastre. En cuanto á estratexia do euro bo (ou sexa, vostede pode aplicar política keynesiana dentro dos límites do euro -a estratexia de Syriza), dixen que as posibilidades de que iso acontecese estarían preto de cero. A estratexia de saída é a única lóxica. A verdadeira cuestión é se vai ser contestada ou ordenada. Non o sei. Pero haberá saída nalgún momento.

A IDEOLOXÍA VENENOSA DO “EUROPEISMO”

Como pode ser ordenada cando mesmo que as negociacións actuais non vaian ben xa implican pánico e medo ao corralito?

C L. O primeiro que ten que acontecer é que a UE e Grecia entendan que están a flaxelar un cabalo morto. Tras cinco anos de tortura é hora de rematar. Esta estratexia chegou ao seu fin. Sentidiño, por favor. Polo tanto, cando falo de obxectivo estratéxico é iso o que quero dicir. A xente ten que entrar en acordo con el. E aqueles que rexeitan velo, fano por razóns ideolóxicas, porque esa ideoloxía está a envenenar o debate.

Que ideoloxía?

C L. Non é o neoliberalismo, é o europeísmo. A idea de Europa como entidade trascendental que é boa para todos nós e á que todos pertencemos. Esta gran ficción que xurdiu nos países dominantes e chegou a penetrar nos países máis fracos.

Son socialista, da vella escola, co vello sentido da palabra, a idea dos Estados Unidos de Europa e da solidariedade europea é unha idea socialista e eu compártoa. Obviamente, tamén foi unha idea nazi, utilizada por Hitler. Ninguén ten o monopolio da idea dunha Europa unificada.

Non creo nun único pobo de Europa, non hai demos europeo, e non debe habelo.
Europa é pluralidade, moitas linguas diferentes, culturas. Desde cando era desexable para todos nós sermos apenas europeos, sermos unha soa cousa?

Trátanse de ilusións ideolóxicas. Non vexo unha converxencia política, vexo o ascenso do fascismo, o ascenso da estrema dereita, vexo unha tensión estrema. O Frente Nacional francés ten o 30% dos votos, e tal como están indo as cousas, non me sorprendería que o próximo presidente de Francia sexa un fascista.

Se o euro era unha idea tan ruín, por que existe esa “teimosía” –como lle chamou- en toda Europa para apoialo? Cales son os intereses detrás da idea?

C L. O diñeiro é a concretización de relacións non económicas tamén. Encarna as relacións sociais, ten identidade ligada a el. Iso moitas veces significa identidade nacional. Os norteamericanos son o dólar, os británicos a libra, os alemáns eran o Deutsche Mark. O euro, en particular nos países da periferia, pasou a significar ser europeo. Vostede pode velo tamén nos países bálticos. Por tanto, hai un elemento de identidade e un elemento de política internacional.

Pero, por que os países centrais da UE están tan ligados á idea da moeda común?

C L. Penso que o núcleo non sabe como saír. Cometeuse un grande erro hai 15 anos e os riscos de ficar fóra percíbense como moi altos. Ao mesmo tempo, algúns intereses especiais, o sector exportador, o sector bancario, están defendéndoa fortemente porque serviu á súa estratexia.

Orixinal: http://www.thepressproject.net/article/74530/Costas-Lapavitsas-The-Syriza-strategy-has-come-to-an-end

miércoles, 25 de febrero de 2015

Réplica aos sofistas. Stathis Kouvelakis


Nos últimos días estiveron circulando dous sofismas entre aqueles que se negan a ver a realidade á cara e a recoñecer a retirada que Syriza se viu obrigada a realizar, así como as súas posibles consecuencias. Ou máis ben, dúas e media. E digo “obrigada” por boas razóns, porque o novo goberno estaba atrapado nunha estratexia equivocada: aínda que eu non diría que foi unha “traición” ou “capitulación”, xa que estes son termos moralizantes que valen pouco para a comprensión dos procesos políticos.


O primeiro sofisma: “Syriza non ten mandato para saír da eurozona”. Se adoptase unha posición así non tería gañado as eleccións. Dito deste xeito, vemos como este razoamento é absurdo. Si, por suposto, non tiña “mandato para saír da zona euro”. Pero certamente tampouco tiña o “mandato” de abandonar a cerna do seu programa co fin de quedar no euro! E, sen dúbida, se se presentase ante o electorado dicindo “aquí está o meu programa, pero se atopamos que a súa implementación é incompatible con permanecer no euro entón esquecédevos del”, tampouco tería acadado moito éxito nas eleccións. Por unha boa razón: manterse no euro a calquera custe é exactamente o mesmo argumento que usan os partidos pro-Memorandum que gobernaron Grecia todos estes anos. E mesmo aínda que Syriza nunca clarificou totalmente a súa posición sobre o euro, sempre rexeitou a lóxica do “euro a calquera prezo”. Neste sentido, lembremos que, contrariamente ao que pensa a maioría dos comentaristas, os textos programáticos de Syriza non descartan abandonar a eurozona se a iso lles obriga a intransixencia dos europeos, ou o impago da débeda. Se ben é certo que ultimamente estes textos semellan estar agochados.


Unha segunda variante deste primeiro sofisma di: Syriza tiña un mandato dual consistente en rachar coa austeridade e permenecer no euro. Isto soa máis racional que a primeira versión, pero aínda así é un sofisma. É como se as dúas partes deste mandato fosen igualmente importantes e polo tanto como se fose politicamente lexítimo -se tivésemos que elixir (e de feito temos que elixir, que é precisamente o problema)- sacrificar a ruptura coa austeridade no altar do mantemento do euro. Pero entón, por que non dar a volta a ese razoamento dicindo “posto que os dous obxectivos son incompatibles, escollo rachar coa austeridade, dado que esta é a razón esencial pola cal os gregos votaron pola esquerda radical? É dicir, optar pola ruptura e non pola “estabilidade” dentro do marco existente. Poderiamos pensar que esta elección é máis propia dun partido da esquerda radical que ten o “socialismo” coma o seu “obxectivo estratéxico” (mesmo aínda que iso non fose evidente na axenda coa que gañou as eleccións).


O terceiro sofisma está promovido por Étienne Balibar e Sandro Mezzadra. Comentaron con sarcasmo que os da “ala esquerda de Syriza” están a lamentarse pola “capitulación” (ignoremos polo de agora que ninguén en Syriza usou nunca ese termo). Dos eventos recentes, Balibar e Mezzadra sacan a conclusión de que “non poderemos ser capaces de construír unha política da liberdade e a igualdade en Europa simplemente afirmando a soberanía nacional”. Segundo eles, o máis importante é que Syriza comprou tempo, admitindo o custe de facer concesións (coa obrigatoria referencia a Lenin para probar o radicalismo do que argumentan), e que isto permite novas futuras vitorias políticas (por exemplo España) e o desenvolvemento dun movemento de mobilizacións sociais “transnacionais” (do estilo Blockupy).


Aquí nadamos, unha vez máis, nas augas do sofisma –dunha seudoinxenuídade que sería confusa se non tivese total sentido vindo de ardentes defensores do “proxecto europeo” (unha versión amable do mesmo, claro) como o son estes dous autores. Pero ao final, os ritmos das forzas políticas non están sicronizadas. A partir de agora até o verán o goberno grego enfróntase a unha serie de prazos apremantes; e é difícil ver como unha manifestación exitosa en Frankfurt ou mesmo a posibilidade de que Podemos gañe as eleccións españolas a finais de ano, podería mudar a situación a favor de Syriza. As fendas entre os ritmos temporais destas diferentes forzas son unha das razóns polas que o contexto nacional é dunha importancia estratéxica para os actores da loita política: é o terreo no que as relacións de poder entre as clases se condensan de forma decisiva.


Balibar e Mezzara tamén subestiman gravemente o efecto desmobilizador que inevitablemente seguirá –tanto en Grecia como no ámbito europeo- a partir da percepción de que Grecia e o goberno de Syriza se viron obrigados a axeonllarse aos ditados da austeridade da UE. E isto é o que en último caso vai pensar todo o mundo, por moito que os defensores do goberno grego queiran vestilo doutro xeito. Xa, en Grecia, o clima de mobilización e confianza que vimos durante as primeiras semanas semella cousa do pasado. Por suposto, as mobilizacións ben poden reanudarse, pero esta vez dirixiranse contra as decisións do goberno e, en todo caso, non aparecerán “baixo demanda”.


Facer depender calquera opción política da emerxencia dos movementos sociais é máis que arriscado. É unha maneira de dicir que se tratará dunha decisión que será cambiada se as mobilizacións non teñen lugar ou non son o suficientemente poderosas. En realidade, temos que tomar a liña da frente da marcha. Temos que asumir que xa tomamos a decisión de rachar coa austeridade: é isto o que estimula a mobilización que despois goza da súa autonomía (ou a adquire). Por outra parte, iso é exactamente o que ocorreu en Grecia durante a “confrontación” entre o goberno e a UE entre o 5 e o 20 de febreiro, cando ducias de milleiros de persoas saíron á rúa de xeito espontáneo en grande medida, fóra de calquera marco partidario.


Ademais, o argumento de que “temos que gañar algo de tempo”, neste caso, é unha ilusión, xa que durante estes catro meses de suposto “respiro”, Syriza, de feito, viuse obrigada a operar no marco existente. E isto fortalecerá ese marco: Syriza terá que aplicar unha boa parte do que demande a Troika (agora redeseñada como “as institucións”), mentres “desactiva” a aplicación das medidas clave do seu propio programa –precisamente as políticas que permitirían “ser diferentes” e cimentar a alianza social que a levou ao poder. De feito, existe un risco moi importante de que o tempo que Syriza “gañou” se demostre como “tempo perdido”, o que socava a base de Syriza ao tempo que permite aos seus inimigos (especialmente os de estrema dereita) reagruparse e presentarse a si mesmos como os únicos partidarios dunha “ruptura sistémica real”.


Tamén hai que sinalar que, a pesar da repunancia que os adictos ao europeísmo como Balibar e Mezzadra senten sobre calquera mención ao “nacional”, os éxitos políticos aos que se refiren, de Syriza a Podemos, non só teñen lugar nun contexto nacional –mudando as relacións de forza precisamente na medida en que permiten que a esquerda radical acceda aos niveis de poder do estado nación- senón, tamén, en parte, son posibles grazas á insistencia deses partidos na soberanía nacional: nun sentido democrático, popular e non nacionalista, aberto ao resto do mundo. O discurso “nacional-popular” e as referencias ao “patriotismo” abundan –Tsipras e Iglesias están perfectamente dispostos a usar eses termos- o mesmo que abundan as bandeiras nacionais (grega e a republicana española, por non mencionar as das nacionalidades do estado español) entre as multitudes e movementos “autónomos” (como Mezzadra e Balibar os chaman) enchendo as rúas e prazas deses países.


Máis que calquera outra cousa, isto mostra que no caso particular dos países dominados na periferia de Europa, como España e Grecia,  a referencia ao “nacional” é un terreo de loita que as forzas progresistas conseguiron hexemonizar, polo que é un dos factores máis poderosos do seu éxito. E esta é a base sobre a cal se pode construír un verdadeiro internacionalismo, non cun discurso baleiro –totalmente desconectado das realidades concretas da loita política- sobre un terreo supostamente xa existente e non mediado “europeo” “transnacional”.


Un derradeiro punto para concluír: hai un grao de verdade nos primeiros sofismas, cando falan do “mandato” de Syriza de deixar a zona euro. É certo que houbo unha contradición no enfoque predominante no partido á hora de abordar estas cuestión, unha contradición que agora salta á vista. A idea de rachar coa austeridade e a carga da débeda no marco europeo existente non podería ser refutada con maior claridade pola realidade. En tal situación, é vital que falemos con franqueza e, polo tanto, é necesario que discutamos unha vez máis cal é a mellor estratexia para que Syriza poida manter as súas promesas e conseguir que Grecia saia do funil actual. Ao mesmo tempo, isto envía unha mensaxe de loita a todas aquelas persoas –e hai unha chea delas- que contaban coa “esperanza ofrecida por Grecia” e que con razón néganse a aceptar a derrota.

Orixinal: http://www.versobooks.com/blogs/1886-a-reply-to-the-sophists-by-stathis-kouvelakis

lunes, 23 de febrero de 2015

Cinco preguntas que precisan resposta. Costas Lapavitsas

O Acordo do Eurogrupo aínda non concluíu, en parte porque aínda non sabemos que “reformas” proporá o goberno grego hoxe (luns 23 de febreiro) e cales desas serán aceptadas. Porén, aqueles de nós que fomos elixidos en base ao programa de Syriza e que viamos os anuncios feitos en Tesalónica [Programa de Tesalónica] como as promesas que fixemos ao pobo grego, estamos profundamente preocupados. Polo que temos o deber de compartir estas preocupacións

O programa xeral do acordo consiste no que segue:

Grecia pide a prórroga do actual préstamo, o cal está baseado nunha serie de compromisos.
O obxectivo desta ampliación é permitir a conclusión do acordo actual e dar tempo para un posible novo acordo.
Grecia presentará inmediatamente unha lista de “reformas” que serán avaliadas polas “institucións” en abril. Se a avaliación é positiva, entón o diñeiro que aínda non se concedeu no actual acordo será entregado xunto cos rendementos dos ingresos do BCE.
Os fondos actuais do HFSF [Hellenic Financial Stability Fund] serán usados exclusivamente para as necesidades dos bancos e estarán fóra de control grego.
Grecia comprométese a cumprir plenamente e sen demora todas as súas obrigas financeiras para cos seus socios.
Grecia comprométese a ter superávits primarios “adecuados” para garantir a sostibilidade da débeda sobre a base das decisións do Eurogrupo en novembro de 2012. O superávit para 2015 terá en conta as circunstancias económicas de 2015.
Grecia non retirará medidas, ni cometerá cambios unilaterais que poidan ter un efecto negativo nos obxectivos fiscais, na recuperación da economía ou na estabilidade financeira, xa que serán avaliados polas “institucións”.

Sobre esta base, o Eurogrupo comezará os procedementos nacionais para a extensión de catro meses do acordo actual e pide ao goberno grego comezar con celeridade o proceso para que a avaliación sexa exitosa.

É difícil que alguén poida considerar que os anuncios de Tesalónica –que inclúen a condonación da maior parte da débeda e a substitución directa dos Memorandos de Entendemento (MOU)- poidan ser implementados tras este acordo. Os que fomos escollidos en Syriza prometemos que iamos continuar coa implementación do Plan Nacional, independentemente das negociacións da débeda, xa que consideramos que é necesario para a reactivación da economía e o alivio social. É preciso, polo tanto, explicar como se implementará aquel e como poderá o novo goberno mudar a tráxica situación herdada.

Para ser máis concretos, o Plan Nacional incluía catro peares cos seguintes custes durante o primeiro ano:

Afrontar a crise humanitaria (1,9 mil millóns de euros).
Reactivar a economía con recortes de impostos, creación de “préstamos vermellos”, creación dun Banco para o Crecemento, aumento do salario mínimo de 751 euros (total de 6, 5 mil millóns de euros).
Programa de Emprego Público para crear 300.000 novos postos de traballo (3 mil millóns de euros o primeiro ano e 2 mil millóns de euros o segundo).
Transformación do sistema político con intervencións nos gobernos locais e no parlamento.

As fontes de financiamento, tamén para o primeiro ano, calculáronse do seguinte xeito:

Eliminación das débedas pendentes coa autoridade fiscal (3 mil millóns de euros).
Loita contra a evasión fiscal e o contrabando (3 mil millóns de euros).
HFSF (3 mil millóns de euros)
ESPA e outros programas europeos (3 mil millóns de euros).

Dado o acordo co Eurogrupo, pregunto:

Plan Nacional para a Reconstrución

Como se financiará cando os 3 mil millóns de euros do HFSF quedan fóra do control do goberno grego? Quitando eses fondos, necesítanse recadar grandes sumas provenientes da evasión fiscal e da resolución de débedas nun período de tempo moi breve. Como de realista é esta perspectiva?

Condonación da débeda

Como se procederá a acabar coa débeda cando Grecia se compromete a completar totalmente e sen demora todas as súas obrigas financeiras cos seus socios?

Fin da austeridade

Como chegará a fin da austeridade cando Grecia se compromete a acadar os superávits primarios “apropiados” para que a débeda sexa “sostible”? A “sostenibilidade” da débeda –tal como adoitaba estimala a Troika- foi xusto a casua desta procura irracional de superávits primarios. Dado que a débeda non baixará substancialmente, como se impedirá que continúen os superávits primarios catastróficos para a economía grega e que constitúen a esencia da austeridade?

Seguemento e custe fiscal

Como vai existir calquera cambio progresista no país se as “institucións” van execer unha vixilancia severa e van prohibir movementos unilaterais? Permitirán as “institucións” implementar os peares de Tesalónica, dado o coste adicional directo ou indirecto que implican?

A futura negociación

Que vai mudar exactamente nos próximos catro meses que dura esta "extensión”, para que a nova negociación cos nosos socios se vaia dar nunha mellor posición? Que vai frear o empeoramento da situación política, económica e social no noso país?

Estes intres son absolutamente cruciais para a sociedade, a nación, e, por suposto, para a esquerda. A lexitimidade democrática do goberno baséase no programa de Syriza. Como mínimo, necesítase un debate aberto dentro do partido e do grupo parlamentario. É preciso dar respostas fundamentadas inmediatamente a estas preguntas co fin de conservar o grande apoio e o dinamismo que nos otorgou o pobo grego. As respostas que se dean no tempo vindeiro decidirán o futuro do noso país e da sociedade.

Orixinal: https://greekanalyst.wordpress.com/2015/02/23/the-scathing-letter-of-syriza-mp-and-economist-costas-lapavitsas/

jueves, 19 de febrero de 2015

Está Syriza de retirada? Stathis Kouvelakis


Por usar un termo gastado, “os tempos son críticos”. De feito, son máis ca iso: estamos ao borde dunha secuencia temporal crucial. Todo o esforzo do goberno de Syriza será xulgado pola reacción ante unha chantaxe e ultimatums sen precedentes recibidos por parte dous seus traxicamente chamados “socios” europeos.
E as novas que chegan da liña do fronte non son agradables. É moi difícil ter unha visión clara do actual estado das negociacións –“negociacións” que son un oxímoro dada a grande asimetría na relación de forzas e o feito de que unha das partes (o BCE) ten unha arma apuntando á cabeza.

O que está claro, porén, é que o goberno grego deu marcha atrás en aspectos cruciais, especialmente no que ten que ver cos seus compromisos coa xente que o levou ás institucións.

Antes de examinar a fondo a substancia da solicitude de extensión do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira presentada o mércores polo goberno grego a Bruxelas, botemos unha ollada máis de preto ao “documento Moscovici” filtrado polo goberno grego durante a reunión do Eurogrupo do pasado luns, que ademais declarou estar disposto a asinar.

Este documento descarta calquera “acción unilateral”, establece un superávit primario dun volume non definido como obxectivo orzamental e recoñece a totalidade da débeda. Todos os futuros axustes que se fagan a respecto da reestruturación da débeda terán que ser levados a cabo de acordo coas decisións de 2012 do Eurogrupo.

En esencia, a aplicación das medidas fundamentais do programa electoral de Salónica de Syriza están suxeitas á aprobación previa dos prestamistas, o que conleva a posible anulación do programa. Ademais recoñece os termos odiosos dos acordos de préstamo, polo que debilita aínda máis a posición grega na materia. É obvio que ao aceptar tal marco coma un suposto “compromiso de honor” o goberno de Syriza terá as mans atadas.

A solicitude de prórroga do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira inclúe todos os puntos mencionados e a isto engádese, por primeira vez, o recoñecemento da “supervisión pola [Unión Europea] e o BCE e, no mesmo sentido, polo Fondo Monetario Internacional, o tempo que dure o acordo ampliado (punto f)”. Noutras palabras, a troika está de volta pero cun nome diferente. Os medios gregos xa comezaron a falar de “As Institucións”.

Pero mesmo todo isto é insuficiente para a UE e para o ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble. Tras comprender que a parte grega –desexosa de evitar calquera ruptura e mesmo calquera medida unilateral- está nun constante camiño de retirada, os “socios” optaron pola rendición total coma o seu obxectivo principal.

Ensinando ao goberno grego unha lección, emiten simultaneamente unha advertencia a Podemos e a calquera outra forza en Europa que pretenda desafiar a austeridade, os memorandos e a servidume das débedas. O lado alemán rexeitou a solicitude grega do Acordo Mestre de Facilicitación de Asistencia Financiera, ao parecer, co obxectivo de obter máis concesións gregas e a total humillación do goberno de esquerdas grego.

E nisto é onde, quizais, se atope a nosa esperanza. Non pode descartarse que a escalada nas demandas da UE e dos prestamistas serán rexeitadas por un goberno que contraíu ca súa xente algúns compromisos básicos. E, máis importante, que serán rexeitados pola xente que está comezando a ter esperanza de novo e que está tomando as rúas e prazas do país. A retirada non debe considerarse algo inevitable e o goberno grego merece o apoio na medida en que se manteña firme na guerra desatada contra el.

Calquera que sexa a conclusión, unha cousa é certa: todos os argumentos tranquilizadores que circularon nos últimos anos sobre un “bluff” europeo, sobre a posibilidade de derrotar a austeridade no marco da zona euro, sobre abandonar os acordos de préstamo e os memorandos, sobre solucións como a da Conferencia de Londres de 1953 sobre a débeda alemá (é dicir, unha reestruturación favorable ao prestatario acordada co prestamista); noutras palabras, todos os elementos constitutivos da narrativa do “bo euro”, derrubáronse.

Nalgún momento deberánsenos dar explicacións sobre isto tamén.

Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/greece-syriza-backtrack-europe-negotiations/

martes, 3 de febrero de 2015

Syriza ten solucións ousadas ás forzas da austeridade que esganan Europa. Costas Lapavitsas

A semana inaugural do novo goberno de Grecia xa conseguiu dar unha boa sacudida á política da UE e aínda queda moito máis por vir. En primeiro lugar compre facer fronte ao bulo amplamente estendido segundo o cal o goberno de coalición entre Syriza, o partido que represento no Parlamento, e os Gregos Independentes (ANEL) é unha impía alianza vermello-marrón. ANEL non é a versión suave do fascista Amencer Dourado. É un partido nacionalista que fala por amplos sectores do conservadorismo popular e que se opuxo ás desastrosas políticas de austeridade. De feito, con respecto á débeda nacional de Grecia, a súa posición mesmo se podería considerar á esquerda de Syriza. Está de máis dicir que Syriza preferiría formar goberno por si mesma, pero os resultados das eleccións non o quixeron así. Para a súa vergonza o Partido Comunista grego rexeitou incorporarse ou mesmo apoiar ao goberno de Syriza. 

Non existe outro partido con credenciais anti-rescate no Parlamento grego. O dilema para Syriza, polo tanto, era ou ben formar un goberno con ANEL e aplicar o programa antirescate ou deixar que o país acudise a novas eleccións, o que sería desastroso para a súa economía e sociedade.
 

Fixemos o correcto.
 

A realidade de que Syriza estea no poder comezou a emerxer tan pronto como o se formou o goberno. Varios ministros fixeron anuncios notables mentres asumían o cargo: detención das privatizacións eléctricas e petroleiras, reinserción laboral dos traballadores do sector público despedidos, desmontaxe da desregulación laboral, elevación do salario mínimo e máis. Entrementres, o novo ministro de Finanzas declarou que o país xa non ía negociar coa troika da CE, o BCE e o FMI. Grecia non se someterá á avaliación prevista do seu programa de rescate, mesmo se iso significa que non recibe outros 7,2 mil millóns de euros. De feito, o país xa non considera á troika como unha institución válida. Para colmo, Grecia até semella diferenciarse da política da UE no que ten que ver con Rusia.
 

A reacción do mercado de valores de Atenas foi inmediata: os prezos das accións esboroaron, en particular as dos bancos.
 

É probable que a presión financeira volva xurdir esta semana xa que os bancos perderon liquidez e o investidores internacionais están moi nerviosos. A reacción dos responsables políticos europeos, pola súa parte, foi dunha incredulidade atónita, apenas enmascarada por sutilezas diplomáticas. Sen dúbida, realizáronse iradas chamadas telefónicas.
 

Atenas durante os últimos días.
 

O goberno Syriza é inexperto, pero sería un erro pensar nel coma un grupo de axitadores á procura de pelexa con todo o mundo. O que en realidade está a facer é aplicar a “liña” —nos termos pasados de moda da esquerda— coa cal chegou ao poder. En concreto, está aplicado a liña do “bo euro” afirmando que a unión monetaria europea, así como a propia UE, pode ser radicalmente transformada desde dentro. O liderado de Syriza non ten ningunha intención de sacar a Grecia fóra da Unión Monetaria Europea. Por outra banda, cre que os custes do “Grexit” poderían ser tan severos que Europa non forzaría a saída de Grecia da moeda común. Sobre esta base, pénsase que cunha alianza poderosa das forzas da esquerda emerxentes en toda Europa o pesadelo da austeridade podería rematar, a carga da débeda podería mitigarse a  través do continente, poderían adoptarse políticas para aumentar o emprego e o estado do benestar podería fortalecerse. Europa transformaríase.
 

Non é de estrañar que as accións do goberno de Syriza xerasen unha enorme onda de apoio popular en Grecia. Existe unha sensación palpable de alivio e orgullo nacional entre os gregos do común, a sensación de que se está a recuperar certa dignidade tras anos de seren tratados dun xeito terrible. Outras novidades alentadoras foron as poderosas voces internacionais falando en apoio a Syriza, incluída a do Presidente Obama.
 

Porén, a verdadeira proba do “bo euro” virá só cando Berlín e Angela Merkel comecen a mostrar a súa man. A dura realidade é que a UE ten unha influencia substancial en Grecia. O país conta con ter que facer importantes reembolsos de débeda nos vindeiros tempos, o máis grande a comezos de verán, que serán imposible de abordar sen novo financiamento. O programa nacional de Syriza, por outra banda, segue a estar financiado dun xeito pouco seguro, mesmo que o goberno só se propoña un orzamento equilibrado. O imposto da renda foi diminuíndo, en parte pola presión fiscal extraordinaria imposta pola troika e en parte pola interrupción das eleccións. Será necesaria unha máis rápida reorganización da recadación fiscal para asegurar a financiación das medidas previstas para aliviar aos que están máis golpeados pola crise. E os bancos continúan dependendo totalmente da liquidez proporcionada polo BCE e son susceptibles de teren fugas de depósitos.
 

A presión sobre Syriza para diluír as súas demandas e cumprir cos requisitos básicos do rescate serán probablemente feroces. Se os líderes de Syriza non se someten, será vital que reciban un apoio internacional forte, incluídas boas propostas prácticas para enfrontar as grandes dificultades que se enxergan. É necesario seguir debatendo, por exemplo, se Grecia debe pagar na súa totalidade a parte da débeda que se debe ao BCE e ao FMI (aproximadamente 70 mil millóns de euros de 320 mil millóns). Está abertamente en disputa a base xurídica e moral desa débeda. A liña do “bo euro” estase enfrontando cara a cara coa realidade, e dúas cousas son de suma importancia:
 

Primeiro, non se debe permitir que as forzas da austeridade que hoxe esganan Europa esmaguen o experimento Syriza ou que o convertan nun compromiso podre.
Segundo, Syriza ten que prepararse dun xeito sólido e meticuloso para todas as eventualidades, algo que se comprende moi ben no seu interior.
 

O resto é política de falabaratos.

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/feb/02/syriza-solutions-austerity-europe-greece-leftwing-alliance