Mostrando entradas con la etiqueta política monetaria. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta política monetaria. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de febrero de 2015

Syriza ten solucións ousadas ás forzas da austeridade que esganan Europa. Costas Lapavitsas

A semana inaugural do novo goberno de Grecia xa conseguiu dar unha boa sacudida á política da UE e aínda queda moito máis por vir. En primeiro lugar compre facer fronte ao bulo amplamente estendido segundo o cal o goberno de coalición entre Syriza, o partido que represento no Parlamento, e os Gregos Independentes (ANEL) é unha impía alianza vermello-marrón. ANEL non é a versión suave do fascista Amencer Dourado. É un partido nacionalista que fala por amplos sectores do conservadorismo popular e que se opuxo ás desastrosas políticas de austeridade. De feito, con respecto á débeda nacional de Grecia, a súa posición mesmo se podería considerar á esquerda de Syriza. Está de máis dicir que Syriza preferiría formar goberno por si mesma, pero os resultados das eleccións non o quixeron así. Para a súa vergonza o Partido Comunista grego rexeitou incorporarse ou mesmo apoiar ao goberno de Syriza. 

Non existe outro partido con credenciais anti-rescate no Parlamento grego. O dilema para Syriza, polo tanto, era ou ben formar un goberno con ANEL e aplicar o programa antirescate ou deixar que o país acudise a novas eleccións, o que sería desastroso para a súa economía e sociedade.
 

Fixemos o correcto.
 

A realidade de que Syriza estea no poder comezou a emerxer tan pronto como o se formou o goberno. Varios ministros fixeron anuncios notables mentres asumían o cargo: detención das privatizacións eléctricas e petroleiras, reinserción laboral dos traballadores do sector público despedidos, desmontaxe da desregulación laboral, elevación do salario mínimo e máis. Entrementres, o novo ministro de Finanzas declarou que o país xa non ía negociar coa troika da CE, o BCE e o FMI. Grecia non se someterá á avaliación prevista do seu programa de rescate, mesmo se iso significa que non recibe outros 7,2 mil millóns de euros. De feito, o país xa non considera á troika como unha institución válida. Para colmo, Grecia até semella diferenciarse da política da UE no que ten que ver con Rusia.
 

A reacción do mercado de valores de Atenas foi inmediata: os prezos das accións esboroaron, en particular as dos bancos.
 

É probable que a presión financeira volva xurdir esta semana xa que os bancos perderon liquidez e o investidores internacionais están moi nerviosos. A reacción dos responsables políticos europeos, pola súa parte, foi dunha incredulidade atónita, apenas enmascarada por sutilezas diplomáticas. Sen dúbida, realizáronse iradas chamadas telefónicas.
 

Atenas durante os últimos días.
 

O goberno Syriza é inexperto, pero sería un erro pensar nel coma un grupo de axitadores á procura de pelexa con todo o mundo. O que en realidade está a facer é aplicar a “liña” —nos termos pasados de moda da esquerda— coa cal chegou ao poder. En concreto, está aplicado a liña do “bo euro” afirmando que a unión monetaria europea, así como a propia UE, pode ser radicalmente transformada desde dentro. O liderado de Syriza non ten ningunha intención de sacar a Grecia fóra da Unión Monetaria Europea. Por outra banda, cre que os custes do “Grexit” poderían ser tan severos que Europa non forzaría a saída de Grecia da moeda común. Sobre esta base, pénsase que cunha alianza poderosa das forzas da esquerda emerxentes en toda Europa o pesadelo da austeridade podería rematar, a carga da débeda podería mitigarse a  través do continente, poderían adoptarse políticas para aumentar o emprego e o estado do benestar podería fortalecerse. Europa transformaríase.
 

Non é de estrañar que as accións do goberno de Syriza xerasen unha enorme onda de apoio popular en Grecia. Existe unha sensación palpable de alivio e orgullo nacional entre os gregos do común, a sensación de que se está a recuperar certa dignidade tras anos de seren tratados dun xeito terrible. Outras novidades alentadoras foron as poderosas voces internacionais falando en apoio a Syriza, incluída a do Presidente Obama.
 

Porén, a verdadeira proba do “bo euro” virá só cando Berlín e Angela Merkel comecen a mostrar a súa man. A dura realidade é que a UE ten unha influencia substancial en Grecia. O país conta con ter que facer importantes reembolsos de débeda nos vindeiros tempos, o máis grande a comezos de verán, que serán imposible de abordar sen novo financiamento. O programa nacional de Syriza, por outra banda, segue a estar financiado dun xeito pouco seguro, mesmo que o goberno só se propoña un orzamento equilibrado. O imposto da renda foi diminuíndo, en parte pola presión fiscal extraordinaria imposta pola troika e en parte pola interrupción das eleccións. Será necesaria unha máis rápida reorganización da recadación fiscal para asegurar a financiación das medidas previstas para aliviar aos que están máis golpeados pola crise. E os bancos continúan dependendo totalmente da liquidez proporcionada polo BCE e son susceptibles de teren fugas de depósitos.
 

A presión sobre Syriza para diluír as súas demandas e cumprir cos requisitos básicos do rescate serán probablemente feroces. Se os líderes de Syriza non se someten, será vital que reciban un apoio internacional forte, incluídas boas propostas prácticas para enfrontar as grandes dificultades que se enxergan. É necesario seguir debatendo, por exemplo, se Grecia debe pagar na súa totalidade a parte da débeda que se debe ao BCE e ao FMI (aproximadamente 70 mil millóns de euros de 320 mil millóns). Está abertamente en disputa a base xurídica e moral desa débeda. A liña do “bo euro” estase enfrontando cara a cara coa realidade, e dúas cousas son de suma importancia:
 

Primeiro, non se debe permitir que as forzas da austeridade que hoxe esganan Europa esmaguen o experimento Syriza ou que o convertan nun compromiso podre.
Segundo, Syriza ten que prepararse dun xeito sólido e meticuloso para todas as eventualidades, algo que se comprende moi ben no seu interior.
 

O resto é política de falabaratos.

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/feb/02/syriza-solutions-austerity-europe-greece-leftwing-alliance

sábado, 24 de enero de 2015

A QE do BCE. Jacques Sapir

Así é. Mario Draghi recorreu ao seu famoso “bazooka”. O anuncio fíxoo o xoves, o 22 de xaneiro pasará á historia. O Banco Central Europeo converteuse, pois, á “Quantitative Easing” (QE)  [flexibilización cuantitativa]. Pero é unha medida desesperada. Nada demostra que terá os efectos desexados. Por outra banda, formula moitas preguntas. En certo modo un pode mesmo ver nela, e isto ben pode ser o máis importante, o comezo do recoñecemento de que a zona euro xa non funciona e que podería ser adecuado prepararse para a súa disolución.

O que vén de ser anunciado

Na súa rolda de prensa, Mario Draghi fixo unha serie de anuncios que poden resumirse do seguinte xeito:

- O BCE decidiu poñer en marcha un programa de compra de valores extensa que inclúe e vai máis alá dos anunciados previamente (TLTRO).

Este programa, que entrará en vigor en marzo e que continuará até setembro de 2016 consistirá na compra de bonos públicos e privados de valores no mercado secundario por un volume de até 60 millóns de euros ao mes.

- A existencia deste programa decididiuse a causa do colapso da inflación e polos riscos de deflación presentes na eurozona.

- Será implementado de acordo cunha regra de proporcionalidade segundo a contribución de cada país ao sistema BCE.

- O BCE coordinará a adquisición de valores que se aplicarán dentro dos límites indicados polos bancos centrais nacionais (BCN). A toma de riscos cubrirase até un 20% polo BCE no marco do principio de solidariedade na zona euro e o resto será a costa de cada un dos Bancos Centrais.

-As obrigas adquiridas poden ter unha duración de até trinta anos.

- Este programa non debe incitar aos gobernos á flexibilidade orzamentaria.


Os operadores nos mercados financeiros agardaban estas medidas pero a inmensidade do programa impresionounos favorablemente. O importe total deste “alivio” acada os 1.140 millóns de dólares. O euro comezou a ir á baixa en relación co dólar.

Pero hai outros detalles dos que tamén compre tomar nota, en particular a regra de proporcionalidade na compra de débeda (o que implica que os tres países que máis se beneficiarán serán Alemaña, Francia e Italia), así como a regra da solidariedade, que está limitada ao 20% das compras.


Unha medida desesperada?

 Un pode preguntarse se este anuncio feito por Mario Draghi non é a derradeira medida desesperada tomada ante a evolución da situación tanto económica como política na eurozona. Lembremos os feitos:

1. Mario Draghi ameazara con este tipo de acción desde setembro de 2012. Se un se atén á teoría da credibilidade en base á política declaratoria do BCE, esta ameaza levouse a cabo para non ser aplicada. Supúñase que debía desalentar aos especuladores e a todos os que anticipasen unha posible disolución da eurozona. Porén, hai que recoñecer que despois dun ano no cal se cría na súa palabra, a credibilidade de Mario Draghi deteriorouse; primeiro lentamente, despois cada vez máis rápido. Así que a última medida dirixida aos bancos, que se remonta a setembro de 2014 e denominada “TLTRO”, foi un fracaso. Esta perda de credibilidade é un sinal moi importante da crise que está a atravesar a zona euro.

2. Os mecanismos que permiten esta “quantitative easing” para relanzar a inflación e, a través dela, a actividade económica, non están claros. De feito, Europa non son os EEUU e mesmo alí os resultados da QE1, QE2 e QE3 son confusos, por dicilo suavemente.

- O papel desempeñado polo crédito no consumo e no investimento é considerablemente menos importante en Europa que nos EEUU. Se ben o anuncio desta “flexibilización” é seguro que levantará o mercado de valores e reforzará aos bancos e a outras institucións financeiras, a posesión deses valores nas carteiras dos fogares é limitado. Así que non haberá ningún efecto real que vaia dinamizar o consumo.

- Se o descenso do euro en relación co dólar é algo bo, temos que lembrar que os países da eurozona, coa excepción de Francia, realizan entre o 60 e o 70% do comercio dentro da propia eurozona. A depreciación do euro en relación co dólar, polo tanto, non terá os mesmos efectos á hora de relanzar a actividade como os que tería unha disolución da eurozona, acompañada por devaluacións máis ou menos importantes dos países do sur de Europa en relación con Alemaña.

3. Hai unha contradición entre a declaración feita por Mario Draghi sobre a necesidade de manter o rigor orzamentario e esta “flexibilización”. De feito, a loita contra a deflación e a recesión faise a través da política orzamentaria e non a través da política monetaria. O principal problema de Europa é a diminución da participación dos salarios dos traballadores no valor agregado.

Vemos, polo tanto, que, por moi espectacular que poida parecer, este anuncio é unha resposta a unha pregunta que non foi formulada. De feito, a flexibilización monetaria sería coherente se un se estivese enfrontando a unha crise de liquidez, como en setembro de 2008. Porén, este non é o caso na actualidade.

O final da zona euro?


Hai un punto que merece unha análise. A decisión de limitar os mecanismos de solidariedade ao 20% das compras. Isto significa que para o 80% desas mesmas compras de valores os riscos serán tomados polo Banco Central de cada país en consideración. Porén, o principio de mutualización está na base do funcionamento da zona euro. Haberá logo que recoñecer que se está a retroceder, no que se refire á mutualización, á situación de 1999, é dicir, ao momento no que se instaurou a zona euro.

 - Dende 2010 houbo un movemento moi importante de renacionalización da débeda (que se pode ver na conta de TARGET-2), que significa o final do mercado único da débeda dentro da zona euro.

- De agora en diante, sabemos que esta mutualización só se aplicará ao 20% das compras futuras de títulos. Noutras palabras, o Banco Central de Italia correrá co risco do 80% de Italia, o Banco Central de Grecia co 80% de Grecia, e así sucesivamente.

- Por último, ninguén se deu de conta de que Mario Draghi evitou coidadosamente o anuncio dunha implementación inmediata do seu programa, que a adiou até marzo. Hai unha razón simple. Está agardando a que o Tribunal Europeo de Xustiza lle dea a luz verde. Porén, a opinión do fiscal xeral, que en absoluto é un xuízo, estipula claramente que a aplicación dun programa do BCE (neste caso o OMT) debe respectar o principio de proporcionalidade e non debe interferir no establecemento dun (xusto?) prezo de mercado para os valores elixibles para este programa.

Unha posible interpretación das medidas tomadas por Mario Draghi pode ser que representarían unha acción desesperada dunha parte do BCE que, ante a amplitude da crise, procura unha solución a calquera prezo, aínda que sexa temporal. Pero, ao facelo, esta fracción do BCE acaba de abrir a porta a unha renacionalización das políticas monetarias dos países membros da zona euro. É probable que non fóra isto ao que se tentaba chegar. Porén, será cada vez máis difícil para os políticos da zona euro finxir que estamos nun sistema federal, cando a política monetaria estase a converter de novo en nacional. Por esta razón, e só por esta razón, compre dar a benvida ás medidas de flexibilización monetaria anunciadas por Mario Draghi con bastante satisfacción.