Mostrando entradas con la etiqueta Costas Lapavitsas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Costas Lapavitsas. Mostrar todas las entradas

lunes, 20 de julio de 2015

Lapavitsas chama ao Grexit como a única estratexia para o pobo grego


Transcrición do discurso pronunciado por Costas Lapavitsas en Atenas o 17 de xullo de 2015.

O goberno de Syriza acaba de asinar un novo acordo de rescate. Este acordo é un moi mal trato. É un mal trato polas razóns que vou enumerar:

En primeiro lugar, o acordo é recesivo. Vai facer que a economía grega entre en recesión. Só os incrementos de impostos chegan ao 2% do PIB. Esta imposición fiscal é sobre todo en materia de IVE, imposto indirecto, imposto sobre os bens consumidos polas maiorías traballadoras. Os impostos tamén se incrementan para as empresas e van golpear ás pequenas e medianas empresas principalmente, que aínda son a columna vertebral da economía grega.  Haberá tamén impostos á agricultura, e son probablemente os máis graves, duplicando o imposto sobre a renda dos agricultores e impoñendo outras obrigas sobre eles.

Así que non hai dúbida de que estas medidas son recesivas e se toman exactamente no momento en que a economía grega abala ao bordo da recesión. Así que vai ser unha propina de recesión, seguro.

En segundo lugar, o acordo impón medidas que son claramente desiguais. Intensificarán a desigualdade no país. Que ninguén vos diga que estas medidas non van intensificar a desigualdade no país. Por suposto, a maior parte dos ingresos fiscais virán de impostos indirectos que son, por definición, os que máis inducen á desigualdade. A desigualdade aumentará porque as medidas levarán 800 millóns de euros anualmente das pensións. Así que imporán unha carga significativa sobre os pensionistas. A desigualdade tamén aumentará porque, por suposto, o desemprego volverá subir o próximo ano.

As medidas e o acordo tamén son malas porque non van facer nada pola débeda nacional. Non hai reestruturación da débeda. Haberá unha substitución dalgunha débeda agora denominada baixo unha categoría que será determinada noutra. Pode haber algún beneficio marxinal en termos de tipos de interese e duración da débeda, pero é marxinal. A débeda sen dúbida aumentará en 20-25 mil millóns para recapitalizar os bancos. O FMI agarda que a débeda chegue a representar o 200% do PIB o próximo ano e iso é o que probablemente vai suceder.

En cuarto lugar, as medidas non farán nada para o desenvolvemento. Non hai nada para o desenvolvemento nestas medidas. O chamado paquete de 35 mil millóns de euros non existe. Estes son cartos que xa foron adxudicados a Grecia nos diversos fondos, non hai novo diñeiro dedicado a isto. Non hai perspectiva de desenvolvemento.

Finalmente, o acordo é claramente neocolonial. O goberno de esquerda asinou para Grecia un acordó neocolonial.

[Aplauso]

E é neocolonial por moitos motivos. Mencionarei tres. En primeiro lugar, o acordo propón a creación dun fondo de privatización de 50 mil millóns de euros que, basicamente, venderá propiedades públicas baixo administración estranxeira. Deses, 25 mil millóns irán para os bancos segundo o acordo. Se queda algo, e non quedará nada porque nunca acadarán os 50 mil millóns, irá para repagar a débeda e posiblemente para investimento. Esencialmente, entón, este fondo vai vender o que poida da propiedade pública para recapitalizar os bancos. Acabamos de aceptar o acordo que vai vender a plata da familia para recapitalizar os bancos fallidos gregos.

Tamén acordamos reformar a administración civil baixo a dirección da UE. Acordamos que siga o monitoreo, e este será moi severo e durará moito máis que os tres anos que dura este acordo.

Para min este acordo, na súa forma actual, representa unha capitulación desastrosa. Isto non é Brest-Litovsk. Os que pensedes que isto é Brest-Litovsk estades nun erro. Isto non vai de gañar tempo para establecer o poder bolxevique en Moscú e Leningrado. Isto non vai de gañar tempo. Non hai tempo que gañar. O tempo xoga a favor do inimigo neste contexto, e esta non é unha manobra táctica. Isto é poñer o país nun camiño que só ten unha saída. E esa saída non irá en favor dos dereitos das persoas.

O verdadeiro gañador deste acordo é obvio. Está a mirarnos na cara. O verdadeiro gañador é a oligarquía grega que se expresa nos mass media. É por iso que os mass media están a celebralo.

[Aplauso]

Ás veces, a realidade non é o que semella ser. Non tes que mirar alén da superficie. Se les a prensa grega e escoitas os medios sabes que gañaron.

Por que, logo, esta capitulación? Por que chegamos a isto despois de todo o entusiasmo de hai seis meses? Despois de toda a onda de apoio popular neste país e en toda Europa? Por que? Por que isto? A resposta é clara para min. E ten que ver cunha estratexia equivocada, que era o suficientemente boa para gañar eleccións, para trunfar nas eleccións, pero que resultou desastrosa no goberno. Estratexia equivocada que colapsou. Esta é a razón. Cal foi a estratexia equivocada? É moi simple, expresouse abertamente unha e outra vez. Imos lograr un cambio radical en Grecia, un cambio radical en Europa, e farémolo dentro da eurozona. Esa foi a estratexia. Ben, iso non é posible, e punto. Non é posible. Esa é a leccións dos últimos meses. Simplemente non é posible.

E non é algo debido á ideoloxía. Non é unha cuestión de ideoloxía, da ideoloxía neoliberal ou de calquera otura. Non é unha cuestión de correlación de forzas. Varias veces escoitei falar de correlación de forzas. E hai un debate agora, un novo ruxe ruxe, que di que imos esperar ao equilibrio da correlación de forzas para mudar Europa, se Podemos gaña entón as cousas serán diferentes de novo. Para iso haberá que esperar moito. Un tempo moi longo, porque as cousas non van mudar dese xeito.

Por que? Porque a unión monetaria á que pertence Grecia non é ideolóxica. Quero dicir que si o é pero non só. E non é só un equilibrio de forzas. É un mecanismo institucional. Canto antes entendan os gregos isto, mellor nos será. É un mecanismo institucional, é unha unión monetaria que é un corpo xerárquico que traballa para os intereses das grandes empresas e os intereses duns poucos dos países que a integran. Iso é o que é a UME.

[Aplausos]

É unha unión monetaria historicamente fracasada. E o fracaso manifestase no caso de Grecia. Grecia foi arruinada pola unión monetaria. E canto máis se aferra á súa pertenza, máis se destrúe o seu pobo e a súa sociedade. É algo coñecido e vello na historia das unións monetarias. Simplemente que cada nova ocasión a xente non quere velo.

Permitídeme unha digresión arredor da cuestión do diñeiro, xa que esta é unha audiencia académica. E posto que tantas persoas falaron en Grecia sobre este tema, permitídeme unha digresión porque eu pasei máis de 30 anos estudando o diñeiro. É a mercadoría das mercadorías. Son bastante antiguo nisto.

No seu estado e forma máis pura é unha cousa. Unha cousa. A maioría da xente entende o ouro como diñeiro. Ás veces aínda o é. Cando é unha cousa, opera claramente como adoitan facelo as cousas. E é o obxecto da reificación. As relación sociais encárnanse nesa cousa. Mecanicamente a sociedade sométese a si mesma a esa cousa. Sabémolo desde hai tempo, Keynes chamouno a escravitude do metal amarelo.

Por suposto, o diñeiro moderno non é unha cousa nese sentido. Aínda é unha cousa pero non unha cousa na forma de mercadoría producida. A peculiaridade do diñeiro moderno é que se xestiona. Xestiónase nas institucións, a través de comités, mecanismos, por toda unha xerarquía de relacións, á cima das cales se atopa a [inaudile]. O que sucede nesa xerarquía e nese marco é unha reificación. Unha reificación diferente á do ouro. O que se reifica nesas institucións é a práctica. Existe unha reificación da práctica. Así, os intereses ideolóxicos e de clase vólvense reificados na práctica, na institución mesma.

É isto o que a esquerda  non recoñeceu ben en Europa e Grecia. Os mecanismos da unión monetaria europea son prácticas de clase reificadas. É iso o que son. Non podes mudalos porque ti gañes o voto en Grecia. É imposible facelo. Non podes mudalos porque Podemos gañe en España. Non é posible facelo. Ou rachas co conxunto ou o aceptas tal como é. E isto demostrouse [inaudible].

[Aplauso]

Pero a pregunta importante é, agora que? Isto todo é análise, pero agora que? Que facemos? Deixádeme dicilo. E aquí, a miña propia práctica serve como proba. A única posición coherente no Parlamento ten que ter presente o seguinte: en primeiro lugar, o mandato electoral que Syriza recibiu o 25 de xaneiro. En segundo lugar, o referéndum que dixo non dun xeito moi claro, non aos rescates, moi claramente.

A única posición coherente no Parlamento con estas expresións da vontade popular era dicir non. Non, era a resposta coherente, e non dicir Si. Isto non é unha cuestión de consciencia moral. Respecto a consciencia moral de cada quen. Entendo a dificultade moral de cada membro do Parlamento e de cada membro de Syriza e de todo o mundo en Grecia. Non é unha cuestión de moral. Non estou a suxerir, nin por un minuto, que o Non é moralmente superior ao Si. Quero que isto fique claro. Non é unha cuestión de moralidade. É unha cuestión de xuizo político.

A política é o que importa, e o curso político correcto era dicir que Non. É o único que pode manter a consistencia que mencionei a respecto da vontade popular, co que dixemos á xente e co que probablemente haberá que facer no futuro.

Agora, o Si é probable que conduza en breve a grandes problemas. Moi grandes problemas polas razón que expliquei a respecto dos contidos do rescate. Non será posible cambiar Grecia ao aceptar ese rescate. Non será posible debido a que o acordo ten mecanismos de vixiancia moi graves. Esta xente no estranxeiro non é estúpida. Saben perfectamente de que se trata. E van impoñer condicións, regramentos, patróns de vixiancia que impidan a Syriza facer calquera mudanza na dirección en que moita xente desexaría.

Xa están a esixir que gran parte da lexislación que aprobamos nos últimos cinco meses, en interese do pobo traballador, sexa retirada. E iso é o que imos facer. Estannos obrigando a facelo. Alguén pensa que se vai poder aprobar unha lexislación máis radical a partir de agora? En que planeta vive? Iso é imposible. Non será posible.

Entón, que facemos logo? O que temos que facer é retirar o noso consentimento a este acordo. Para retirar o noso consentimento e para redeseñar un programa radical que sexa consistente cos nosos valores, os nosos obxectivos e o que dixemos ao pobo grego durante todo este tempo, todos estes anos. E ese programa radical é imposible sen a saída do euro. O único que realmente temos que facer é centrarnos no desenvolvemento dun plan para a saída do euro que nos permita implementar o noso programa. É tan obvio que estou sorprendido de que a xente aínda non o vexa despois de cinco meses de negociacións falidas.

Agora ben, temos forza para iso? Temos. Temos porque o referéndum, que dixo Non dun xeito tan poderoso, demostrou dúas cousas. A primeira é que o euro é unha cuestión de clase. Non é unha forma impersoal de diñeiro. Como dixen, cristaliza e encapsula as relación de clase. E a xente instintivamente entendeuno. Os ricos votaron Si, os pobres votaron Non no referéndum. Punto.

A segunda cousa que mostrou o referéndum, e isto é un gran cambio, é a primeira vez que vimos isto nos últimos cinco anos, é que os mozos de Grecia por fin falaron. A maioría de nós estivemos agardando a que os mozos dixesen algo. E esa xuventude de aspecto tan europeo, tan educada, en principio tan afastada de todos eses dinosauros de extrema esquerda que cren en Marx etc., esa xuventude grega que vai de Erasmus e viaxa aquí e alá, o 80% desa xuventude, dixo Non. E esa é a base para unha liña radical, para unha liña diferente en Syriza, hoxe. E se dicimos que Si, se mantemos o Si, perderemos a esa xuventude. Estou seguro.

Non teño moito tempo así que vou avanzar rapidamente. Como pensamos, logo, esta nova posición? É imposible de facer? Ben, existe un plan. Non hai que pensar que non había un plan sobre como saír desa unión monetaria desastrosa e implementar unha estratexia radical. Existe un plan. Simplemente que nunca se usou. O plan necesita desenvolverse e necesita vontade política. Sobre todo necesita vontade política para ser implementado.

Un plan, en forma de folla de ruta, ten que conter algunhas cousas claras. En primeiro lugar, non pagar a débeda nacional. A arma dos pobres é o default. Grecia ten que facer default á súa débeda. Non hai outro xeito de saír. A débeda está a esmagala. Así que o default é o primeiro paso para acadar unha cancelación profunda da débeda.

En segundo lugar, a nacionalización dos bancos. Nacionalización efectiva dos bancos.

[Aplausos]

Cando digo nacionalización, quero dicir nomear un comisario público e un grupo de funcionarios públicos seleccionados, máis algún tecnócratas, que saben que facer para dirixir os bancos e dicirlle a toda a dirección privada que vaia para a casa. Isto é o que necesitamos. Sen peros. E a estrutura legal debe ser modificada en consecuencia. É moi fácil de facer. Os bancos gregos neste momento teñen a propiedade das accións de maioría pública. Ten que ser convertida en [inaudible].

Os bancos deben continuar cos controis bancarios e de capital. A metade do traballo de saír desta desastrosa unión monetaria xa está feito. Pero funcionando adecuadamente os controis bancarios e de capital, non con este desaguisado que presenciamos nas últimas semanas. Que funcionen correctamente os controis bancarios e de capital que permitan aos traballadores e pequenas empresas comezar a funcionar de novo. É perfectamente posible. Vímolo unha e outra vez.

A continuación, conversión de todos os prezos. A conversión de todas as obrigas. Conversión de todas as existencias de diñeiro a razón de 1:1 á nova moeda. Calquera cousa pode converterse baixo lei grega. Os que manteñen depósitos perderán algo de poder adquisitivo. Non valor nominal, pero si algo poder de compra. Pero o gañarán de novo porque o poder de compra do que debemos tamén diminuirá. Así que a maioría da xente probablemente gañará con isto.

A continuación organizar o abastecemento dos mercados de produtos. Petróleo, medicina e alimentos. Perfectamente posible cunha orde en xerarquías, sempre que se teña algo de tempo por diante, non no último momento. Porque claro, se alguén pensa que isto se fai a mañá do luns pensándoo o domingo pola noite, será difícil, si. Estou de acordo.

E, por último, decidir como afrontar a presión do tipo de cambio. Como operar o tipo de cambio. O tipo de cambio probablemente vai baixar e volver subir. Así é como funciona normalmente. E vaise estabilizar nalgún tipo de taxa devaluada. Eu agardaría 15-20% de devaluación como posición final. Decidir como defender isto e como manexalo.

Que pasará se tomamos este camiño? E se o tomamos tras traballalo técnicamente pero, sobre todo, preparando á xente? Porque sen a xente isto é imposible. Ben, non é verdade. Tamén é posible facelo sen a xente. É posible facelo cos tanques nas rúas. Tamén é posible así, si. Pero obviamente ese non é o camino para a esquerda. A esquerda quere facelo coa participación popular, porque queremos liberar ás persoas. Queremos facelas compañeiras nisto.

Entón, que pasará logo se este é o camiño elixido? Permitídeme dicir que vin algunhas simulacións e algunhas econometrías do que é probable que ocorra co PIB, os prezos e así sucesivamente. Son moi útiles estas cousas e moi interesantes ás veces. Pero nesta ocasión, son, por definición, inútiles. Por que? Porque a simulación, máis que a econometría, asume que as características estruturais do modelo, se manteñen. Do contrario non se pode facer simulación ningunha. Aquí, por forza, estamos mudando a estrutura. Entendedes? Por forza faremos isto. É unha ruptura de réxime.

Ou por dicilo doutro xeito, como pode prever os efectos alguén que vai cultivar de novo a súa viña? Porque iso é o que vai pasar. Así que vai ser un cambio estrutural. Polo que calquera avaliación numérica do que é probable que suceda non vale de moito. Así que non creo ás persoas que din que non vai ser unha recesión do 25% Non o saben. É un número que sacan da manga.

O mellor que podemos facer nestas circunstancias é chegar a unha conxetura razoada sobre a base da experiencia anteriore e con base na estrutura da economía grega. A miña conxetura é que si seguimos este camino dun xeito preparado entraremos en recesión. Será difícil. Probablemente durará varios meses, polo menos a pendente descendente. Non creo que vaia durar máis de 6 meses a xulgar pola experiencia monetaria. En Arxentina a caída durou 3 meses. Despois, a economía volveu subir.

Así que o aspecto contractivo durará varios meses, entón a economía vai encoller. As taxas positivas de crecemento poderían tardar máis en aparecer debido a que o golpe no consumo, a incerteza, o golpe ás pequenas e medianas empreass probablemente será significativo. Eu agardaría taxas positivas de crecemento global despois de 12 a 18 meses.

Unha vez que o período de adaptación estea rematado, eu agardaría que a economía grega volvese a taxas de crecemente sostido bastante rápido. Hai dúas razón para isto. A primeira, a reconquista do mercado interno. O cambio de moeda permitiría ao sector produtivo grego volver conquistar o mercado nacional, recrear as oportunidades e actividades que vimos unha e outra vez que comportan estes eventos monetarios desta escala. E co goberno de esquerda isto será reforzado. Fará que sexa máis rápido. En parte porque as exportacións tamén subirán. En parte porque haberá un programa sostido de investimento público para impulsar o investimento privado e para dirixir o cremento durante os anos vindeiros.

Ben, isto é o que penso. Non teño tempo para ir máis alá. Pero quero dicir dúas cousas máis. Isto non é unha saída de Europa. Ninguén avoga por saír de Europa. A fusión entre o euro, a unión monetaria europea e Europa, este ben incorpóreo que nos acosa todo o tempo, non é real. Aquí falamos de saír da unión monetaria. Grecia seguirá sendo parte de Europa e das estruturas europeas, sempre e cando o pobo grego así o queira. Esta é unha estratexia para liberar a Grecia da trampa da unión monetaria que lle permita entrar nunha senda de crecemento sostido con xustiza social para inclinar a balanza a favor das persoas traballadoras deste país.

Non hai otura estratexia. Lamento ter que dicilo. Pero pensar que existe outra estratexia é participar nunha búsqueda inútil. Non hai outra estratexia.

Agora, non sei se Grecia vai facer isto. Hai un dito que coñecín recentemente moi interesante. Ao parecer pertence a un primeiro ministro israelí. E di que as nacións toman o camiño da sabiduría. O camiño da sabiduría. Pero só despois de probar todos os demais camiños antes diso. E no caso de Grecia, témome que isto é o que temos diante de nós. O camiño da sabiduría é o camino da saída con cambio social. Agardo que Syriza se decate e que diga non. Que non asinará este acordo. Que volverá aos seus principios e valores radicais. Que fará unha oferta á sociedade grega para levala polo camiño da sabedoría.

Grazas.

martes, 17 de marzo de 2015

Entrevista a Costas Lapavitsas


Cal é a súa opinión sobre as negociacións até agora? Como o está a facer o goberno?

Costas Lapavitsas. A estratexia de Syriza está baseada –e continúa a estalo- en que unha mudanza no aliñamento de forzas políticas en Grecia, en Europa ou en xeral, actuaría coma un catalizador da zona euro. Esta estratexia xa chegou ao seu fin. A verdadeira cuestión é canto tempo pasará até que a xente entenda isto.

Sempre fun moi escéptico en relación a iso. Sempre argumentei que non se trata só de aliñamento político, existen mecanismos institucionais e a lóxica da unión monetaria. E aqueles que acreditan en que unha simple mudanza de política é suficiente para transformalos están enganados e penso que isto confirmouse.

O que vimos é que o cadro institucional da zona euro e da maquinaria ideolóxica ligada a ela non son suceptibles de seren debatidas polos aliñamentos electorais. Así, o acordo do 20 de febreiro reflicto iso.

Os membros do seu partido xa percibiron que esa estratexia chegou ao fin?

C L. Syriza é unha grande organización que creceu moi rapidamente. Reflicte a sociedade. Non é como unha festa tradicional da esquerda e, polo tanto, hai variedade de opinións e de consciencia política.

Penso que os líderes do partido saben que teñen diante unha escolla moi difícil: perseveramos co programa que presentamos ao pobo grego? Ou submetémonos ao que as institucións, o grupo de Bruxelas, a troika, ou como o queira chamar, quere que fagamos? Esas dúas cousas non son compatibles.

Por tanto, non hai termo medio?

C L. Non hai termo medio. A zona euro non vai permitilo.

Pensa que á cúpula isto colleuna por sorpresa? 

C L. Si, sospeito que até certo punto si. Porque a miña lectura da situación é que a cúpula acreditaba xenuinamente que se podían alterar os aliñamentos políticos, podíase mudar a aritmética electoral e, sobre esa base, mudar Europa, mudar as políticas europeas.

Entón, que debería facer o goberno grego, na súa opinión?

C L. Grecia precisa considerar o verdadeiro camiño alternativo, que é deixar esa unión monetaria falida. É evidente que é o único camiño que xa estaba aí desde o inicio –basicamente de saída. Se vostede pensa aplicar un programa do tipo que Syriza sostivo, que non é radical –o programa de Syriza non é máis ca keynesianismo moderado-, vostede precisa pensar seriamente en como vai facer para saír dos límites da zona euro.

Entende vostede que Syriza ten mandato para iso?

C L. A resposta directa é non. Syriza ten un mandato para cumprir o seu programa. Indirectamente, non directamente, ten un mandato para manter o país na zona euro. Pero esta cuestión nunca foi exposta abertamente ao pobo grego.

A solución é un referendum?

C L. O primeiro que hai que facer non é tanto discutir a idea dun referendum senón a da estratexia alternativa. Ten que haber un debate público sincero sobre esta. Non é fácil, porque hai cinco anos este país foi sometido a campañas de desinformación e alarmismo incribles. Non é imposible ter ese debate agora, pero é moito máis difícil que hai uns anos.

Na miña opinión, a mellor estratexia agora é o que eu chamo unha saída consensual e ordenada. Non é unha saída impugnada.

Pode estenderse sobre iso?

C L. Creo que Grecia debe definir como meta negociar unha saída, basicamente, sen ruptura, sen cair, sen loita, sen accións unilaterais. Isto significaría: o exit  ten lugar e Grecia procura unha reestruturación profunda da débeda.

Por que os parceiros da UE haberían aceptar? Esta saída ten dous elementos que a eurozona non quere: a propia saída e a reestruturación da débeda.

C L. Non teño total certeza de que a eurozona non queira a saída. Sospeito que si a quere. E, na miña opinión, se un país pide unha forma negociada de saída, debería conseguila. Alemaña, Schäuble, por volta do 2011 estaba a favor dunha saída negociada.

O prezo para a eurozona debe ser a reestruturación da débeda. Pero hai aínda dous elementos máis: a proteción da taxa de cambio e a proteción dos bancos. Estes, esencialmente, non representan custes para o BCE porque Grecia é un país pequeno.

Que gañaría Europa con iso?

C L. Paz e sosego. (Pausa…) Por un tempo.

Por que apenas por un tempo?

C L. Porque a unión monetaria na miña opinión é un grande fracaso histórico. É o maior fracaso de Europa en décadas. E non vai durar. Pero, obviamente, si pode durar o tempo suficiente para que Grecia estea morta. É claro que os defensores da eurozona pensan que vai durar para sempre. É unha ilusión histórica. As unións monetarias non duran tanto tempo. Deixe que o pensen. Estupendo.

Sobreviviría a UE, en tanto que construción política, se os países saen da unión monetaria?

C L. En 15 anos, a unión monetaria desfixo todo o xerado en Europa pola UE. O estado das relacións entre os países europeos hoxe é probablemente peor do que ten sido en décadas. O estado de cousas entre Alemaña e Grecia é terrible, absolutamente atroz. E isto por causa do euro.

Esta é a proba de que esa moeda non xera solidariedade, esa moeda crea divisións. E esta é, de novo, a maior proba do seu fracaso histórico. Agora, a teimosía, a falta de vontade de recoñecer o fracaso dos últimos cinco anos vai tornar as cousas peores. O que a UE fixo nos últimos cinco anos é amarrarse aínda máis estreitamente en torno da moeda común en vez de reestruturala profundamente. Conseguiu que hoxe as cousas sexan aínda máis duras. Entón, si, se agora falla a moeda común, creo que tamén entrará en cuestión a UE, que é o prezo a pagar polo erro histórico da moeda común.

Entón, para Grecia, deixar a eurozona significa saír da UE?

C L. O máis importante é diferenciar entre UE e eurozona. Neste país, e na maior parte de Europa, persiste esa confusión de anos. Que a adhesión a unha é igual á adhesión á outra. Isto é absurdo, porque hai membros da UE que non son membros da unión monetaria. Se Grecia sae do euro, non ten que deixar a UE ao mesmo tempo. Ese é un tema aparte. Esa fusión foi mortal e foi usada ideoloxicamente.

ALEMAÑA É O PAÍS MÁIS DELINCUENTE

Había mecanismos vinculativos, mesmo antes da unión monetaria…

C L. Os reximes anteriores non tiveran éxito pero, en comparación co desastre da moeda común foron nitidamente exitosos. A cuestión de fondo: Europa precisa dun sistema monetario que permita a flexibilización monetaria. É un disparate completo impor un sistema de inflexibilidade monetaria e ao mesmo tempo crear flexibilidade a través dos mercados de traballo e do sector privado. Pero a razón máis profunda para o fracaso do euro é, naturalmente, a política alemá.

Por que?

C L. Alemaña é o país máis delincuente de Europa. Nin Grecia, nin España, nin Italia. E, certamente, tampouco Francia. Francia está a xogar moito máis honestamente que Alemaña. Alemaña non respectou as regras e isto podo explicalo dun xeito moi simple: Alemaña, frecuentemente, acusa a Grecia –Schäuble por exemplo- de ter vivido por enriba das súas posibilidades. É verdade. Pero Alemaña tamén viviu por debaixo das súas posibilidades, e é así que se xeran as exportacións, non por causa da tecnoloxía, a produtividade e todo iso. É por iso que tivo éxito.

Pero cando vostede está nunha unión monetaria non pode ser algo moi malo vivir por enriba dos seus medios e unha cousa boa vivir por debaixo deles. A verdadeira regra debe ser vivir polos seus medios. Así, Alemaña non se ativo ás regras e o prezo foi pagado polo pobo alemán. Eu sei ben como vive o pobo alemán. Sei moi ben que os salarios non aumentaron durante anos, que un terzo da forza de traballo vive en condicións precarias. Emprego precario, salarios por debaixo da produtividade…

Entón, está vostede dicindo que o euro tampouco foi bo para o pobo alemán?

C L. Iso tamén explica por que o pobo alemán está aborrecido e con rabia cando se trata de enviar diñeiro ao exterior, pagando por outros. Claro, eu estaría con rabia tamén nesa posición. Vostede vive dun xeito moi apretado, conta as súas fabas e, de súpeto, chega alguén e dille que ten que pagar.

Por outro lado está o negocio exportador alemán, os bancos alemáns, esta é unha historia diferente. Eles fixérono ben. Pero iso era algo como para que o pobo alemán se revolvese.

Entende que os alemáns son mantidos con medo por un propósito? Se vostede é alemán, sempre se lle está a dicir “as cousas van empeorar”. Alemaña –dísenos- non está a funcionar como podía, Europa non está a funcionar como podía, está China, a India, a globalización…

C L. A globalización é unha desas palabras que significan todo e nada. Houbo unha política coherente por parte do stablishment alemán para asustar á opinión pública e aos traballaores alemáns, para mantelos con medo do mañá, e do desemprego en particular, non hai dúbida. A idea orixinal por volta de 1998-1999, cando o desemprego era elevado é que aceptamos os baixos salarios para restaurar emprego dentro dos límites da unión monetaria. Agora o argumento parece ser “aceptamos salarios baixos para comeptir cos chineses”. Isto non ten fin. A verdade é que os baixos salairos non son bos para Alemaña. Alemaña precisa dunha política que impulse a demanda doméstica. Isto que hai é neomercantilismo, a crenza de que o crecemento vén só do exterior, que a única riqueza é a exportación.

UN PLAN DE TRES ETAPAS PARA GRECIA

Fai a mesma análise para Grecia? É a demanda doméstica a chave para crecer? Como debería Grecia volver por onde entrou?

C L. Hai tres etapas. A primeira, como dixen, a negociación consensual, a saída ordenada.

A segunda etapa é a recuperación, e esta depende moito da demanda doméstica, que está fortemente reprimida no país. Hai bastos recursos que se atopan sen uso. Pequenas e medianas empresas poderían reactivarse, que é o que activaría a economía grega. Non as exportacións. Ese culto ás exportacións é un disparate.

Pero, obviamente, iso non é realmente un camiño para o crecemento sustentable. O que Grecia precisa despois é unha política industrial para reestruturar a súa base produtiva, para integrarse na economía mundial sobre unha base diferente. Iso levaría algúns anos.

Pero Grecia sería aínda parte dun mercado común, como membro da UE. Por tanto, non é tan fácil voltar á demanda doméstica e as PEMES, porque tería que expulsar as grandes empresas que aínda poderían vender máis barato.

C L. Eu creo que Grecia podería competir coas importacións foráneas facilmente. Infelizmente, os salarios destruíronse durante os últimos cinco anos, debido ás políticas de rescate. A devaluación do 15-20% daríanos unha enorme vantaxe competitiva. Os salarios, entón, subirían gradualmente de novo.

Cales son as posibilidades para que iso aconteza? Para que Grecia escolla ese camiño?

C L. En 2010 dixen que hai tres solucións posibles. Austeridade, “o bo euro” e saír. Dixen que a solución máis probable sería a austeridade e que sería un desastre. En cuanto á estratexia do euro bo (ou sexa, vostede pode aplicar política keynesiana dentro dos límites do euro -a estratexia de Syriza), dixen que as posibilidades de que iso acontecese estarían preto de cero. A estratexia de saída é a única lóxica. A verdadeira cuestión é se vai ser contestada ou ordenada. Non o sei. Pero haberá saída nalgún momento.

A IDEOLOXÍA VENENOSA DO “EUROPEISMO”

Como pode ser ordenada cando mesmo que as negociacións actuais non vaian ben xa implican pánico e medo ao corralito?

C L. O primeiro que ten que acontecer é que a UE e Grecia entendan que están a flaxelar un cabalo morto. Tras cinco anos de tortura é hora de rematar. Esta estratexia chegou ao seu fin. Sentidiño, por favor. Polo tanto, cando falo de obxectivo estratéxico é iso o que quero dicir. A xente ten que entrar en acordo con el. E aqueles que rexeitan velo, fano por razóns ideolóxicas, porque esa ideoloxía está a envenenar o debate.

Que ideoloxía?

C L. Non é o neoliberalismo, é o europeísmo. A idea de Europa como entidade trascendental que é boa para todos nós e á que todos pertencemos. Esta gran ficción que xurdiu nos países dominantes e chegou a penetrar nos países máis fracos.

Son socialista, da vella escola, co vello sentido da palabra, a idea dos Estados Unidos de Europa e da solidariedade europea é unha idea socialista e eu compártoa. Obviamente, tamén foi unha idea nazi, utilizada por Hitler. Ninguén ten o monopolio da idea dunha Europa unificada.

Non creo nun único pobo de Europa, non hai demos europeo, e non debe habelo.
Europa é pluralidade, moitas linguas diferentes, culturas. Desde cando era desexable para todos nós sermos apenas europeos, sermos unha soa cousa?

Trátanse de ilusións ideolóxicas. Non vexo unha converxencia política, vexo o ascenso do fascismo, o ascenso da estrema dereita, vexo unha tensión estrema. O Frente Nacional francés ten o 30% dos votos, e tal como están indo as cousas, non me sorprendería que o próximo presidente de Francia sexa un fascista.

Se o euro era unha idea tan ruín, por que existe esa “teimosía” –como lle chamou- en toda Europa para apoialo? Cales son os intereses detrás da idea?

C L. O diñeiro é a concretización de relacións non económicas tamén. Encarna as relacións sociais, ten identidade ligada a el. Iso moitas veces significa identidade nacional. Os norteamericanos son o dólar, os británicos a libra, os alemáns eran o Deutsche Mark. O euro, en particular nos países da periferia, pasou a significar ser europeo. Vostede pode velo tamén nos países bálticos. Por tanto, hai un elemento de identidade e un elemento de política internacional.

Pero, por que os países centrais da UE están tan ligados á idea da moeda común?

C L. Penso que o núcleo non sabe como saír. Cometeuse un grande erro hai 15 anos e os riscos de ficar fóra percíbense como moi altos. Ao mesmo tempo, algúns intereses especiais, o sector exportador, o sector bancario, están defendéndoa fortemente porque serviu á súa estratexia.

Orixinal: http://www.thepressproject.net/article/74530/Costas-Lapavitsas-The-Syriza-strategy-has-come-to-an-end

lunes, 2 de marzo de 2015

Para vencer á austeridade Grecia debe rachar co euro. Costas Lapavitsas


O acordo asinado entre Grecia e a UE tras semanas de intensas negociacións é un compromiso acadado baixo coacción económica. O seu único mérito para Grecia é manter o goberno de Syriza vivo para volver loitar noutra ocasión. E ese día non está lonxe. Grecia terá que negociar un acordo de financiamento de longo prazo en xuño e agosto. Nos vindeiros catro meses, o goberno terá que actuar conxuntamente para salvar eses obstáculos e aplicar o seu programa radical. A esquerda europea ten grande interese no éxito grego se este serve para facer retroceder ás forzas da austeridade que están a esganar o continente.

En febreiro, o equipo negociador grego caeu nunha trampa dobre. Por unha banda estaba a dependencia dos bancos gregos da liquidez do BCE, sen a cal deixarían de funcionar. Mario Draghi, presidente do BCE, meteu máis presión estreitando os termos da provisión de liquidez. Preocupado polos acontecementos, os depositantes retiraron fondos; cara o final das negociacións os bancos gregos estaban a perder mil millóns de euros de liquidez por día.

Por outra banda, estaba a necesidade de financiación do estado grego para atender as débedas e pagar os salarios. Estando en curso as negociacións, os fondos escasearon máis. A UE, liderada por Alemaña, cinicamente agardou até que a presión sobre os bancos gregos chegara ao punto culminante. Pola tarde do venres 20 de febreiro o goberno de Syriza tivo que aceptar un acordo ou se enfrontaba a condicións financeiras caóticas na semana seguinte, algo para o que en absoluto estaba preparado.

O acordo resultante ampliou o acordo de préstamo a Grecia a catro meses de financiación garantida, suxeita a revisión periódica polas “institucións”; é dicir, pola Comisión Europea, o BCE e o FMI. O país viuse obrigado a declarar que vai cumprir con todas as obrigas fronte aos seus acredores “plenamente e en prazo”.

Ademais, terá como obxectivo lograr superávits primarios “apropiados”; desistir de accións unilaterais que “afecten negativamente os obxectivos fiscais”; e levar a cabo “reformas” que van en contra dos compromisos de Syriza de baixar impostos, aumentar o salario mínimo, reverter as privatizacións e aliviar a crise humanitaria.

En suma, o goberno de Syriza pagou un prezo moi alto para seguir con vida. As cousas poranse aínda máis difíciles polo lamentable estado da economía grega. O crecemento en 2014 foi un mísero 0,7%, mentres que o PIB contraeuse durante o último trimestre. A produción industrial reduciuse un 3,8% máis en decembro e mesmo as vendas ao por menor diminuíron un 3,7%, a pesar do Nadal. O indicativo máis preocupante, porén, é a caída dos prezos nun 2,8% en xaneiro. Esta é unha economía en espiral deflacionaria sen ningunha ou pouca dirección posible.

Os próximos catro meses serán un período de constante loita para Syriza. Hai poucas dúbidas de que o goberno se enfrontará a grandes dificultades para pasar a revisión de abril realizada polas “institucións” e lograr a liberación dos moi necesarios fondos. De feito, é tan grave a situación fiscal que os acontecementos poderían precipitarse aínda máis rápido.

Os ingresos tributarios estanse esboroando, en parte porque a economía está conxelada e en parte porque a xente está retendo o pagamento ante a expectativa de alivio da carga fiscal extraordinaria dos últimos anos. Os fondos públicos veranse sometidos a unha presión considerable xa en marzo, cando haberá que facer pagamentos importantes de débeda.

Pero aínda supoñendo que o goberno navegue con éxito estes estreitos, en xuño Grecia terá que volver entrar en negociacións coa UE para un acordo de financiamento de longo prazo. A trampa de febreiro está aínda moi presente e lista para xurdir de novo.

Que debemos nós, como Syriza, facer e como podería a esquerda de toda Europa axudar? O paso máis importante é darse de conta de que a estratexia da esperanza de lograr un gran cambio radical no marco institucional da moeda común chegou á súa fin. A estratexia deunos éxito electoral coa promesa de liberar ao pobo grego da austeridade sen ter que soportar a saída da eurozona. Por desgraza, os acontecementos demostraron, fóra de toda dúbida, que isto é imposible, e é hora de que recoñezamos a realidade.

Para que Syriza evite o colapso ou a entrega total debe ser autenticamente radical. A nosa forza radica exclusivamente no tremendo apoio popular que aínda gozamos. O goberno debe implementar rapidamente medidas para aliviar aos traballadores das tremendas presións dos últimos anos: prohibir as execucións hipotecarias, condonar a débeda interna, volver a conectar ás familias á rede eléctrica, aumentar o salario mínimo, deter as privatizacións. Este é o programa polo que fomos elixidos. As metas fiscais e a supervisión por parte das “institucións” deben ser algo secundario nos nosos cálculos, se pretendemos manter o apoio popular.

Ao mesmo tempo, o noso goberno debe enfocar as negociacións de xuño cun marco mental moi diferente ao de febreiro. A eurozona non pode ser reformada e non se converterá nunha “amable” unión monetaria que apoie á clase traballadora. Grecia debe poñer unha ampla gama de opcións sobre a mesa, debe estar preparada para medidas extraordinarias de liquidez e debe saber que poderá manexar calquera eventualidade se a súa xente está preparada. Despois de todo, a UE xa creou o desastre neste país.

Syriza podería gañar o auxilio da esquerda europea, pero só se a esquerda sacode as súas propias ilusións e comeza a propor políticas sensatas que poidan liberar a Europa do absurdo en que se converteu a moeda común. Neste caso, podería haber unha posibilidade de rematar coa austeridade en todo o continente. Temos moi pouco tempo.

lunes, 23 de febrero de 2015

Cinco preguntas que precisan resposta. Costas Lapavitsas

O Acordo do Eurogrupo aínda non concluíu, en parte porque aínda non sabemos que “reformas” proporá o goberno grego hoxe (luns 23 de febreiro) e cales desas serán aceptadas. Porén, aqueles de nós que fomos elixidos en base ao programa de Syriza e que viamos os anuncios feitos en Tesalónica [Programa de Tesalónica] como as promesas que fixemos ao pobo grego, estamos profundamente preocupados. Polo que temos o deber de compartir estas preocupacións

O programa xeral do acordo consiste no que segue:

Grecia pide a prórroga do actual préstamo, o cal está baseado nunha serie de compromisos.
O obxectivo desta ampliación é permitir a conclusión do acordo actual e dar tempo para un posible novo acordo.
Grecia presentará inmediatamente unha lista de “reformas” que serán avaliadas polas “institucións” en abril. Se a avaliación é positiva, entón o diñeiro que aínda non se concedeu no actual acordo será entregado xunto cos rendementos dos ingresos do BCE.
Os fondos actuais do HFSF [Hellenic Financial Stability Fund] serán usados exclusivamente para as necesidades dos bancos e estarán fóra de control grego.
Grecia comprométese a cumprir plenamente e sen demora todas as súas obrigas financeiras para cos seus socios.
Grecia comprométese a ter superávits primarios “adecuados” para garantir a sostibilidade da débeda sobre a base das decisións do Eurogrupo en novembro de 2012. O superávit para 2015 terá en conta as circunstancias económicas de 2015.
Grecia non retirará medidas, ni cometerá cambios unilaterais que poidan ter un efecto negativo nos obxectivos fiscais, na recuperación da economía ou na estabilidade financeira, xa que serán avaliados polas “institucións”.

Sobre esta base, o Eurogrupo comezará os procedementos nacionais para a extensión de catro meses do acordo actual e pide ao goberno grego comezar con celeridade o proceso para que a avaliación sexa exitosa.

É difícil que alguén poida considerar que os anuncios de Tesalónica –que inclúen a condonación da maior parte da débeda e a substitución directa dos Memorandos de Entendemento (MOU)- poidan ser implementados tras este acordo. Os que fomos escollidos en Syriza prometemos que iamos continuar coa implementación do Plan Nacional, independentemente das negociacións da débeda, xa que consideramos que é necesario para a reactivación da economía e o alivio social. É preciso, polo tanto, explicar como se implementará aquel e como poderá o novo goberno mudar a tráxica situación herdada.

Para ser máis concretos, o Plan Nacional incluía catro peares cos seguintes custes durante o primeiro ano:

Afrontar a crise humanitaria (1,9 mil millóns de euros).
Reactivar a economía con recortes de impostos, creación de “préstamos vermellos”, creación dun Banco para o Crecemento, aumento do salario mínimo de 751 euros (total de 6, 5 mil millóns de euros).
Programa de Emprego Público para crear 300.000 novos postos de traballo (3 mil millóns de euros o primeiro ano e 2 mil millóns de euros o segundo).
Transformación do sistema político con intervencións nos gobernos locais e no parlamento.

As fontes de financiamento, tamén para o primeiro ano, calculáronse do seguinte xeito:

Eliminación das débedas pendentes coa autoridade fiscal (3 mil millóns de euros).
Loita contra a evasión fiscal e o contrabando (3 mil millóns de euros).
HFSF (3 mil millóns de euros)
ESPA e outros programas europeos (3 mil millóns de euros).

Dado o acordo co Eurogrupo, pregunto:

Plan Nacional para a Reconstrución

Como se financiará cando os 3 mil millóns de euros do HFSF quedan fóra do control do goberno grego? Quitando eses fondos, necesítanse recadar grandes sumas provenientes da evasión fiscal e da resolución de débedas nun período de tempo moi breve. Como de realista é esta perspectiva?

Condonación da débeda

Como se procederá a acabar coa débeda cando Grecia se compromete a completar totalmente e sen demora todas as súas obrigas financeiras cos seus socios?

Fin da austeridade

Como chegará a fin da austeridade cando Grecia se compromete a acadar os superávits primarios “apropiados” para que a débeda sexa “sostible”? A “sostenibilidade” da débeda –tal como adoitaba estimala a Troika- foi xusto a casua desta procura irracional de superávits primarios. Dado que a débeda non baixará substancialmente, como se impedirá que continúen os superávits primarios catastróficos para a economía grega e que constitúen a esencia da austeridade?

Seguemento e custe fiscal

Como vai existir calquera cambio progresista no país se as “institucións” van execer unha vixilancia severa e van prohibir movementos unilaterais? Permitirán as “institucións” implementar os peares de Tesalónica, dado o coste adicional directo ou indirecto que implican?

A futura negociación

Que vai mudar exactamente nos próximos catro meses que dura esta "extensión”, para que a nova negociación cos nosos socios se vaia dar nunha mellor posición? Que vai frear o empeoramento da situación política, económica e social no noso país?

Estes intres son absolutamente cruciais para a sociedade, a nación, e, por suposto, para a esquerda. A lexitimidade democrática do goberno baséase no programa de Syriza. Como mínimo, necesítase un debate aberto dentro do partido e do grupo parlamentario. É preciso dar respostas fundamentadas inmediatamente a estas preguntas co fin de conservar o grande apoio e o dinamismo que nos otorgou o pobo grego. As respostas que se dean no tempo vindeiro decidirán o futuro do noso país e da sociedade.

Orixinal: https://greekanalyst.wordpress.com/2015/02/23/the-scathing-letter-of-syriza-mp-and-economist-costas-lapavitsas/

martes, 3 de febrero de 2015

Syriza ten solucións ousadas ás forzas da austeridade que esganan Europa. Costas Lapavitsas

A semana inaugural do novo goberno de Grecia xa conseguiu dar unha boa sacudida á política da UE e aínda queda moito máis por vir. En primeiro lugar compre facer fronte ao bulo amplamente estendido segundo o cal o goberno de coalición entre Syriza, o partido que represento no Parlamento, e os Gregos Independentes (ANEL) é unha impía alianza vermello-marrón. ANEL non é a versión suave do fascista Amencer Dourado. É un partido nacionalista que fala por amplos sectores do conservadorismo popular e que se opuxo ás desastrosas políticas de austeridade. De feito, con respecto á débeda nacional de Grecia, a súa posición mesmo se podería considerar á esquerda de Syriza. Está de máis dicir que Syriza preferiría formar goberno por si mesma, pero os resultados das eleccións non o quixeron así. Para a súa vergonza o Partido Comunista grego rexeitou incorporarse ou mesmo apoiar ao goberno de Syriza. 

Non existe outro partido con credenciais anti-rescate no Parlamento grego. O dilema para Syriza, polo tanto, era ou ben formar un goberno con ANEL e aplicar o programa antirescate ou deixar que o país acudise a novas eleccións, o que sería desastroso para a súa economía e sociedade.
 

Fixemos o correcto.
 

A realidade de que Syriza estea no poder comezou a emerxer tan pronto como o se formou o goberno. Varios ministros fixeron anuncios notables mentres asumían o cargo: detención das privatizacións eléctricas e petroleiras, reinserción laboral dos traballadores do sector público despedidos, desmontaxe da desregulación laboral, elevación do salario mínimo e máis. Entrementres, o novo ministro de Finanzas declarou que o país xa non ía negociar coa troika da CE, o BCE e o FMI. Grecia non se someterá á avaliación prevista do seu programa de rescate, mesmo se iso significa que non recibe outros 7,2 mil millóns de euros. De feito, o país xa non considera á troika como unha institución válida. Para colmo, Grecia até semella diferenciarse da política da UE no que ten que ver con Rusia.
 

A reacción do mercado de valores de Atenas foi inmediata: os prezos das accións esboroaron, en particular as dos bancos.
 

É probable que a presión financeira volva xurdir esta semana xa que os bancos perderon liquidez e o investidores internacionais están moi nerviosos. A reacción dos responsables políticos europeos, pola súa parte, foi dunha incredulidade atónita, apenas enmascarada por sutilezas diplomáticas. Sen dúbida, realizáronse iradas chamadas telefónicas.
 

Atenas durante os últimos días.
 

O goberno Syriza é inexperto, pero sería un erro pensar nel coma un grupo de axitadores á procura de pelexa con todo o mundo. O que en realidade está a facer é aplicar a “liña” —nos termos pasados de moda da esquerda— coa cal chegou ao poder. En concreto, está aplicado a liña do “bo euro” afirmando que a unión monetaria europea, así como a propia UE, pode ser radicalmente transformada desde dentro. O liderado de Syriza non ten ningunha intención de sacar a Grecia fóra da Unión Monetaria Europea. Por outra banda, cre que os custes do “Grexit” poderían ser tan severos que Europa non forzaría a saída de Grecia da moeda común. Sobre esta base, pénsase que cunha alianza poderosa das forzas da esquerda emerxentes en toda Europa o pesadelo da austeridade podería rematar, a carga da débeda podería mitigarse a  través do continente, poderían adoptarse políticas para aumentar o emprego e o estado do benestar podería fortalecerse. Europa transformaríase.
 

Non é de estrañar que as accións do goberno de Syriza xerasen unha enorme onda de apoio popular en Grecia. Existe unha sensación palpable de alivio e orgullo nacional entre os gregos do común, a sensación de que se está a recuperar certa dignidade tras anos de seren tratados dun xeito terrible. Outras novidades alentadoras foron as poderosas voces internacionais falando en apoio a Syriza, incluída a do Presidente Obama.
 

Porén, a verdadeira proba do “bo euro” virá só cando Berlín e Angela Merkel comecen a mostrar a súa man. A dura realidade é que a UE ten unha influencia substancial en Grecia. O país conta con ter que facer importantes reembolsos de débeda nos vindeiros tempos, o máis grande a comezos de verán, que serán imposible de abordar sen novo financiamento. O programa nacional de Syriza, por outra banda, segue a estar financiado dun xeito pouco seguro, mesmo que o goberno só se propoña un orzamento equilibrado. O imposto da renda foi diminuíndo, en parte pola presión fiscal extraordinaria imposta pola troika e en parte pola interrupción das eleccións. Será necesaria unha máis rápida reorganización da recadación fiscal para asegurar a financiación das medidas previstas para aliviar aos que están máis golpeados pola crise. E os bancos continúan dependendo totalmente da liquidez proporcionada polo BCE e son susceptibles de teren fugas de depósitos.
 

A presión sobre Syriza para diluír as súas demandas e cumprir cos requisitos básicos do rescate serán probablemente feroces. Se os líderes de Syriza non se someten, será vital que reciban un apoio internacional forte, incluídas boas propostas prácticas para enfrontar as grandes dificultades que se enxergan. É necesario seguir debatendo, por exemplo, se Grecia debe pagar na súa totalidade a parte da débeda que se debe ao BCE e ao FMI (aproximadamente 70 mil millóns de euros de 320 mil millóns). Está abertamente en disputa a base xurídica e moral desa débeda. A liña do “bo euro” estase enfrontando cara a cara coa realidade, e dúas cousas son de suma importancia:
 

Primeiro, non se debe permitir que as forzas da austeridade que hoxe esganan Europa esmaguen o experimento Syriza ou que o convertan nun compromiso podre.
Segundo, Syriza ten que prepararse dun xeito sólido e meticuloso para todas as eventualidades, algo que se comprende moi ben no seu interior.
 

O resto é política de falabaratos.

Orixinal: http://www.theguardian.com/commentisfree/2015/feb/02/syriza-solutions-austerity-europe-greece-leftwing-alliance