Mostrando entradas con la etiqueta europeismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta europeismo. Mostrar todas las entradas

jueves, 16 de abril de 2015

Grecia: por que alguén ten que ceder. Paul Mason


Recibín un correo electrónico esta semana no que se predicía que Grecia podería entrar en “arrebato” [o orixinal inglés fai un xogo de palabras entre rupture e rapture] co BCE xa o 24 de abril. O que o meu informante quería dicir era “ruptura”, pero canto máis nos achegamos ao evento, máis penso na palabra “arrebato” para describir o que realmente pode suceder.

Se o goberno de estrema esquerda reamata nun punto morto cos acredores antes de finais de abril, o que leva consigo a quebra e unha posible saída da eurozona, o “arrebato” segúndo os fundamentalistas cristiáns –un final catastrófico no que a metade da raza humana ascende ao aire de súpeto- podería ser unha boa metáfora.

Para unha parte do partido no poder, Syriza, isto sería unha sorte de autovindicación. Para outra, a condenación. E para o pobo grego, cuxo 80 por cento quere estar no euro a calquera custe, ben podería ser o final do mundo tal e como o coñecemos.

Pero tras tres semanas de negociacións, o 24 de abril comeza a parecer unha data límite. Nikos Theocharakis, cabeza visible da política fiscal no ministerio de finanzas grego, dixo que informou aos negociadores do eurogrupo que Grecia podería quedar sen cartos a partir desa data.

Comecemos cos números crus. Grecia non pode pedir prestado dos mercados mundiais debido a que a súa débeda de 320 mil millóns de euros é, penso que con razón, vista como impagable. Ningún nivel de austeridade soportado pola sociedade grega podería pagar esa débeda.

Así que Grecia trata de sobrevivir mediante a consecución dun pequeno superavit orzamental; é dicir, cada ano o goberno trata de aforrar o 1,5% do PIB gastando menos do que recada vía impostos.

O problema número un é que, despois de “logralo” xusto despois das eleccións, os números do goberno conservador resultaron ser falsos.

O problema número dous é que, coa fuxida de capitais despois de que o BCE sacase a liña crédito a Grecia, suprimiuse a actividade económica e colapsou o comercio exterior. Os ingresos tributarios caeron en xaneiro e en febreiro, e aínda que semelle que melloraron en marzo, isto debeuse principalmente a medidas excepcionais: ofertas de liquidación anticipada en impostos atrasados e unha gran suma procedente dos bancos.

Así que semana a semana o estado grego ten que pagar salarios e pensións cun pequeno superavit e está recorrendo ás reservas de efectivo de varios organismos públicos para manterse a flote.

O problema número tres consiste en que, mesmo que consiga pequenos superavits cada mes, o estado grego ten que afrontar 15 mil millóns de débeda este ano, moita dela en forma de pagarés de curto prazo que os seus bancos normalmente poderían mercar, pero cuxa capacidade de compra de débeda a curto prazo foi cortada polo BCE.
Espazo para o acordo

Ao longo de toda a crise o tempo xogou a favor dos acredores de Grecia e dos opositores de Syriza. Cando o BCE quitou as liñas normais de crédito e bloqueou os préstamos de emerxencia en febreiro, fíxoo para acelerar a retirada masiva de depósitos que comezara o último mes do antigo goberno. Isto forzou ao ministro de finanzas Yanis Varoufakis, na reunión do Eurogrupo do 20 de febreiro, a unha rebaixa (pero non total) do programa antiausteridade.

Desde entón, o obxectivo de Varoufakis foi demostrar que hai unha versión de esquerdas de reformas estruturais antiausteridade aceptable para os acredores, que lles permitan liberar os 7 mil millóns de euros en préstamos que están a reter. Pero mesmo así, isto só sería o preludio das discusións sobre como reprogramar os 320 mil millóns de euros de débeda grega.

O último intento, en forma dun documento de 26 páxinas en inglés, considerábase que proporcionaba razóns creíbles para acadar dito acordo, pero a cuestión xa non ten que ver coa credibilidade fiscal.

A maioría pro-euro en Syriza calculou mal sistematicamente a oposición á que se enfronta dentro da zona euro. Ten do seu lado aos EEUU e a Francia e a Italia facendo algúns ruídos de simpatía, pero todo isto é superado por unha coalición de países a favor da austeridade arredor de Alemaña que continuamente bloquea calquera tentativa de negociar un compromiso por parte da Comisión Europea.

Así, cada vez que semella haber un acordo sólido, Alemaña e os seus aliados históricos, que datan da segunda guerra mundial, bloquéano, sexa no BCE ou no Eurogrupo.

“Calexón sen saída”

A profundidade do apego de Syriza ao euro demostrouse cando o seu gurú económico, Euclides Tsakalotos, se dirixiu a parlamentarios en Westminster o mes pasado. Ante o estímulo para abandonar o euro por parte de parlamentarios da esquerda laborista,  Tsakalotos sinalou a experiencia da esquerda británica e francesa nos anos 80 co que chamou o “calexón sen saída” da solucións económicas nacionais.

Polo tanto, os líderes de Syriza están casados coa zona euro pero a zona euro está configurada actualmente para esmagar a Syriza.

Coa desaleración do crecemento e os ingresos fiscais irregulares, isto non pode durar para sempre.

As grandes empresas en Grecia non son tan hostiles a Syriza como se podería pensar. Moitos grandes empresarios ven as “mans limpas” do partido como as únicas que poden esganar o nepotismo e a corrupción que arruinou a economía grega durante décadas. Engadido a isto existe unha ala de conservadores gregos arredor da dinastía Karamanlis que está, díxome un exdeputado aliñado con eles, “preparada para axudar a Syriza”.

Se se lle engade o pequeno partido de centro esquerda Potami e o novo partido formado polo ex primeiro ministro George Papandreou, está clara a base para un “goberno de centro-esquerda”, dirixido por Syriza a modo de goberno de unidade nacional e arredor dun programa esencialmente ditado por Berlín, pero con certa flexibilidade para calmar aos membros e votantes de Syriza.

Esta é a estratexia emerxente do centro esquerda e da comunidade empresarial grega con vínculos globais. E o desexo pola mesma agudizouse cando Syriza foi empurrada á colaboración económica con Rusia, Irán, Azerbaián e China.

Obrigar a unha división

Pero a esquerda de Syriza é forte. A Plataforma de esquerda, encabezada polo ministro de enerxía, Lafazanis, é fortemente antieuro e sente que os acontecementos lle dan a razón. Trátase, basicamente, do que queda do comunismo con vínculos moscovitas e da estrema esquerda dentro de Syriza pero, na última votación interna, unironselles outros esquerdistas máis modernos e “horizontais”, co que conseguiron que un 41% votase en contra do acordo feito por Varoufakis en febreiro.

Así que cada vez hai máis presión, dentro e fóra, para forzar unha división en Syriza que faga que a Plataforma de esquerda deixe o grupo parlamentario e Tsipras estea obrigado a depender do centro-esquerda e da ala conservadora de Karamanlis para acadar calquera acordo no parlamento heleno.

Pero hai unha terceira forza que os editorialistas dos diarios financeiros tenden a esquecer cando ven a Grecia maniatada entre Berlín e Moscú: o propio pobo grego.

Até o de agora este estivo moi tranquilo. Os chamados “movementos sociais” –sindicatos, grupos antifascistas, bancos de alimentos, asembleas locais e similares- estaban, como me dixo un activista veterano, “esgotados” no tempo en que Syriza chegaba ao poder. A partir de entón estiveron hipnotizados pola aparición dun novo tipo de política no parlamento: a promesa de combater a corrupción, o comité para xulgar a legalidade do rescate de 2011, a desaparición dos gases lacrimóxenos no armamento da policía antidisturbios, a liberación lenta de inmigrates procedentes de campamentos do exército…

O aumento da frustración

Aqueles cos que falei este mes comentan a crecente frustración  con Syriza dos activistas e simpatizantes a respecto do drama oculto que ten lugar en Bruxelas. Entrementres, os diversos líderes dos ministerios de Syriza aínda están a loitar por tomar o control e mesmo por ter información axeitada. A presidenta do parlamento, Zoe Konstantopoulou, abriu as portas aos activistas antiracistas nunha manifestación recente. Pero a coreografía fóra da residencia do primeiro ministro é a dunha xestión da crise febril.

Mesmo se se está dentro, recibindo unha mensaxe cada 10 minutos de alguén que sabe o que está a suceder, a atmosfera de crise pode ser esgotadora. Para os que están nas rúas e nos cafés, vendo que todo sucede más alá do seu control, estase volvendo extenuante.

Nestes momentos históricos ás veces todo se reduce aos individuos. O desexo de Varoufakis –pro-EEUU, educado en occidente e non membro aínda de Syriza-, tal como me dixo en febreiro, é ser “o último en deixar o euro”. Así que se chega o momento en que el teña que mudar da conciliación á supervivencia poderemos estar seguros de que todas as vías están esgotadas. Pero, como me dixo xusto antes das eleccións, cre que un euro sen reformar colapsará en dous anos.

Publicamente Varoufakis adoptou un ton non só de conciliación senón tamén de reconstrución coa eurozona. En privado, porén, os seus asesores –e estes son algunhas das persoas máis centristas dentro de Syriza- están conmocionados co nivel de hostilidade que coñeceron dentro da zona euro.

Esa ala de Syriza que é basicamente socialdemócrata estaba existencialmente unida ao euro. Agora a crenza existencial no euro está a ser sacudida. E o perigo para a eurozona é que este mesmo proceso se replique en todo un pobo se a evidencia é esmagadoramente convincente.

Se se presiona até o límite –sexa polo fracaso dunha subasta de débeda a curto prazo ou polo simple non pagamento das facturas- Varoufakis non terá problemas en desencadear controis de capitais, impostos de emerxencia ás grandes empresas e a inauguración dunha segunda moeda.

A economía no caos

Chegados a ese punto, será cuestión da eurozona reaccionar ou non. Pero se sobe a aposta existen poderosas armas no arsenal grego: os 80 mil millóns de euros que debe á eurozona a través do sistema Target 2 que, tal como indicou Ambrose Evans Pitchard, non están protexidos. E despois as débedas que ten co BCE.

Grecia tentaría, nun primeiro momento, quebrar sen saír da zona euro. Pero a quebra levaría a política e a economía europea ao caos. A xa deflaccionaria e semiestancada eurozona tería que enfrontar outros 12-18 meses co botón de pausa até que o sistema bancario absorvese a quebra grega.

Así que nas próximas dúas semanas hai un maior perigo de “Graccidente” –unha quebra parcial non causada pola estratexia de Syriza senón polo erro de cálculo do BCE a respecto da provisión de osíxeno financeiro aos bancos gregos, ou por non poder afrontar os recibos semanais o ministerio de facenda.

Os gregos acudiron esta fin de semana ás igrexas para celebrar a pascua ortodoxa. Alexis Tsipras, aínda cunha popularidade do 71%, aproveitou a ocasión para falar de renacemento e renovación. Porén, para algúns, a resposta ao saúdo “Cristo resucitou” foi bromear dicindo “Mándao a Bruxelas a negociar”.

Rematada a pausa da pascua, as negociacións aproxímanse a un momento crucial.

Se Grecia é forzada a unha quebra accidental, o dano ao proxecto do euro e á imaxe da UE sería total. Un banco central colaborando coa quebra dos bancos que debe supervisar e desexando a ruptura da unión monetaria que se supón que debe regrar mancharía a reputación do BCE por unha década.



Orixinal: http://blogs.channel4.com/paul-mason-blog/syriza-verge-nervous-breakdown/3571

martes, 17 de marzo de 2015

Entrevista a Costas Lapavitsas


Cal é a súa opinión sobre as negociacións até agora? Como o está a facer o goberno?

Costas Lapavitsas. A estratexia de Syriza está baseada –e continúa a estalo- en que unha mudanza no aliñamento de forzas políticas en Grecia, en Europa ou en xeral, actuaría coma un catalizador da zona euro. Esta estratexia xa chegou ao seu fin. A verdadeira cuestión é canto tempo pasará até que a xente entenda isto.

Sempre fun moi escéptico en relación a iso. Sempre argumentei que non se trata só de aliñamento político, existen mecanismos institucionais e a lóxica da unión monetaria. E aqueles que acreditan en que unha simple mudanza de política é suficiente para transformalos están enganados e penso que isto confirmouse.

O que vimos é que o cadro institucional da zona euro e da maquinaria ideolóxica ligada a ela non son suceptibles de seren debatidas polos aliñamentos electorais. Así, o acordo do 20 de febreiro reflicto iso.

Os membros do seu partido xa percibiron que esa estratexia chegou ao fin?

C L. Syriza é unha grande organización que creceu moi rapidamente. Reflicte a sociedade. Non é como unha festa tradicional da esquerda e, polo tanto, hai variedade de opinións e de consciencia política.

Penso que os líderes do partido saben que teñen diante unha escolla moi difícil: perseveramos co programa que presentamos ao pobo grego? Ou submetémonos ao que as institucións, o grupo de Bruxelas, a troika, ou como o queira chamar, quere que fagamos? Esas dúas cousas non son compatibles.

Por tanto, non hai termo medio?

C L. Non hai termo medio. A zona euro non vai permitilo.

Pensa que á cúpula isto colleuna por sorpresa? 

C L. Si, sospeito que até certo punto si. Porque a miña lectura da situación é que a cúpula acreditaba xenuinamente que se podían alterar os aliñamentos políticos, podíase mudar a aritmética electoral e, sobre esa base, mudar Europa, mudar as políticas europeas.

Entón, que debería facer o goberno grego, na súa opinión?

C L. Grecia precisa considerar o verdadeiro camiño alternativo, que é deixar esa unión monetaria falida. É evidente que é o único camiño que xa estaba aí desde o inicio –basicamente de saída. Se vostede pensa aplicar un programa do tipo que Syriza sostivo, que non é radical –o programa de Syriza non é máis ca keynesianismo moderado-, vostede precisa pensar seriamente en como vai facer para saír dos límites da zona euro.

Entende vostede que Syriza ten mandato para iso?

C L. A resposta directa é non. Syriza ten un mandato para cumprir o seu programa. Indirectamente, non directamente, ten un mandato para manter o país na zona euro. Pero esta cuestión nunca foi exposta abertamente ao pobo grego.

A solución é un referendum?

C L. O primeiro que hai que facer non é tanto discutir a idea dun referendum senón a da estratexia alternativa. Ten que haber un debate público sincero sobre esta. Non é fácil, porque hai cinco anos este país foi sometido a campañas de desinformación e alarmismo incribles. Non é imposible ter ese debate agora, pero é moito máis difícil que hai uns anos.

Na miña opinión, a mellor estratexia agora é o que eu chamo unha saída consensual e ordenada. Non é unha saída impugnada.

Pode estenderse sobre iso?

C L. Creo que Grecia debe definir como meta negociar unha saída, basicamente, sen ruptura, sen cair, sen loita, sen accións unilaterais. Isto significaría: o exit  ten lugar e Grecia procura unha reestruturación profunda da débeda.

Por que os parceiros da UE haberían aceptar? Esta saída ten dous elementos que a eurozona non quere: a propia saída e a reestruturación da débeda.

C L. Non teño total certeza de que a eurozona non queira a saída. Sospeito que si a quere. E, na miña opinión, se un país pide unha forma negociada de saída, debería conseguila. Alemaña, Schäuble, por volta do 2011 estaba a favor dunha saída negociada.

O prezo para a eurozona debe ser a reestruturación da débeda. Pero hai aínda dous elementos máis: a proteción da taxa de cambio e a proteción dos bancos. Estes, esencialmente, non representan custes para o BCE porque Grecia é un país pequeno.

Que gañaría Europa con iso?

C L. Paz e sosego. (Pausa…) Por un tempo.

Por que apenas por un tempo?

C L. Porque a unión monetaria na miña opinión é un grande fracaso histórico. É o maior fracaso de Europa en décadas. E non vai durar. Pero, obviamente, si pode durar o tempo suficiente para que Grecia estea morta. É claro que os defensores da eurozona pensan que vai durar para sempre. É unha ilusión histórica. As unións monetarias non duran tanto tempo. Deixe que o pensen. Estupendo.

Sobreviviría a UE, en tanto que construción política, se os países saen da unión monetaria?

C L. En 15 anos, a unión monetaria desfixo todo o xerado en Europa pola UE. O estado das relacións entre os países europeos hoxe é probablemente peor do que ten sido en décadas. O estado de cousas entre Alemaña e Grecia é terrible, absolutamente atroz. E isto por causa do euro.

Esta é a proba de que esa moeda non xera solidariedade, esa moeda crea divisións. E esta é, de novo, a maior proba do seu fracaso histórico. Agora, a teimosía, a falta de vontade de recoñecer o fracaso dos últimos cinco anos vai tornar as cousas peores. O que a UE fixo nos últimos cinco anos é amarrarse aínda máis estreitamente en torno da moeda común en vez de reestruturala profundamente. Conseguiu que hoxe as cousas sexan aínda máis duras. Entón, si, se agora falla a moeda común, creo que tamén entrará en cuestión a UE, que é o prezo a pagar polo erro histórico da moeda común.

Entón, para Grecia, deixar a eurozona significa saír da UE?

C L. O máis importante é diferenciar entre UE e eurozona. Neste país, e na maior parte de Europa, persiste esa confusión de anos. Que a adhesión a unha é igual á adhesión á outra. Isto é absurdo, porque hai membros da UE que non son membros da unión monetaria. Se Grecia sae do euro, non ten que deixar a UE ao mesmo tempo. Ese é un tema aparte. Esa fusión foi mortal e foi usada ideoloxicamente.

ALEMAÑA É O PAÍS MÁIS DELINCUENTE

Había mecanismos vinculativos, mesmo antes da unión monetaria…

C L. Os reximes anteriores non tiveran éxito pero, en comparación co desastre da moeda común foron nitidamente exitosos. A cuestión de fondo: Europa precisa dun sistema monetario que permita a flexibilización monetaria. É un disparate completo impor un sistema de inflexibilidade monetaria e ao mesmo tempo crear flexibilidade a través dos mercados de traballo e do sector privado. Pero a razón máis profunda para o fracaso do euro é, naturalmente, a política alemá.

Por que?

C L. Alemaña é o país máis delincuente de Europa. Nin Grecia, nin España, nin Italia. E, certamente, tampouco Francia. Francia está a xogar moito máis honestamente que Alemaña. Alemaña non respectou as regras e isto podo explicalo dun xeito moi simple: Alemaña, frecuentemente, acusa a Grecia –Schäuble por exemplo- de ter vivido por enriba das súas posibilidades. É verdade. Pero Alemaña tamén viviu por debaixo das súas posibilidades, e é así que se xeran as exportacións, non por causa da tecnoloxía, a produtividade e todo iso. É por iso que tivo éxito.

Pero cando vostede está nunha unión monetaria non pode ser algo moi malo vivir por enriba dos seus medios e unha cousa boa vivir por debaixo deles. A verdadeira regra debe ser vivir polos seus medios. Así, Alemaña non se ativo ás regras e o prezo foi pagado polo pobo alemán. Eu sei ben como vive o pobo alemán. Sei moi ben que os salarios non aumentaron durante anos, que un terzo da forza de traballo vive en condicións precarias. Emprego precario, salarios por debaixo da produtividade…

Entón, está vostede dicindo que o euro tampouco foi bo para o pobo alemán?

C L. Iso tamén explica por que o pobo alemán está aborrecido e con rabia cando se trata de enviar diñeiro ao exterior, pagando por outros. Claro, eu estaría con rabia tamén nesa posición. Vostede vive dun xeito moi apretado, conta as súas fabas e, de súpeto, chega alguén e dille que ten que pagar.

Por outro lado está o negocio exportador alemán, os bancos alemáns, esta é unha historia diferente. Eles fixérono ben. Pero iso era algo como para que o pobo alemán se revolvese.

Entende que os alemáns son mantidos con medo por un propósito? Se vostede é alemán, sempre se lle está a dicir “as cousas van empeorar”. Alemaña –dísenos- non está a funcionar como podía, Europa non está a funcionar como podía, está China, a India, a globalización…

C L. A globalización é unha desas palabras que significan todo e nada. Houbo unha política coherente por parte do stablishment alemán para asustar á opinión pública e aos traballaores alemáns, para mantelos con medo do mañá, e do desemprego en particular, non hai dúbida. A idea orixinal por volta de 1998-1999, cando o desemprego era elevado é que aceptamos os baixos salarios para restaurar emprego dentro dos límites da unión monetaria. Agora o argumento parece ser “aceptamos salarios baixos para comeptir cos chineses”. Isto non ten fin. A verdade é que os baixos salairos non son bos para Alemaña. Alemaña precisa dunha política que impulse a demanda doméstica. Isto que hai é neomercantilismo, a crenza de que o crecemento vén só do exterior, que a única riqueza é a exportación.

UN PLAN DE TRES ETAPAS PARA GRECIA

Fai a mesma análise para Grecia? É a demanda doméstica a chave para crecer? Como debería Grecia volver por onde entrou?

C L. Hai tres etapas. A primeira, como dixen, a negociación consensual, a saída ordenada.

A segunda etapa é a recuperación, e esta depende moito da demanda doméstica, que está fortemente reprimida no país. Hai bastos recursos que se atopan sen uso. Pequenas e medianas empresas poderían reactivarse, que é o que activaría a economía grega. Non as exportacións. Ese culto ás exportacións é un disparate.

Pero, obviamente, iso non é realmente un camiño para o crecemento sustentable. O que Grecia precisa despois é unha política industrial para reestruturar a súa base produtiva, para integrarse na economía mundial sobre unha base diferente. Iso levaría algúns anos.

Pero Grecia sería aínda parte dun mercado común, como membro da UE. Por tanto, non é tan fácil voltar á demanda doméstica e as PEMES, porque tería que expulsar as grandes empresas que aínda poderían vender máis barato.

C L. Eu creo que Grecia podería competir coas importacións foráneas facilmente. Infelizmente, os salarios destruíronse durante os últimos cinco anos, debido ás políticas de rescate. A devaluación do 15-20% daríanos unha enorme vantaxe competitiva. Os salarios, entón, subirían gradualmente de novo.

Cales son as posibilidades para que iso aconteza? Para que Grecia escolla ese camiño?

C L. En 2010 dixen que hai tres solucións posibles. Austeridade, “o bo euro” e saír. Dixen que a solución máis probable sería a austeridade e que sería un desastre. En cuanto á estratexia do euro bo (ou sexa, vostede pode aplicar política keynesiana dentro dos límites do euro -a estratexia de Syriza), dixen que as posibilidades de que iso acontecese estarían preto de cero. A estratexia de saída é a única lóxica. A verdadeira cuestión é se vai ser contestada ou ordenada. Non o sei. Pero haberá saída nalgún momento.

A IDEOLOXÍA VENENOSA DO “EUROPEISMO”

Como pode ser ordenada cando mesmo que as negociacións actuais non vaian ben xa implican pánico e medo ao corralito?

C L. O primeiro que ten que acontecer é que a UE e Grecia entendan que están a flaxelar un cabalo morto. Tras cinco anos de tortura é hora de rematar. Esta estratexia chegou ao seu fin. Sentidiño, por favor. Polo tanto, cando falo de obxectivo estratéxico é iso o que quero dicir. A xente ten que entrar en acordo con el. E aqueles que rexeitan velo, fano por razóns ideolóxicas, porque esa ideoloxía está a envenenar o debate.

Que ideoloxía?

C L. Non é o neoliberalismo, é o europeísmo. A idea de Europa como entidade trascendental que é boa para todos nós e á que todos pertencemos. Esta gran ficción que xurdiu nos países dominantes e chegou a penetrar nos países máis fracos.

Son socialista, da vella escola, co vello sentido da palabra, a idea dos Estados Unidos de Europa e da solidariedade europea é unha idea socialista e eu compártoa. Obviamente, tamén foi unha idea nazi, utilizada por Hitler. Ninguén ten o monopolio da idea dunha Europa unificada.

Non creo nun único pobo de Europa, non hai demos europeo, e non debe habelo.
Europa é pluralidade, moitas linguas diferentes, culturas. Desde cando era desexable para todos nós sermos apenas europeos, sermos unha soa cousa?

Trátanse de ilusións ideolóxicas. Non vexo unha converxencia política, vexo o ascenso do fascismo, o ascenso da estrema dereita, vexo unha tensión estrema. O Frente Nacional francés ten o 30% dos votos, e tal como están indo as cousas, non me sorprendería que o próximo presidente de Francia sexa un fascista.

Se o euro era unha idea tan ruín, por que existe esa “teimosía” –como lle chamou- en toda Europa para apoialo? Cales son os intereses detrás da idea?

C L. O diñeiro é a concretización de relacións non económicas tamén. Encarna as relacións sociais, ten identidade ligada a el. Iso moitas veces significa identidade nacional. Os norteamericanos son o dólar, os británicos a libra, os alemáns eran o Deutsche Mark. O euro, en particular nos países da periferia, pasou a significar ser europeo. Vostede pode velo tamén nos países bálticos. Por tanto, hai un elemento de identidade e un elemento de política internacional.

Pero, por que os países centrais da UE están tan ligados á idea da moeda común?

C L. Penso que o núcleo non sabe como saír. Cometeuse un grande erro hai 15 anos e os riscos de ficar fóra percíbense como moi altos. Ao mesmo tempo, algúns intereses especiais, o sector exportador, o sector bancario, están defendéndoa fortemente porque serviu á súa estratexia.

Orixinal: http://www.thepressproject.net/article/74530/Costas-Lapavitsas-The-Syriza-strategy-has-come-to-an-end