Mostrando entradas con la etiqueta débeda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta débeda. Mostrar todas las entradas

jueves, 16 de abril de 2015

Grecia: por que alguén ten que ceder. Paul Mason


Recibín un correo electrónico esta semana no que se predicía que Grecia podería entrar en “arrebato” [o orixinal inglés fai un xogo de palabras entre rupture e rapture] co BCE xa o 24 de abril. O que o meu informante quería dicir era “ruptura”, pero canto máis nos achegamos ao evento, máis penso na palabra “arrebato” para describir o que realmente pode suceder.

Se o goberno de estrema esquerda reamata nun punto morto cos acredores antes de finais de abril, o que leva consigo a quebra e unha posible saída da eurozona, o “arrebato” segúndo os fundamentalistas cristiáns –un final catastrófico no que a metade da raza humana ascende ao aire de súpeto- podería ser unha boa metáfora.

Para unha parte do partido no poder, Syriza, isto sería unha sorte de autovindicación. Para outra, a condenación. E para o pobo grego, cuxo 80 por cento quere estar no euro a calquera custe, ben podería ser o final do mundo tal e como o coñecemos.

Pero tras tres semanas de negociacións, o 24 de abril comeza a parecer unha data límite. Nikos Theocharakis, cabeza visible da política fiscal no ministerio de finanzas grego, dixo que informou aos negociadores do eurogrupo que Grecia podería quedar sen cartos a partir desa data.

Comecemos cos números crus. Grecia non pode pedir prestado dos mercados mundiais debido a que a súa débeda de 320 mil millóns de euros é, penso que con razón, vista como impagable. Ningún nivel de austeridade soportado pola sociedade grega podería pagar esa débeda.

Así que Grecia trata de sobrevivir mediante a consecución dun pequeno superavit orzamental; é dicir, cada ano o goberno trata de aforrar o 1,5% do PIB gastando menos do que recada vía impostos.

O problema número un é que, despois de “logralo” xusto despois das eleccións, os números do goberno conservador resultaron ser falsos.

O problema número dous é que, coa fuxida de capitais despois de que o BCE sacase a liña crédito a Grecia, suprimiuse a actividade económica e colapsou o comercio exterior. Os ingresos tributarios caeron en xaneiro e en febreiro, e aínda que semelle que melloraron en marzo, isto debeuse principalmente a medidas excepcionais: ofertas de liquidación anticipada en impostos atrasados e unha gran suma procedente dos bancos.

Así que semana a semana o estado grego ten que pagar salarios e pensións cun pequeno superavit e está recorrendo ás reservas de efectivo de varios organismos públicos para manterse a flote.

O problema número tres consiste en que, mesmo que consiga pequenos superavits cada mes, o estado grego ten que afrontar 15 mil millóns de débeda este ano, moita dela en forma de pagarés de curto prazo que os seus bancos normalmente poderían mercar, pero cuxa capacidade de compra de débeda a curto prazo foi cortada polo BCE.
Espazo para o acordo

Ao longo de toda a crise o tempo xogou a favor dos acredores de Grecia e dos opositores de Syriza. Cando o BCE quitou as liñas normais de crédito e bloqueou os préstamos de emerxencia en febreiro, fíxoo para acelerar a retirada masiva de depósitos que comezara o último mes do antigo goberno. Isto forzou ao ministro de finanzas Yanis Varoufakis, na reunión do Eurogrupo do 20 de febreiro, a unha rebaixa (pero non total) do programa antiausteridade.

Desde entón, o obxectivo de Varoufakis foi demostrar que hai unha versión de esquerdas de reformas estruturais antiausteridade aceptable para os acredores, que lles permitan liberar os 7 mil millóns de euros en préstamos que están a reter. Pero mesmo así, isto só sería o preludio das discusións sobre como reprogramar os 320 mil millóns de euros de débeda grega.

O último intento, en forma dun documento de 26 páxinas en inglés, considerábase que proporcionaba razóns creíbles para acadar dito acordo, pero a cuestión xa non ten que ver coa credibilidade fiscal.

A maioría pro-euro en Syriza calculou mal sistematicamente a oposición á que se enfronta dentro da zona euro. Ten do seu lado aos EEUU e a Francia e a Italia facendo algúns ruídos de simpatía, pero todo isto é superado por unha coalición de países a favor da austeridade arredor de Alemaña que continuamente bloquea calquera tentativa de negociar un compromiso por parte da Comisión Europea.

Así, cada vez que semella haber un acordo sólido, Alemaña e os seus aliados históricos, que datan da segunda guerra mundial, bloquéano, sexa no BCE ou no Eurogrupo.

“Calexón sen saída”

A profundidade do apego de Syriza ao euro demostrouse cando o seu gurú económico, Euclides Tsakalotos, se dirixiu a parlamentarios en Westminster o mes pasado. Ante o estímulo para abandonar o euro por parte de parlamentarios da esquerda laborista,  Tsakalotos sinalou a experiencia da esquerda británica e francesa nos anos 80 co que chamou o “calexón sen saída” da solucións económicas nacionais.

Polo tanto, os líderes de Syriza están casados coa zona euro pero a zona euro está configurada actualmente para esmagar a Syriza.

Coa desaleración do crecemento e os ingresos fiscais irregulares, isto non pode durar para sempre.

As grandes empresas en Grecia non son tan hostiles a Syriza como se podería pensar. Moitos grandes empresarios ven as “mans limpas” do partido como as únicas que poden esganar o nepotismo e a corrupción que arruinou a economía grega durante décadas. Engadido a isto existe unha ala de conservadores gregos arredor da dinastía Karamanlis que está, díxome un exdeputado aliñado con eles, “preparada para axudar a Syriza”.

Se se lle engade o pequeno partido de centro esquerda Potami e o novo partido formado polo ex primeiro ministro George Papandreou, está clara a base para un “goberno de centro-esquerda”, dirixido por Syriza a modo de goberno de unidade nacional e arredor dun programa esencialmente ditado por Berlín, pero con certa flexibilidade para calmar aos membros e votantes de Syriza.

Esta é a estratexia emerxente do centro esquerda e da comunidade empresarial grega con vínculos globais. E o desexo pola mesma agudizouse cando Syriza foi empurrada á colaboración económica con Rusia, Irán, Azerbaián e China.

Obrigar a unha división

Pero a esquerda de Syriza é forte. A Plataforma de esquerda, encabezada polo ministro de enerxía, Lafazanis, é fortemente antieuro e sente que os acontecementos lle dan a razón. Trátase, basicamente, do que queda do comunismo con vínculos moscovitas e da estrema esquerda dentro de Syriza pero, na última votación interna, unironselles outros esquerdistas máis modernos e “horizontais”, co que conseguiron que un 41% votase en contra do acordo feito por Varoufakis en febreiro.

Así que cada vez hai máis presión, dentro e fóra, para forzar unha división en Syriza que faga que a Plataforma de esquerda deixe o grupo parlamentario e Tsipras estea obrigado a depender do centro-esquerda e da ala conservadora de Karamanlis para acadar calquera acordo no parlamento heleno.

Pero hai unha terceira forza que os editorialistas dos diarios financeiros tenden a esquecer cando ven a Grecia maniatada entre Berlín e Moscú: o propio pobo grego.

Até o de agora este estivo moi tranquilo. Os chamados “movementos sociais” –sindicatos, grupos antifascistas, bancos de alimentos, asembleas locais e similares- estaban, como me dixo un activista veterano, “esgotados” no tempo en que Syriza chegaba ao poder. A partir de entón estiveron hipnotizados pola aparición dun novo tipo de política no parlamento: a promesa de combater a corrupción, o comité para xulgar a legalidade do rescate de 2011, a desaparición dos gases lacrimóxenos no armamento da policía antidisturbios, a liberación lenta de inmigrates procedentes de campamentos do exército…

O aumento da frustración

Aqueles cos que falei este mes comentan a crecente frustración  con Syriza dos activistas e simpatizantes a respecto do drama oculto que ten lugar en Bruxelas. Entrementres, os diversos líderes dos ministerios de Syriza aínda están a loitar por tomar o control e mesmo por ter información axeitada. A presidenta do parlamento, Zoe Konstantopoulou, abriu as portas aos activistas antiracistas nunha manifestación recente. Pero a coreografía fóra da residencia do primeiro ministro é a dunha xestión da crise febril.

Mesmo se se está dentro, recibindo unha mensaxe cada 10 minutos de alguén que sabe o que está a suceder, a atmosfera de crise pode ser esgotadora. Para os que están nas rúas e nos cafés, vendo que todo sucede más alá do seu control, estase volvendo extenuante.

Nestes momentos históricos ás veces todo se reduce aos individuos. O desexo de Varoufakis –pro-EEUU, educado en occidente e non membro aínda de Syriza-, tal como me dixo en febreiro, é ser “o último en deixar o euro”. Así que se chega o momento en que el teña que mudar da conciliación á supervivencia poderemos estar seguros de que todas as vías están esgotadas. Pero, como me dixo xusto antes das eleccións, cre que un euro sen reformar colapsará en dous anos.

Publicamente Varoufakis adoptou un ton non só de conciliación senón tamén de reconstrución coa eurozona. En privado, porén, os seus asesores –e estes son algunhas das persoas máis centristas dentro de Syriza- están conmocionados co nivel de hostilidade que coñeceron dentro da zona euro.

Esa ala de Syriza que é basicamente socialdemócrata estaba existencialmente unida ao euro. Agora a crenza existencial no euro está a ser sacudida. E o perigo para a eurozona é que este mesmo proceso se replique en todo un pobo se a evidencia é esmagadoramente convincente.

Se se presiona até o límite –sexa polo fracaso dunha subasta de débeda a curto prazo ou polo simple non pagamento das facturas- Varoufakis non terá problemas en desencadear controis de capitais, impostos de emerxencia ás grandes empresas e a inauguración dunha segunda moeda.

A economía no caos

Chegados a ese punto, será cuestión da eurozona reaccionar ou non. Pero se sobe a aposta existen poderosas armas no arsenal grego: os 80 mil millóns de euros que debe á eurozona a través do sistema Target 2 que, tal como indicou Ambrose Evans Pitchard, non están protexidos. E despois as débedas que ten co BCE.

Grecia tentaría, nun primeiro momento, quebrar sen saír da zona euro. Pero a quebra levaría a política e a economía europea ao caos. A xa deflaccionaria e semiestancada eurozona tería que enfrontar outros 12-18 meses co botón de pausa até que o sistema bancario absorvese a quebra grega.

Así que nas próximas dúas semanas hai un maior perigo de “Graccidente” –unha quebra parcial non causada pola estratexia de Syriza senón polo erro de cálculo do BCE a respecto da provisión de osíxeno financeiro aos bancos gregos, ou por non poder afrontar os recibos semanais o ministerio de facenda.

Os gregos acudiron esta fin de semana ás igrexas para celebrar a pascua ortodoxa. Alexis Tsipras, aínda cunha popularidade do 71%, aproveitou a ocasión para falar de renacemento e renovación. Porén, para algúns, a resposta ao saúdo “Cristo resucitou” foi bromear dicindo “Mándao a Bruxelas a negociar”.

Rematada a pausa da pascua, as negociacións aproxímanse a un momento crucial.

Se Grecia é forzada a unha quebra accidental, o dano ao proxecto do euro e á imaxe da UE sería total. Un banco central colaborando coa quebra dos bancos que debe supervisar e desexando a ruptura da unión monetaria que se supón que debe regrar mancharía a reputación do BCE por unha década.



Orixinal: http://blogs.channel4.com/paul-mason-blog/syriza-verge-nervous-breakdown/3571

viernes, 27 de febrero de 2015

Rematar co paraíso do acredor. Mark Blyth


É unha honra e unha ironía estar hoxe aquí e recibir o Hans-Matthöfer-Preis für Wirtschaftspublizistik do ano 2014. Honra por ser recoñecido, dada a competencia. Por nomear a algúns dos meus contendentes, Thomas Piketty ben pode ser o meu economista favorito e Wolfgang Munchau o meu xornalista favorito, polo que ser recoñecido entre eles é unha honra.

Pero é tamén un tanto irónico ser recoñecido nun país que semella, polo menos ao nivel da súa elite, completamente impermeable á mensaxe do libro que se está a premiar esta noite. Se cadra polo menos nesta sala, e entre os socialdemócratas, a mensaxe estea a gañar forza.


A austeridade en tanto que política económica simplemente non funciona. Nos casos en que semellaba funcionar, existía algo máis que facía realmente o traballo; polo xeral a devaluación dunha moeda soberana ao mesmo tempo que a expansión nun socio comercial moito máis grande impulsase as exportacións no curto prazo. Os orzamentos recortábanse ao tempo que as exportacións se expandían, pero non eran os recortes o importante, érao a expansión.

Xa estiven aquí antes a falar de austeridade, así que aproveitemos os poucos minutos que temos para ollar cara adiante e non cara atrás.


Todos os ollos están postos en Grecia e na posibilidade de impago ou de “Grexit”. Trátase dunha posición imposible, mírese por onde se mire. Os gregos non poden pagar o que deben dado que as políticas implementadas para axudarlles a crecer traducíronse na caída de case que un terzo da súa economía. A xente nova e con talento marcha deixando atrás aos xubilados e ao sector público.


Pero recoñecer este feito e acomodar a el a política abre cuestións nos países debedores como Irlanda, Portugal e España que os países acredores como Alemaña non queren tratar.


Entón, como avanzamos?, e cal é o papel dun partido socialdemócrata na conformación deste camiño? Destacaría dúas cuestións. A primeira é o que chamo “a falsa promesa das reformas estruturais”. Non pode haber dúbida de que os países debedores de Europa precisan importantes reformas dos sistemas tributarios, os mercados laborais, a regulación das empresas e unha serie doutras áreas.

Pero…


1. Cando dicimos “reforma estrutural” non temos verdadeira idea do que estas palabras significan en realidade e a miúdo recorremos a elas coma un recoñecemento implícito de que a austeridade fracasou ou…

2. Entendemos mal o que fixemos cando nos referimos a episodios anteriores de reformas estruturais e, polo tanto, escápasenos que é imposible para calquera persoa facer o que xa fixo unha vez.


Déixenme explicar. A “reforma estrutural” acostumaba chamarse “axuste estrutural”. E esquerdistas europeos coma nós acostumábamos condeala como se fose absurda, ridícula, “tolerías neoliberais”… e aínda así parece que estamos moi felices aplicando estas políticas -a pesar do dano que fixeron no mundo en desenvolvemento- por riba dos nosos socios europeos.


Cando un se pregunta polo contido das reformas estruturais, semella que se trata dunha lista de impostos baixos, de desregular todo o que se poña por diante, de privatizalo todo e de agardar o mellor. Pero estas políticas non son perturbadoramente americanas, se non thatcheritas? Acaso todo isto non se supón que é todo ao que se opón o SPD e que o electorado alemán nunca aceptaría?


As reformas europeas están tapadas cunha capa máis sutil pedindo simplemente que todos se fagan “máis competitivos” –e quen podería estar contra iso? Até que un lembra que ser competitivo a respecto dos demais socios comerciais dentro da mesma unión monetaria xera unha problema de “média mobil” de proporcións continentais.


É estatisticamente absurdo que todo o mundo se volva máis competitivo. É como tentar que todos estivesen por riba da media. Soa como unha boa idea até que pensamos na intelixencia dos nenos na clase. Por definición, alguén ten que ser o único “non brillante”, mesmo nunha clase de xenios.


Pero algo hai que facer, e moitas veces díxosenos que Alemaña era o “home enfermo” de Europa, que o país tomara a “medicina amarga” das reformas Hartz e se volvera máis competitivo. 

Debido a isto, cando a crise bateu, Alemaña sobreviviu e volveu ser forte. A conclusión –o resto de Europa ten que abrazar as “reformas estruturais”- enseguida aparece.


É unha historia popular, pero está bastante equivocada e a súa aplicación noutros países repousa sobre unha lectura errada bastante obvia da historia alemá recente. Christian Dustmann e os seus colegas examinaran a cuestión en profundidade e concluíron que o que realmente fixo á economía alemá competitiva foran tres fenómenos interrelacionados que aconteceran unha década antes de Hartz.


En primeiro lugar, e eu seino perfectamente por estar casado nunha familia de alemáns orientais, foi a reunificación. Ter dez millóns de traballadores extra dispostos a entrar no mercado laboral colocou unha presión baixista sobre os salarios enorme que comeza a notarse por volta de 1994.


En segundo lugar, mover aos fornecedores de pezas para o complexo Auto Alemán para os países do antigo bloque do leste tornou as exportacións alemás aínda máis competitivas. Isto comeza por volta do mesmo ano.


En terceiro lugar, os sindicatos alemáns, ao mesmo tempo, danse de conta de que a globalización comeza ao leste do Elba e simplemente deixan de pedir aumentos salariais. O resultado combinado é un zugar dos salarios durante case vinte anos e o seu enmascaramento coas trasferencias do estado do benestar. É de aquí de onde vén a competitividade.


O que fai Hartz, unha década máis tarde, é eliminar os solteiros das listas de asistencia social e colocalos en minijobs. O resultado disto é unha expansión do protexido sector servizos, de baixos salarios crónicos, que ten que ser abordado anos despois coa introdución dun salario mínimo. De feito, case que todos os postos de traballo creados por Hartz son de baixa produtividade no sector servizos.


O sector exportador, a parte “competitiva” da economía, depende da demanda xerada noutras partes do mundo, e segue a lanzar, non engadir, postos de traballo como substitutos do capital para o traballo de alta cualificación.


Se Dustmann e compañía están no correcto, e eu creo que o están, a capacidade de transferir estas leccións a outros países é cero. Ninguén máis ten unha Alemaña Oriental agardando na esquina para empurrar para abaixo os custos do traballo, e mesmo se todos o fixesen, o que se conseguiría sería reducir o consumo agregado, empobrecendo, polo tanto, a todos.


A lección que hai que tirar, se cadra, é que Alemaña é Alemaña porque todo o mundo “non é Alemaña”. Tentar que todo o mundo sexa un pouco como Alemaña só vai significar a expansión dun sector servizos mal remunerado coa introdución dun salario mínimo para compensar. Non creo que isto sexa o que os avogados das reformas estruturais recomendan, mais é aí é onde podemos acabar.


O meu segundo punto lévanos de volta á noción, coa que convivimos basatante a gusto, segundo a cal hai “nacións acredoras” e “nacións debedoras”, en lugar de “nacións Europeas”; como se ser acreedor ou debedor fose unha característica nacional. En verdade, un dos aspectos máis enfermizos deste tempo e das políticas de austeridade é o discurso que produce no que se reduce as formacións complexas da clase e das institucións á raza e á identidade.

Pero ollemos máis alá disto e veremos aquí hai un gran problema co que os partidos de esquerda deben tratar, un que infelizmente axudaron a crear. Na década de 1970, período que agora parece bastante benigno, os beneficios empresariais eran bastante baixos, a participación do traballo na renda era moi alta e a inflacción estaba a subir. Informóusenos de que aquilo era insustentable e construíronse novas institucións políticas para certificar que esta combinación particular non acontecería novamente.


A este respecto, foi claramente un éxito. Os beneficios das empresas nunca foran tan altos como hoxe, a participación do traballo na renda nacional case nunca foi tan baixa e a inflacción deu lugar á deflacción. Entón, somos, agora que isto mudou, máis felices?


O que fixemos durante os últimos 30 anos é a construción dun paraíso do acredor de taxas reais de xuros positivas, inflacción baixa, mercados abertos, sindicatos noqueados e un Estado en retirada –todo dirixido por autoridades económicas nos bancos centrais e outras institucións non electas que só tiñan un obxectivo: manter en marcha este paraíso de crédito.


Nun mundo así, por que vostede, o traballador medio, habería de obter un aumento salarial? En verdade, non é de admirar que a desigualdade sexa un problema en todas partes? En Europa, esta desenvólvese a nivel nacional, e nivel internacional entre países acredores (bo) e países debedores (mal), onde os dereitos dos acredores deben protexerse e o mantra de “tes que pagar as túas débedas” debe respectarse.


No entanto, nos termos da economía do benestar, todo isto é  absurdo. Se o custe de exprimir aos debedores consiste en mantelos en posición de servidume por débedas, ou se as perdas para os acredores son menos do que os custes do servizo da débeda en perpetuídade, logo, o default é eficiente, se non moral.


Hoxe, é profundamente irónico que os socialdemócratas europeos se preocupen moito, como deben, polas cláusulas de protección dos investidores incorporados no Tratado de Investimento Trasantlántico cos EUA, ao tempo que esixen exactamente as mesmas protecións para os acredores sobre os seus concidadáns europeos sen lles deixar tempo para respirar polo diñeiro que “prestaron” para rescatar os seus propios sistemas bancarios das súas decisións de préstamos erradas.


Algo está moi mal cando a socialdemocracia entende que isto está ben. Non, non o está. Porque formula a pregunta fundamental, “Para que estades vos, se estades por iso?” Os socialdemócratas alemáns, pois todos nós somos herdeiros de Rosa Luxemburg, preséntanse hoxe como os executores do paraíso de crédito. É realmente por iso polo que queredes estar? A historia moderna europea virou moitas veces a partir das escollas do SPD. Este é un deses momentos.


É estupendo que o meu libro lles axudase a lembrar a pobreza desas ideas. Pero o asunto é que recobren a súa voz, non só a súa memoria histórica. A súa cota de voto non baixa porque non estean facendo suficiente sombra á CDU. Está a baixar porque se todo o que vostedes fan é iso, por que habería de votarlles ninguén?


Espero que a lectura do meu libro lembre ao SPD unha cousa: que a razón pola que existe é para facer máis que simplemente apoiar un paraíso para os acredores en Europa.


Agradézolles este premio e espero que este libro anime a pensar novamente sobre a economía que queremos construír para nós mesmos, os nosos fillos e os nosos concidadáns.

Mark Blyth é autor do libro Austeridade. Historia dunha idea perigosa.


Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/germany-austerity-blyth-speech-spd/