Mostrando entradas con la etiqueta SPD. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta SPD. Mostrar todas las entradas
lunes, 30 de marzo de 2015
Unha Europa mellor é posible. Entrevista a Oskar Lafontaine
Hai dous anos, no rescaldo do rescate a Chipre, vostede creou certa polémica chamando a abandonar o euro e ao regreso a un sistema de taxas de cambio coordenado. Aínda apoia vostede esa posición? En caso afirmativo, por que?
O actual sistema euro non funciona. Non estamos a falar só dunha moeda, senón dun sistema determinado polas condicións do Tratado de Maastricht. É por iso que apoio a introdución dunha maior flexibilidade para este sistema euro.
Para ser máis preciso, isto significaría que sería máis sensato introducir unha sorte de “euro grego”, cuxa taxa de cambio sexa decidida, entre outros, polo BCE, a fin de evitar unha difícil aterraxe causada pola devaluación da nova moeda. Non estamos a falar da saída de Grecia do sistema, senón de que teña condicións máis favorables.
A resposta doutros destacados membros do seu partido foi rápida: Die Linke apoia a moeda común, a culpa recae nas políticas da chanceler alemá, Angela Merkel. Algúns até o acusaron de querer agradar aos eleitores da estrema dereita populista de AfD. Nunha entrevista en Tagesspiegel, o economista grego Costas Lapavitsas afirmou que a razón pola que a unha gran parte da esquerda europea apoia o euro ten que ver coa influencia da ideoloxía, neste caso do europeísmo, ou sexa, a idea da existencia dun demos común europeo.
No tempo en que vostede estaba no SPD, sempre se destacou coma un defensor do aprofundamento da integración europea. Cal é a visión dun euro crítico como vostede, dunha Europa máis social e xusta? Até que punto habería que reformar ou trascender as institucións europeas actuais para conseguilo?
A visión contínúa a ser a dunha Europa democrática e social. Pero, se vemos como se está a minar a democracia grega debido a supostas restriccións financeiras, entón, o que hai é que desmantelar esas supostas restriccións financeiras. As reaccións dentro da esquerda e doutros partidos, que vostede comentou, poden ser vinculadas ao feito de que non se comprende a función dos sistemas monetarios, como non se entendía a unión monetaria alemá en 1990.
Durante a introdución do euro, ninguén parecía entender a necesidade dunha política salarial común, como ninguén parecía entender a miña opinión de que, sen a coordinación da política salarial, este sistema non sería capaz de funcionar. Pero iso ten unha longa tradición política en Europa.
Pero como pode un Grexit estar ligado ao novo proxecto internacionalista da unificación europea?
Mediante a participación do BCE nel en tanto que institución europea responsable democraticamente; algo que na actualidade non é.
O seu colaborador próximo, Heiner Flassbeck é coautor con Costas Lapavitsas dunha estratexia de saída do euro para Chipre en 2013. Léndoa, pareceume unha estratexia de crecemento keynesiano alternativa. A miña pregunta, e creo que moita xente se pregunta isto, é se pode haber unha solución real mediante unha saída controlada en medio dunha crise estrutural do capitalismo. Noutras palabras, son este tipo de propostas (crecemento) fins, en si mesmos, ou un camiño para crear un programa alternativo que reorganice a sociedade baixo parámetros sociais?
Son ambas cousas. A introdución dunha moeda paralela podería, evidentemente, ofrecer ao país en cuestión moita máis marxe de manobra e máis competencia económica, que debe ser fiscalizable democraticamente. Isto por unha banda. Agora, temos a desastrosa situación dun goberno grego impotente que, con máis ou menos axuda, ten que ver como outras forzas lle ditan condicións. Desde logo, esta nova flexibilidade a través dun “euro grego” non sería, de ningún modo, garantía dunha re-industrialización, pero a economía grega, ou calquera outra, podería obter aire para respirar. A experiencia ensínanos o que economicamente é mellor. A experiencia móstranos que, neste caso, un sistema de moeda que proíbe a devaluación non pode funcionar sen coordenación salarial. Na zona euro, vimos que en Grecia os salarios reais estaban por riba do nivel de produtividade, pero o máis importante, tivemos unha situación na que os alemáns practicaron sistematicamente dumping salarial. Baixo estas condicións, un colapso deste sistema era inevitable.
Pensa vostede que a histórica vitoria de Syriza pode ter un impacto na (máis difícil, enténdese) loita contra o neoliberalismo en Alemaña. Está dando lugar a un descontento máis articulado co réxime de Angela Merkel en Alemaña? Está a provocar rupturas no SPD e nos Verdes, como algúns afirman, permitindo por tanto unha posible coalición verde-vermello-vermello en 2017? Será que o SPD tamén corre risco de “Pasokización”?
Por suposto, a vitoria de Syriza é unha fonte de esperanza para a esquerda europea. Die Linke tamén sabe en que terribles condicións está a funcionar o goberno grego. É un proxecto cun final aberto pero, polo de agora, é a esperanza. E esa esperanza está fundamentada na vontade do pobo grego, que rexeitou as políticas neoliberais.
A cuestión de se o SPD e os Verdes aprenderon dos erros do pasado ten que ser respondida “non”. Estes partidos aínda apoian o Pacto de Estabilidade, que é a principal expresión do diktat de austeridade na Europa de hoxe. Así que é mellor non adornar nada, ou adornalo dunha cor que non é [risos]. A principal cuestión é se Die Linke pode traballar en conxunto con forzas que apoian a asuteridade, e iso é algo que eu exclúo categoricamente.
Até que punto pensa vostede que o goberno alemán atacará a Syriza? Queren eles “librarse dos gregos” e expulsalos do euro, ou esencialmente queren forzalos a implementar a austeridade e, por tanto, mantelos dentro da “gaiola de ferro”?
Hai sinais contraditorias en relación con iso. Hai relatos que din que o ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble defendeu unha Grexit en 2012. Hai, por outro lado, declaracións oficiais dicindo que unha saída de Grecia da eurozona podería ter consecuencias imprevisibles. A este respecto, o goberno alemán está a vacilar.
Persoalmente, creo que Merkel e Schäuble non saben como funciona o sistema monetario porque seguen ligados ao dogma neoliberal que di que os recortes salariais, de postos de traballo e a austeridade poden promover o crecemento.
Die Linke votou esmagadoramente (con algunhas excepcións noatables como Sahra Wagenknecht) a favor de ratificar o acordo alcanzado polo novo goberno grego co Eurogrupo, hai algunhas semanas. O principal argumento era o medo a parecer que non se estaba a ser solidario co goberno liderado por Alexis Tsipras. Como avalía vostede esa posición?
O medo de non parecer solidario co novo goberno é algo que eu entendo profundamente. Pero non deixa de ser un medo máis fundamentado en percepcións distorsionadas que en feitos reais.
En verdade, esta foi unha proposta do goberno alemán para a concesión de crédito a Grecia baixo condicións adversas. Eu, persoalmente, pedín a abstención a fin de evitar dous malentendidos. Por un lado, que non se está con Syriza e, polo outro, que estamos a favorecer o diktat da austeridade.
A nosa solidariedade con Syriza consiste no noso rexeitamento dos paquetes de austeridade do goberno alemán con Grecia –somos o único partido que fai iso- e a nosa crítica ao goberno alemán e ás súas políticas fracasadas. O grupo parlamentar de Die Linke atopábase nun dilema por causa desas percepcións distorsionadas da realidade, pero iso non altera a nosa posición solidaria.
Por outro lado, vinte mil persoas, a maioría, pero non exclusivamente, alemáns, manifestáronse a inicios dete mes contra a apertura do novo edificio do BCE en Frankfurt, “o corazón da crise do réxime europeo”. Dado o frustrante estado da protesta social en Alemaña, ve vostede isto coma o reinicio da actividade do movemento social no país?
Iso, con certeza, sería algo desexable. Non obstante, eu son consciente do difícil que é manter os movementos de protesta. Penso que o principal problema está nos diferentes efectos das políticas de austeridade nos diferentes países europeos. En Alemaña, estes efectos son comparativamente máis suaves, a pesar do feito de que Alemaña ten unha gran pobreza na terceira idade e un gran sector con salarios baixos. A pobreza dos vellos é algo que moitas persoas aínda non ven, mentres que moita xente xa se acostumou ao sector de salarios baixos.
Onde os efectos da crise sexan máis fortes, hai, felizmente, un colapso do sistema político, o que era necesario porque só os partidos neoliberais están no poder agora.
Die Linke ten agora unha década de idade. Cando comezou, destacouse como a principal voz de protesta contra a evolución cara o mercado da socialdemocracia, incorporando moitos temas dos movementos alterglobalización. No seu inicio, contou con importantes aliados en Francia (o movemento contra a Constitución europea), Italia (Refondazione Comunista), Reino Unido (Respect) e noutros lugares. Dez anos despois, a esquerda neses países foi varrida por unha onda de populismo de dereita; nalgúns casos, precedida por unha participación en gobernos de centro-esquerda coma en Italia.
Die Linke parece manter o seu terreo electoralmente, se ben non parece ser o principal benefactor do descontento co sistema político establecido. A elección dun chanceler no estado de esquerda de Turinxia semella estar preparando o camiño para unha postura máis “pragmática” en dúas posicións chave que definen Die Linke: antineoliberalismo e anti intervención militar extranxeira. A desconfianza popular en partidos políticos establecidos tamén está a afectar a Die Linke. Que explicaría que formacións como Die Linke ou o Front de Gauche teñan atinguido un teito de cristal en termos de eleccións, mentres que Syriza e Podemos terían un éxito máis espectacular?
Estas son varias preguntas [ri]. Comecemos coa cuestión da participación no goberno. Só é aceptable se supón un cambio para os votantes, que sexa experimentado por eles como tal. Este foi o erro de Rifondazione Comunista en Italia, que fracasou en conseguir xusto iso, e foi castigada polo electorado.
É algo que todo partido de esquerda experimentará se repite os erros do pasado. É algo que calquera pode recoñecer facilmente estudando a historia da familia dos partidos de esquerdas en Europa. En Alemaña hai que facer unha distinción entre o nivel estatal e o nivel federal. Cuestións como o antimilitarismo, a política exterior, a política fiscal, etc. non se discuten no nivel estatal.
Hai a cuestión da lei federal sobre a quebra da débeda para os gobernos locais…
Si, está escrito na Constitución agora e se participas nun goberno local tes que respectalo. Pero a miña posición a respecto da participación no goberno a nivel nacional é que só se pode facer se hai melloras concretas e recoñecibles para a vida da xente. No caso de Alemaña, isto significa melloras en áreas coma o desemprego, o seguro de pensión, a política salarial e, claro, as non intervencións no extranxeiro.
Pero a cuestión do goberno será irrelevante en Alemaña dada a evolución do SPD. O SPD atópase nunha fase de debilidade sen precedentes. O papel que pode xogar a esquerda pódese comprobar en España e Grecia, mesmo que esteamos a falar de procesos abertos.
Cando a presión da sociedade sexa moi forte, Die Linke só terá a súa oportunidade se actúa con credibilidade. Esa foi a razón pola que se fundou. Dixemos que tiñamos catro partidos neoliberais en Alemaña e case que exclusivamente partidos neoliberais no goberno en toda Europa, e esa é a razón pola que tiñamos que ofrecer unha alternativa.
E en Alemaña, é obvio que a dereita, na forma de AfD non é unha alternativa. Apoia posicións neoliberais. O seu presidente, Bernd Lucke foi un dos intelectuais que sempre apoiou o dumping salarial. Existe unha diferenza real entre a política da esquerda e a da dereita.
Parece non haber só unha fatiga co actual sistema económico senón tamén unha fatiga cos partidos políticos como tal. Die Linke sufriu un proceso de institucionalización nos últimos dez anos e está claro que ese non é o primeiro lugar no que a xente expresa o seu descontento coa orde actual das cousas. Mencionei a Syriza e a Podemos antes porque esas forzas conseguiron prosperar presentándose como unha alternativa á política establecida.
Se un goberno de coalición vermello-verde-vermello está fóra de cuestión, cal é o camiño para Die Linke? Como pode iniciar un efecto de politización?
Iso é algo moi difícil, porque o sistema baixo o que vivimos, o sistema capitalista, está moi enraizado. Proxéctase de tal xeito que os economicamente poderosos presiden todas as decisións políticas. As democracias representativas non son democracias no sentido real do termo. Sabemos desde Pericles que as democracias son sistemas sociais que serven os intereses da maioría e non hai debate sobre a democracia en toda Europa.
Neste sentido, a única razón de existir Die Linke é volverse –ou continuar a ser- un partido antisistema e ser percibido como tal. Ser antisistema significa defender consistentemente unha sociedade na que a vida social se reorganice, onde os froitos do traballo vaian para quen os gañe.
Significa tamén recoñecer que os esforzos socialistas do pasado fallaran porque non eran democráticos e estaban centralizados. Neste sentido, débese escoller outro camiño. Na miña opinión, é o camiño das empresas xerenciadas polos empregados nas que a democracia flúe na vida cotiá e non unha sociedade na que existen regras feudais sobre a vida económica.
Porque onde hai milmillonarios, non hai democracia. Ningunha persoa pode gañar mil millóns. Isto contradí a idea básica da Ilustración de que a riqueza é o resultado do traballo.
É vostede optimista a respecto do desenvolvemento de Die Linke?
Non sei se o “optimismo” pode responder esta pregunta. En relación á estrutura de poder temos un sistema social moi enraizado. Curiosamente, nin a crise financeira mudou iso, aínda que calquera pode ver, tras o crash financeiro, que Wall Street goberna os EEUU, non o Congreso nin o Presidente. O sistema oligárquico de Ucraína ou Rusia, por exemplo, móstranos que estamos ante unha regresión a nivel global e nunha reversión do modesto progreso social das últimas décadas.
E porén, estou convencido de que Die Linke non ten máis opción que ir contra corrente e presentar alternativas. Ten que permanecer, a nivel programático, solidamente, e isto significa non baixar pola estrada do acomodamento. Se o fai, simplemente será tragada polo sistema. Ten que ir consistentemente avogando por un modelo social diferente.
O racismo en todas as súas manifestacións está en ascenso en Europa, especialmente en forma de islamofobia (unha especie de racismo “respectable”). Que explica esa propagación mesmo a camadas sociais anteriormente non afectadas por el?
Creo que iso ten que ver co medo ao descenso na escala social. Cando eses recelos, combinados co medo á marxinalización están presentes, levan a certas camadas sociais a responder coa marxinalización dos outros. Todas as experiencias históricas móstrannos que eses medos resultan na marxinalización dos outros.
Unha última pregunta. Sería un eufemismo dicir que aos apoiantes de Die Linke gustaríalles velo xogar un papel máis activo no liderado do partido novamente. A súa carreira xa estivo marcada por unha serie de sorpresas. Está vostede a planear un retorno?
[Risos] Eu fago a miña parte, participando con máis frecuencia en debates públicos, televisivos, facendo aparicións públicas, pero…
De aí a pregunta…
Punto. [Risos]
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/03/oskar-lafontaine-interview-die-linke/
Etiquetas:
austeridade,
BCE,
Bernd Lucke,
Die Linke,
Europa,
Front de Gauche,
Grexit,
Heiner Flassbeck,
Lapavitsas,
Merkel,
Oskar Lafontaine,
Podemos,
Refondazione Comunista,
Sahra Wagenknecht,
SPD,
Syriza,
UE,
Verdes
viernes, 27 de febrero de 2015
Rematar co paraíso do acredor. Mark Blyth
É unha honra e unha ironía estar hoxe aquí e recibir o Hans-Matthöfer-Preis für
Wirtschaftspublizistik do ano 2014. Honra por ser recoñecido, dada a
competencia. Por nomear a algúns dos meus contendentes, Thomas Piketty ben pode
ser o meu economista favorito e Wolfgang Munchau o meu xornalista favorito,
polo que ser recoñecido entre eles é unha honra.
Pero é tamén un
tanto irónico ser recoñecido nun país que semella, polo menos ao nivel da súa
elite, completamente impermeable á mensaxe do libro que se está a premiar esta
noite. Se cadra polo menos nesta sala, e entre os socialdemócratas, a mensaxe
estea a gañar forza.
A austeridade en
tanto que política económica simplemente non funciona. Nos casos en que
semellaba funcionar, existía algo máis que facía realmente o traballo; polo
xeral a devaluación dunha moeda soberana ao mesmo tempo que a expansión nun
socio comercial moito máis grande impulsase as exportacións no curto prazo. Os
orzamentos recortábanse ao tempo que as exportacións se expandían, pero non eran
os recortes o importante, érao a expansión.
Xa estiven aquí
antes a falar de austeridade, así que aproveitemos os poucos minutos que temos
para ollar cara adiante e non cara atrás.
Todos os ollos
están postos en Grecia e na posibilidade de impago ou de “Grexit”. Trátase
dunha posición imposible, mírese por onde se mire. Os gregos non poden pagar o
que deben dado que as políticas implementadas para axudarlles a crecer
traducíronse na caída de case que un terzo da súa economía. A xente nova e con
talento marcha deixando atrás aos xubilados e ao sector público.
Pero recoñecer
este feito e acomodar a el a política abre cuestións nos países debedores como
Irlanda, Portugal e España que os países acredores como Alemaña non queren
tratar.
Entón, como
avanzamos?, e cal é o papel dun partido socialdemócrata na conformación deste
camiño? Destacaría dúas cuestións. A primeira é o que chamo “a falsa promesa
das reformas estruturais”. Non pode haber dúbida de que os países debedores de
Europa precisan importantes reformas dos sistemas tributarios, os mercados
laborais, a regulación das empresas e unha serie doutras áreas.
Pero…
1. Cando dicimos “reforma estrutural” non temos verdadeira idea do que estas
palabras significan en realidade e a miúdo recorremos a elas coma un recoñecemento
implícito de que a austeridade fracasou ou…
2. Entendemos mal o que fixemos cando nos referimos
a episodios anteriores de reformas estruturais e, polo tanto, escápasenos que é
imposible para calquera persoa facer o que xa fixo unha vez.
Déixenme explicar. A “reforma estrutural” acostumaba
chamarse “axuste estrutural”. E esquerdistas europeos coma nós acostumábamos
condeala como se fose absurda, ridícula, “tolerías neoliberais”… e aínda así
parece que estamos moi felices aplicando estas políticas -a pesar do dano que
fixeron no mundo en desenvolvemento- por riba dos nosos socios europeos.
Cando un se pregunta polo contido das reformas estruturais,
semella que se trata dunha lista de impostos baixos, de desregular todo o que
se poña por diante, de privatizalo todo e de agardar o mellor. Pero estas
políticas non son perturbadoramente americanas, se non thatcheritas? Acaso todo
isto non se supón que é todo ao que se opón o SPD e que o electorado alemán
nunca aceptaría?
As reformas europeas están tapadas cunha capa máis sutil
pedindo simplemente que todos se fagan “máis competitivos” –e quen podería
estar contra iso? Até que un lembra que ser competitivo a respecto dos demais
socios comerciais dentro da mesma unión monetaria xera unha problema de “média
mobil” de proporcións continentais.
É estatisticamente absurdo que todo o mundo se volva máis
competitivo. É como tentar que todos estivesen por riba da media. Soa como unha
boa idea até que pensamos na intelixencia dos nenos na clase. Por definición,
alguén ten que ser o único “non brillante”, mesmo nunha clase de xenios.
Pero algo hai que facer, e moitas veces díxosenos que
Alemaña era o “home enfermo” de Europa, que o país tomara a “medicina amarga”
das reformas Hartz e se volvera máis competitivo.
Debido a isto, cando a crise
bateu, Alemaña sobreviviu e volveu ser forte. A conclusión –o resto de Europa
ten que abrazar as “reformas estruturais”- enseguida aparece.
É unha historia popular, pero está bastante equivocada e a
súa aplicación noutros países repousa sobre unha lectura errada bastante obvia
da historia alemá recente. Christian Dustmann e os seus colegas examinaran a
cuestión en profundidade e concluíron que o que realmente fixo á economía alemá
competitiva foran tres fenómenos interrelacionados que aconteceran unha década
antes de Hartz.
En primeiro lugar, e eu seino perfectamente por estar casado
nunha familia de alemáns orientais, foi a reunificación. Ter dez millóns de
traballadores extra dispostos a entrar no mercado laboral colocou unha presión baixista
sobre os salarios enorme que comeza a notarse por volta de 1994.
En segundo lugar, mover aos fornecedores de pezas para o
complexo Auto Alemán para os países do antigo bloque do leste tornou as
exportacións alemás aínda máis competitivas. Isto comeza por volta do mesmo
ano.
En terceiro lugar, os sindicatos alemáns, ao mesmo tempo,
danse de conta de que a globalización comeza ao leste do Elba e simplemente
deixan de pedir aumentos salariais. O resultado combinado é un zugar dos
salarios durante case vinte anos e o seu enmascaramento coas trasferencias do
estado do benestar. É de aquí de onde vén a competitividade.
O que fai Hartz, unha década máis tarde, é eliminar os
solteiros das listas de asistencia social e colocalos en minijobs. O resultado
disto é unha expansión do protexido sector servizos, de baixos salarios
crónicos, que ten que ser abordado anos despois coa introdución dun salario
mínimo. De feito, case que todos os postos de traballo creados por Hartz son de
baixa produtividade no sector servizos.
O sector exportador, a parte “competitiva” da economía,
depende da demanda xerada noutras partes do mundo, e segue a lanzar, non engadir,
postos de traballo como substitutos do capital para o traballo de alta
cualificación.
Se Dustmann e compañía están no correcto, e eu creo que o
están, a capacidade de transferir estas leccións a outros países é cero.
Ninguén máis ten unha Alemaña Oriental agardando na esquina para empurrar para
abaixo os custos do traballo, e mesmo se todos o fixesen, o que se conseguiría
sería reducir o consumo agregado, empobrecendo, polo tanto, a todos.
A lección que hai que tirar, se cadra, é que Alemaña é Alemaña
porque todo o mundo “non é Alemaña”. Tentar que todo o mundo sexa un pouco como
Alemaña só vai significar a expansión dun sector servizos mal remunerado coa
introdución dun salario mínimo para compensar. Non creo que isto sexa o que os
avogados das reformas estruturais recomendan, mais é aí é onde podemos acabar.
O meu segundo punto lévanos de volta á noción, coa que convivimos
basatante a gusto, segundo a cal hai “nacións acredoras” e “nacións debedoras”,
en lugar de “nacións Europeas”; como se ser acreedor ou debedor fose unha
característica nacional. En verdade, un dos aspectos máis enfermizos deste
tempo e das políticas de austeridade é o discurso que produce no que se reduce
as formacións complexas da clase e das institucións á raza e á identidade.
Pero ollemos máis alá disto e veremos aquí hai un gran
problema co que os partidos de esquerda deben tratar, un que infelizmente
axudaron a crear. Na década de 1970, período que agora parece bastante benigno,
os beneficios empresariais eran bastante baixos, a participación do traballo na
renda era moi alta e a inflacción estaba a subir. Informóusenos de que aquilo
era insustentable e construíronse novas institucións políticas para certificar
que esta combinación particular non acontecería novamente.
A este respecto, foi claramente un éxito. Os beneficios das
empresas nunca foran tan altos como hoxe, a participación do traballo na renda
nacional case nunca foi tan baixa e a inflacción deu lugar á deflacción. Entón,
somos, agora que isto mudou, máis felices?
O que fixemos durante os últimos 30 anos é a construción dun
paraíso do acredor de taxas reais de xuros positivas, inflacción baixa,
mercados abertos, sindicatos noqueados e un Estado en retirada –todo dirixido
por autoridades económicas nos bancos centrais e outras institucións non
electas que só tiñan un obxectivo: manter en marcha este paraíso de crédito.
Nun mundo así, por que vostede, o traballador medio, habería de
obter un aumento salarial? En verdade, non é de admirar que a desigualdade sexa
un problema en todas partes? En Europa, esta desenvólvese a nivel nacional, e
nivel internacional entre países acredores (bo) e países debedores (mal), onde
os dereitos dos acredores deben protexerse e o mantra de “tes que pagar as túas
débedas” debe respectarse.
No entanto, nos termos da economía do benestar, todo isto
é absurdo. Se o custe de exprimir aos
debedores consiste en mantelos en posición de servidume por débedas, ou se as
perdas para os acredores son menos do que os custes do servizo da débeda en
perpetuídade, logo, o default é eficiente, se non moral.
Hoxe, é profundamente irónico que os socialdemócratas
europeos se preocupen moito, como deben, polas cláusulas de protección dos
investidores incorporados no Tratado de Investimento Trasantlántico cos EUA, ao
tempo que esixen exactamente as mesmas protecións para os acredores sobre os
seus concidadáns europeos sen lles deixar tempo para respirar polo diñeiro que
“prestaron” para rescatar os seus propios sistemas bancarios das súas decisións
de préstamos erradas.
Algo está moi mal cando a socialdemocracia entende que isto
está ben. Non, non o está. Porque formula a pregunta fundamental, “Para que
estades vos, se estades por iso?” Os socialdemócratas alemáns, pois todos nós
somos herdeiros de Rosa Luxemburg, preséntanse hoxe como os executores do
paraíso de crédito. É realmente por iso polo que queredes estar? A historia
moderna europea virou moitas veces a partir das escollas do SPD. Este é un
deses momentos.
É estupendo que o meu libro lles axudase a lembrar a pobreza
desas ideas. Pero o asunto é que recobren a súa voz, non só a súa memoria
histórica. A súa cota de voto non baixa porque non estean facendo suficiente
sombra á CDU. Está a baixar porque se todo o que vostedes fan é iso, por que habería
de votarlles ninguén?
Espero que a lectura do meu libro lembre ao SPD unha cousa:
que a razón pola que existe é para facer máis que simplemente apoiar un paraíso
para os acredores en Europa.
Agradézolles este premio e espero que este libro anime a
pensar novamente sobre a economía que queremos construír para nós mesmos, os
nosos fillos e os nosos concidadáns.
Mark Blyth é autor do libro Austeridade. Historia dunha idea perigosa.
Mark Blyth é autor do libro Austeridade. Historia dunha idea perigosa.
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/germany-austerity-blyth-speech-spd/
Etiquetas:
acredores,
Alemaña,
CDU,
competitividade,
débeda,
debedores,
España,
Europa,
Grecia,
Hartz,
Irlanda,
Mark Blyth,
milagre alemán,
Portugal,
reunificación,
Rosa Luxemburg,
sindicatos,
socialdemocracia,
SPD
Suscribirse a:
Entradas (Atom)