Mostrando entradas con la etiqueta austeridade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta austeridade. Mostrar todas las entradas
lunes, 30 de marzo de 2015
Unha Europa mellor é posible. Entrevista a Oskar Lafontaine
Hai dous anos, no rescaldo do rescate a Chipre, vostede creou certa polémica chamando a abandonar o euro e ao regreso a un sistema de taxas de cambio coordenado. Aínda apoia vostede esa posición? En caso afirmativo, por que?
O actual sistema euro non funciona. Non estamos a falar só dunha moeda, senón dun sistema determinado polas condicións do Tratado de Maastricht. É por iso que apoio a introdución dunha maior flexibilidade para este sistema euro.
Para ser máis preciso, isto significaría que sería máis sensato introducir unha sorte de “euro grego”, cuxa taxa de cambio sexa decidida, entre outros, polo BCE, a fin de evitar unha difícil aterraxe causada pola devaluación da nova moeda. Non estamos a falar da saída de Grecia do sistema, senón de que teña condicións máis favorables.
A resposta doutros destacados membros do seu partido foi rápida: Die Linke apoia a moeda común, a culpa recae nas políticas da chanceler alemá, Angela Merkel. Algúns até o acusaron de querer agradar aos eleitores da estrema dereita populista de AfD. Nunha entrevista en Tagesspiegel, o economista grego Costas Lapavitsas afirmou que a razón pola que a unha gran parte da esquerda europea apoia o euro ten que ver coa influencia da ideoloxía, neste caso do europeísmo, ou sexa, a idea da existencia dun demos común europeo.
No tempo en que vostede estaba no SPD, sempre se destacou coma un defensor do aprofundamento da integración europea. Cal é a visión dun euro crítico como vostede, dunha Europa máis social e xusta? Até que punto habería que reformar ou trascender as institucións europeas actuais para conseguilo?
A visión contínúa a ser a dunha Europa democrática e social. Pero, se vemos como se está a minar a democracia grega debido a supostas restriccións financeiras, entón, o que hai é que desmantelar esas supostas restriccións financeiras. As reaccións dentro da esquerda e doutros partidos, que vostede comentou, poden ser vinculadas ao feito de que non se comprende a función dos sistemas monetarios, como non se entendía a unión monetaria alemá en 1990.
Durante a introdución do euro, ninguén parecía entender a necesidade dunha política salarial común, como ninguén parecía entender a miña opinión de que, sen a coordinación da política salarial, este sistema non sería capaz de funcionar. Pero iso ten unha longa tradición política en Europa.
Pero como pode un Grexit estar ligado ao novo proxecto internacionalista da unificación europea?
Mediante a participación do BCE nel en tanto que institución europea responsable democraticamente; algo que na actualidade non é.
O seu colaborador próximo, Heiner Flassbeck é coautor con Costas Lapavitsas dunha estratexia de saída do euro para Chipre en 2013. Léndoa, pareceume unha estratexia de crecemento keynesiano alternativa. A miña pregunta, e creo que moita xente se pregunta isto, é se pode haber unha solución real mediante unha saída controlada en medio dunha crise estrutural do capitalismo. Noutras palabras, son este tipo de propostas (crecemento) fins, en si mesmos, ou un camiño para crear un programa alternativo que reorganice a sociedade baixo parámetros sociais?
Son ambas cousas. A introdución dunha moeda paralela podería, evidentemente, ofrecer ao país en cuestión moita máis marxe de manobra e máis competencia económica, que debe ser fiscalizable democraticamente. Isto por unha banda. Agora, temos a desastrosa situación dun goberno grego impotente que, con máis ou menos axuda, ten que ver como outras forzas lle ditan condicións. Desde logo, esta nova flexibilidade a través dun “euro grego” non sería, de ningún modo, garantía dunha re-industrialización, pero a economía grega, ou calquera outra, podería obter aire para respirar. A experiencia ensínanos o que economicamente é mellor. A experiencia móstranos que, neste caso, un sistema de moeda que proíbe a devaluación non pode funcionar sen coordenación salarial. Na zona euro, vimos que en Grecia os salarios reais estaban por riba do nivel de produtividade, pero o máis importante, tivemos unha situación na que os alemáns practicaron sistematicamente dumping salarial. Baixo estas condicións, un colapso deste sistema era inevitable.
Pensa vostede que a histórica vitoria de Syriza pode ter un impacto na (máis difícil, enténdese) loita contra o neoliberalismo en Alemaña. Está dando lugar a un descontento máis articulado co réxime de Angela Merkel en Alemaña? Está a provocar rupturas no SPD e nos Verdes, como algúns afirman, permitindo por tanto unha posible coalición verde-vermello-vermello en 2017? Será que o SPD tamén corre risco de “Pasokización”?
Por suposto, a vitoria de Syriza é unha fonte de esperanza para a esquerda europea. Die Linke tamén sabe en que terribles condicións está a funcionar o goberno grego. É un proxecto cun final aberto pero, polo de agora, é a esperanza. E esa esperanza está fundamentada na vontade do pobo grego, que rexeitou as políticas neoliberais.
A cuestión de se o SPD e os Verdes aprenderon dos erros do pasado ten que ser respondida “non”. Estes partidos aínda apoian o Pacto de Estabilidade, que é a principal expresión do diktat de austeridade na Europa de hoxe. Así que é mellor non adornar nada, ou adornalo dunha cor que non é [risos]. A principal cuestión é se Die Linke pode traballar en conxunto con forzas que apoian a asuteridade, e iso é algo que eu exclúo categoricamente.
Até que punto pensa vostede que o goberno alemán atacará a Syriza? Queren eles “librarse dos gregos” e expulsalos do euro, ou esencialmente queren forzalos a implementar a austeridade e, por tanto, mantelos dentro da “gaiola de ferro”?
Hai sinais contraditorias en relación con iso. Hai relatos que din que o ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble defendeu unha Grexit en 2012. Hai, por outro lado, declaracións oficiais dicindo que unha saída de Grecia da eurozona podería ter consecuencias imprevisibles. A este respecto, o goberno alemán está a vacilar.
Persoalmente, creo que Merkel e Schäuble non saben como funciona o sistema monetario porque seguen ligados ao dogma neoliberal que di que os recortes salariais, de postos de traballo e a austeridade poden promover o crecemento.
Die Linke votou esmagadoramente (con algunhas excepcións noatables como Sahra Wagenknecht) a favor de ratificar o acordo alcanzado polo novo goberno grego co Eurogrupo, hai algunhas semanas. O principal argumento era o medo a parecer que non se estaba a ser solidario co goberno liderado por Alexis Tsipras. Como avalía vostede esa posición?
O medo de non parecer solidario co novo goberno é algo que eu entendo profundamente. Pero non deixa de ser un medo máis fundamentado en percepcións distorsionadas que en feitos reais.
En verdade, esta foi unha proposta do goberno alemán para a concesión de crédito a Grecia baixo condicións adversas. Eu, persoalmente, pedín a abstención a fin de evitar dous malentendidos. Por un lado, que non se está con Syriza e, polo outro, que estamos a favorecer o diktat da austeridade.
A nosa solidariedade con Syriza consiste no noso rexeitamento dos paquetes de austeridade do goberno alemán con Grecia –somos o único partido que fai iso- e a nosa crítica ao goberno alemán e ás súas políticas fracasadas. O grupo parlamentar de Die Linke atopábase nun dilema por causa desas percepcións distorsionadas da realidade, pero iso non altera a nosa posición solidaria.
Por outro lado, vinte mil persoas, a maioría, pero non exclusivamente, alemáns, manifestáronse a inicios dete mes contra a apertura do novo edificio do BCE en Frankfurt, “o corazón da crise do réxime europeo”. Dado o frustrante estado da protesta social en Alemaña, ve vostede isto coma o reinicio da actividade do movemento social no país?
Iso, con certeza, sería algo desexable. Non obstante, eu son consciente do difícil que é manter os movementos de protesta. Penso que o principal problema está nos diferentes efectos das políticas de austeridade nos diferentes países europeos. En Alemaña, estes efectos son comparativamente máis suaves, a pesar do feito de que Alemaña ten unha gran pobreza na terceira idade e un gran sector con salarios baixos. A pobreza dos vellos é algo que moitas persoas aínda non ven, mentres que moita xente xa se acostumou ao sector de salarios baixos.
Onde os efectos da crise sexan máis fortes, hai, felizmente, un colapso do sistema político, o que era necesario porque só os partidos neoliberais están no poder agora.
Die Linke ten agora unha década de idade. Cando comezou, destacouse como a principal voz de protesta contra a evolución cara o mercado da socialdemocracia, incorporando moitos temas dos movementos alterglobalización. No seu inicio, contou con importantes aliados en Francia (o movemento contra a Constitución europea), Italia (Refondazione Comunista), Reino Unido (Respect) e noutros lugares. Dez anos despois, a esquerda neses países foi varrida por unha onda de populismo de dereita; nalgúns casos, precedida por unha participación en gobernos de centro-esquerda coma en Italia.
Die Linke parece manter o seu terreo electoralmente, se ben non parece ser o principal benefactor do descontento co sistema político establecido. A elección dun chanceler no estado de esquerda de Turinxia semella estar preparando o camiño para unha postura máis “pragmática” en dúas posicións chave que definen Die Linke: antineoliberalismo e anti intervención militar extranxeira. A desconfianza popular en partidos políticos establecidos tamén está a afectar a Die Linke. Que explicaría que formacións como Die Linke ou o Front de Gauche teñan atinguido un teito de cristal en termos de eleccións, mentres que Syriza e Podemos terían un éxito máis espectacular?
Estas son varias preguntas [ri]. Comecemos coa cuestión da participación no goberno. Só é aceptable se supón un cambio para os votantes, que sexa experimentado por eles como tal. Este foi o erro de Rifondazione Comunista en Italia, que fracasou en conseguir xusto iso, e foi castigada polo electorado.
É algo que todo partido de esquerda experimentará se repite os erros do pasado. É algo que calquera pode recoñecer facilmente estudando a historia da familia dos partidos de esquerdas en Europa. En Alemaña hai que facer unha distinción entre o nivel estatal e o nivel federal. Cuestións como o antimilitarismo, a política exterior, a política fiscal, etc. non se discuten no nivel estatal.
Hai a cuestión da lei federal sobre a quebra da débeda para os gobernos locais…
Si, está escrito na Constitución agora e se participas nun goberno local tes que respectalo. Pero a miña posición a respecto da participación no goberno a nivel nacional é que só se pode facer se hai melloras concretas e recoñecibles para a vida da xente. No caso de Alemaña, isto significa melloras en áreas coma o desemprego, o seguro de pensión, a política salarial e, claro, as non intervencións no extranxeiro.
Pero a cuestión do goberno será irrelevante en Alemaña dada a evolución do SPD. O SPD atópase nunha fase de debilidade sen precedentes. O papel que pode xogar a esquerda pódese comprobar en España e Grecia, mesmo que esteamos a falar de procesos abertos.
Cando a presión da sociedade sexa moi forte, Die Linke só terá a súa oportunidade se actúa con credibilidade. Esa foi a razón pola que se fundou. Dixemos que tiñamos catro partidos neoliberais en Alemaña e case que exclusivamente partidos neoliberais no goberno en toda Europa, e esa é a razón pola que tiñamos que ofrecer unha alternativa.
E en Alemaña, é obvio que a dereita, na forma de AfD non é unha alternativa. Apoia posicións neoliberais. O seu presidente, Bernd Lucke foi un dos intelectuais que sempre apoiou o dumping salarial. Existe unha diferenza real entre a política da esquerda e a da dereita.
Parece non haber só unha fatiga co actual sistema económico senón tamén unha fatiga cos partidos políticos como tal. Die Linke sufriu un proceso de institucionalización nos últimos dez anos e está claro que ese non é o primeiro lugar no que a xente expresa o seu descontento coa orde actual das cousas. Mencionei a Syriza e a Podemos antes porque esas forzas conseguiron prosperar presentándose como unha alternativa á política establecida.
Se un goberno de coalición vermello-verde-vermello está fóra de cuestión, cal é o camiño para Die Linke? Como pode iniciar un efecto de politización?
Iso é algo moi difícil, porque o sistema baixo o que vivimos, o sistema capitalista, está moi enraizado. Proxéctase de tal xeito que os economicamente poderosos presiden todas as decisións políticas. As democracias representativas non son democracias no sentido real do termo. Sabemos desde Pericles que as democracias son sistemas sociais que serven os intereses da maioría e non hai debate sobre a democracia en toda Europa.
Neste sentido, a única razón de existir Die Linke é volverse –ou continuar a ser- un partido antisistema e ser percibido como tal. Ser antisistema significa defender consistentemente unha sociedade na que a vida social se reorganice, onde os froitos do traballo vaian para quen os gañe.
Significa tamén recoñecer que os esforzos socialistas do pasado fallaran porque non eran democráticos e estaban centralizados. Neste sentido, débese escoller outro camiño. Na miña opinión, é o camiño das empresas xerenciadas polos empregados nas que a democracia flúe na vida cotiá e non unha sociedade na que existen regras feudais sobre a vida económica.
Porque onde hai milmillonarios, non hai democracia. Ningunha persoa pode gañar mil millóns. Isto contradí a idea básica da Ilustración de que a riqueza é o resultado do traballo.
É vostede optimista a respecto do desenvolvemento de Die Linke?
Non sei se o “optimismo” pode responder esta pregunta. En relación á estrutura de poder temos un sistema social moi enraizado. Curiosamente, nin a crise financeira mudou iso, aínda que calquera pode ver, tras o crash financeiro, que Wall Street goberna os EEUU, non o Congreso nin o Presidente. O sistema oligárquico de Ucraína ou Rusia, por exemplo, móstranos que estamos ante unha regresión a nivel global e nunha reversión do modesto progreso social das últimas décadas.
E porén, estou convencido de que Die Linke non ten máis opción que ir contra corrente e presentar alternativas. Ten que permanecer, a nivel programático, solidamente, e isto significa non baixar pola estrada do acomodamento. Se o fai, simplemente será tragada polo sistema. Ten que ir consistentemente avogando por un modelo social diferente.
O racismo en todas as súas manifestacións está en ascenso en Europa, especialmente en forma de islamofobia (unha especie de racismo “respectable”). Que explica esa propagación mesmo a camadas sociais anteriormente non afectadas por el?
Creo que iso ten que ver co medo ao descenso na escala social. Cando eses recelos, combinados co medo á marxinalización están presentes, levan a certas camadas sociais a responder coa marxinalización dos outros. Todas as experiencias históricas móstrannos que eses medos resultan na marxinalización dos outros.
Unha última pregunta. Sería un eufemismo dicir que aos apoiantes de Die Linke gustaríalles velo xogar un papel máis activo no liderado do partido novamente. A súa carreira xa estivo marcada por unha serie de sorpresas. Está vostede a planear un retorno?
[Risos] Eu fago a miña parte, participando con máis frecuencia en debates públicos, televisivos, facendo aparicións públicas, pero…
De aí a pregunta…
Punto. [Risos]
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/03/oskar-lafontaine-interview-die-linke/
Etiquetas:
austeridade,
BCE,
Bernd Lucke,
Die Linke,
Europa,
Front de Gauche,
Grexit,
Heiner Flassbeck,
Lapavitsas,
Merkel,
Oskar Lafontaine,
Podemos,
Refondazione Comunista,
Sahra Wagenknecht,
SPD,
Syriza,
UE,
Verdes
lunes, 2 de marzo de 2015
Para vencer á austeridade Grecia debe rachar co euro. Costas Lapavitsas
O acordo asinado entre Grecia e a UE tras semanas de
intensas negociacións é un compromiso acadado baixo coacción económica. O seu
único mérito para Grecia é manter o goberno de Syriza vivo para volver loitar
noutra ocasión. E ese día non está lonxe. Grecia terá que negociar un acordo de
financiamento de longo prazo en xuño e agosto. Nos vindeiros catro meses, o
goberno terá que actuar conxuntamente para salvar eses obstáculos e aplicar o
seu programa radical. A esquerda europea ten grande interese no éxito grego se
este serve para facer retroceder ás forzas da austeridade que están a esganar o
continente.
En febreiro, o equipo negociador grego caeu nunha trampa dobre.
Por unha banda estaba a dependencia dos bancos gregos da liquidez do BCE, sen a
cal deixarían de funcionar. Mario Draghi, presidente do BCE, meteu máis presión
estreitando os termos da provisión de liquidez. Preocupado polos
acontecementos, os depositantes retiraron fondos; cara o final das negociacións
os bancos gregos estaban a perder mil millóns de euros de liquidez por día.
Por outra banda, estaba a necesidade de financiación do
estado grego para atender as débedas e pagar os salarios. Estando en curso as
negociacións, os fondos escasearon máis. A UE, liderada por Alemaña,
cinicamente agardou até que a presión sobre os bancos gregos chegara ao punto
culminante. Pola tarde do venres 20 de febreiro o goberno de Syriza tivo que
aceptar un acordo ou se enfrontaba a condicións financeiras caóticas na semana
seguinte, algo para o que en absoluto estaba preparado.
O acordo resultante ampliou o acordo de préstamo a Grecia a
catro meses de financiación garantida, suxeita a revisión periódica polas
“institucións”; é dicir, pola Comisión Europea, o BCE e o FMI. O país viuse
obrigado a declarar que vai cumprir con todas as obrigas fronte aos seus
acredores “plenamente e en prazo”.
Ademais, terá como obxectivo lograr superávits primarios
“apropiados”; desistir de accións unilaterais que “afecten negativamente os
obxectivos fiscais”; e levar a cabo “reformas” que van en contra dos
compromisos de Syriza de baixar impostos, aumentar o salario mínimo, reverter
as privatizacións e aliviar a crise humanitaria.
En suma, o goberno de Syriza pagou un prezo moi alto para
seguir con vida. As cousas poranse aínda máis difíciles polo lamentable estado
da economía grega. O crecemento en 2014 foi un mísero 0,7%, mentres que o PIB
contraeuse durante o último trimestre. A produción industrial reduciuse un 3,8%
máis en decembro e mesmo as vendas ao por menor diminuíron un 3,7%, a pesar do
Nadal. O indicativo máis preocupante, porén, é a caída dos prezos nun 2,8% en
xaneiro. Esta é unha economía en espiral deflacionaria sen ningunha ou pouca
dirección posible.
Os próximos catro meses serán un período de constante loita
para Syriza. Hai poucas dúbidas de que o goberno se enfrontará a grandes
dificultades para pasar a revisión de abril realizada polas “institucións” e lograr
a liberación dos moi necesarios fondos. De feito, é tan grave a situación
fiscal que os acontecementos poderían precipitarse aínda máis rápido.
Os ingresos tributarios estanse esboroando, en parte porque
a economía está conxelada e en parte porque a xente está retendo o pagamento
ante a expectativa de alivio da carga fiscal extraordinaria dos últimos anos.
Os fondos públicos veranse sometidos a unha presión considerable xa en marzo,
cando haberá que facer pagamentos importantes de débeda.
Pero aínda supoñendo que o goberno navegue con éxito estes
estreitos, en xuño Grecia terá que volver entrar en negociacións coa UE para
un acordo de financiamento de longo prazo. A trampa de febreiro está aínda moi
presente e lista para xurdir de novo.
Que debemos nós, como Syriza, facer e como podería a
esquerda de toda Europa axudar? O paso máis importante é darse de conta de que
a estratexia da esperanza de lograr un gran cambio radical no marco
institucional da moeda común chegou á súa fin. A estratexia deunos éxito
electoral coa promesa de liberar ao pobo grego da austeridade sen ter que
soportar a saída da eurozona. Por desgraza, os acontecementos demostraron, fóra
de toda dúbida, que isto é imposible, e é hora de que recoñezamos a realidade.
Para que Syriza evite o colapso ou a entrega total debe ser
autenticamente radical. A nosa forza radica exclusivamente no tremendo apoio
popular que aínda gozamos. O goberno debe implementar rapidamente medidas para
aliviar aos traballadores das tremendas presións dos últimos anos: prohibir as
execucións hipotecarias, condonar a débeda interna, volver a conectar ás
familias á rede eléctrica, aumentar o salario mínimo, deter as privatizacións.
Este é o programa polo que fomos elixidos. As metas fiscais e a supervisión por
parte das “institucións” deben ser algo secundario nos nosos cálculos, se
pretendemos manter o apoio popular.
Ao mesmo tempo, o noso goberno debe enfocar as negociacións
de xuño cun marco mental moi diferente ao de febreiro. A eurozona non pode ser
reformada e non se converterá nunha “amable” unión monetaria que apoie á clase
traballadora. Grecia debe poñer unha ampla gama de opcións sobre a mesa, debe
estar preparada para medidas extraordinarias de liquidez e debe saber que
poderá manexar calquera eventualidade se a súa xente está preparada. Despois de
todo, a UE xa creou o desastre neste país.
Syriza podería gañar o auxilio da esquerda europea, pero só
se a esquerda sacode as súas propias ilusións e comeza a propor políticas
sensatas que poidan liberar a Europa do absurdo en que se converteu a moeda
común. Neste caso, podería haber unha posibilidade de rematar coa austeridade
en todo o continente. Temos moi pouco tempo.
miércoles, 25 de febrero de 2015
Réplica aos sofistas. Stathis Kouvelakis
Nos últimos días estiveron circulando dous sofismas entre
aqueles que se negan a ver a realidade á cara e a recoñecer a retirada que
Syriza se viu obrigada a realizar, así como as súas posibles consecuencias. Ou
máis ben, dúas e media. E digo “obrigada” por boas razóns, porque o novo
goberno estaba atrapado nunha estratexia equivocada: aínda que eu non diría que
foi unha “traición” ou “capitulación”, xa que estes son termos moralizantes que
valen pouco para a comprensión dos procesos políticos.
O primeiro sofisma: “Syriza non ten mandato para saír da eurozona”. Se adoptase unha posición así non tería gañado as eleccións. Dito deste xeito, vemos como este razoamento é absurdo. Si, por suposto, non tiña “mandato para saír da zona euro”. Pero certamente tampouco tiña o “mandato” de abandonar a cerna do seu programa co fin de quedar no euro! E, sen dúbida, se se presentase ante o electorado dicindo “aquí está o meu programa, pero se atopamos que a súa implementación é incompatible con permanecer no euro entón esquecédevos del”, tampouco tería acadado moito éxito nas eleccións. Por unha boa razón: manterse no euro a calquera custe é exactamente o mesmo argumento que usan os partidos pro-Memorandum que gobernaron Grecia todos estes anos. E mesmo aínda que Syriza nunca clarificou totalmente a súa posición sobre o euro, sempre rexeitou a lóxica do “euro a calquera prezo”. Neste sentido, lembremos que, contrariamente ao que pensa a maioría dos comentaristas, os textos programáticos de Syriza non descartan abandonar a eurozona se a iso lles obriga a intransixencia dos europeos, ou o impago da débeda. Se ben é certo que ultimamente estes textos semellan estar agochados.
Unha segunda variante deste primeiro sofisma di: Syriza tiña un mandato dual consistente en rachar coa austeridade e permenecer no euro. Isto soa máis racional que a primeira versión, pero aínda así é un sofisma. É como se as dúas partes deste mandato fosen igualmente importantes e polo tanto como se fose politicamente lexítimo -se tivésemos que elixir (e de feito temos que elixir, que é precisamente o problema)- sacrificar a ruptura coa austeridade no altar do mantemento do euro. Pero entón, por que non dar a volta a ese razoamento dicindo “posto que os dous obxectivos son incompatibles, escollo rachar coa austeridade, dado que esta é a razón esencial pola cal os gregos votaron pola esquerda radical? É dicir, optar pola ruptura e non pola “estabilidade” dentro do marco existente. Poderiamos pensar que esta elección é máis propia dun partido da esquerda radical que ten o “socialismo” coma o seu “obxectivo estratéxico” (mesmo aínda que iso non fose evidente na axenda coa que gañou as eleccións).
O terceiro sofisma está promovido por Étienne Balibar e Sandro Mezzadra. Comentaron con sarcasmo que os da “ala esquerda de Syriza” están a lamentarse pola “capitulación” (ignoremos polo de agora que ninguén en Syriza usou nunca ese termo). Dos eventos recentes, Balibar e Mezzadra sacan a conclusión de que “non poderemos ser capaces de construír unha política da liberdade e a igualdade en Europa simplemente afirmando a soberanía nacional”. Segundo eles, o máis importante é que Syriza comprou tempo, admitindo o custe de facer concesións (coa obrigatoria referencia a Lenin para probar o radicalismo do que argumentan), e que isto permite novas futuras vitorias políticas (por exemplo España) e o desenvolvemento dun movemento de mobilizacións sociais “transnacionais” (do estilo Blockupy).
Aquí nadamos, unha vez máis, nas augas do sofisma –dunha seudoinxenuídade que sería confusa se non tivese total sentido vindo de ardentes defensores do “proxecto europeo” (unha versión amable do mesmo, claro) como o son estes dous autores. Pero ao final, os ritmos das forzas políticas non están sicronizadas. A partir de agora até o verán o goberno grego enfróntase a unha serie de prazos apremantes; e é difícil ver como unha manifestación exitosa en Frankfurt ou mesmo a posibilidade de que Podemos gañe as eleccións españolas a finais de ano, podería mudar a situación a favor de Syriza. As fendas entre os ritmos temporais destas diferentes forzas son unha das razóns polas que o contexto nacional é dunha importancia estratéxica para os actores da loita política: é o terreo no que as relacións de poder entre as clases se condensan de forma decisiva.
Balibar e Mezzara tamén subestiman gravemente o efecto desmobilizador que inevitablemente seguirá –tanto en Grecia como no ámbito europeo- a partir da percepción de que Grecia e o goberno de Syriza se viron obrigados a axeonllarse aos ditados da austeridade da UE. E isto é o que en último caso vai pensar todo o mundo, por moito que os defensores do goberno grego queiran vestilo doutro xeito. Xa, en Grecia, o clima de mobilización e confianza que vimos durante as primeiras semanas semella cousa do pasado. Por suposto, as mobilizacións ben poden reanudarse, pero esta vez dirixiranse contra as decisións do goberno e, en todo caso, non aparecerán “baixo demanda”.
Facer depender calquera opción política da emerxencia dos movementos sociais é máis que arriscado. É unha maneira de dicir que se tratará dunha decisión que será cambiada se as mobilizacións non teñen lugar ou non son o suficientemente poderosas. En realidade, temos que tomar a liña da frente da marcha. Temos que asumir que xa tomamos a decisión de rachar coa austeridade: é isto o que estimula a mobilización que despois goza da súa autonomía (ou a adquire). Por outra parte, iso é exactamente o que ocorreu en Grecia durante a “confrontación” entre o goberno e a UE entre o 5 e o 20 de febreiro, cando ducias de milleiros de persoas saíron á rúa de xeito espontáneo en grande medida, fóra de calquera marco partidario.
Ademais, o argumento de que “temos que gañar algo de tempo”, neste caso, é unha ilusión, xa que durante estes catro meses de suposto “respiro”, Syriza, de feito, viuse obrigada a operar no marco existente. E isto fortalecerá ese marco: Syriza terá que aplicar unha boa parte do que demande a Troika (agora redeseñada como “as institucións”), mentres “desactiva” a aplicación das medidas clave do seu propio programa –precisamente as políticas que permitirían “ser diferentes” e cimentar a alianza social que a levou ao poder. De feito, existe un risco moi importante de que o tempo que Syriza “gañou” se demostre como “tempo perdido”, o que socava a base de Syriza ao tempo que permite aos seus inimigos (especialmente os de estrema dereita) reagruparse e presentarse a si mesmos como os únicos partidarios dunha “ruptura sistémica real”.
Tamén hai que sinalar que, a pesar da repunancia que os adictos ao europeísmo como Balibar e Mezzadra senten sobre calquera mención ao “nacional”, os éxitos políticos aos que se refiren, de Syriza a Podemos, non só teñen lugar nun contexto nacional –mudando as relacións de forza precisamente na medida en que permiten que a esquerda radical acceda aos niveis de poder do estado nación- senón, tamén, en parte, son posibles grazas á insistencia deses partidos na soberanía nacional: nun sentido democrático, popular e non nacionalista, aberto ao resto do mundo. O discurso “nacional-popular” e as referencias ao “patriotismo” abundan –Tsipras e Iglesias están perfectamente dispostos a usar eses termos- o mesmo que abundan as bandeiras nacionais (grega e a republicana española, por non mencionar as das nacionalidades do estado español) entre as multitudes e movementos “autónomos” (como Mezzadra e Balibar os chaman) enchendo as rúas e prazas deses países.
Máis que calquera outra cousa, isto mostra que no caso particular dos países dominados na periferia de Europa, como España e Grecia, a referencia ao “nacional” é un terreo de loita que as forzas progresistas conseguiron hexemonizar, polo que é un dos factores máis poderosos do seu éxito. E esta é a base sobre a cal se pode construír un verdadeiro internacionalismo, non cun discurso baleiro –totalmente desconectado das realidades concretas da loita política- sobre un terreo supostamente xa existente e non mediado “europeo” “transnacional”.
Un derradeiro punto para concluír: hai un grao de verdade nos primeiros sofismas, cando falan do “mandato” de Syriza de deixar a zona euro. É certo que houbo unha contradición no enfoque predominante no partido á hora de abordar estas cuestión, unha contradición que agora salta á vista. A idea de rachar coa austeridade e a carga da débeda no marco europeo existente non podería ser refutada con maior claridade pola realidade. En tal situación, é vital que falemos con franqueza e, polo tanto, é necesario que discutamos unha vez máis cal é a mellor estratexia para que Syriza poida manter as súas promesas e conseguir que Grecia saia do funil actual. Ao mesmo tempo, isto envía unha mensaxe de loita a todas aquelas persoas –e hai unha chea delas- que contaban coa “esperanza ofrecida por Grecia” e que con razón néganse a aceptar a derrota.
Orixinal: http://www.versobooks.com/blogs/1886-a-reply-to-the-sophists-by-stathis-kouvelakis
Etiquetas:
austeridade,
estrema dereita,
Étienne Balibar,
euro,
europeísmo,
memorandum,
Podemos,
Sandro Mezzadra,
Stathis Kouvelakis,
Syriza,
troika,
Tsipras,
UE
jueves, 19 de febrero de 2015
Está Syriza de retirada? Stathis Kouvelakis
Por usar un termo gastado, “os tempos son críticos”. De
feito, son máis ca iso: estamos ao borde dunha secuencia temporal crucial. Todo
o esforzo do goberno de Syriza será xulgado pola reacción ante unha chantaxe e
ultimatums sen precedentes recibidos por parte dous seus traxicamente chamados
“socios” europeos.
E as novas que chegan da liña do fronte non son
agradables. É moi difícil ter unha visión clara do actual estado das
negociacións –“negociacións” que son un oxímoro dada a grande asimetría na
relación de forzas e o feito de que unha das partes (o BCE) ten unha arma
apuntando á cabeza.
O que está claro, porén, é que o goberno grego deu marcha
atrás en aspectos cruciais, especialmente no que ten que ver cos seus
compromisos coa xente que o levou ás institucións.
Antes de examinar a fondo a substancia da solicitude de
extensión do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira presentada
o mércores polo goberno grego a Bruxelas, botemos unha ollada máis de preto ao
“documento Moscovici” filtrado polo goberno grego durante a reunión do
Eurogrupo do pasado luns, que ademais declarou estar disposto a asinar.
Este documento descarta calquera “acción unilateral”,
establece un superávit primario dun volume non definido como obxectivo
orzamental e recoñece a totalidade da débeda. Todos os futuros axustes que se
fagan a respecto da reestruturación da débeda terán que ser levados a cabo de
acordo coas decisións de 2012 do Eurogrupo.
En esencia, a aplicación das medidas fundamentais do
programa electoral de Salónica de Syriza están suxeitas á aprobación previa dos
prestamistas, o que conleva a posible anulación do programa. Ademais recoñece
os termos odiosos dos acordos de préstamo, polo que debilita aínda máis a
posición grega na materia. É obvio que ao aceptar tal marco coma un suposto
“compromiso de honor” o goberno de Syriza terá as mans atadas.
A solicitude de prórroga do Acordo Mestre de Facilitación
de Asistencia Financeira inclúe todos os puntos mencionados e a isto engádese,
por primeira vez, o recoñecemento da “supervisión pola [Unión Europea] e o BCE
e, no mesmo sentido, polo Fondo Monetario Internacional, o tempo que dure o
acordo ampliado (punto f)”. Noutras palabras, a troika está de volta pero cun
nome diferente. Os medios gregos xa comezaron a falar de “As Institucións”.
Pero mesmo todo isto é insuficiente para a UE e para o
ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble. Tras comprender que a parte
grega –desexosa de evitar calquera ruptura e mesmo calquera medida unilateral-
está nun constante camiño de retirada, os “socios” optaron pola rendición total
coma o seu obxectivo principal.
Ensinando ao goberno grego unha lección, emiten
simultaneamente unha advertencia a Podemos e a calquera outra forza en Europa
que pretenda desafiar a austeridade, os memorandos e a servidume das débedas. O
lado alemán rexeitou a solicitude grega do Acordo Mestre de Facilicitación de
Asistencia Financiera, ao parecer, co obxectivo de obter máis concesións gregas
e a total humillación do goberno de esquerdas grego.
E nisto é onde, quizais, se atope a nosa esperanza. Non
pode descartarse que a escalada nas demandas da UE e dos prestamistas serán
rexeitadas por un goberno que contraíu ca súa xente algúns compromisos
básicos. E, máis importante, que serán rexeitados pola xente que está comezando
a ter esperanza de novo e que está tomando as rúas e prazas do país. A retirada
non debe considerarse algo inevitable e o goberno grego merece o apoio na
medida en que se manteña firme na guerra desatada contra el.
Calquera que sexa a conclusión, unha cousa é certa: todos
os argumentos tranquilizadores que circularon nos últimos anos sobre un “bluff”
europeo, sobre a posibilidade de derrotar a austeridade no marco da zona euro, sobre
abandonar os acordos de préstamo e os memorandos, sobre solucións como a da Conferencia
de Londres de 1953 sobre a débeda alemá (é dicir, unha reestruturación
favorable ao prestatario acordada co prestamista); noutras palabras, todos os
elementos constitutivos da narrativa do “bo euro”, derrubáronse.
Nalgún momento deberánsenos dar explicacións sobre isto tamén.
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/greece-syriza-backtrack-europe-negotiations/
Etiquetas:
austeridade,
BCE,
euro,
eurogrupo,
memorandum,
negociacións,
Podemos,
Schauble,
Stathis Kouvelakis,
Syriza,
troika,
Tsipras,
Unión Europea,
Varoufakis
Suscribirse a:
Entradas (Atom)