Mostrando entradas con la etiqueta Podemos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Podemos. Mostrar todas las entradas
lunes, 30 de marzo de 2015
Unha Europa mellor é posible. Entrevista a Oskar Lafontaine
Hai dous anos, no rescaldo do rescate a Chipre, vostede creou certa polémica chamando a abandonar o euro e ao regreso a un sistema de taxas de cambio coordenado. Aínda apoia vostede esa posición? En caso afirmativo, por que?
O actual sistema euro non funciona. Non estamos a falar só dunha moeda, senón dun sistema determinado polas condicións do Tratado de Maastricht. É por iso que apoio a introdución dunha maior flexibilidade para este sistema euro.
Para ser máis preciso, isto significaría que sería máis sensato introducir unha sorte de “euro grego”, cuxa taxa de cambio sexa decidida, entre outros, polo BCE, a fin de evitar unha difícil aterraxe causada pola devaluación da nova moeda. Non estamos a falar da saída de Grecia do sistema, senón de que teña condicións máis favorables.
A resposta doutros destacados membros do seu partido foi rápida: Die Linke apoia a moeda común, a culpa recae nas políticas da chanceler alemá, Angela Merkel. Algúns até o acusaron de querer agradar aos eleitores da estrema dereita populista de AfD. Nunha entrevista en Tagesspiegel, o economista grego Costas Lapavitsas afirmou que a razón pola que a unha gran parte da esquerda europea apoia o euro ten que ver coa influencia da ideoloxía, neste caso do europeísmo, ou sexa, a idea da existencia dun demos común europeo.
No tempo en que vostede estaba no SPD, sempre se destacou coma un defensor do aprofundamento da integración europea. Cal é a visión dun euro crítico como vostede, dunha Europa máis social e xusta? Até que punto habería que reformar ou trascender as institucións europeas actuais para conseguilo?
A visión contínúa a ser a dunha Europa democrática e social. Pero, se vemos como se está a minar a democracia grega debido a supostas restriccións financeiras, entón, o que hai é que desmantelar esas supostas restriccións financeiras. As reaccións dentro da esquerda e doutros partidos, que vostede comentou, poden ser vinculadas ao feito de que non se comprende a función dos sistemas monetarios, como non se entendía a unión monetaria alemá en 1990.
Durante a introdución do euro, ninguén parecía entender a necesidade dunha política salarial común, como ninguén parecía entender a miña opinión de que, sen a coordinación da política salarial, este sistema non sería capaz de funcionar. Pero iso ten unha longa tradición política en Europa.
Pero como pode un Grexit estar ligado ao novo proxecto internacionalista da unificación europea?
Mediante a participación do BCE nel en tanto que institución europea responsable democraticamente; algo que na actualidade non é.
O seu colaborador próximo, Heiner Flassbeck é coautor con Costas Lapavitsas dunha estratexia de saída do euro para Chipre en 2013. Léndoa, pareceume unha estratexia de crecemento keynesiano alternativa. A miña pregunta, e creo que moita xente se pregunta isto, é se pode haber unha solución real mediante unha saída controlada en medio dunha crise estrutural do capitalismo. Noutras palabras, son este tipo de propostas (crecemento) fins, en si mesmos, ou un camiño para crear un programa alternativo que reorganice a sociedade baixo parámetros sociais?
Son ambas cousas. A introdución dunha moeda paralela podería, evidentemente, ofrecer ao país en cuestión moita máis marxe de manobra e máis competencia económica, que debe ser fiscalizable democraticamente. Isto por unha banda. Agora, temos a desastrosa situación dun goberno grego impotente que, con máis ou menos axuda, ten que ver como outras forzas lle ditan condicións. Desde logo, esta nova flexibilidade a través dun “euro grego” non sería, de ningún modo, garantía dunha re-industrialización, pero a economía grega, ou calquera outra, podería obter aire para respirar. A experiencia ensínanos o que economicamente é mellor. A experiencia móstranos que, neste caso, un sistema de moeda que proíbe a devaluación non pode funcionar sen coordenación salarial. Na zona euro, vimos que en Grecia os salarios reais estaban por riba do nivel de produtividade, pero o máis importante, tivemos unha situación na que os alemáns practicaron sistematicamente dumping salarial. Baixo estas condicións, un colapso deste sistema era inevitable.
Pensa vostede que a histórica vitoria de Syriza pode ter un impacto na (máis difícil, enténdese) loita contra o neoliberalismo en Alemaña. Está dando lugar a un descontento máis articulado co réxime de Angela Merkel en Alemaña? Está a provocar rupturas no SPD e nos Verdes, como algúns afirman, permitindo por tanto unha posible coalición verde-vermello-vermello en 2017? Será que o SPD tamén corre risco de “Pasokización”?
Por suposto, a vitoria de Syriza é unha fonte de esperanza para a esquerda europea. Die Linke tamén sabe en que terribles condicións está a funcionar o goberno grego. É un proxecto cun final aberto pero, polo de agora, é a esperanza. E esa esperanza está fundamentada na vontade do pobo grego, que rexeitou as políticas neoliberais.
A cuestión de se o SPD e os Verdes aprenderon dos erros do pasado ten que ser respondida “non”. Estes partidos aínda apoian o Pacto de Estabilidade, que é a principal expresión do diktat de austeridade na Europa de hoxe. Así que é mellor non adornar nada, ou adornalo dunha cor que non é [risos]. A principal cuestión é se Die Linke pode traballar en conxunto con forzas que apoian a asuteridade, e iso é algo que eu exclúo categoricamente.
Até que punto pensa vostede que o goberno alemán atacará a Syriza? Queren eles “librarse dos gregos” e expulsalos do euro, ou esencialmente queren forzalos a implementar a austeridade e, por tanto, mantelos dentro da “gaiola de ferro”?
Hai sinais contraditorias en relación con iso. Hai relatos que din que o ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble defendeu unha Grexit en 2012. Hai, por outro lado, declaracións oficiais dicindo que unha saída de Grecia da eurozona podería ter consecuencias imprevisibles. A este respecto, o goberno alemán está a vacilar.
Persoalmente, creo que Merkel e Schäuble non saben como funciona o sistema monetario porque seguen ligados ao dogma neoliberal que di que os recortes salariais, de postos de traballo e a austeridade poden promover o crecemento.
Die Linke votou esmagadoramente (con algunhas excepcións noatables como Sahra Wagenknecht) a favor de ratificar o acordo alcanzado polo novo goberno grego co Eurogrupo, hai algunhas semanas. O principal argumento era o medo a parecer que non se estaba a ser solidario co goberno liderado por Alexis Tsipras. Como avalía vostede esa posición?
O medo de non parecer solidario co novo goberno é algo que eu entendo profundamente. Pero non deixa de ser un medo máis fundamentado en percepcións distorsionadas que en feitos reais.
En verdade, esta foi unha proposta do goberno alemán para a concesión de crédito a Grecia baixo condicións adversas. Eu, persoalmente, pedín a abstención a fin de evitar dous malentendidos. Por un lado, que non se está con Syriza e, polo outro, que estamos a favorecer o diktat da austeridade.
A nosa solidariedade con Syriza consiste no noso rexeitamento dos paquetes de austeridade do goberno alemán con Grecia –somos o único partido que fai iso- e a nosa crítica ao goberno alemán e ás súas políticas fracasadas. O grupo parlamentar de Die Linke atopábase nun dilema por causa desas percepcións distorsionadas da realidade, pero iso non altera a nosa posición solidaria.
Por outro lado, vinte mil persoas, a maioría, pero non exclusivamente, alemáns, manifestáronse a inicios dete mes contra a apertura do novo edificio do BCE en Frankfurt, “o corazón da crise do réxime europeo”. Dado o frustrante estado da protesta social en Alemaña, ve vostede isto coma o reinicio da actividade do movemento social no país?
Iso, con certeza, sería algo desexable. Non obstante, eu son consciente do difícil que é manter os movementos de protesta. Penso que o principal problema está nos diferentes efectos das políticas de austeridade nos diferentes países europeos. En Alemaña, estes efectos son comparativamente máis suaves, a pesar do feito de que Alemaña ten unha gran pobreza na terceira idade e un gran sector con salarios baixos. A pobreza dos vellos é algo que moitas persoas aínda non ven, mentres que moita xente xa se acostumou ao sector de salarios baixos.
Onde os efectos da crise sexan máis fortes, hai, felizmente, un colapso do sistema político, o que era necesario porque só os partidos neoliberais están no poder agora.
Die Linke ten agora unha década de idade. Cando comezou, destacouse como a principal voz de protesta contra a evolución cara o mercado da socialdemocracia, incorporando moitos temas dos movementos alterglobalización. No seu inicio, contou con importantes aliados en Francia (o movemento contra a Constitución europea), Italia (Refondazione Comunista), Reino Unido (Respect) e noutros lugares. Dez anos despois, a esquerda neses países foi varrida por unha onda de populismo de dereita; nalgúns casos, precedida por unha participación en gobernos de centro-esquerda coma en Italia.
Die Linke parece manter o seu terreo electoralmente, se ben non parece ser o principal benefactor do descontento co sistema político establecido. A elección dun chanceler no estado de esquerda de Turinxia semella estar preparando o camiño para unha postura máis “pragmática” en dúas posicións chave que definen Die Linke: antineoliberalismo e anti intervención militar extranxeira. A desconfianza popular en partidos políticos establecidos tamén está a afectar a Die Linke. Que explicaría que formacións como Die Linke ou o Front de Gauche teñan atinguido un teito de cristal en termos de eleccións, mentres que Syriza e Podemos terían un éxito máis espectacular?
Estas son varias preguntas [ri]. Comecemos coa cuestión da participación no goberno. Só é aceptable se supón un cambio para os votantes, que sexa experimentado por eles como tal. Este foi o erro de Rifondazione Comunista en Italia, que fracasou en conseguir xusto iso, e foi castigada polo electorado.
É algo que todo partido de esquerda experimentará se repite os erros do pasado. É algo que calquera pode recoñecer facilmente estudando a historia da familia dos partidos de esquerdas en Europa. En Alemaña hai que facer unha distinción entre o nivel estatal e o nivel federal. Cuestións como o antimilitarismo, a política exterior, a política fiscal, etc. non se discuten no nivel estatal.
Hai a cuestión da lei federal sobre a quebra da débeda para os gobernos locais…
Si, está escrito na Constitución agora e se participas nun goberno local tes que respectalo. Pero a miña posición a respecto da participación no goberno a nivel nacional é que só se pode facer se hai melloras concretas e recoñecibles para a vida da xente. No caso de Alemaña, isto significa melloras en áreas coma o desemprego, o seguro de pensión, a política salarial e, claro, as non intervencións no extranxeiro.
Pero a cuestión do goberno será irrelevante en Alemaña dada a evolución do SPD. O SPD atópase nunha fase de debilidade sen precedentes. O papel que pode xogar a esquerda pódese comprobar en España e Grecia, mesmo que esteamos a falar de procesos abertos.
Cando a presión da sociedade sexa moi forte, Die Linke só terá a súa oportunidade se actúa con credibilidade. Esa foi a razón pola que se fundou. Dixemos que tiñamos catro partidos neoliberais en Alemaña e case que exclusivamente partidos neoliberais no goberno en toda Europa, e esa é a razón pola que tiñamos que ofrecer unha alternativa.
E en Alemaña, é obvio que a dereita, na forma de AfD non é unha alternativa. Apoia posicións neoliberais. O seu presidente, Bernd Lucke foi un dos intelectuais que sempre apoiou o dumping salarial. Existe unha diferenza real entre a política da esquerda e a da dereita.
Parece non haber só unha fatiga co actual sistema económico senón tamén unha fatiga cos partidos políticos como tal. Die Linke sufriu un proceso de institucionalización nos últimos dez anos e está claro que ese non é o primeiro lugar no que a xente expresa o seu descontento coa orde actual das cousas. Mencionei a Syriza e a Podemos antes porque esas forzas conseguiron prosperar presentándose como unha alternativa á política establecida.
Se un goberno de coalición vermello-verde-vermello está fóra de cuestión, cal é o camiño para Die Linke? Como pode iniciar un efecto de politización?
Iso é algo moi difícil, porque o sistema baixo o que vivimos, o sistema capitalista, está moi enraizado. Proxéctase de tal xeito que os economicamente poderosos presiden todas as decisións políticas. As democracias representativas non son democracias no sentido real do termo. Sabemos desde Pericles que as democracias son sistemas sociais que serven os intereses da maioría e non hai debate sobre a democracia en toda Europa.
Neste sentido, a única razón de existir Die Linke é volverse –ou continuar a ser- un partido antisistema e ser percibido como tal. Ser antisistema significa defender consistentemente unha sociedade na que a vida social se reorganice, onde os froitos do traballo vaian para quen os gañe.
Significa tamén recoñecer que os esforzos socialistas do pasado fallaran porque non eran democráticos e estaban centralizados. Neste sentido, débese escoller outro camiño. Na miña opinión, é o camiño das empresas xerenciadas polos empregados nas que a democracia flúe na vida cotiá e non unha sociedade na que existen regras feudais sobre a vida económica.
Porque onde hai milmillonarios, non hai democracia. Ningunha persoa pode gañar mil millóns. Isto contradí a idea básica da Ilustración de que a riqueza é o resultado do traballo.
É vostede optimista a respecto do desenvolvemento de Die Linke?
Non sei se o “optimismo” pode responder esta pregunta. En relación á estrutura de poder temos un sistema social moi enraizado. Curiosamente, nin a crise financeira mudou iso, aínda que calquera pode ver, tras o crash financeiro, que Wall Street goberna os EEUU, non o Congreso nin o Presidente. O sistema oligárquico de Ucraína ou Rusia, por exemplo, móstranos que estamos ante unha regresión a nivel global e nunha reversión do modesto progreso social das últimas décadas.
E porén, estou convencido de que Die Linke non ten máis opción que ir contra corrente e presentar alternativas. Ten que permanecer, a nivel programático, solidamente, e isto significa non baixar pola estrada do acomodamento. Se o fai, simplemente será tragada polo sistema. Ten que ir consistentemente avogando por un modelo social diferente.
O racismo en todas as súas manifestacións está en ascenso en Europa, especialmente en forma de islamofobia (unha especie de racismo “respectable”). Que explica esa propagación mesmo a camadas sociais anteriormente non afectadas por el?
Creo que iso ten que ver co medo ao descenso na escala social. Cando eses recelos, combinados co medo á marxinalización están presentes, levan a certas camadas sociais a responder coa marxinalización dos outros. Todas as experiencias históricas móstrannos que eses medos resultan na marxinalización dos outros.
Unha última pregunta. Sería un eufemismo dicir que aos apoiantes de Die Linke gustaríalles velo xogar un papel máis activo no liderado do partido novamente. A súa carreira xa estivo marcada por unha serie de sorpresas. Está vostede a planear un retorno?
[Risos] Eu fago a miña parte, participando con máis frecuencia en debates públicos, televisivos, facendo aparicións públicas, pero…
De aí a pregunta…
Punto. [Risos]
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/03/oskar-lafontaine-interview-die-linke/
Etiquetas:
austeridade,
BCE,
Bernd Lucke,
Die Linke,
Europa,
Front de Gauche,
Grexit,
Heiner Flassbeck,
Lapavitsas,
Merkel,
Oskar Lafontaine,
Podemos,
Refondazione Comunista,
Sahra Wagenknecht,
SPD,
Syriza,
UE,
Verdes
miércoles, 25 de febrero de 2015
Réplica aos sofistas. Stathis Kouvelakis
Nos últimos días estiveron circulando dous sofismas entre
aqueles que se negan a ver a realidade á cara e a recoñecer a retirada que
Syriza se viu obrigada a realizar, así como as súas posibles consecuencias. Ou
máis ben, dúas e media. E digo “obrigada” por boas razóns, porque o novo
goberno estaba atrapado nunha estratexia equivocada: aínda que eu non diría que
foi unha “traición” ou “capitulación”, xa que estes son termos moralizantes que
valen pouco para a comprensión dos procesos políticos.
O primeiro sofisma: “Syriza non ten mandato para saír da eurozona”. Se adoptase unha posición así non tería gañado as eleccións. Dito deste xeito, vemos como este razoamento é absurdo. Si, por suposto, non tiña “mandato para saír da zona euro”. Pero certamente tampouco tiña o “mandato” de abandonar a cerna do seu programa co fin de quedar no euro! E, sen dúbida, se se presentase ante o electorado dicindo “aquí está o meu programa, pero se atopamos que a súa implementación é incompatible con permanecer no euro entón esquecédevos del”, tampouco tería acadado moito éxito nas eleccións. Por unha boa razón: manterse no euro a calquera custe é exactamente o mesmo argumento que usan os partidos pro-Memorandum que gobernaron Grecia todos estes anos. E mesmo aínda que Syriza nunca clarificou totalmente a súa posición sobre o euro, sempre rexeitou a lóxica do “euro a calquera prezo”. Neste sentido, lembremos que, contrariamente ao que pensa a maioría dos comentaristas, os textos programáticos de Syriza non descartan abandonar a eurozona se a iso lles obriga a intransixencia dos europeos, ou o impago da débeda. Se ben é certo que ultimamente estes textos semellan estar agochados.
Unha segunda variante deste primeiro sofisma di: Syriza tiña un mandato dual consistente en rachar coa austeridade e permenecer no euro. Isto soa máis racional que a primeira versión, pero aínda así é un sofisma. É como se as dúas partes deste mandato fosen igualmente importantes e polo tanto como se fose politicamente lexítimo -se tivésemos que elixir (e de feito temos que elixir, que é precisamente o problema)- sacrificar a ruptura coa austeridade no altar do mantemento do euro. Pero entón, por que non dar a volta a ese razoamento dicindo “posto que os dous obxectivos son incompatibles, escollo rachar coa austeridade, dado que esta é a razón esencial pola cal os gregos votaron pola esquerda radical? É dicir, optar pola ruptura e non pola “estabilidade” dentro do marco existente. Poderiamos pensar que esta elección é máis propia dun partido da esquerda radical que ten o “socialismo” coma o seu “obxectivo estratéxico” (mesmo aínda que iso non fose evidente na axenda coa que gañou as eleccións).
O terceiro sofisma está promovido por Étienne Balibar e Sandro Mezzadra. Comentaron con sarcasmo que os da “ala esquerda de Syriza” están a lamentarse pola “capitulación” (ignoremos polo de agora que ninguén en Syriza usou nunca ese termo). Dos eventos recentes, Balibar e Mezzadra sacan a conclusión de que “non poderemos ser capaces de construír unha política da liberdade e a igualdade en Europa simplemente afirmando a soberanía nacional”. Segundo eles, o máis importante é que Syriza comprou tempo, admitindo o custe de facer concesións (coa obrigatoria referencia a Lenin para probar o radicalismo do que argumentan), e que isto permite novas futuras vitorias políticas (por exemplo España) e o desenvolvemento dun movemento de mobilizacións sociais “transnacionais” (do estilo Blockupy).
Aquí nadamos, unha vez máis, nas augas do sofisma –dunha seudoinxenuídade que sería confusa se non tivese total sentido vindo de ardentes defensores do “proxecto europeo” (unha versión amable do mesmo, claro) como o son estes dous autores. Pero ao final, os ritmos das forzas políticas non están sicronizadas. A partir de agora até o verán o goberno grego enfróntase a unha serie de prazos apremantes; e é difícil ver como unha manifestación exitosa en Frankfurt ou mesmo a posibilidade de que Podemos gañe as eleccións españolas a finais de ano, podería mudar a situación a favor de Syriza. As fendas entre os ritmos temporais destas diferentes forzas son unha das razóns polas que o contexto nacional é dunha importancia estratéxica para os actores da loita política: é o terreo no que as relacións de poder entre as clases se condensan de forma decisiva.
Balibar e Mezzara tamén subestiman gravemente o efecto desmobilizador que inevitablemente seguirá –tanto en Grecia como no ámbito europeo- a partir da percepción de que Grecia e o goberno de Syriza se viron obrigados a axeonllarse aos ditados da austeridade da UE. E isto é o que en último caso vai pensar todo o mundo, por moito que os defensores do goberno grego queiran vestilo doutro xeito. Xa, en Grecia, o clima de mobilización e confianza que vimos durante as primeiras semanas semella cousa do pasado. Por suposto, as mobilizacións ben poden reanudarse, pero esta vez dirixiranse contra as decisións do goberno e, en todo caso, non aparecerán “baixo demanda”.
Facer depender calquera opción política da emerxencia dos movementos sociais é máis que arriscado. É unha maneira de dicir que se tratará dunha decisión que será cambiada se as mobilizacións non teñen lugar ou non son o suficientemente poderosas. En realidade, temos que tomar a liña da frente da marcha. Temos que asumir que xa tomamos a decisión de rachar coa austeridade: é isto o que estimula a mobilización que despois goza da súa autonomía (ou a adquire). Por outra parte, iso é exactamente o que ocorreu en Grecia durante a “confrontación” entre o goberno e a UE entre o 5 e o 20 de febreiro, cando ducias de milleiros de persoas saíron á rúa de xeito espontáneo en grande medida, fóra de calquera marco partidario.
Ademais, o argumento de que “temos que gañar algo de tempo”, neste caso, é unha ilusión, xa que durante estes catro meses de suposto “respiro”, Syriza, de feito, viuse obrigada a operar no marco existente. E isto fortalecerá ese marco: Syriza terá que aplicar unha boa parte do que demande a Troika (agora redeseñada como “as institucións”), mentres “desactiva” a aplicación das medidas clave do seu propio programa –precisamente as políticas que permitirían “ser diferentes” e cimentar a alianza social que a levou ao poder. De feito, existe un risco moi importante de que o tempo que Syriza “gañou” se demostre como “tempo perdido”, o que socava a base de Syriza ao tempo que permite aos seus inimigos (especialmente os de estrema dereita) reagruparse e presentarse a si mesmos como os únicos partidarios dunha “ruptura sistémica real”.
Tamén hai que sinalar que, a pesar da repunancia que os adictos ao europeísmo como Balibar e Mezzadra senten sobre calquera mención ao “nacional”, os éxitos políticos aos que se refiren, de Syriza a Podemos, non só teñen lugar nun contexto nacional –mudando as relacións de forza precisamente na medida en que permiten que a esquerda radical acceda aos niveis de poder do estado nación- senón, tamén, en parte, son posibles grazas á insistencia deses partidos na soberanía nacional: nun sentido democrático, popular e non nacionalista, aberto ao resto do mundo. O discurso “nacional-popular” e as referencias ao “patriotismo” abundan –Tsipras e Iglesias están perfectamente dispostos a usar eses termos- o mesmo que abundan as bandeiras nacionais (grega e a republicana española, por non mencionar as das nacionalidades do estado español) entre as multitudes e movementos “autónomos” (como Mezzadra e Balibar os chaman) enchendo as rúas e prazas deses países.
Máis que calquera outra cousa, isto mostra que no caso particular dos países dominados na periferia de Europa, como España e Grecia, a referencia ao “nacional” é un terreo de loita que as forzas progresistas conseguiron hexemonizar, polo que é un dos factores máis poderosos do seu éxito. E esta é a base sobre a cal se pode construír un verdadeiro internacionalismo, non cun discurso baleiro –totalmente desconectado das realidades concretas da loita política- sobre un terreo supostamente xa existente e non mediado “europeo” “transnacional”.
Un derradeiro punto para concluír: hai un grao de verdade nos primeiros sofismas, cando falan do “mandato” de Syriza de deixar a zona euro. É certo que houbo unha contradición no enfoque predominante no partido á hora de abordar estas cuestión, unha contradición que agora salta á vista. A idea de rachar coa austeridade e a carga da débeda no marco europeo existente non podería ser refutada con maior claridade pola realidade. En tal situación, é vital que falemos con franqueza e, polo tanto, é necesario que discutamos unha vez máis cal é a mellor estratexia para que Syriza poida manter as súas promesas e conseguir que Grecia saia do funil actual. Ao mesmo tempo, isto envía unha mensaxe de loita a todas aquelas persoas –e hai unha chea delas- que contaban coa “esperanza ofrecida por Grecia” e que con razón néganse a aceptar a derrota.
Orixinal: http://www.versobooks.com/blogs/1886-a-reply-to-the-sophists-by-stathis-kouvelakis
Etiquetas:
austeridade,
estrema dereita,
Étienne Balibar,
euro,
europeísmo,
memorandum,
Podemos,
Sandro Mezzadra,
Stathis Kouvelakis,
Syriza,
troika,
Tsipras,
UE
jueves, 19 de febrero de 2015
Está Syriza de retirada? Stathis Kouvelakis
Por usar un termo gastado, “os tempos son críticos”. De
feito, son máis ca iso: estamos ao borde dunha secuencia temporal crucial. Todo
o esforzo do goberno de Syriza será xulgado pola reacción ante unha chantaxe e
ultimatums sen precedentes recibidos por parte dous seus traxicamente chamados
“socios” europeos.
E as novas que chegan da liña do fronte non son
agradables. É moi difícil ter unha visión clara do actual estado das
negociacións –“negociacións” que son un oxímoro dada a grande asimetría na
relación de forzas e o feito de que unha das partes (o BCE) ten unha arma
apuntando á cabeza.
O que está claro, porén, é que o goberno grego deu marcha
atrás en aspectos cruciais, especialmente no que ten que ver cos seus
compromisos coa xente que o levou ás institucións.
Antes de examinar a fondo a substancia da solicitude de
extensión do Acordo Mestre de Facilitación de Asistencia Financeira presentada
o mércores polo goberno grego a Bruxelas, botemos unha ollada máis de preto ao
“documento Moscovici” filtrado polo goberno grego durante a reunión do
Eurogrupo do pasado luns, que ademais declarou estar disposto a asinar.
Este documento descarta calquera “acción unilateral”,
establece un superávit primario dun volume non definido como obxectivo
orzamental e recoñece a totalidade da débeda. Todos os futuros axustes que se
fagan a respecto da reestruturación da débeda terán que ser levados a cabo de
acordo coas decisións de 2012 do Eurogrupo.
En esencia, a aplicación das medidas fundamentais do
programa electoral de Salónica de Syriza están suxeitas á aprobación previa dos
prestamistas, o que conleva a posible anulación do programa. Ademais recoñece
os termos odiosos dos acordos de préstamo, polo que debilita aínda máis a
posición grega na materia. É obvio que ao aceptar tal marco coma un suposto
“compromiso de honor” o goberno de Syriza terá as mans atadas.
A solicitude de prórroga do Acordo Mestre de Facilitación
de Asistencia Financeira inclúe todos os puntos mencionados e a isto engádese,
por primeira vez, o recoñecemento da “supervisión pola [Unión Europea] e o BCE
e, no mesmo sentido, polo Fondo Monetario Internacional, o tempo que dure o
acordo ampliado (punto f)”. Noutras palabras, a troika está de volta pero cun
nome diferente. Os medios gregos xa comezaron a falar de “As Institucións”.
Pero mesmo todo isto é insuficiente para a UE e para o
ministro de Finanzas alemán, Wolfgang Schäuble. Tras comprender que a parte
grega –desexosa de evitar calquera ruptura e mesmo calquera medida unilateral-
está nun constante camiño de retirada, os “socios” optaron pola rendición total
coma o seu obxectivo principal.
Ensinando ao goberno grego unha lección, emiten
simultaneamente unha advertencia a Podemos e a calquera outra forza en Europa
que pretenda desafiar a austeridade, os memorandos e a servidume das débedas. O
lado alemán rexeitou a solicitude grega do Acordo Mestre de Facilicitación de
Asistencia Financiera, ao parecer, co obxectivo de obter máis concesións gregas
e a total humillación do goberno de esquerdas grego.
E nisto é onde, quizais, se atope a nosa esperanza. Non
pode descartarse que a escalada nas demandas da UE e dos prestamistas serán
rexeitadas por un goberno que contraíu ca súa xente algúns compromisos
básicos. E, máis importante, que serán rexeitados pola xente que está comezando
a ter esperanza de novo e que está tomando as rúas e prazas do país. A retirada
non debe considerarse algo inevitable e o goberno grego merece o apoio na
medida en que se manteña firme na guerra desatada contra el.
Calquera que sexa a conclusión, unha cousa é certa: todos
os argumentos tranquilizadores que circularon nos últimos anos sobre un “bluff”
europeo, sobre a posibilidade de derrotar a austeridade no marco da zona euro, sobre
abandonar os acordos de préstamo e os memorandos, sobre solucións como a da Conferencia
de Londres de 1953 sobre a débeda alemá (é dicir, unha reestruturación
favorable ao prestatario acordada co prestamista); noutras palabras, todos os
elementos constitutivos da narrativa do “bo euro”, derrubáronse.
Nalgún momento deberánsenos dar explicacións sobre isto tamén.
Orixinal: https://www.jacobinmag.com/2015/02/greece-syriza-backtrack-europe-negotiations/
Etiquetas:
austeridade,
BCE,
euro,
eurogrupo,
memorandum,
negociacións,
Podemos,
Schauble,
Stathis Kouvelakis,
Syriza,
troika,
Tsipras,
Unión Europea,
Varoufakis
jueves, 12 de febrero de 2015
Xogando co euro. Nantina Vgontzas
Tras só unhas semanas no
poder, Syriza xa probou a intransixencia dos seus acredores, agora convertidos
en negociadores. A semana pasada, o BCE dixo que rexeitaría os bonos soberanos
gregos como colaterais, facendo que os bancos gregos dependan da Asistencia de
Liquidez de Emerxencia (ALE).
É esta unha desagradable chantaxe.
En teoría a ALE podería ser retirada en calquera momento, poñendo ao novo
goberno de xeonllos. Pero tendo en conta os intereses xerais do xogo é difícil
imaxinar que un escenario coma ese chegase a materializarse.
Sen dúbida, Syriza afronta as
negociacións coa UE e o BCE dende unha posición de debilidade. Pero o dilema
que enfrontan os círculos dominantes europeos non pode ser subestimado. Posto
que nas próximas semanas e meses abundarán as promesas e as ameazas, será
importante entender a finalidade do xogo das distintas forzas que agora están a
xogar á galiña.
A UE e o BCE poderían
concordar en cancelar a débeda grega, pero isto podería crear unha fenda para
que outros países cuestionen os termos das súas propias débedas soberanas. Ou
poderían xogar duro botando a Grecia da eurozona, o que ameazaría cun risco de efecto
dominó diferente se outras economías tamén considerasen a opción da saída e o
default. A situación, dende logo, é volátil de máis para poder predecir o
resultado. Podemos agardar que a UE e o BCE sigan levando as negociacións até o
estremo, causando todo tipo de estragos económicos e políticos. Pero en última
instancia, a elite europea, e sobre todo a alemá, preferirían ter unha unión
monetaria con algún tipo de reestruturación da débeda que ningunha unión en
absoluto. Velaquí a potencia da panca grega.
Por que a elite alemá
preferiría optar pola eurozona e non por buscar, simplemente, o xeito de
colapsar a zona euro no seu beneficio? Por que preservar a unión monetaria se a
esquerda é quen de moverse dentro das súas estruturas? Se xogan ben, Syriza e
aliados emerxentes coma Podemos, poderían mudar algunhas políticas da eurozona,
sobre todo no que ten que ver cos préstamos e investimento.
Pero hai un mecanismo clave
–a compresión salarial- que non pode ser cambiado a menos que o capital alemán
sexa desafiado no seu propio terreo pola esquerda en xeral e a través da
militancia obreira en particular. As elites alemás asumen que existen poucas
posibilidades de que isto ocorra antes de que a esquerda emerxente do sur
europeo sexa forzada a capitular; e a mesma Die Linke foi bastante sobria a
propósito de tales perspectivas.
O capital alemán leva
presionando os salarios á baixa dende a formación da unión monetaria. Pero
temos que ir un pouco máis lonxe para entender realmente o seu significado.
Alemaña foi un dos principais
produtores industriais da posguerra, competindo sobre todo cos EEUU e Xapón. O
exceso de capacidade industrial resultante desta competencia levou á crise de
beneficios da década dos 70. Dende entón, cada conxunto importante de
produtores tratou de recuperarse da crise de xeitos diversos.
Nos EEUU vimos como a
manufactura deixou o lugar á dolarización, á cal está espacialmente suxeita a
súa área de influencia. Alemaña e Xapón, pola súa banda, conservaron moita da
súa capacidade industrial e as súas áreas de influencia respectivas foron
cebadas como mercados para a exportación. A zona euro contribuíu a cimentar esta
dinámica. A compresión de salarios utilizouse para manter a competitividade das
exportacións alemás mentres que a demanda se mantivo a través de préstamos
masivos á periferia.
En suma: ten que haber unha
coordinación das políticas de axuste salarial para rachar radicalmente o ciclo
dos desequilibrios comerciais. E esto podería ser o punto conflitivo para a
estratexia de Syriza no longo prazo.
Cal é a finalidade do xogo
para Syriza? Segundo a facción dominante do partido, a esquerda europea debería
esforzarse en consolidar o poder executivo e transformar a UE nun proxecto
político cooperativo e progresista. O ministro de Finanzas, Yanis Varoufakis,
extendeu aínda máis esta lóxica co argumento de que a propia zona euro pode ser
reformada en beneficio de todos os seus membros. Varoufakis articulou o que
chama Modesta Proposta que consiste en gran parte na flexibilización
cuantitativa e en restaurar os niveis de investimento en toda a zona euro.
A clave é que estas reformas
serían lideradas por Alemaña, xa que é, despois de todo, o conrazón industrial
de Europa. De feito, Varoufakis suxeriu que “Europa necesita unha Alemaña
hexemónica” que pule para que o aforro se derive a actividades produtivas,
tamén na periferia.
O que nos leva de novo ao
noso funil. Mesmo aínda que se introducisen mecanismos de flexibilización
cuantitativa e investimento, os salarios non se axustarían a menos que o
capital alemán se vexa obrigado a facelo. E de novo, isto non sucederá a menos
que haxa en Alemaña un goberno que represente os intereses populares.
Entrementres, as economías periféricas manteranse en déficit comercial,
incapaces de aumentar a súa produtividade a respecto do núcleo.
É unha especie de camisa de
forza neoliberal na que os esforzos para a transición cara un modelo de
crecemento alternativo veranse limitados en grande medida, se é que non serán
imposibles. Así, malia que haxa que loitar por unha esquerda internacionalista,
por unha Europa progresista, temos tamén que ser conscientes dos límites
creados polas condicións políticas actuais.
Hai unha pregunta que adoita
xurdir neste punto da conversa. Dado o panorama político, a crise humanitaria e
a preocupación da xente por se o barco escacha demasiado duramente e demasiado
rápido, canto podemos pedir á esquerda?
É unha pregunta lexítima. Hai
unha lóxica en querer centrarse en reconstruír a esperanza para os gregos en
lugar de propor unha ruptura radical, sobre todo cando a metade da poboación
está a favor de permanecer na eurozona.
Moitos críticos de esquerda
manteñen, porén, que Syriza perdeu unha oportunidade no período posterior as
eleccións de xuño de 2012 para involucrar á xente nestas cuestións máis
complexas. A pesar de que tivo que abordar primeiro a crise humanitaria con
propostas concretas, argumentan, o partido podería ter levado o debate, tamén, cara
unha direción máis radical.
Estou de acordo con esa
crítica en grande medida. Pero despois dun período considerable de descenso da
mobilización popular a realidade sobre o terreo é tal que a opción máis viable
politicamente neste punto é atacar a austeridade garantizando, ao mesmo tempo,
unha especie de estabilidade. Parte desta estratexia inclúe non saír da zona
euro nun momento no que a esquerda levaría grande parte da culpa polo período
inmediatamente posterior. Diferente sería se Syriza chega ao punto de ter que
capitular ou ser expulsada. Poderiamos ver, logo, a súa estratexia coma unha
especie de gradualismo necesario.
Supoñendo que Syriza non se
desentenda das súas promesas e que non desbote totalmente aquilo polo que foi
mandatada, existen dous resultados posibles. O primeiro é que Grecia sexa
forzada a saír da zona euro. O segundo é que se manteña na unión e consiga unha
redución da débeda, pero mantendo, en última instancia, a dinámica fundamental
dos desequilibrios comerciais.
No primeiro escenario, Syriza
necesariamente terá un plan B. Pero tamén no segundo escenario a lóxica suxire
que precisaría un plan B. Se a esquerda non é quen de facer a economía máis
produtiva, as posibles ganancias que produciría esta batalla poderían ser
perdidas na próxima crise. A pequena esperanza que a xente xa abandonara, e que
hoxe comeza a ser recuperada, será perdida para sempre.
Hai, por suposto, diversas
forzas da esquerda avogando por esta posición. Dentro de Syriza a Plataforma de
Esquerda trata de cohesionar unha oposición interna nunha serie de cuestións,
incluída a adhesión ao euro.
Existe un considerable e crecente
apoio á Plataforma de Esquerdas no comité central do partido, pasando do 30% no
congreso fundacional a case o 40%. Un dos seus principais membros, Stathis
Kouvelakis, estima que a Plataforma de Esquerda, cando se combina coa ala
esquerda do bloque dominante, constitúe en realidade unha maioría no partido.
A Plataforma de esquerda
tamén aumentou o seu peso relativo a nivel institucional, cun número de
deputados que se incrementou de doce no parlamento anterior aos trinta actuais;
aproximadamente o 20% da composición parlamentaria do partido. Ademais, outra
das súas figuras, Panagiotis Lafazanis, foi nomeado ministro de reestruturación
produtiva, medio ambiente e enerxía, e varios outros son hoxe viceministros.
Porén, hai algunhas limitacións
para a oposición dentro de Syriza. A Plataforma de Esquerda até o momento
demostrou ser incapaz de influír na liña do partido, tanto no período anterior
como nestes primeiros días de goberno, sen que a maioría dos seus membros
fixesen aínda declaracións públicas de oposición. Especialmente en torno a
cuestións económicas, o economista e agora deputado de Syriza, Costas Lapavitsas,
segue a ser un dos poucos críticos consistentes; aínda que tivese que adaptarse
á liña do partido. E aínda que as súas críticas se intensifican, seguirán expresándose
dende unha posición institucionalmente menos poderosa en relación aos
incondicionais pro-euro coma Varoufakis.
Por riba, dada a estreita
marxe que ten Syriza para negociar coa UE e o BCE, será moi difícil que estas
desputas internas conecten cos debates a nivel das bases populares e moito
menos que fomenten un debate público.
Así mesmo, existen
oportunidades para a oposición de esquerda fóra de Syriza, pero esta tamén
sofre unha serie de limitacións. É ben sabido que o Partido Comunista evitou
calquera tipo de relación ou compromiso serio con Syriza, principalmente debido
ao seu sectarismo. E mentres Antarsya ten unha impresionante presenza popular a
pesar do seu pequeno tamaño, nos últimos anos está atrapada en desputas
internas. Estas contradicións e outros desafíos impediron que a coalición
popularizase o seu programa de saída da eurozona dun xeito convincente para
audiencias masivas.
Porén, co rexurdimento
esperado de mobilizacións neste período crítico, poderiamos ver a estas forzas
de esquerda retomando algún papel no mantemento da presión sobre a cúpula de
Syriza.
Aínda así, o debate sobre o
euro seguirá paralizado a menos que a conversa deixe as polémicas ideolóxicas e
se ocupe das preocupacións pragmáticas.
En primeiro lugar, temos que
facer un balance do plan máis desenvolvido para saír da zona euro, que é o que
ofrece Lapavitsas e outros. Segundo este plan, o país nacionalizaría os seus
bancos, imporía o control de capitais e devaluaría a súa moeda dun xeito
controlado para gañar competitividade nas exportacións. Lapavitsas explicou,
tamén, como tratar problemas inmediatos como a liquidez e a dispoñibilidade de
alimentos, mediciñas e combustible.
En segundo lugar, debemos
facer fincapé en por que unha alternativa ao modelo de crecemento neoliberal
non só é necesaria senón posible nesta coxuntura. Debemos, noutras palabras,
abordar un desarrollismo de esquerdas para Grecia.
O estado grego está agora,
máis ca nunca, en posición de poder disciplinar ao capital, ou de conminalo a
investir máis en actividades produtivas. Isto é así porque hai un sector do
capital grego que non é moi móbil.
O capital grego de hoxe non é
como o dos armadores do período de posguerra que podían levar os seus barcos a
outros lugares. Sen dúbida, a riqueza concéntrase nunha presada de oligarcas en
grande medida parasitarias, pero eses oligarcas dedícanse ás aeroliñas, capital
inmobiliario, estadios, plantas metalúrxicas… e mesmo poderían ver novas
oportunidades de investimento en transporte, fármacos, enerxía solar e outros
sectores, se se presenta unha adecuada política industrial.[1]
A política industrial está por
primeira vez sobre o tapete, o estado grego está comprometido a atacar a
corrupción da burguesía en lugar de facer concesións a esquerda e a dereita.
Debido a unha serie de razóns
estruturais e continxencias políticas, os gobernos da posguerra gregos seguiron
unha versión bastante bastarda da planificación en comparación con oturos
países en vías de desenvolvemento. E aínda que esto era, polo menos na
retórica, o proxecto do PASOK cando totmou o poder na década de 1980, ese
obxectivo abandonouse a finais da década a favor da establización debido aos
compromisos do partido coa clase capitalista. Syriza non ten tales compromisos.
Pódese forxar a capacidade necesaria do Estado para disciplinar de xeito
efectivo ao capital.
Por outra banda, a nivel
global, o norte de Europa non é o único socio comercial. De feito, hai unha
serie de poderes que estarían felices de posicionarse en contra da zona euro e
que non teñen interese ou capacidade para subordinar a Grecia.
Están os gobernos
Latinoamericanos, cuxas relacións estado-sociedade serviron de modelo para
Syriza. Tamén existe a opción máis arriscada de Rusia, á que Syriza abriu a
man. Se ben de momento é probable que Syriza estea utilizando a Rusia como moeda
de cambio na negociación coa UE, esta relación podería ampliarse. Tería que
contar con que, por suposto, esa relación con Rusia, o mesmo que a súa
coalición cos Gregos Independentes, sería ideoloxicamente disonante. Pero este
tipo de realpolitik non debería escandalizarnos.
Realpolitik? Alianzas co
capital? Non é iso colaboración burguesa? É certo que esa foi en grande medida
a experiencia histórica do desenvolvimentismo. Pero o que fai deste un desenvolvimentismo
de esquerdas é que a través destas alianzas estratéxicas a esquerda tería as de
gañar. Esta afirmación, por suposto, baséase no suposto de que Syriza seguirá
cultivando e profundizando o apoio popular e a organización, o que, despois de
todo, é unha das maiores apostas en calquera intento de goberno de esquerda.
Pero apostar polo poder
popular é diferente a xogar con el. E unha aposta polo euro é, en última
instancia, un xogo deste tipo.
Podería resumirse así: unha
clase obreira moi fragmentada nunha economía pouco produtiva terá difícil
organizarse contra o capital dun xeito sostido. Unha vez máis, os exemplos de
Venezuela, Bolivia e Ecuador son relevantes. Dada a actual debilidade da
economía grega –e dado o seu continuo estancamento se se mantén na zona euro- a
esquerda debe pensar seriamente en como aumentar a produtividade para que poidamos
comezar a a idear un xeito de socializala.
Nunha situación na que a
poboación pode ser mobilizada pero na que continúa moi desorganizada, Syriza
podería involucrar ás clases populares nestas cuestións de varias maneiras.
Unha delas sería construír a
partir das súas contribucións anteriores á rede de asembleas barriais que
xurdiron tras a ocupación de Syntagma. Esta vez, en lugar de articular unha
política anti-austeridade, poderíase usar ese foros como lugar para discutir o
que hai que discutir para unha transición sostible de saída do estancamento e
cara o socialismo.
En tal contexto, a xente
podería lidar con esas ideas, desafialas, se cadra adoptalas ou polo menos ser
menos escéptica con elas. Que mellor cousa podería dar corpo á audaz demanda
dos aganaktismenou, dos indignados, de unha democracia real e directa?
Só hai unha cousa pola que un
goberno de esquerda pode e debe apostar: que a xente só vai considerar crible
un programa se se lle dá espazo e tempo para ser debatido. O resto de apostas,
como o mesmo Tsipras declarou, deben ser canceladas.
[1] É importante destacar que
a motivación das elites gregas para entrar na zona euro era explotar os
mercados da súa propia área rexional dos Balcáns. As compañías que realmente se
beneficiaron disto, porén, limitáronse en grande medida ao sector financeiro.
Especialmente dende o comezo da crise, outros sectores do capital grego
deixaron de investir nos Balcáns. Estes sectores están regresando a Grecia polo
menos no curto prazo e poden ser incentivados a permanecer no longo prazo.
Etiquetas:
Alemaña,
Antarsya,
BCE,
euro,
Grecia,
KKE,
Lapavitsas,
Latinoamérica,
Panagiotis Lafazanis,
Podemos,
poder popular,
Rusia,
Stathis Kouvelakis,
Syriza,
UE,
Varoufakis
Suscribirse a:
Entradas (Atom)