lunes, 2 de marzo de 2015

Para vencer á austeridade Grecia debe rachar co euro. Costas Lapavitsas


O acordo asinado entre Grecia e a UE tras semanas de intensas negociacións é un compromiso acadado baixo coacción económica. O seu único mérito para Grecia é manter o goberno de Syriza vivo para volver loitar noutra ocasión. E ese día non está lonxe. Grecia terá que negociar un acordo de financiamento de longo prazo en xuño e agosto. Nos vindeiros catro meses, o goberno terá que actuar conxuntamente para salvar eses obstáculos e aplicar o seu programa radical. A esquerda europea ten grande interese no éxito grego se este serve para facer retroceder ás forzas da austeridade que están a esganar o continente.

En febreiro, o equipo negociador grego caeu nunha trampa dobre. Por unha banda estaba a dependencia dos bancos gregos da liquidez do BCE, sen a cal deixarían de funcionar. Mario Draghi, presidente do BCE, meteu máis presión estreitando os termos da provisión de liquidez. Preocupado polos acontecementos, os depositantes retiraron fondos; cara o final das negociacións os bancos gregos estaban a perder mil millóns de euros de liquidez por día.

Por outra banda, estaba a necesidade de financiación do estado grego para atender as débedas e pagar os salarios. Estando en curso as negociacións, os fondos escasearon máis. A UE, liderada por Alemaña, cinicamente agardou até que a presión sobre os bancos gregos chegara ao punto culminante. Pola tarde do venres 20 de febreiro o goberno de Syriza tivo que aceptar un acordo ou se enfrontaba a condicións financeiras caóticas na semana seguinte, algo para o que en absoluto estaba preparado.

O acordo resultante ampliou o acordo de préstamo a Grecia a catro meses de financiación garantida, suxeita a revisión periódica polas “institucións”; é dicir, pola Comisión Europea, o BCE e o FMI. O país viuse obrigado a declarar que vai cumprir con todas as obrigas fronte aos seus acredores “plenamente e en prazo”.

Ademais, terá como obxectivo lograr superávits primarios “apropiados”; desistir de accións unilaterais que “afecten negativamente os obxectivos fiscais”; e levar a cabo “reformas” que van en contra dos compromisos de Syriza de baixar impostos, aumentar o salario mínimo, reverter as privatizacións e aliviar a crise humanitaria.

En suma, o goberno de Syriza pagou un prezo moi alto para seguir con vida. As cousas poranse aínda máis difíciles polo lamentable estado da economía grega. O crecemento en 2014 foi un mísero 0,7%, mentres que o PIB contraeuse durante o último trimestre. A produción industrial reduciuse un 3,8% máis en decembro e mesmo as vendas ao por menor diminuíron un 3,7%, a pesar do Nadal. O indicativo máis preocupante, porén, é a caída dos prezos nun 2,8% en xaneiro. Esta é unha economía en espiral deflacionaria sen ningunha ou pouca dirección posible.

Os próximos catro meses serán un período de constante loita para Syriza. Hai poucas dúbidas de que o goberno se enfrontará a grandes dificultades para pasar a revisión de abril realizada polas “institucións” e lograr a liberación dos moi necesarios fondos. De feito, é tan grave a situación fiscal que os acontecementos poderían precipitarse aínda máis rápido.

Os ingresos tributarios estanse esboroando, en parte porque a economía está conxelada e en parte porque a xente está retendo o pagamento ante a expectativa de alivio da carga fiscal extraordinaria dos últimos anos. Os fondos públicos veranse sometidos a unha presión considerable xa en marzo, cando haberá que facer pagamentos importantes de débeda.

Pero aínda supoñendo que o goberno navegue con éxito estes estreitos, en xuño Grecia terá que volver entrar en negociacións coa UE para un acordo de financiamento de longo prazo. A trampa de febreiro está aínda moi presente e lista para xurdir de novo.

Que debemos nós, como Syriza, facer e como podería a esquerda de toda Europa axudar? O paso máis importante é darse de conta de que a estratexia da esperanza de lograr un gran cambio radical no marco institucional da moeda común chegou á súa fin. A estratexia deunos éxito electoral coa promesa de liberar ao pobo grego da austeridade sen ter que soportar a saída da eurozona. Por desgraza, os acontecementos demostraron, fóra de toda dúbida, que isto é imposible, e é hora de que recoñezamos a realidade.

Para que Syriza evite o colapso ou a entrega total debe ser autenticamente radical. A nosa forza radica exclusivamente no tremendo apoio popular que aínda gozamos. O goberno debe implementar rapidamente medidas para aliviar aos traballadores das tremendas presións dos últimos anos: prohibir as execucións hipotecarias, condonar a débeda interna, volver a conectar ás familias á rede eléctrica, aumentar o salario mínimo, deter as privatizacións. Este é o programa polo que fomos elixidos. As metas fiscais e a supervisión por parte das “institucións” deben ser algo secundario nos nosos cálculos, se pretendemos manter o apoio popular.

Ao mesmo tempo, o noso goberno debe enfocar as negociacións de xuño cun marco mental moi diferente ao de febreiro. A eurozona non pode ser reformada e non se converterá nunha “amable” unión monetaria que apoie á clase traballadora. Grecia debe poñer unha ampla gama de opcións sobre a mesa, debe estar preparada para medidas extraordinarias de liquidez e debe saber que poderá manexar calquera eventualidade se a súa xente está preparada. Despois de todo, a UE xa creou o desastre neste país.

Syriza podería gañar o auxilio da esquerda europea, pero só se a esquerda sacode as súas propias ilusións e comeza a propor políticas sensatas que poidan liberar a Europa do absurdo en que se converteu a moeda común. Neste caso, podería haber unha posibilidade de rematar coa austeridade en todo o continente. Temos moi pouco tempo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario