jueves, 23 de julio de 2015

A debacle grega. Perry Anderson



A crise grega provocou unha mestura de indignación e predicible autosatisfacción en Europa, tanto lamentando a dureza da solución imposta a Atenas como celebrando a retención no último minuto de Grecia dentro da familia europea, ou ambas a un tempo. Cada unha delas tan inútil como a outra. Unha análise realista non ten espazo para ningunha das dúas.

Que Alemaña é unha vez máis o poder hexemónico no continente non é algo novidoso en 2015: está claro desde polo menos os últimos 20 anos. Nin tampouco a reducción de Francia á súa serva -nunha relación non moi diferente á de Gran Bretaña cos EEUU- é unha novidade política: desde de Gaulle, os reflexos da clase política francesa déronlle a volta a aqueles da década dos corenta, non só na adaptación, senón tamén na admiración polo poder superior do momento, primeiro Washington e despois Berlín.

Sorprende menos aínda o resultado até agora da unión monetaria. Desde o principio, os beneficios económicos da integración europea –dadas por sentadas as opinións ben pensantes en todos os ámbitos- eran moi modestos.

En 2008, a estimación máis prudente, de dous economistas favorables á integración, Barry Eichengreen e Andrea Boltho, chegaron á conclusión de que pode ter aumentado o PIB do Mercado Común nun 3-4% desde finais dos anos cincuenta até mediados dos anos setenta; que o impacto do Sistema Monetario Europeo foi inoperante; que a Acta Única Euroea puido engadir outro 1% ; e que a unión monetaria apenas tiña ningún efecto discernible nin na taxa de crecemento nin no nivel de produción.

Isto foi antes de que a crise financeira global batese en Europa. Desde entón, notoriamente, a camisa de forza da moeda única foi tan desastrosa para o mediterráneo sur da Unión Europea, como vantaxosa para Alemaña, onde a presión salarial –que enmascara un moi baixo crecemento da produtividade- deu á industria alemá un látego de man competitivo en toda a UE. En canto ás taxas de crecemento, unha ollada aos resultados económicos de Gran Bretaña ou Suecia desde Maastricht é suficiente para mostrar o baleira que é a afirmación de que o euro foi unha bendición especial para calquera país que non sexa o seu principal arquitecto.

Esta é a realidade da “familia europea”, tal e como a construíu a unión monetaria e o Pacto de Estabilidade. A súa ideoloxía non se ve afectada. No discurso oficial e intelectual, a UE asegura a paz e a prosperidade do continente, desterra a fantasma do conflito entre nacións, defende os valores da democracia e os dereitos humanos, así como os principios do libre mercado temperado, no que se basea calquera outra liberdade en última instancia. As súas regras, aínda que firmes, son flexibles; as súa motivacións unen solidariedade e eficiencia.

Para a sensibilidade formada por esta ideoloxía –compartida por toda a clase política europea e a inmensa mayoría dos comentaristas e xornalistas- os sufrimentos de Grecia foron difíciles de observar. Pero ao final o sentido común prevaleceu, acadouse un compromiso e todos deben compartir a esperanza de que non se fixo un dano irreparable á UE.

Desde a vitoria electoral de Syriza en xaneiro o curso da crise en Grecia tamén foi predicible, se ben cun xiro final que non puido ser previsto. As orixes da crise descansan nunha combinación da fraude perpetrada polo PASOK baixo Kontastinos Simitis na cualificación para a entrada na zona euro, e o impacto da crise mundial de 2008 sobre a débil, cargada de débeda e non competitiva economía grega.

Desde 2010, sucesivos paquetes de austeridade –en tempos chamados “plans de estabilización”-  foron inflinxidos a Grecia, dictados por Alemaña e Francia, cuxos bancos estaban nun maior risco ante un default grego, pero implementados pola Troika da Comisión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional supervisando o asunto.

Cinco anos despois de desemprego masivo e recortes no estado do benestar, a débeda grega simplemente creceu aínda máis. Syriza accedeu ao goberno porque prometeu, con retórica ardente, poñer fin ao goberno da Troika sobre Grecia. “Renegociaría” os termos da tutela do país en Europa. Como esperaba facelo? Simplemente reclamándoo de xeito amable, e maldecindo cando non chegaba. Súplicas e maldicións por igual apelando aos valores máis elevados de Europa, ás que o Consello Europeo, con seguridade, non podería permanecer xordo.

Incompatible con estas efusións que mesturaban súplica e imprecación era, desde o principio, calquera idea de desistir do euro. Había dúas razóns para iso. A perspectiva provinciana da dirixencia de Syriza que atopaba difícil facer unha distinción entre ser membro da UE e da eurozona, tratando a saída do euro como se fose unha expulsión virtual da outra: o peor pesadelo para calquera bo europeo, tal como eles se vían.

Tamén eran conscientes do feito de que os estándares de vida gregos –lubricados polas baixas taxas de interese provocados pola converxencia dos diferenciais de toda Europa, enchidos cos Fondos Estruturais, aumentaran nos anos Potemkim de Simitis, deixando cálidos recordos populares do euro, que non se conectaron coas miserias posteriores a el. Syriza non fixo ningún intento de explicar a conexión. Tsipras e os seus colegas aseguraron a todos os que puideron escoitalos que, polo contrario, non podía haber ningunha dúbida sobre abandoar o euro.

Con isto, venceron calquera esperanza seria de negociación coa Europa real –non coa súa terra soñada.  En 2015, a ameaza dun Grexit era economicamente moito máis débil que en 2010, porque agora os bancos alemáns e franceses xa sacaran os seus froitos co rescate indo nominalmente a Grecia. A pesar da palabrería alarmista residual en toda parte, o Ministerio de Finanzas alemán desestimou, desde hai tempo, e con razón, as dramáticas consecuencias materiais dun default grego.

Pero para a ideoloxía europea, á que están subscritos todos os gobernos da eurozona, o golpe simbólico da moeda única –de feito, na típica linguaxe de moda, o “proxecto europeo” mesmo- sería grave, un revés que se considerou fundamental evitar. Se Syriza puxese enriba, tan pronto como foi elixida, plans contixentes para administrar un default -perparando o control de capitais, a moeda alternativa, e outras medidas transitorias que deberían ser impostas durante unha noite- e ameazase á UE con el, tería unha arma de negociación na súa man.

Se tamén deixase claro que, en caso de enfrontamento, podería retirar a Grecia da OTAN, mesmo Berlín pensaríao dúas veces antes de impoñer un terceiro paquete de austeridade nos fociños duns EEUU asustados ante calquera perspectiva similar a esta. Pero para os Cándidos de Syriza, isto era, naturalmente, aínda máis tabú que pensar no Grexit. Así, fronte un peticionario suplicando e abusando deles, pero sen unha carta na manga, por que as potencias europeas haberían facer ningunha concesión, sabendo de antemán que o que decidisen serían aceptado? En realidade, comportáronse dun xeito bastante racional.

O xiro na crónica anunciada veu cando o primeiro ministro grego, Alexis Tsipras, desesperadamente, convocou o referéndum sobre o terceiro memorándum, e o electorado grego, por unha gran maioría, rexeitouno. Armado con este rotundo “non”, Tsipras regresou a Bruxelas para pronunciar un “si” de can apaleado a un cuarto e aínda máis duro memorándum, alegando que non tiña outra alternativa, porque os gregos estaban co euro.

Nese caso, por que non facer a pregunta no referéndum? Aceptaría calquera cousa por ficar no euro? Ao pedir un firme “non” e nunha semana dar un sumiso “si”, Syriza tirou a toalla a unha velocidade sen precedentes desde que os créditos de guerra foron apoiados pola socialdemocracia europea en 1914, aínda que desta vez unha minoría do partido salvou o honor.

No curto prazo, Tsipras, sen dúbida florecerá sobre as ruínas das súas promesas, o mesmo que, a máis obvia comparación estranxeira, Ramsay Macdonald, líder do Partido Laborista, fíxoo en Gran Bretaña encabezando un goberno composto por conservadores e impoñendo austeridade na Gran Depresión, antes de ser sepultado no desprezo dos seus contemporáneos para a posteridade. Grecia tivo a súas propias figuras como esta. Poucos esqueceron a Stefanos Stefanopoulos da Apostasia de 1965. O país, sen dúbida, vai que volver vivir outro.

E que dicir da lóxica máis ampla da crise? Como todas as enquisas mostran, o apego á UE declinou abruptamente na última década en todas partes e por boas razón. Agora é vista amplamente como o que é: unha estrutura oligárquica, plagada de corrupción, construída sobre unha negación de calquera tipo de sobernía popular e que aplica un amargo réxime económico de privilexio para uns poucos e coacción para a maioría.

Pero iso non quere dicir que se enfronte a un perigo mortal desde abaixo. A ira é cada vez maior na poboación. Pero o medo segue a ser moito máis importante. En condicións de crecente inseguridade, por debaixo da catástrofe, o primeiro instinto sempre será aferrarse ao existente, malia que repela, en lugar de correr o risco do que podería ser radicalmente diferente. Só cambiará cando a ira sexa maior que o medo. Polo momento, os que viven baixo o medo –entre os que se atopa a clase política á que agora pertencen Tsipras e os seus colegas- están seguros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario