Algunhas das cousas que moitos dabamos por sentadas e nas
que algúns creiamos, finalizaron nun simple fin de semana. Forzando a Alexis
Tsipras a unha derrota humillante, os acreedores de Grecia fixeron moito máis
que traer un cambio de réxime en Grecia ou de pór en perigo a súa relación
coa eurozona. Destruíron a eurozona tal e como a coñecemos e esboroaron a idea
dunha unión monetaria como paso previo a unha unión política democrática.
Ao facelo, regresaron ás loitas nacionalistas europeas polo
poder do século XIX e de comezos do XX. Degradaron a eurozona nun tóxico
sistema de cambio fixo, con moeda única compartida, gobernada en interese de
Alemaña, que se mantén unida baixo ameaza da miseria total para aqueles que
desafían a orde imperante. O mellor que se pode dicir da fin de semana é a
honestidade brutal dos que perpetraron este cambio de réxime.
Pero non foi só a brutalidade o destacado, nin sequera a
capitulación total de Grecia. O cambio material é que Alemaña propuxo
formalmente un mecanismo de saída. O sábado, Wolfgang Schäuble, ministro de
Finanzas, insistiu nunha saída limitada no tempo –un “tempo de espera”, tal
como o chamou.
Escoitei bastantes propostas tolas na miña vida, e esta está
á altura. Un estado membro empuxando a outro cara a expulsión. Este foi o
auténtico golpe de estado da fin de semana: non só un cambio de réxime senón
tamén un cambio de réxime na eurozona.
O feito de que un Grexit formal puidese ser evitado polo de
agora é inmaterial. O Grexit volverá estar sobre a mesa en canto haxa o menor
accidente –e aínda hai moitas cousas que poden saír mal, tanto en Grecia como
noutros parlamentos da eurozona. Calquera outro país que no futuro poida
desafiar a ortodoxia económica de Alemaña enfrontarase a problemas similares.
Isto lévanos de novo a unha versión máis tóxica do vello
mecanismo de tipos de cambio da década de 1990 que deixou os países
atrapados nun sistema pensado para beneficiar a Alemaña, o que levou á saída da
libra esterlina e á saída temporal da lira italiana. O que ficaba era unha
coalición de países dispostos a axustar as súas economías á de Alemaña. Gran
Bretaña tiña que abandonala porque non estaba disposta a iso.
Que deberían facer agora os gregos? Esquezámonos por un
momento do debate económico dos últimos meses sobre temas coma o impacto da
austeridade ou das reformas económicas sobre o crecemento. No seu lugar,
fagámonos esta simple pregunta: de verdade pensamos que un programa de reforma
económica, para o que un goberno non ten mandato político, que foi rexeitado
nun referéndum de xeito explícito, que resultou forzado a través da pura
chantaxe política pode funcionar de xeito razoable?
As implicacións para o resto da zona euro son, polo menos,
igual de preocupantes. Cedo nos estaremos a preguntar se pode ser sostible esta
nova zona euro na que se exerce forte presión sobre os débiles. Anteriormente,
o argumento máis forte en contra de calquera pronóstico de ruptura era o
compromiso político de todos os seus membros. Se lles preguntas aos italianos
por que están na zona euro, poucos sinalarán os beneficios económicos. O que
querían era ser parte do máis ambicioso proxecto de integración europea
emprendido até o de agora.
Pero se lle quitamos a aspiración política, podemos rematar
cunha opinión diferente. Desde o punto de vista puramente económico, sabemos
que o euro funcionou ben para Alemaña. Funcionou moderadamente ben para os
Países Baixos e Austria, aínda que produce un certo grao de inestabilidade
financeira en ambos.
Pero para Italia, foi un desastre económico sen paliativos.
O país está sen practicamente ningún crecemento da produtividade desde o inicio
do euro en 1999. Se se quere botar a culpa á falta de reformas estruturais, entón
haberá que explicar como Italia logrou taxas de crecemento importantes antes
desa data. Estamos seguros de que maioría dos italianos apoiará a moeda única
dentro de tres anos?
O euro tampouco non funcionou para Finlandia. Se ben o país é
considerado o campión do mundo das reformas estruturais, a súa economía
esboroouse desde que Nokia perdeu o status de primeiro fabricante de teléfonos
móbiles do mundo. Se o euro é sostible para España ou Portugal non está claro.
Francia funcionou relativamente ben durante os primeiros anos do euro, pero
agora tamén está tendo déficits por conta corrente persistentes. Non só é en
Grecia onde o euro non é óptimo.
Unha vez que na eurozona se desbota calquera ambición dunha
unión política ou económica, esta deriva nun proxecto utilitario no que os estados
membro sopesarán fríamente os beneficios e os custos, do mesmo xeito que Gran
Bretaña está actualmente avaliando as vantaxes ou desvantaxes relativas á súa
adhesión á UE. Nun sistema así, alguén, nalgures, quererá deixalo nalgún
momento. E o forte compromiso político para evitalo xa non estará alí.
Orixinal: http://www.ft.com/intl/cms/s/0/e38a452e-26f2-11e5-bd83-71cb60e8f08c.html#axzz3fnEJQohE
No hay comentarios:
Publicar un comentario